• info@semescom.gal

Tag Archives: Peña Novo

Parabéns Jorge Mira!

Jorge Mira Pérez, membro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, vén de recibir o Premio Lois Peña Novo, que concede a fundación do mesmo nome, como recoñecemento dos esforzos a prol da lingua galega de persoas ou entidades relacionadas coas Administracións públicas.

Así o conta o presidente do SEMESCOM, que estivo presente no acto de entrega:

“O día 27 de xuño asistimos á entrega dos Premios Peña Novo, como outros anos, un acto organizado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización lingüística, que preside Xosé González. Ademais da maxistrada do xulgado nº 3 de Lugo, Dalila Dopazo (que fixo un duro discurso contra a política lingüística da Xunta de Galicia e, en concreto, contra o chamado Decreto de Plurilingüismo no Ensino, de 2010, que cualificou de regresivo para a normalización da lingua) e do Colexio Oficial de Traballadoras e Traballadores Sociais de Galicia, premiábase con toda xustiza a Jorge Mira, amigo e paisano meu -natural de Baio, na Terra de Soneira-, sobre todo polo uso constante que vén facendo da lingua galega no eido da Ciencia -eido vetado polo citado Decreto de Plurilingüismo da Xunta- e en todas as súas múltiples actividades divulgativas, maiormente no programa ConCiencia do Consorcio de Compostela que anualmente trae a Santiago premios Nobel e outras figuras internacionais da ciencia.”

O DISCURSO, TRAS A RECEPCIÓN DO PREMIO
“Autoridades, compañeiras premiadas, donas e cabaleiros: Cando a secretaria do xurado, Dna. Carme Vaquero, me comunicou a concesión deste premio, o primeiro que fixen foi situalo en tres coordenadas:
1. A cantidade de edicións que leva, ¡20 anos!, 20 anos nos que acumulou un palmarés no que brillan os nomes de persoas moi destacadas, ás que hoxe se suman Dalila Dopazo Blanco e o Colexio Oficial de Traballadoras e Traballadores Sociais de Galicia, aos que felicito. Xa se sabe: o prestixio dun premio é proporcional ao dos seus premiados.

2. Os alicerces que o sosteñen: a memoria de Lois Peña Novo -un funcionario que intentou reforza-la presenza do galego no país-, unha fundación que, co seu nome, honra a súa memoria e intenta que o noso idioma se consolide nas administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral…
… Pero todos sabemos que entre os alicerces deste tipo de iniciativas adoita haber persoas concretas, coma Don Xosé González, encarnación de constancia e xenerosidade para manter todo isto tanto tempo. Quero aproveitar este momento, Pepe de Redondela, para agradecerche todo o esforzo e desvelos que a bo seguro terás pasado ao longo de todo este tempo. Ti serías o máis egrexio dos gañadores do Premio Peña Novo… se te puidesen presentar. Quero tamén render tributo a Carme Vaquero, que aínda que insiste en nega-los seus evidentes méritos, polo que puiden averiguar tenos, e moitos.

3. E a terceira… Dixen antes que o poderío do premio se ve no seu palmarés, pero fíxense no xurado: nada máis e nada menos que un ex-reitor, dous destacados escritores, un coñecido etnógrafo e unha persoa con mando en praza no eido da normalización lingüística.
Grazas a todos eles por nos daren o privilexio de gozar deste momento tan grato, e tamén ás persoas que presentaron as nosas candidaturas, porque posiblemente elas percorreron gran parte do camiño.

Jorge Mira en Soutomaior (26-6-14)

Abofé que a redacción da acta di cousas ben bonitas de nós. Eu só direi que son un veciño da vila de Baio, na Costa da Morte, unha zona con bastante predominio dos monolingües en galego. Na miña nenez pensaba que toda Galicia sería igual, pero pronto puiden comprobar que non era así. Sobre todo agora, cando a miña traxectoria investigadora me levou a estudar, dende unha perspectiva físico-matemática, como funciona a elección de idioma nun país con dúas opcións, como nos ocorre aquí co galego e o castelán.

No ano 2004 tiven unha idea feliz para estudar ese problema, e dela saíron unhas ecuacións que reproducen dun xeito sorprendente como cambiou ao longo da historia o número de falantes de galego e castelán, un traballo no que me axudaron investigadores intelixentes cos que é unha honra traballar e aos que dou as grazas. Esta visión do problema, que supón a análise do conflito lingüístico dende un paradigma científico distinto aos anteriores, deu como resultado conclusións que apoian as dalgúns investigadores do eido das humanidades, pero tamén permitiu estimar certas ideas dun xeito cuantitativo, con números concretos:

a) a primeira, que o prestixio da lingua galega, percibido polos propios galegos, é inferior a da lingua castelá: é dicir, a día de hoxe, nun promedio sobre o global da cidadanía de Galicia, a xente outorga maiores posibilidades de ascenso social e económico ao castelán. Por poñelo graficamente, nun hipotético reparto dun pastel de prestixio, o 45% levaríao o galego e o 55% o castelán. Ao mellor isto pode resultarlles sorprendente, pero pensen que o cálculo abrangue ás 2800000 persoas censadas coma galegas, e entre elas hai sensibilidades de todotipo.
b) a segunda idea, derivada da anterior, é que este modelo matemático tamén permite facer estimacións de como será o noso futuro lingüístico e esa estimación parece descartar a hipótese da morte da lingua a medio prazo– sempre coa lóxica cautela.

O sexa, que o galego non desaparecerá. Pero que ninguén dubide que está sometido a ameaza constante.
Correspóndenos a todos contribuír a sostelo, dende accións exemplares como as desenvolvidas pola Fundación Peña Novo ou a alianza galeguizargalicia, ata ao traballo da administración e, sobre todo, coas achegas individuais de cada un de nós no noso espazo de influencia, no que cada un teremos o noso enfoque.
O meu foise modulando tras varios anos de exposición pública nos medios de comunicación. De partida, o sentido común xa me indicou que ás veces non é bo actuar ás bravas, porque ese vello principio de que cada acción xera unha reacción non goberna só a física, senón tamén as vontades humanas.

Intento tende-la man para gañar novos espazos de falantes, que é posible. Voulles poñer dous exemplos moi recentes: o día que se fixo público este galardón entroume polo correo electrónico da USC a seguinte mensaxe dunha señora que non coñezo: “Muchas felicidades, es sin duda un merecido premio; de hecho soy un ejemplo de cómo consigues que se lea ciencia en gallego”. A semana anterior, impartindo unha charla na Coruña, ante un auditorio que, digamos, respondía ao patrón lingüístico estándar desa cidade, unha señora acercóuseme e dixome: “a mí estas conferencias donde se habla gallego nunca me gustaron, pero hoy me hiciste cambiar de opinión”.

Ben, logo, xa se sabe, o graneiro faise grao a grao e cunha estratexia variable. Nos últimos tempos comprobo sorprendido como nenos pequenos con pais absolutamente monolingües en galego acaban arrancando a falar en castelán, e descubro preocupado que a culpa é de Pocoyó e dunha porca chamada Peppa Pig que saen na canle infantil de TVE. Nestas casuísticas é onde se mide a fortaleza de cada lingua. Para compensa-la influencia desa porca, que non ten ningunha culpa, quizais habería que pensar en darlle de comer a aquel porco bravo do Xabarín Club da TVG, que tanto fixo pola normalización do galego. Se o Xabarín fose de verdade, igual tería sido un bo candidato ao premio Peña Novo no seu momento.

Non perdamos de vista os novos mundos da Internet. Nas estatísticas de uso na rede, as linguas máis relevantes son o inglés (56%), alemán, ruso, xaponés, castelán (4.7%), francés, chinés e portugués (no oitavo posto co 2.3%). O galego, cun 0.008% está no posto 48, detrás do albanés e o mongol e diante do saami (falado do norte de Escandinavia).

Haiche moita leira por sachar neste eido, pero o traballo compensa, porque adoita dar bo froito. Como exemplo cóntolles que cando puxemos en marcha o programa Cifras e Letras na TVG hai 8 anos e medio, o programa case se nos veu abaixo pola falla de bases de datos informatizadas de palabras (cuxos ocos o noso programa axudou a completar). Afortunadamente, ese problema a día de hoxe xa non tería sido tal, grazas ao titánico esforzo desenvolvido pola Real Academia Galega.

Por certo, nese programa atopei o espazo óptimo para fabricar un personaxe que dese renda solta á miña teima pola conquista de certos mínimos de corrección gramatical, establecendo unha dinámica de corrección dentro do programa en vivo, meténdonos uns cos outros para corrixírmonos mutuamente (o único caso na grella da TVG, que eu saiba): e é que cada un ten as súas manías e a min dóenme os oídos cada vez que escoito tempos compostos (eses “había feito”, “había dito” – que non existen en galego) ou cada vez que escoito o pronome átono colocado diante do verbo (cousas como “eu che digo que vai chover”, en vez de “eu dígoche que vai chover”, ou “se supón que…” en vez de “supónse que…”); ollo, sempre e cando a frase non sexa subordinada ou de negación.

Non creo que facer isto sexa ser un “repugnante”, como se di na miña terra: trátase dun proceso colectivo, no que todos damos e recibimos, para practicarmos entre todos un galego mellor, que diso se trata. Agora que estou vendo a Xosé María Lema Suárez, lembro un día que dixen “é convinte facer isto”, e el acercouse para corrixirme coa seguinte receita: “nin convinte nin con trinta, en galego dise conveniente”. Agradézoche moito o detalle, Xosé María, porque dende aquela ese é un erro menos que cometo.

Miña nai sempre me avisou que a elegancia e a estética dunha persoa non van só na roupa que viste, senón tamén na riqueza e uso do idioma que lle é propio, e desa elegancia a lingua galega vai sobrada.
Como dicía Cunqueiro, debemos querer que a fala galega dure e continúe, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Todos queremos que ao lado da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa.
Aínda que non cheguemos ao nivel de Cunqueiro, sempre podemos aspirar a seguilo cada un dentro das nosas posibilidades, de xeito que, se de nós algún día, despois de mortos, se quixese facer un eloxio, e estivésemos dando herba na terra nosa, podería dicir a nosa lápida:

“Eiquí xaz alguén que co seu falar fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
Moitas grazas.”
Jorge Mira Pérez