• info@semescom.gal

Tag Archives: Modesto Fraga

Este sábado preséntase no Faro Vilán a última obra editada polo SEMESCOM

portada certame poesia faros

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e a Asociación de Empresarios de Camariñas comprácense en convidalo á presentación do libro É un cíclope soberbo… I Certame de poesía dos Faros da Costa da Morte que terá lugar o vindeiro sábado día 29 de marzo ás 19 horas no Faro Vilán (Camariñas).

O libro, que leva por título o verso do poeta López Abente, É un cíclope soberbo…, foi editado polo Seminario de Estudos Comarcais grazas á subvención da Deputación da Coruña de 2013. Nel recóllense, xunto co poema de Abente, os poemas premiados no I Certame de poesía sobre os Faros da Costa. Oito poemas das tres categorías que un xurado composto por Alexandre Nerium, Miro Villar e Xosé Mª Rei outorgara na categoría de adultos a Modesto Fraga, Rocío Leira e Dolores Canosa; na segunda categoría os premios foron outorgados ex aequo a Darío Miranda e Ana Mª Rey; e na categoría de menores de 12 anos as gañadoras foron Nuria Vilariño, Elisa de l Pilar Pradales e Yaiza Romero.

O acto de presentación, que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios de Camariñas, comezará ás 19 horas coa proxección do documental Os Faros da Costa da Morte, tamén editado polo SEMESCOM, faráselle entrega dos exemplares aos autores dos poemas e aos membros do xurado, e rematará cun recital de poesía.

Con este libro o Seminario de Estudos Comarcais faille unha pequena homenaxe póstuma ao vimiancés Roberto Mouzo, membro fundador da asociación, poñendo na portada un dos seus debuxos, coincidindo ademais que saiu do prelo no cabodano do seu prematuro falecemento.