Fixeron falta dezaoito anos para podermos ver a maqueta do batán de Servia no Mosquetín, mais finalmente chegou ao seu destino. No muíño-centro de interpretación do lugar instalouse este elemento que vai axudar aos visitantes a poderen comprender mellor o funcionamento do mesmo. E é que cun simple movemento de dedos a maqueta móvese! Nun emotivo acto lembrouse ao vello bataneiro de Lousame José Ramón Ces Ces, autor desta peza, que quixo legar ás xeracións futuras este coñecemento tradicional.
A foto da portada do artigo é de Ana García para La Voz de Galicia.
Así se reflectiu na prensa:
La Voz de Galicia. Edición Barbanza.
La Voz de Galicia. Edición Carballo.
“O «Batanciño» de Servia, por fin no Mosquetín”. Xosé María Lema.
“O rescate dos Batáns do Mosquetín”. Moncho Gándara.
O conxunto etnográfico do Mosquetín (Salto-Vimianzo) acollerá por fin no seu interior a maqueta dun batán. Un modelo especial realizado por un vello bataneiro de Servia (Vilacoba-Lousame) nos sesenta, cando vía que á industria non lle ían quedar moitos anos de vida.
O presidente do SEMESCOM relataba así nun artigo publicado en La Voz de Galicia a historia desta maqueta:
Cando a finais dos anos noventa andaba investigando a existencia doutros batáns galegos, tiven noticia de que nunha aldea de Lousame existía un exemplar destes aparellos. Dada a súa escaseza, achegueime a onde se me indicara, á Casa do Rego de Servia (Vilacova) e comprobei que o batán xa non existía, nin tampouco o bataneiro –José Ces Ces, o patrucio da casa- pois falecera en 1985. Pero resulta que o vello bataneiro, decatándose de que cando el morrese non ía quedar ninguén capaz de reconstruílo, decidiu facer a escala do catro por cento un exemplar, e non só iso, senón que se preocupou por escribir nun caderno a enumeración das pezas cos seus nomes. A súa familia conservou as pezas desmontadas durante anos e mais o seu manuscrito autógrafo, do que me facilitaron unha copia, da que transcribo algúns parágrafos, coa súa ortografía orixinal):
«Batáns de Servia, Parroquia de Vilacoba, Lousame, Noya, La Coruña. Estos Batáns se encuentran situados en la carballeira do Abelan, a la orilla del Río (…). Datan de lo mas antiguo y trabajaron asta el año 1960 ayudando a rrepararlos desde mi infancia asta 1936, que fuy ala gerra y falleciendo el Padre en 1938 y al terminar la gerra fuy rreclamado en 1939 para atender la industria y el resto de la vida, siendo yo el que tuve que aser cargo de todas las atenciones dela Lana y del Lino (…)».
«José Ces Ces. Nasí en Servia el diesiseis de Diciembre de Mil Nuebecientos Diesisiete. Y conociendo perfectamente la antigua industria llamada Batans, ago el siguiente diseño de las piesas que lleva, que en total son ciento treinta y cinco. En unha escala aprosimada a un cuatro por ciento de un mine(?) que boy hacer para Recuerdo ygual del cuatro por ciento del propio Batan de trabajo (…)».
Consciente da importancia etnográfica do legado do vello patrucio servián, comuniquei a súa existencia ó equipo mixto Universidade de Santiago/Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña que daquela estaba reconstruíndo o conxunto do Mosquetín. E así, acompañado polo técnico encargado do proxecto de musealización, Paco Doval Galán (actual director do Forno do Forte de Buño), volvín o 5 de agosto de 1999 á Casa do Rego, e conseguimos que a familia de José Ces cedese gratuitamente á Deputación a singular maqueta de carballo (de 130 kg de peso) coa condición expresa de que estivese permanentemente exposta no futuro Ecomuseo do Mosquetín, cun letreiro co nome do doador. As pezas quedaron depositadas nas dependencias do Forno do Forte buñés en espera do remate das obras do Mosquetín, e alí seguen sen función ningunha. ¡Que paisiño o noso: pensar que se botaron case vinte anos de loita contra a Administración para que non desaparecese o conxunto do Mosquetín e agora vai resultar que, para que a rústica maqueta de Lousame dea chegado ó seu destino, tiveron que pasar dezasete!».
O acto de presentación da maqueta terá lugar o sábado 4 de febreiro ás 12 do mediodía no Mosquetín.
De Xosé María Lema
Publicado no quepasanacosta.gal
Cando hai uns días faciamos memoria (histórica, tamén) da loita de 19 anos atrás polo recoñecemento oficial da Terra de Soneira, tamén faciamos mención das angueiras a mancheas e non poucos desplantes varios que, polo menos algúns, tivemos que sufrir para salvar o enclave etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín do seu abandono e conseguinte destrución. Esta corta feira santa este conxunto tan senlleiro vai pasar a ser xestionado polo Concello de Vimianzo, e temos esperanza de que se inicie unha nova etapa na que se poña en valor como é debido.
Cando falo de angueiras, traballos e desplantes e mesmo desprezos non estou a falar só de min, senón de amigos e estreitos colaboradores de gran valía da Terra de Soneira, membros de asociacións culturais e veciñais que perderon moito do seu tempo para buscar a forma de que este ben etnográfico tan senlleiro, pois non chegan ós dedos dunha man os que hai en Galicia, se conservase e constituíse un lugar para atraer visitantes á comarca. De entre todos, é de xustiza salientar o labor de dous: o finado Roberto Mouzo e Moncho Gándara.
Xestións iniciadas contra 1984 (polo menos)
Aínda que unha vez os visitara na miña infancia, cando fixen as primeiras fotos dos batáns do Mosquetín foi en 1974. En 1977 publicaría o que seguramente foi o primeiro artigo sobre eles (“Notas de socioloxía e lingüística a propósito dos batáns do Mosquetín”, na revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía, da USC).
En 1984, co apoio dos dous únicos concelleiros do grupo Unidade dos Veciños do Concello de Vimianzo (Xan García e Moncho Gándara) e da Asociación Cultural Vencello (por alí xa andaba Roberto Mouzo), fixemos xestións ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que se renovase, como mínimo, o tellado; xa daquela a prensa subliñaba non só a indiferenza senón tamén a hostilidade da alcaldía vimiancesa, xa daquela con Alejandro Rodríguez (PSOE) á fronte.
Trouxemos a Vimianzo á directora xeral de Patrimonio, Raquel Casal, e conseguimos que en 1985 a Xunta teitase e tellase o edificio da parte alta, o dos tres batáns e dous muíños, e grazas a iso salváronse os aparellos do interior (que son de madeira, como ben se sabe), pois pouco máis adiante houbera grandes inundacións no río do Porto. Ese mesmo ano conseguiuse unha subvención para que un dos propietarios, José García, coa axuda dun carpinteiro bergantiñán, restaurase un dos aparellos para poñelo a funcionar despois de tantos anos sen o facer (polo menos desde 1966). Como fora seguindo a restauración paso a paso o mestre Moncho Pérez Rey, do Centro de Recursos de Vimianzo, ó final elaborouse un documental dramatizado -con actores do grupo teatral Badius de Baio- que constitúe un testemuño etnográfico único.
En 1988 os batáns volveran ó abandono, ante a indiferenza dos organismos oficiais (a do Concello de Vimianzo za era sabida, pero esperábase máis da Xunta).
Entre 1991-92 houbera unha raiola de esperanza co novo director xeral, o arquitecto Iago Seara, ó que lle remitimos un escrito cunha breve historia deste enclave que xa era citado no Catastro de Ensenada 250 anos atrás, contra 1750. Propoñíaselle que se chegase a un acordo con donos para adquirir o conxunto, pois constituiría un magnífico enclave para o turismo rural
A campaña Salvemos os batáns
Iago Seara tomara ó principio o asunto con verdadeiro interese; veu a Vimianzo e quedara impresionado á vista dos aparellos, e iso que estes estaban ben estragados (só o restaurado en 1985 mantiña o tipo). Falou cos propietarios e estes estaban dispostos a cederen o uso do conxunto restaurado. Tamén falou con Alejandro Rodríguez, o alcalde (fomos testemuñas da entrevista), propoñéndolle a formación dun convenio coa Xunta e outro cos propietarios; o Concello só tería que destinar unha persoa que velase pola conservación do conxunto. Nada: foi coma mallar en ferro frío: para D. Alejandro os edificios do Mosquetín non tiñan valor ningún.
O director xeral encargoulle ó arquitecto Pedro de Llano un proxecto de restauración e musealización do Mosquetín. Isto motivou que en decembro de 1991, convocadas polo activo concelleiro Moncho Gándara (habería que erguerlle un monumento a este home), dúas ducias de asociacións culturais e veciñais, de pais de alumnos e de amas de casa dos tres concellos da Terra de Soneira iniciaron unha imaxinativa campaña para salvar uns aparellos singulares dos que se sentían orgullosos. O acto máis mediático tivo lugar o día dos inocentes deste ano: membros de todas estas asociacións acudiron ó Mosquetín para limpar de silvas e maleza os edificios para que o arquitecto puidese facer ben as medicións. A prensa escrita e mesmo a TVG e a TVE-G cubriran a información. Manuel Rivas, que daquela vivía na Irroa (Vimianzo), escribira un retranqueiro artigo en La Voz de Galicia (“S.O.S. Salvemos o que se salvou”, 19-01-1992) parodiando a inexplicable oposición da alcaldía vimiancesa á restauración e mesmo á limpeza: “Duro con eles, señor alcalde: vaia caraduras estes das asociacións culturais, que se poñen a limpar o río en vez de emporcalo, co bonito que estaba cheo de latas e plásticos!”.
Ó final, Verba volant (“voan as palabras”), Iago Seara deixou pasar o tempo e, co seu silencio administrativo, o proxecto do Museo do Batán de Pedro de Llano esmoreceu definitivamente.
Enésimo intento de salvación: solicitude de declaración de BIC
Ano 1994. Novo director xeral de Patrimonio, Á. Sicart. Volvemos á carga e volta a empezar cun documentado escrito para informalo de todo, aínda que el ben o sabía. Pasa o tempo e nada: coma quen escoita chover. Pero nós, teimudos, dispostos a seguir perdendo batallas ata a vitoria final, coma os vietnamitas, que fronte ós americanos perderon todas das batallas pero ó final gañaron a guerra.
Xa como último recurso, en ano 1996, ó abeiro do artigo 9 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, dúas ducias de colectivos da Terra de Soneira elevaron áXunta ed Galicia a petición de declaración de BIC (Ben ed Interese Cultural) do conxunto do Mosquetín.
Un ano despois, en 1997, a Dirección de Patrimonio empeza a solicitar informes técnicos a prestixiosos organismos: o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Á Real Academia de Belas Artes e á Delegación de Cultura da provincia da Coruña.
Pois ben, tras os seus estudos e informacións, os catro organismos –mesmo a Delegación de Cultura coruñesa- informaron moi favorablemente para esta declaración de BIC, pero a Dirección Xeral –máis teimuda aínda que nós- fixo caso omiso dos catro informes positivos e decidiu non declarar BIC o senlleiro conxunto do Mosquetín, único en Galicia, o que supoñía que se ía deixar arruinar sen remedio. Casualmente (ou non) a noticia aparecía en El Correo Gallego (09-07-1997) ó lado doutra pola que a Xunta aprobaba subvencións cenmillonarias para a mellora do patrimonio da Igrexa: “Patrimonio pobre; patrimonio rico”.
E nisto chegou Felipe-Senén…
Abreviando: cando xa parecía todo perdido recibimos unha chamada doutra persoa que tamén merecería un monumento –polo menos na Costa da Morte- pola súa eficiencia: Felipe-Senén López Gómez, naquel momento xefe do departamento de Xestión Cultural da Deputación da Coruña (Augusto César Lendoiro era o seu presidente). Felipe solucionou o asunto decontado: “Falade cos donos e preguntádelle canto queren polos dous edificios dos batáns e muíños”. Así de simple. Moncho Gándara e o lembrado Roberto Mouzo entrevistáronse cos dous curmáns propietarios e non houbo maiores dificultades para chegar a un acordo coa Deputación na venda. As obras de restauración non tardaron en empezar ó ano seguinte. En 1999 presentouse o Plan de Musealización do técnico Paco Doval (actual director do Forno do Forte de Buño, outro ben etnográfico recuperado na época de Felipe-Senén e de Lendoiro). No 2002 iniciouse o proxecto de remate de obra. Carpinteiros da comarca coma o alemán de Calo Rupert Kolb e Martín Senande de Canduas repararan o aparello que se atopaba en mellor estado e refixeron os outros dous.
O 1º de agosto de 2005 a Deputación da Coruña, xa presidida por Fernández Moreda (PSOE) cédelle a xestión do conxunto do Mosquetín a unha asociación, nun solemne e multitudinario acto celebrado nas Torres do Allo. Fomos convidados…, pero convidados de pedra, pois ningún dos que tomaron a palabra naquel ostentoso acto fixo a máis mínima alusión ós que individual ou colectivamente loitaramos durante tantos anos (preto de vinte) pola salvación deste conxunto tan senlleiro. Fixeron tábula rasa de todo o anterior e centráronse no presente como se fose un maná que lles caera do ceo. A historia sempre a escriben os vencedores (ou non).
Iso si: como os datos para calquera publicación os tiñamos nós ninguén se puido apropiar deles. Dous libros e un documental: