• info@semescom.gal

Tag Archives: patrimonio etnográfico

secadoirosCongro_xanfernandez

O secadoiro de congro en Muxía, unha xoia artesanal

Artigo de Xan Fernández Carrera.

consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.

A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.

A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.

En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.

O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidadeapoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.

secadoirosCongro_xanfernandez