• info@semescom.gal

Tag Archives: Langosteira

A excursión "Costa do Solpor" foi todo un éxito

Organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e co acolaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o pasado 17 de outubro tivo lugar a primeira excursión ou excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor, ruta que combina o turismo coa literatura, pois pretende levar os viaxeiros no tempo polos principais escenarios nos que se desenvolveu, en agosto de 1761, a narración.

Escenarios da "Costa do Solpor"

Escenarios da “Costa do Solpor”

Lembremos que Costa do Solpor empeza onde remata A illa do tesouro, a famosísima obra do escritor escocés Robert Louis Stevenson, e esta é a sinopse da súa trama:

Un descoñecido escritor en lingua inglesa narra polo miúdo, a finais do séc. XIX, a viaxe de volta da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro conseguido tras múltiples penalidades nunha perdida illa do Atlántico. Tal viaxe de volta non fora o camiño de rosas da narración stevensoniana, pois o navío tivo serios contratempos na costa galega máis occidental, a chamada Costa do Solpor ou do Solposto, ó ser abordada fronte ó cabo Vilán por dous navíos corsarios con base no porto da Coruña. O destino da goleta era ser incendiada, despois de lle quitar o seu tesouro, con todos os seus tripulantes dentro en mar aberto; pero o grumete Jim Hawkins logra escapar e acadar a costa, onde coñece un mozo pegureiro chamado o Chavián e unha valente fidalga chamada dona Mariña de Lobeira que o van axudar a salvar os seus compañeiros dunha morte certa e recuperar o seu tesouro.

Éxito de convocatoria: todas as prazas cubertas (55)

O SEMESCOM anunciara a excursión no seu web con quince días de antelación, e no prazo dunha semana xa practicamente estaban cubertas todas as prazas, que nun principios eran 50, pero que houbo que ampliar a 55 atendendo algunhas peticións. Nin que dicir ten que houbo lista de espera, pero ninguén se deu de baixa a última hora. O éxito de convocatoria foi total; faltaba por ver se tamén sería exitoso o desenvolvemento do percorrido cos seus horarios tal como `prepararan dosu membros do Seminario.

1ª parada: fronte ás ruínas da casa fidalga de Boallo (Berdoias) [foto Xan Fdez.]

1ª parada: fronte ás ruínas da casa fidalga de Boallo (Berdoias) [foto Xan Fdez.]

A MAÑÁ

O autobús da empresa Facal de San Cremenzo de Pazos (Zas) saíu pouco despois das 10 h da mañá da Praza do Concello de Vimianzo cos seus 55 viaxeiros, lectores da novela na súa maior parte (pero, a dicir a verdade completa, outra boa parte confesou que aínda non a lera).

Á saída de Vimianzo o guía salientou a importancia desta vila do interior do territorio, maiormente porque nela se ergue un castelo medieval ben conservado que de principios do séc. XVI a mediados do XIX fora cabeza reitora da xurisdición señorial de Vimianzo, que formaba parte dos estados dos condes de Altamira. Dos estados dos Altamira eran tamén as xurisdicións señoriais veciñas de Mens e de Corcubión, tamén con cadanseu castelo, nos que residían os meiriños ou apoderados dos condes, que eran os que recollían e almacenaban os froitos das colleitas dos vasalos. Estamos en plena época do mundo dos foros, que é tratado na novela con amplitude.

1ª parada: ruínas do pazo de Boallo (Berdoias-Vimianzo)

Os señores de Altamira –a poderosa familia Moscoso- marcharan para a Corte vivir preto dos reis e acabáronse desgaleguizando. Quen vivía en Galicia, na zona rural e nas vilas e cidades, era a pequena nobreza, a fidalguía, escribáns e administradores das terras dos grandes señores, intermediarios que quedaban para o seu goberno con parte dos produtos que os vasalos estaban obrigados a entregarlles ós señores como pagamento polo usufruto das terras que cultivaban.

Houbo que desviarse uns quilómetros pola estrada de Muxía para ir ver unha ruínas dunha casa fidalga do séc. XVII hoxe invadida pola maleza. Trátase da casa que a principios do séc. XVII construíra o fidalgo Martiño de Castiñeira, fillo menor de Alonso II de Lema (do que se conserva no lugar de Berdoias, tamén en vías ruinosas, a súa casa do ano 1607).

En Costa do Solpor hai personaxes reais e imaxinarios. Entre os primeiros está a familia do escribán D. Rodrigo Sancho de Leis, a súa esposa Dª Josefa de Santiyán y Valdivieso  e os seus numerosos fillos e fillas. Dela fálase no cap.  48 (‘Casamento de trato’).

Malia as hedras e silvas que practicamente recobren a mansión,  os viaxeiros puideron observar formas arquitectónicas de séculos pasados, coma unha fermosa cheminea.

Os 54 viaxeiros da excursión inaugural da ruta na praia da Serra, onde fondeara a Hispaniola tras a tempestade; ó fondo, Fisterra e mais os "espidos peitos da muller enfesta"

Os 54 viaxeiros da excursión inaugural da ruta na praia da Serra, onde fondeara a Hispaniola tras a tempestade; ó fondo, Fisterra e mais os “espidos peitos da muller enfesta”

2ª parada: praia da Langosteira (Fisterra)

Despois de pasar polo concello de Cee á altura do que noutrora foi a Casa do Camiño –onde o espía da Confraría da Man Morta, Mingos o Tiopa, alugara un cabalo para percorrer ó trote as 15 leguas que o separaban da Coruña- ó fío das 11 h o autobús aparcou nunha das entradas da praia da Langosteira.

Nesta fermosa praia fisterrá, localmente coñecida como praia da Serra, recalara a Hispaniola tras sufrir a noite anterior un violento trebón (narrado polo miúdo no cap. 6). Rematada a tempestade, seguindo unha luz no alto dun monte darían arribado a este areal. Ó día seguinte viron cara ó leste unha alta montaña de pedra de cor rosada (a Montaña Vermella: o monte Pindo) e as casas de pedra escura  dunha aldea situada cara ó oeste (Fisterra). Esta aldea estaba coroada por un monte rematado en dúas formas cónicas case idénticas que semellaban os peitos dunha muller deitada (“os espidos peitos da muller enfesta”, do poeta Alexandre Nerium). O guía leu tamén un poema da poeta fisterrá Mónica Góñez alusiva a esta formación natural; un poema que empeza deste xeito:

Puta libidinosa

que fa-lo morto eternamente;

berro de sal

que estoupa en terra sacra

mollada de luxuria (…)”

O profesor Antón G. Losada explicando a xeoloxía do Arco Fisterrán (foto XMª Lema)

O profesor Antón G. Losada explicando a xeoloxía do Arco Fisterrán (foto XMª Lema)

Un dos viaxeiros, o profesor Antón García Losada, explicou a formación do asombroso macizo do Pindo, da desembocadura en fervenza do río Xallas ó seu caróon e do tómbolo de Fisterra. Outra profesora, Xela Cid, completou a explicación falando da reivindicación do Parque Natural do Pindo, negado teimudamente pola Xunta de Galicia.

3ª parada: porto de Fisterra e castelo de San Carlos

Na novela, o armador da goleta –o squire (fidalgo) John Trelawney- o grumete Jim Hawkins e algúns mariñeiros foron en lancha ó porto de Fisterra para contratar uns operarios (carpinteiros, trinqueiros, calafates…) que os axudasen a reparar os estragos do temporal.

Recibiunos no peirao unha pequena formación militar ó cargo dos mostachudo sarxento, Antón do Campón (o Atrevido de Fisterra ou Muito Home), que estaba ó cargo do castelo de San Carlos, fortaleza para defender a vila dos ataques de frotas estranxeiras ou de piratas.

Cando o armador lle pregunta ó sarxento -nun portugués macarrónico (pois pensaba que estaba na costa portuguesa)- onde se atopaba, este respóndelle que estaban na Estrela Escura, nome produto dunha  tradución equivocada de finais do séc. XV do latinismo Finis Terrae por Stella Obscura. Despois aclararíaselle que era “Finisterra”.

O poeta Alexandre Nerium (guía do Museo da Pesca do castelo de San Carlos) nun momento da recitación (foto XMLS)

O poeta Alexandre Nerium (guía do Museo da Pesca do castelo de San Carlos) nun momento da recitación (foto XMLS)

O castelo de San Carlos garda no seu interior na actualidade o Museo da Pesca de Fisterra, do que é o guía Alexandre Nerium (pseudónimo literario de Manolo López, mariñeiro e poeta). Tras unha breve explicación introdutoria, Alexandre Nerium recitou varias poesías inspiradoras de varias pasaxes da novela, empezando co soneto “Tómbolo”, o dos “espidos peitos da muller enfesta” e mais “a nave de pedra de velames rafados polo vento”; continuou coas poesías alusivas ós barcos “que levan o crepúsculo gravado nas cadernas” (p. 410 da novela) e desvelou amén a poesía inspiradora da vella cántiga que madre Farruca –a ama de cría da fidalga dona Mariña- non foi quen de acabar (p. 380: “Dos teus ollos quero naufragar na fondura…”). Rematou co poema “Cabaleiro de mar”. Os viaxeiros premiaron con efusivos aplausos a intervención do poeta fisterrán.

4ª parada:  pista da punta da Buitra

Veu logo un longo tramo de 35 km polo interior da comarca fisterrá (a vella Terra de Nemancos) no que se foron explicando outros pormenores da novela. Neste tramo o profesor Xosé M. Penas Patiño falou da caza de baleas á que se dedicaron moitos portos desta costa. En embarcacións rudimentarias moitos mariñeiros expoñían constantemente a vida (moitos perdérona) nesta perigosa aventura. Ata non hai moito existía na punta de Caneliñas (Cee) unha factoría baleeira. Nesta costa consérvase moita toponimia alusiva ás baleas, e os lugares sinalados como atalaias eran puntos para vixiar a presenza destes mamíferos mariños.

A Hispaniola bordeou o cabo Touriñán para buscar a enfilación do Vilán (foto XMLS)

A Hispaniola bordeou o cabo Touriñán para buscar a enfilación do Vilán (foto XMLS)

Sobre as 12,50 h o guía recibimos a chamada de Isabel Freire, locutora do programa “Coñecer Galicia”, da Radio Galega. Neses dez minutos previos ás noticias da unha da tarde fíxose un resumo do percorrido xa feito e o que quedaba por facer. Naquel momento, precisamente, o autobús pasaba preto da Casa de Trillo, hoxe dedicada a turismo rural, que fora a casa natal do auténtico crego sabio, José Díaz Arosa, párroco de San Cibrán de Vilastose que vivira a finais do séc. XIX e no primeiro terzo do XX. O directivo do SEMESCOM e profesor Xan Fernández Carrera ampliou a información sobre este crego con sona de menciñeiro e adiviño. Na Casa e Trillo consérvase unha copia das Cartas forales del lugar de Santamarina, de 1558, con acoutacións á marxe do cura, nas que criticaba o réxime foral e ós abusos dos frades de Moraime.

O Crego Sabio da novela, aclararía o autor e guía, é o compendio doutros dous cregos máis, un deles o crego liberal e revolucionario Juan Antonio Posse (1766-1854), autor dunhas famosas memorias escritas contra 1834.

Pasamos polo lugar do Cuño –que conta con un dos coídos (praia de coios) máis grande e fermosos da costa- e axiña nos detivemos á entrada da pista forestal que remata na punta da Buitra.

Nas entrañas do monte Cachelmo atópase a furna de Buserán ou do Trabeiro, onde "escachan as ondas espalladas polo mar" (López Abente) [foto XMLS]

Nas entrañas do monte Cachelmo atópase a furna de Buserán ou do Trabeiro, onde “escachan as ondas espalladas polo mar” (López Abente) [foto XMLS]

Iniciamos así o percorrido cara á punta da Buitra, o primeiro percorrido a pé: unha pista forestal de terra doada de percorrer, pois é case toda cha e sen excesivas elevacións. Percorreuse exactamente 1,2 km (2.4 km contando coa volta), os precisos para ver desde este lugar unha paisaxe ben engaiolante:

En primeiro lugar, á esquerda, pódese apreciar o longo brazo do cabo Touriñán metido no océano, o punto máis occidental de Galicia e da España peninsular (hai pouco celebrouse un evento turístico denominado “Touriñán, Solpor de Europa”).

Cando rompeu amarras de Fisterra, a Hispaniola, tras virar na punta do cabo fisterrán, pasou preto do cabo Touriñán na procura do Vilán, o que mellor daba a enfilación das Illas Británicas.

A Arnela, onde rematou a aventura da Hispaniola na Costa do Solpor (foto XMLS)

A Arnela, onde rematou a aventura da Hispaniola na Costa do Solpor (foto XMLS)

De fronte, ó lonxe, albícase precisamente a inequívoca formación penedía do cabo Vilán, ó que hai que imaxinar sen a súa alta torre-faro, pois á altura de 1761, agás a Torre de Hércules da Coruña, a costa española estaba desprovista de faros (os primeiros datan de 1853).

Pero o principal motivo para achegarnos a este sitio era para ver de preto tres importantes escenarios da novela: o monte Cachelmo, a furna de Buxerán ou do Trabeiro e a praia da Arnela.

Os viaxeiros lectores tiveron que facer unha viaxe no tempo para imaxinar nestes escenarios ou na súa redonda os sucesos que se narran nos capítulos 51 (‘A meiga Melania’), 52 (‘Novexilde’), 53 (‘A eira das meigas’), 54 (‘A boca da serpe’), 55 (‘Un plan moi arriscado’); o desenlace final da novela ten a furna como escenario: capítulos do 64 ó 71 (este titulado ‘A maldición da furna’). Na Arnela terán lugar os episodios máis inesperados do remate (capítulos do 70 ó 74).

Arnela_costa_Do_solpor

Contemplando os escenarios da novela fronte ó Cachelmo, á furna e á Arnela (foto Xan Fernández)

De camiño cara ó xantar aclaróuselles ó viaxeiros o lugar aproximado de Vilasumisa, a vila fantasma, a vila maldita, a dos lombudos de tanto abaixar a cabeza, a que pola preguiza e submisión dos seus habitantes ós poderosos acabou por desaparecer baixo as areas da súa extensa praia, transformadas hoxe en voluminosas formacións dunares. O lugar onde estivo situada esta infausta vila desaparecida –esperemos que para sempre- da faz da terra era unha das sorpresas que se lles reservaba ós viaxeiros.

Volvendo da Buitra (foto XMLS)

Volvendo da Buitra (foto XMLS)

Pasando preto da igrexa de San Xián de Moraime falóuselles ós viaxeiros da importancia deste edificio –tanto desde o punto de vista histórico como do artístico- e tamén do caso curioso de que a imaxe do seu patrón, san Xián, do seu interior, apareza vestido coma un nobre do séc. XVIII. ¡Nin que se tomara o modelo das ricas vestiduras do squire Mr. Trelawney da Hispaniola!

A TARDE

Tras o xantar nun restaurante dos Muíños (Muxía), sobre as 4,15 h da tarde arrincou o autobús en dirección á Ponte do Porto. Fomos pola estrada litoral dos Muíños a Cereixo (Vimianzo) polos lugares de Merexo e Leis; arredor duns 13 km. Trátase dunha estrada que vai bordeando a ría de Camariñas e ollando constantemente, polo tanto, fermosas paisaxes mariñas. Un dos lugares máis paradisíacos é a praia do Lago, onde desemboca un regato formando unha pequena lagoa litoral.

Vista parcial do xantar nos Muíños (Muxía) [foto XMLS]

Vista parcial do xantar nos Muíños (Muxía) [foto XMLS]

 Atravesamos o río do Porto pola vella ponte que deu nome á vila camariñá da Ponte do Porto. Nesta ponte tivo lugar un divertivo episodio que se narra no cap. 49 (‘O milagre de san Roque’), motivado pola particular iconografía de san Roque, e tamén porque nunha das entradas da ponte houbera unha ermida dedicada ó santo avogoso contra a peste. A principios do séc. XX destruíuse esta ermida e construíse no seu lugar a igrexa parroquial porteña, desafortunado exemplo de feísmo arquitectónico (localmente chámanlle “a igrexa do silabario”).

6ª parada: Alto das Campeleiras-Santa Mariña

Continuamos pola estrada da Ponte do Porto a Camelle. Despois do cemiterio desta localidade collemos á esquerda o ramal en dirección a Santa Mariña. Chegamos ó Alto das Campeleiras (citado na novela) arredor das 5 da tarde. Desde este punto, situado xunto ó cemiterio de Santa Mariña, iniciamos o segundo percorrido a pé, primeiro por un camiño forestal en bastante bo estado e logo, na parte final, por un camiño de monte moi irregular. Uns 2,2 km na ida (4,4 km entre ida e volta).

O "atallo" cara á duna do monte Branco (foto XMLS)

O “atallo” cara á duna do monte Branco (foto XMLS)

A anécdota da excursión estivo en que, cando chegados ós 2 km se albiscaba á dereita a area da gran duna-cráter do monte Branco (a uns 100 m de altitude), algúns dos viaxeiros máis adiantados viron un carreiro de monte e deron en dicir que era un atallo para chegar a ela. Os organizadores sabiamos que había un camiño uns 100 m máis adiante, pero uns polos outros acabamos por deixarnos levar porque tamén nos parecía un atallo. Resultado: fomos todos atrás da “avanzadilla” e o “atallo” resultou ser un tortuoso e revirado carreiro estreito entre toxos de certa altura. Tantas eran as ansias de chegar ó “paraíso” natural que case todos demos pasado por entre as agresivas toxeiras, con non poucas dificultades. “Todo paraíso ten o seu camiño esgrevio para percorrer antes”, dixemos para mellor dourar a píldora. Esta inesperada “ruta dos toxos” deu pé para falar da Côte des Ajones (‘Costa dos Toxos’), ruta turística que constitúe, xunto coa Côte du Granite Rosé (‘Costa do Granito Rosado’) un dos atractivos turísticos do norte da Bretaña francesa; o seu emblema é a chorima.

A inesperada "ruta dos toxos" da Serra das Penas Rubias (foto Xan Fdez.)

A inesperada “ruta dos toxos” da Serra das Penas Rubias (foto Xan Fdez.)

Desde a parte alta da duna cóncava do monte Branco contémplase unha das mellores paisaxes de toda esta costa. Nel situáronse varios escenarios naturais da novela. Non podía ser menos: mirando cara ó norte, á nosa dereita: as enseadas do Colludo e das Cabanas de Santa Mariña seperadas pola estreita restinga do Capelo (os Coídos Xemelgos da novela: as enseadas do Porto Valente -onde estivera ancorada a Hispaniola vixiada polo bergantín pirata An Ankou– e das Lobeiras –onde se atopaba o outro navío pirata: o El Trueno).

"Un inmenso areal sen mar a 200 pés sobre o nivel do mar" (p. 277 da novela) (foto XMLS)

“Un inmenso areal sen mar a 200 pés sobre o nivel do mar” (p. 277 da novela) (foto XMLS)

Mirando cara ó oeste contémplase a extensa e fermosa praia do Trece (localmente coñecida como o Cusiñaduiro). Se queremos baixar rapidamente cara a ela teriamos que facer como o Chavián e Jim: baixar pola Area Escorredía, coma se fose un moderno tobogán. Jim baixara con moito medo e forzado –e de que maneira- polo seu amigo (cap. 34).

Os penedos rosados deste paradisíaco lugar inspiraron a Serra das penas Rubias (Serra da Pena Forcada, na realidade), que forma parte das formacións de penedos de formas diversas que bordean esta costa e se erguen cara ó ceo como poutas de animais salvaxes. Esta serra remata no mar co Penal do Veo, fermoso penedo cónico.

area escorredia

A ‘Area Escorredía’ do cap. 34 (foto XMLS)

O profesor Antón G. Losada volveu dar unhas explicacións científicas sobre a formación destas estruturas pétreas e o fotógrafo Xurxo Lobato realizou non poucas tomas, incluso primeiros planos dalgúns dos viaxeiros.

Cando volvemos onda o autobús xa case eran as 7 da tarde. Un pouco máis adiante baixamos a pé pola desviación que leva ó lugar de Santa Mariña e ó seu porto e, desde o alto, albiscamos ó fondo as dúas enseadas xemelgas como as deberon contemplar o Chavián e Jim desde o alto da Pedra Vixía, o gran penedo da Costa do Cairo (cap. 33).

Con Santa Mariña, a súa igrexiña románica e os Coídos Xemelgos ó lonxe evocáronse outros momentos importantes da novela.

O Penal do Veo, tamén citado na novela (foto XMLS)

O Penal do Veo, tamén citado na novela (foto XMLS)

COSTADAMORTE 17.10.2015 ©xurxo lobato 144

Ser fotografado por un profesional da fotografía coa praia do Trece ó fondo, presta (foto Xurxo Lobato)

COSTA DA MORTE XAN FERNANDEZ CARRERA

Xan Fernández tamén foi fotografado por Xurxo Lobato

O grupo tamén foi fotografado por Xurxo Lobato neste fermoso lugar que tanto protagonismo tivo na novela

O grupo tamén foi fotografado por Xurxo Lobato neste fermoso lugar que tanto protagonismo tivo na novela

7ª parada: Camelle

Desandamos parte do andado e dirixímonos cara á vila de Camelle, para dar remate á nosa singradura. Alí introducímonos entre as minúsculas leiras da beiramar para ollar os elevados valados que as protexen (ou protexían, pois a maior parte están a monte, sen cultivar). Estes valos feitos de croios arredondados foron fonte de inspiración para o Valado do Vento da península da Pedrosa, obra mestra de Alfred, o náufrago inglés, o paí do Chavián. Alfred tiña na novela un don especial: que construía altos valos esburatados coma cenefas de encaixe nos lugares máis altos e batidos polo vento, pero este non llos tiraba, quizais porque el sabía escoitar o susurro do vento e levaba as pedras ó oído para escoitalas tamén e colocalas no lugar que elas desexaban. O seu fillo Chavián desexaba saber se tamén herdara ese don paterno.

Moitos lectores pensaban que o personaxe do náufrago inglés está tomado de Manfred Gnädinger, Man, o alemán de Camelle, que finara de pena o Día dos Inocentes do ano 2002 ó ver o seu museo invadido polo fuel, a galipota, do petroleiro Prestige.

O autor aclarou que hai cousas de Man neste náufrafo inglés, sen dúbida, pero a principal fonte de inspiración para o home que falaba coas pedras do cap. 43 fora un personaxe dunha lenda bretoa, aínda que na propia Galicia sempre houbo tamén homes con este don; un dos viaxeiros lembrou que seu pai, canteiro, sempre dicía que non había pedra mala para construír: todas son aproveitables; só había que saber atoparlles o asentamento axeitado. Non se pode negar que, na parte correspondente ós derradeiros anos de vida daquel náufrago desmemoriado, a figura de Man está presente, pero no do home que se entendía co vento e coas pedras xa non.

X.Mª Lema e Xurxo Lobato (foto Xan Fdez.)

X.Mª Lema e Xurxo Lobato (foto Xan Fdez.)

O autor recordou tamén a anécdota dunha lectora de Camelle, membro do Club de Lectores Arao da Ponte do Porto, que pensaba que ela ben podería ser descendente do náufrago inglés da novela. ¿Como non ía ser así se a súa casa era “a casa do Ingrés” e a súa familia era “a do Ingrés”?. Si non è vero, è ben trovato: non hai dúbida de que Carmen de Lelucho –así se chama a lectora- descende dalgún náufrago inglés, fose quen fose.

Houbo unha visita rápida ó Museo do Alemán, o situado ó aire libre ó lado dun espigón do porto, e todos os viaxeiros lamentaron o estado de abandono en que se atopan as súas esculturas o aire libre formadas por pedras arredondadas polo mar, ósos de animais, vértebras de cetáceos… O seu estreito habitáculo está xa practicamente en ruínas sen que ningún organismo oficial se moleste en reconstruílo.

Demos por rematada a primeira excursión da Ruta Costa do Solpor cunha foto de familia a un e a outro lado da escultura coa súa efixie situada diante do museo a el dedicado, o da Fundación Man, onde se conservan todos os seus pequenos cadernos coas súas notas e cos debuxos que obrigaba a facer ós visitantes ó seu museo, entre outros obxectos persoais.

Foi unha sentida homenaxe a este alemán que deixara polos anos 60 a pracidez das augas do lago de Constanza da súa Alemaña natal polo mar bravo do porto camellán. Escolleu unha vida de anacoreta e transformouse no artista das crebas mariñas. Coa súa morte transformouse nun mito, e tamén a súa obra.

O viaxeiro Xurxo Lobato tamén nos fotografou en Camelle co gallo de lle render a Man unha sinxela homenaxe, ó remate da primeira excursión da Ruta Costa do Solpor.

O viaxeiro Xurxo Lobato tamén nos fotografou en Camelle co gallo de lle render a Man unha sinxela homenaxe, ó remate da primeira excursión da Ruta Costa do Solpor.

(A Ruta Costa do Solpor ó completo pode verse no web da AELG)