O histórico faro do cabo Vilán (Camariñas), o primeiro que funcionou con electricidade de toda España e un dos puntos máis visitados da Costa da Morte, corre o risco de pechar as súas portas ao público. A asociación de empresarios, que levaba varios anos xestionándoo, reuniuse a última hora da tarde de onte para decidir se continuarán ou non con este labor, iniciado en 2008 pola entidade Neria. Naquel proceso tivo unha destacada participación o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), que colaborou na musealización do espazo.
—Como ve a posibilidade de que o faro do Cabo Vilán poida pechar?
—Deberían estar abertos o Vilán, o de Touriñán, o de Fisterra… Que estean pechados paréceme un atentado á nosa dignidade, unha atrocidade.
—O de Camariñas ten, ademais, ese aliciente de ter sido o primeiro electrificado de España.
—Así é, e destaca tamén por moitas outras cousas: a súa arquitectura, a súa beleza, o granito rosáceo que hai alí… É un referente non só marítimo ou cultural, senón tamén social e ten un valor que vai máis aló do que é o propio edificio do faro.
BASILIO BELLO
—Como cre que deberían xestionarse estes espazos? Os empresarios piden máis implicación das Administracións públicas.
—Considero que, de estar aberto, un faro como o do Vilán debería ter uns ingresos mínimos para cubrir polo menos unha parte dos custos, xa non digo o 100 %. Por outra banda, a Autoridade Portuaria, propietaria do inmoble, creo que tamén ten moito que dicir ao respecto, como o resto de Administracións. Pechando o faro Vilán perdemos todos, tamén o Concello, que queda sen ese recurso turístico.
—Tense falado moito de cobrar polo patrimonio, pero parece que iso non chega a calar aquí.
—Abrir a porta ten un custo, e como visitantes creo que teriamos que contribuír a manter eses espazos. Creo que non debe entenderse como un negocio, iso si, pero polo menos facer un pequeno aporte. Está ben que a Administración axude, pero isto é un esforzo colectivo.
—Vilán abriu no 2008 da man da asociación Neria e vostede estivo moi implicado na musealización.
—Non do deseño, pero si me encarguei dos contidos. O esencial era fomentar que a xente puidese acceder ao edificio, e despois no que nos centramos foi na historia dos faros de Costa da Morte, especialmente no de Camariñas.
—O funcionamento destas torres tamén pode xerar moito interese.
—Sen dúbida, aínda que agora os aparellos están moi modernizados. Outra cousa que si que se podería facer é permitir a subida á torre, ata a lámpada. Eu fíxeno en Estados Unidos e creo que sería un gran atractivo. Habería que controlalo, por suposto, pero sería moi interesante poder subir e que un fareiro ou un experto proporcionase unha explicación, contase as historias vinculadas ao lugar… O problema é que neste aspecto chocamos coa Administración, que cumpre coa normativa, pero de maneira demasiado fría moitas veces.
—Hai xa 20 anos que, xunto con Xosé María Lema, lanzou «Os faros da Costa da Morte», coa que contribuíron á posta en valor destes espazos.
—Si, foi no 2001 e creo que foi a primeira de Galicia dese tipo. Despois viñeron outras publicacións, máis completas e académicas, pero a nosa era puramente de divulgación, para a posta en valor desas torres. Nela contamos as características técnicas deses doce faros elixidos [Sisargas, Nariga, Roncudo, Laxe, Vilán, A Barca, Touriñán, Fisterra, Cabo Cee, Lobeiras, Lariño e Monte Louro], pero tamén as historias e o desleixo que en moitos casos tiveron as Administracións con eles.
—Parece que marcha ben o proxecto para reabrir o de Fisterra.
—Ao faro de Fisterra hai que sumarlle o valor que lle dá o entorno no que está situado, cheo de simbolismo. Non obstante, ten un problema que o de Vilán non tivo, e é que non se conservou o material que foi quedando en desuso co paso dos anos.
—Que opina do aproveitamento turístico destes espazos por parte da iniciativa privada?
—O de Lariño e o de Illa Pancha aínda non tiven ocasión de visitalos, pero creo que o propósito que agora se lle dá ao Semáforo de Fisterra é, dende logo, moito mellor que o que tiña antes, que era marxinal. Non se trata de que todos pasen a ser hoteis, pero considero que o ideal sería combinar iniciativa privada e pública en función do lugar que se trate. O que está claro, iso si, é que é necesario un plan estratéxico para toda a zona. Hai que saber o que se quere facer con cada un: que o de Fisterra leve tanto tempo pechado paréceme un crime, por exemplo: é como dicirlle ao visitante ‘dea media volta e lárguese’. O de Touriñán, no Concello de Muxía, ten tamén moito valor e debería ser outro centro de referencia.
Por Manuel Vilar
Cun país “perimetrado” hai ganas de saír fóra e andalo. Andar para coñecelo, e do coñecemento vén o respecto e o aprecio. Foi Vicente Risco quen dixera que “a terra d´un débese andar d´a pé”; e Otero Pedrayo que os camiños están acugulados de tempo pasado. Andar para coñecer a historia que nos trouxo até onde estamos agora, para ver como fomos capaces de construír unha paisaxe cultural, unha imaxe de nós, de como somos e como nos vemos.
A andar invítannos algunhas publicacións que apareceron neste ano que anuncia xa o seu devalo, publicacións que van máis alá das indicacións para non saír do camiño, que abundan no detalle para ter unha imaxe máis completa do territorio e situármonos nel. Publicacións que animan a percorrer o país e a ter máis elementos para ler a paisaxe construída. Falamos de Zas polo miúdo e d´O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, como podíamos falar doutro saído o ano pasado, O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira.
Son libros que nos convidan a andar para coñecer o país desde o chan, desde o detalle e desde o patrimonio que garda a memoria, porque vivimos nun país que foi habitado historicamente e intensamente en cada recuncho, nomeado. Todo está cargado de historia e de historias, historias das xentes que o traballaron para seguir adiante na vida e construír unha cultura para estar no mundo e un patrimonio que, a día de hoxe, precisa doutras lecturas e doutras interpretacións e actualizacións. Mais, para chegar a este punto hai antes que estudalo para coñecelo e facelo visible. Isto é o que fan estes libros que afondan no coñecemento local e no detalle miúdo para mostrarnos un patrimonio relacionado co cotián da xente, co traballo diario, para entender que o patrimonio non é un obxecto, senón un proceso social que pasa tamén pola selección.
Seguir un curso de auga para coñecer un territorio e a súa historia non é unha novidade, o Danubio con Claudio Magris ou o Miño con Anselmo López Carreira son dous exemplos, mais non abundan. O libro sobre o río Anllóns lévanos desde as alturas da serra de Montemaior, nos límites entre as Terras de Bergantiños e as de Ordes até as augas da ría de Corme e Laxe ao pé do monte Branco. O Anllóns, parafraseando a Otero Pedrayo, nace nas terras montesías onde sitúa o primeiro tempo dos tres que, para o noso xeógrafo, configuran as Terras de Bergantiños. Mais aquí aparece xa a primeira sorpresa: os autores confesan a dificultade que tiveron para atopar as fontes orixinarias desta arteria bergantiñá e non polas discrepancias que había entre os xeógrafos en situalas, discrepancias que viñan quizais por non andar o territorio, por non ir ao sitio a buscar o dato, senón polos eucaliptos que invadiron as brañas da Chousa de Abaixo ou Brañas do Feo, terreos onde abrollan as fontes e mananciais que orixinan este río. Os autores confesan que patearon a zona no ano 2000 cando fixeron un caderno da serie Andando por Bergantiños. Dezaoito anos despois tiveron que recorrer a un veciño para volver topar coas fontes deste río. A plantación masiva de eucaliptos transformou radicalmente esa paisaxe brañenta ao igual que outras. Aquí e aló van desaparecendo brañas e gándaras baixo os eucaliptos e estes chegan ás propias marxes dos ríos e regatos. O Bardo xa non encontraría gándaras esquivas ás que cantar.
Zas é un concello de dezaseis parroquias, a cabalo entre dúas Terras milenarias: Soneira e Xallas. Agora, e da man deste libro, podemos percorrer polo miúdo a súa xeografía, ver os cambios na demografía, coñecer a toponimia, historia, patrimonio senlleiro e aquel ligado ao cotián, saber das súas festas e romarías, asociacionismo, do importante pasado romano de Brandomil, así como outros detalles, como coñecer un dos primeiros puntos de referencia que tomou Domingos Fontán para o seu mapa, historias da emigración ou percorrer unha xeografía de nomes pondalianos: a do forte Brandoñas e o valente Brandomil, este enterrado baixo as antas da arca da Piosa, mais o vento xa non “funga nas esquivas uces”.
Andar para entender que o patrimonio é algo máis que un recurso que circula no mercado só para consumir como outras cousas, cando é un proceso cultural asociado a significados, memorias e políticas. A eucaliptización, as “virotas”, o abandono e crise demográfica levan a un territorio histórico a ser un territorio sen semántica, un “territorio lixo” (junkspace) na periferia do desenvolvemento capitalista. En antropoloxía fálase agora da mediación en referencia ao patrimonio. Tamén precisariamos mediación na xestión do territorio e non deixalo nas mans dos monopolios que o levan á desertización.
A proposta da comisión nomeada polo Consello de Goberno do Padroado do Museo do Pobo Galego, e de entre 12 aspirantes, esta mañá día 25-05-2019 a asemblea xeral dos patróns e patroas aprobou por unanimidade elixir o antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez novo director do Museo do Pobo Galego, en substitución de Carlos García Martínez, recentemente falecido. É unha honra para as comarcas do ámbito da Costa da Morte, e para o Seminario de Estudos Comarcais en particular (pois é socio fundador e actualmente directivo) que un conveciño, compañeiro (e amigo) sexa escolleito para un cargo de tanta importancia e responsabilidade, e, precisamente no ano Antonio Fraguas, que foi o segundo presidente do Museo, o gran museo etnográfico de Galicia.
Licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural, Manolo Vilar leva anos colaborando co MPG e comisariando algunhas das súas exposicións. Xuntos publicamos “Os faros da Costa da Morte (Galicia)” (Asoc. Neria 2001), libro pioneiro na Ruta dos Faros. Co patrocinicio do Seminario de Estudos da Costa da Morte publicou “Romarías da Costa da Morte” (2011, con Xan Fernández Carrera), “Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota” (2015) e dirixiu os documentais “Faros da Costa da Morte” (2010), “As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte” (2011) e “A romaría da Barca” (2012). Estes documentais pódense descargar libremente no web do Semescom (www.semescom.gal). Acaba tamén de publicar “O camiño de Santiago a Muxía por Brandomil” (Alvarellos 2019). Moitos parabéns a Manuel. Unha vez máis: Orgullosos dos nosos!
Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM
(Na 1ª foto, con Manolo Vilar no xantar do Padroado do MPG, tras a súa elección)
Este sábado 24 de novembro, catro membros da xunta directiva do Semescom temos actividades en forma de conferencia.
Evaristo Domínguez Rial participará no ciclo de conferencias “Monografías do Allo”. Será ás 16h30 con “150 anos de educación en Zas. O caso particular da escola do Allo”. De seguido comezará a conferencia de Antonio Presedo “A vida cotiá nos pazos da fidalguía galega no século XVIII”.
Manuel Vilar e Xosé María Lema estarán en Lugo no X Congreso Galego de Cruceiros, con estas comunicacións: “Dúas cruces, dúas historias ou a reactualización da memoria” (M. Vilar) e “O novo cruceiro parroquial do Allo (Zas): unha nova Trindade como motivo iconográfico” (X.Mª Lema). Desenvolverase no Centro de Artesanía e Deseño da cidade de Lugo.
Finalmente, Xan Fernández Carrera estará falando das actividades do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte nunha xornada organizada por Afiprodel.
A pegada literaria de Rosalía de Castro en Muxía é o tema principal sobre o que xiran as actividades que está a realizar a Asociación Turismo Rural Muxía Natural. Para este domingo 21 organizan unha visita guiada a Moraime, antigo mosteiro do que hoxe se conserva a súa fermosa igrexa. O guía deste acto literario será o antropólogo Manuel Vilar. A visita comeza ás 17h deste domingo 21. Aínda que a visita é libre recoméndase realizar unha inscrición en muxiaturismorural2015@gmail.com para ter en conta os participantes dun acto que terá “doce” final.
No marco das III Xornadas do Patrimonio Rural organizadas polo Concello de Pontevedra, o SEMESCOM aportará o seu testemuño nunha mesa de experiencias con varias asociacións que loitan pola defensa dos bens patrimoniais.
As III Xornadas de Patrimonio Rural terán lugar do 3 ao 5 de abril e versarán sobre o Patrimonio e a Participación. A inauguración será na Casa das Campás, cunha conferencia de Manuel Caamaño Suárez: “O patrimonio galego das construcións rurais da etapa preindustrial”.
O resto das xornadas terán lugar na Misión Biolóxica de Galicia e nelas intervirán especialistas e representantes de asociacións que defenden o patrimonio.
Para inscribirse, de balde, cómpre escribir ao correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu
Aquí está o programa completo.
VENRES 5 DE ABRIL, ÁS 18.30 h
Mesa de experiencias do tecido asociativo:
– Instituto de Estudos Miñoranos (IEM):
Xosé Lois Vilar Pedreira, director da Sección de Arqueoloxía.
– Lugo Patrimonio:
Lois Diéguez Vázquez, presidente da asociación.
-Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte:
Manuel Vilar Álvarez, vicepresidente do Semescom.
-O Sorriso de Daniel:
Consuelo Castro Rey, vicepresidenta da asociación.