• info@semescom.gal

Tag Archives: muíños de Cambeda

22852231_1075994075836615_8467747761738537671_n

Coñecemos a Ruta do Val de Vimianzo e os Muíños de Cambeda

O domingo 29 de outubro foi día de reunión na nosa asociación… e de pasalo ben! Como non, aprendendo e descubrindo o rico patrimonio natural e cultural, neste caso, de Vimianzo. Saímos ben cedo do centro da vila para seguir parte da ruta do Val de Vimianzo, polo seu lado leste. En Trasouteiro, primeira parada para oír a historia do seu pazo e capela, neoclásica do século XIX. Bordeando o castro de Sansobre, chegamos a esta aldea despois de coñecer como son as fermosas alvarizas desta terra onde recoller o prezado mel. Baixo a sombra de frondosas árbores autóctonas, bosques de ribeira, carballos, castiñeiros, e, por suposto, piñeiros e eucaliptos, chegamos á aldea con máis altitude do Val: Cubes. En Rasamonde, máis arquitectura popular, cabazos, fonte e curioso escudo na súa casa grande.

22853433_1075994082503281_4751711434061484914_n

Baixando de Cubes

22894437_1075994099169946_8521448384544414045_n

Xosé María Lema explica a igrexa de San Xoán de Cambeda

Era xa mediodía ao chegarmos á igrexa parroquial de Cambeda, onde tivemos dobre sorte: que o guía fose o experto en arte relixiosa soneirá Xosé María Lema… e que a igrexa estivese aberta! Sereas, monstros e outros seres agóchanse na sacristía dun templo con fermosos e ben conservados retablos. Singular é tamén o enorme hórreo no que o cura gardaba as piadosas colleitas que os fregueses non tiñan máis remedio que doar. Da eira que estaba aos seus pés, pouco queda, como ben nos indicaba Pablo Sanmartín, xa que foi estragada coa construción da estrada.

22851870_1075994122503277_1889356053127726740_n

Un dos remansos do río Cambeda

Se descubrir vellos camiños esquecidos ou resistentes bosques autóctonos no mar de eucaliptos que son os montes soneiráns non fosen sorpresas suficientes, quedaba a ruta dos Muíños de Cambeda. O río vai saltando alegre, aínda que con moi pouca auga, polas rochas de granito que pouco a pouco foi desgastando co paso do tempo. Fervenzas inesperadas, chan repleto de landras e ourizos, muíños e até un batán e unha antiga fábrica da luz van facendo gozar aos sentidos. Desvío do río e toca baixar de volta a Ogas, onde aos pés do castro das Barreiras demos conta dun xantar necesario para repoñer forzas despois deste completo paseo polo noso descoñecido patrimonio.

22852231_1075994075836615_8467747761738537671_n

E o tempo acompañou!