• info@semescom.gal

Tag Archives: libros SEMESCOM

xanFdez

Novos datos sobre o río do Porto

Por Xan Fernández Carrera

Vai para un ano da publicación do libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, un traballo elaborado por varios membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que pretendía, como obxectivo primordial, dar a coñecer con miudeza este río soneirán, desde a súa presenza na documentación histórica e cartográfica, continuando pola descrición pormenorizada de toda a súa cunca hidrográfica, ata recoller a abondosa riqueza patrimonial que se foi creando nas súas marxes ao longo dos anos.

Os diferentes nomes que tivo este río no decorrer dos tempos, foi un dos apartados que se estudou con máis profundidade, desde a súa denominación máis antiga de Vir Fluvius, que aparece no mapa Gallaecia Ptolemaei, do libro España Sagrada (1763), do padre Flórez, e que José Cornide no seu Mapa corográfico de la antigua Galicia (1790) o identifica co río soneirán, pasando por outras designacións como «río de la Puente», «río de la Puente del Puerto», «río del Puerto», río de Baio, río Grande ou río do Porto. Capítulo elaborado con rigor documental por Xosé Mª Lema, un dos autores deste traballo. Nel móstranse abundantes referencias a textos históricos e a mapas antigos nos que se amosan as diferentes denominacións que recibiu en distintas épocas.

Desde os anos sesenta do pasado século aparece escrito baixo a designación de río Grande, denominación recente sen ningunha base histórica, recollida nos primeiros folletos informativos sobre os coutos de pesca de Baio e Ponte do Porte, e que logo pasará aos mapas, primeiro aos do exército e despois aos do Instituto Xeográfico Nacional.

A continuación vímolo representado nos rótulos situados nas pontes das estradas que atravesan a súa canle. Xeógrafos e estudosos da historia local tamén por estas datas denomínano así nas súas publicacións.

Unha das nosas intencionalidades era recuperar o nome tradicional desta arteria fluvial, que substituíse ao de río Grande, xa que esta denominación adoita atribuírselle a todos aqueles ríos de maior longura, con respecto a outros de tamaño máis reducido, como poden ser os seus propios afluentes.

 xanFdez

As máis frecuentes

Tralo estudo da presenza do seu nome en documentos e mapas históricos, comprobamos que as dúas denominacións máis frecuentes deste noso río ao longo do tempo eran «río de la Puente», que se mostra por primeira vez no mapa de Tomás López (1784), e «río del Puerto», reproducido no mapa do cartógrafo galego Domingo Fontán, elaborado entre 1817 e 1834 e publicado en París en 1845. Con este mesmo apelativo, pero en galego, reflícteo o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo, nun artigo seu publicado no xornal A Nosa Terra en 1925.

Para a miña sorpresa, consultando hai poucos días o libro do ilustrado José Cornide, Descrición circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal (1764), en edición do profesor X. L. Axeitos, ao describir a costa de Camariñas, atopei esta información: «En el centro de esta bahía desemboca un río llamado do Porto, este nace más arriba de Vimianzo, baña toda la tierra de Soneira, pasa por el puente de Porto y desagua en esta bahía».

Este libro de Cornide era ben coñecido por nós, xa que o utilizaramos para outras publicacións anteriores, pero por despiste, non o consultamos para este traballo, e dáse a circunstancia que contiña unha información de gran interese para dilucidar a auténtica denominación deste río.

Nada menos que neste parágrafo aparece escrito o que nós consideramos o seu verdadeiro nome, río do Porto, así en galego, 160 anos antes de que o publicase Otero Pedrayo no xornal A Nosa Terra. E non referido só a súa desembocadura, como sucedeu nun principio co de Lézaro, para o Xallas ou Vau Çerveyro, no caso do río Castro, senón cunha intencionalidade xeral para todo o seu curso, como se pode comprobar no contido do texto.

A información que recolle Cornide consolida aínda moito máis as razóns que nós defendiamos para o cambio de nome de río Grande a río do Porto. Poucos ríos do tamaño coma ao que nos estamos a referir, dispoñían dun nome xenérico desde hai máis de 250 anos, e ademais no noso idioma, aínda que máis tarde fose traducido ao castelán ou cambiado como «río del Puente», e finalmente, en tempos do franquismo se substituíse polo de río Grande.

Por iso sería desexable que tanto os concellos que constitúen a Terra de Soneira, como os diferentes organismos da Xunta de Galicia, utilizasen na súa linguaxe oficial a denominación de río do Porto, a mesma que debería constar na cartografía do Instituto Xeográfico Nacional.

Para incrementar o coñecemento do río soneirán e espertar unha maior sensibilidade de cara a súa conservación, propuxémonos tamén a programación de rutas por diferentes tramos do seu curso. No pasado outono o Semescom organizou unha primeira polo curso medio, guiada por Xosé Mª Lema, coa participación dun nutrido número de asistentes.

Para este próximo sábado 7 de marzo temos programada unha segunda para percorrer o curso alto, un dos tramos de maior beleza, sobre todo nos espazos das fervenzas do Rabiñoso, Parga e Budián. Esta andaina será guiada por outro dos autores do libro, Evaristo Domínguez Rial, excelente coñecedor desta parte do río.