• info@semescom.gal

Tag Archives: Lousame

batan servia

A maqueta do batán de Servia chega por fin ao Mosquetín

O conxunto etnográfico do Mosquetín (Salto-Vimianzo) acollerá por fin no seu interior a maqueta dun batán. Un modelo especial realizado por un vello bataneiro de Servia (Vilacoba-Lousame) nos sesenta, cando vía que á industria non lle ían quedar moitos anos de vida.

O presidente do SEMESCOM relataba así nun artigo publicado en La Voz de Galicia a historia desta maqueta:

Cando a finais dos anos noventa andaba investigando a existencia doutros batáns galegos, tiven noticia de que nunha aldea de Lousame existía un exemplar destes aparellos. Dada a súa escaseza, achegueime a onde se me indicara, á Casa do Rego de Servia (Vilacova) e comprobei que o batán xa non existía, nin tampouco o bataneiro –José Ces Ces, o patrucio da casa- pois falecera en 1985. Pero resulta que o vello bataneiro, decatándose de que cando el morrese non ía quedar ninguén capaz de reconstruílo, decidiu facer a escala do catro por cento un exemplar, e non só iso, senón que se preocupou por escribir nun caderno a enumeración das pezas cos seus nomes. A súa familia conservou as pezas desmontadas durante anos e mais o seu manuscrito autógrafo, do que me facilitaron unha copia, da que transcribo algúns parágrafos, coa súa ortografía orixinal):

«Batáns de Servia, Parroquia de Vilacoba, Lousame, Noya, La Coruña. Estos Batáns se encuentran situados en la carballeira do Abelan, a la orilla del Río (…). Datan de lo mas antiguo y trabajaron asta el año 1960 ayudando a rrepararlos desde mi infancia asta 1936, que fuy ala gerra y falleciendo el Padre en 1938 y al terminar la gerra fuy rreclamado en 1939 para atender la industria y el resto de la vida, siendo yo el que tuve que aser cargo de todas las atenciones dela Lana y del Lino (…)».

«José Ces Ces. Nasí en Servia el diesiseis de Diciembre de Mil Nuebecientos Diesisiete. Y conociendo perfectamente la antigua industria llamada Batans, ago el siguiente diseño de las piesas que lleva, que en total son ciento treinta y cinco. En unha escala aprosimada a un cuatro por ciento de un mine(?) que boy hacer para Recuerdo ygual del cuatro por ciento del propio Batan de trabajo (…)».

 Consciente da importancia etnográfica do legado do vello patrucio servián, comuniquei a súa existencia ó equipo mixto Universidade de Santiago/Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña que daquela estaba reconstruíndo o conxunto do Mosquetín. E así, acompañado polo técnico encargado do proxecto de musealización, Paco Doval Galán (actual director do Forno do Forte de Buño), volvín o 5 de agosto de 1999 á Casa do Rego, e conseguimos que a familia de José Ces cedese gratuitamente á Deputación a singular maqueta de carballo (de 130 kg de peso) coa condición expresa de que estivese permanentemente exposta no futuro Ecomuseo do Mosquetín, cun letreiro co nome do doador. As pezas quedaron depositadas nas dependencias do Forno do Forte buñés en espera do remate das obras do Mosquetín, e alí seguen sen función ningunha. ¡Que paisiño o noso: pensar que se botaron case vinte anos de loita contra a Administración para que non desaparecese o conxunto do Mosquetín e agora vai resultar que, para que a rústica maqueta de Lousame dea chegado ó seu destino, tiveron que pasar dezasete!».

O acto de presentación da maqueta terá lugar o sábado 4 de febreiro ás 12 do mediodía no Mosquetín.

batan servia modelo