• info@semescom.gal

Tag Archives: Irlanda

A Gran Calzada, parte final, mergullándose no mar, cara á costa escocesa (XMLS)

Capítulo 7 (mércores 28 de agosto): Dublín – Calzada do Xigante e Belfast (Irlanda do Norte)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS EUROPEAS:
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE (22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 7 (mércores 28 de agosto): Dublín – Calzada do Xigante e Belfast (Irlanda do Norte)

(coma en todos capítulos, amplíese a información
no ITINERARIO APROXIMADO,
e tamén nas
NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA;
os dous documentos colgados
no web do SEMESCOM)
O mércores 28 de agosto, penúltimo día da nosa estadía en terras irlandesas, erguémonos cedo para percorrer os 170 km que afastan Dublín de Belfast, e os cen que restaban desde a capital de Irlanda do Norte á Calzada do Xigante, situada no extremo norte desta parte da illa de Irlanda (en total, uns 270 km de ida e outros tantos de volta). Era unha excursión opcional, pero todos/as os que foron –só dúas viaxeiras preferiron quedar- non se arrepentiron de percorrer dunha tirada os aproximadamente 550 km totais, entre a ida e a volta.
Irlanda do Norte
Autovía de Irlanda do Norte, cara a Belfast (foto XMLS)

Autovía de Irlanda do Norte, cara a Belfast (foto XMLS)

A maior parte destes quilómetros foron pola autoestrada que une Dublín con Belfast, de xeito que chegamos ó territorio norirlandés moito antes do que pensabamos. Percorremos uns 90 km polo territorio da República de Irlanda (entre Dublín e Dundalk e entramos en Irlanda do Norte case sen nos decatar, pois non observamos na autoestrada ningún sinal que anunciase a fronteira que sen dúbida houbo –polo menos antes da entrada da República de Irlanda na Comunidade Europea- e o cambio de Estado, pois non se esqueza que Irlanda do Norte forma parte do Reino Unido. Como atinadamente dicía unha das viaxeiras, o único cambio observable é que nas autoestradas e estradas norirlandesas xa non existen os sinais bilingües gaélico / ingleses; rematou o bilingüismo: a partir de agora “English only” (‘só en inglés’). Vese ás claras o predominio unionista no goberno autonómico, máis preocupado por reforzar os lazos coa metrópole que por evitar a desaparición do seu ancestral idioma celta.
Así a e todo, outra cousa que observamos nas autoestradas norirlandesas é que na parte central de separación existen isletas para que os automóbiles poidan cambiar de sentido sen necesidade de saíren da vía e volveren entrar nunha rotonda.
Chegamos ó centro de recepción da Calzada do Xigante (The Giant’s Causeway)ás 11 da mañá, a hora que tiñamos reservada por Internet (o prezo por persoa son 8,10 €). O centro de recepción non parece aforrar persoal para asegurar unha boa organización: hai gardas indicando os lugares para aparcar os autobuses e varias azafatas para repartir os tiques de entrada, as audioguías (en diversos idiomas) e dar todo tipo de indicacións.
A silueta do camelo (XMLS)

A silueta do camelo (XMLS)

O asento sinalador do camelo coa súa silueta (XMLS)

O asento sinalador do camelo
coa súa silueta (XMLS)

A Calzada do Xigante é unha área natural do condado norirlandés de Atrim situada ó norte da vila de Bushmills –a que dá nome ó famoso whisky- que contén 40 mil columnas de basalto, resultado do arrefriamento rápido –hai 60 millóns de anos- da lava dun cráter ou caldeira volcánica. Estas curiosas formacións basálticas –prismas hexagonais na súa maior parte- introdúcense debaixo do mar e volven saír na Cova de Fingal, en Escocia, uns 60 km despois: é o outro extremo da Calzada.
Procuraremos non repetir a información xa facilitada no ITINERARIO APROXIMADO (p. 30), pois nela xa falabamos máis polo miúdo do proceso xeolóxico que lle deu orixe, da bonita lenda dos dous xigantes (o irlandés Fion Mac Cumhail –anglicanizado en Finn MacCool- e o escocés Benandonner) que tenta explicar a existencia destas pedras senlleiras na costa irlandesa e na escocesa, e as fases do seu descubrimento e popularización: os debuxos da pintora Susana Drury (1739-1743), a inclusión en 1765 na Enciclopediado francés Diderot, a declaración de Patrimonio da Humanidade en 1986 e de Reserva Natural Nacional en 1987.
Na Calzada Pequena ou Menor (foto XMLS)

Na Calzada Pequena ou Menor (foto XMLS)

O recinto da Calzada dos Xigantes xestiónao desde 1961 unha empresa, The National Trust, unha organización que ten como obxectivo a protección de lugares de interese turístico ou de beleza natural extraordinaria. Non sabemos se é privada ou estatal. En Galicia –e tamén en España, en xeral- a iniciativa privada brilla pola súa ausencia para explotar turisticamente estes sitios singulares de tipo paisaxístico, que acaban quedando nas mans do Estado ou da Xunta de Galicia, que nada fan ó respecto e déixano todo a monte, no abandono.
Na Costa da Morte só se puxeron en valor uns cantos lugares, e non foi por iniciativa da Xunta precisamente, senón da Deputación da Coruña e nun curto período de tempo: o da presidencia de Augusto C. Lendoiro (entre 1997 e 2001) -é xusto que se diga-, no que por fin se levaron á práctica e non quedaron no papel propostas concretas: as suxeridas polo técnico cultural da Deputación, Felipe-Senén López, creador do Plan 2000 que recuperou enclaves etnográficos e históricos tan importantes coma o Forno do Forte de Buño, os batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo) ou as Torres do Allo de Zas. Pouco máis se fixo no noso territorio de cara ó turismo cultural.
O fermoso promontorio da Calzada Mediana (foto XMLS)

O fermoso promontorio da Calzada Mediana (foto XMLS)

A empresa da Calzada axeitou uns carreiros para as visitas, que poden ser de curto ou de longo percorrido. No curto é onde se atopan as principais formacións. Sáese a pé do centro de información (tamén hai un bus interior para minusválidos ou para calquera persoa) e a pouco máis de 500 m atopamos a primeira formación pétrea, á que lle deron o nome de The Camel (O Camelo), situado ó nivel do mar; trátase dun dique de basalto que, cos anos, adquiriu esta forma; os guías de antano facían crer ó visitantes que o camelo fora o medio de transporte do xigante Fion Mac Cumhail para construír a calzada. Para contemplar esta formación relaxadamente hai frante a ela un banco de madeira coa silueta do camelo gravada nun lateral. No recinto dos Penedos de Pasarela tamén temos o principal, que é un camelo; só nos falta un organismo oficial ou privado que lle sinale a silueta nun cartel indicador.
Entrando na baía denominada en gaélico Port Ganny (‘Porto Areoso’) xa se albisca de fronte o recinto completo da Calzada, que comprende tres promontorios: a Calzada Menor, a Calzada Media  e a Calzada Maior.

A parte superior (interior) da Gran Calzada (XMLS)

A parte superior (interior) da Gran Calzada (XMLS)

Calzada Pequena é como un anticipo do que imos atopar despois nas outras dúas, pois é certo que xa hai formacións xeométricas basálticas, pero mesturadas con outras “pedras do montón”, nada especiais, aínda que se aprecia a orixe volcánica de todas elas. As guías din, festivamente, que o xigante nesta parte inicial aínda estaba ensaiando para facer a calzada.

O promontorio segundo, a Calzada Mediana, xa é outra cousa. Para algúns é a parte máis bonita, pois trátase dunha pequena península en forma de outeiro cónico conformado na súa totalidade por columnas basálticas, de sección hexagonal na súa maior parte. De aí que esta zona reciba tamén o nome de The Honeycomb (‘A Colmea’): moitas das mellores fotos deste conxunto están feitas co perfil deste outeiro cónico como fondo. Pódese subir ó seu cume, pero a cada paso hai que ver onde se poñen os pés para non escorrer ou tropezar.
A Gran Calzada, parte final, mergullándose no mar, cara á costa escocesa (XMLS)

A Gran Calzada, parte final, mergullándose no mar, cara á costa escocesa (XMLS)

Gran Calzada é a parte máis longa, que arrinca dunha zona interior elevada, acantilada, e vai baixando en rampla para mergullarse no mar, onde se perde. Polo que sabemos, discorre polos fondos mariños durante uns 60 km ata volver á superficie na costa escocesa que se dexerga ó lonxe, en concreto, na Cova de Fingal (descuberta en 1772 polo naturalista Sir Joseph Banks). Vendo como se perde baixo o océano compréndese a crenza lendaria de que a afundiu baixo as augas o xigante escocés na súa fuxida. As pedras máis próximas ó mar adquiren unha cor negra permanente. Os vixiantes do recinto advirten do perigo de se achegar en exceso á beira do mar, tanto polas pedras esvaradías da parte máis baixa coma pola violencia das ondas descomunais (sic) que de cando en vez seica baten contra a costa.
A zona acantilada interior da Gran Calzada (XMLS)

A zona acantilada interior da Gran Calzada (XMLS)

O circuíto continúa en dirección leste entrando noutra baía, denominada en gaélico Port Noffer (‘Porto do Xigante’), onde se atopan formacións como a Bota do Xigante –a rentes do mar- ou, xa no alto, o Órgano, unha serie de columnas verticais que, coma as barbas da boca dunha balea, parecen gardar a entrada a unha cova. Unha boa parte dos nosos excursionistas achegouse a visitar esta formación, volvendo logo cara ó centro de recepción por un carreiro situado na parte alta, o Carreiro do Acantilado ou dos Pastores.
O Órgano (XMLS)

O Órgano (XMLS)

O percorrido longo continúa por este Carreiro do Acantilado cara ó leste; desde el pódense dexergar na beiramar formación denominadas A Harpa, as Chemineas ou o Órgano Español. As dúas últimas formacións están situadas no chamado en gaélico Port Na Spaniagh (‘Porto dos Españois’), que leva este nome porque na noite do 26 de outubro de 1588 un barco da Armada Invencible española, a galera Girona, naufragou nestas augas despois de bombardear As Chemineas ó confundilas cunha fortaleza. En 1967 uns mergulladores do grupo do belga Robert Stenuit descubriu o lugar onde se atopaban os restos do naufraxio, atopándose efectos persoais dos case 1.300 mariñeiros que alí afogaron.
Xantando nos exteriores do centro de recepción (XMLS)

Xantando nos exteriores do centro de recepción (XMLS)

O centro de recepción da Calzada conta cun centro de interpretación, no que non se esquecen as actividades para os nenos (debuxos animados contando a historia dos dous xigantes, coma tal). Hai un restaurante e unha cafetería e, como é lóxico, unha tenda de venda de produtos alusivos ás formacións pétreas: camisetas, suadoiros, chándals, reproducións en miniatura das columnas basálticas… O pagamento é en libras esterlinas, pero tamén se pode facer en euros se un está disposto a admitir as voltas en moeda británica. Nunha cunca de cerámica podíase ler esta frase (lapidaria, e nunca mellor dito): More than a pile of stones, para deixar claro que aquelas senlleiras formación xeolóxicas son “máis ca unha morea de pedras”. Por desgraza, as frases lapidarias dalgún dos nosos políticos son radicalmente opostas, e non hai máis que lembrar aquela de “As pedras non son máis que pedras” que xa pasou á historia ó introducila Manuel Rivas na boca dun contrabandista dinamiteiro nas primeiras páxinas da súa novela Todo é silencio (2010).
Reproducións das columnas basálticas para regalos, na tenda (XMLS)

Reproducións das columnas basálticas
para regalos, na tenda (XMLS)

En fin, que de maneira case unánime os excursionistas consideraron que valera a pena percorrer tantos quilómetros para contemplar esta marabilla natural única no mundo. Pero igualmente non foron poucos os que opinaban que os nosos Penedos de Pasarela e Traba e outras formacións pétreas da Costa da Morte non lles tiñan moito que envexar. Os dous enclaves –Calzada e Penedos- conteñen formacións xeolóxicas completamente distintas, pero as dúas únicas no mundo, segundo os especialistas na materia (xeológos da Universidade de Adelaide, Australia, por exemplo). Uns e outros lamentamos que a Xunta de Galicia actual manteña no abandono o recinto dos Penedos de Pasarela e Traba –declarados Paisaxe Protexida (DOG 14-1-2009)-, cando tiña a obriga por lei de limpar a acondicionar a súa contorna e poñelos en valor. Tampouco hai iniciativa privada de ningunha caste: ¡que mellor cousa que os propietarios dos montes da acrópole de Pasarela se puxesen de acordo para explotaren eles o negocio! Pero a Galicia dun paso adiante e outro (ou outros) atrás é a que impera. Lembrando que hai uns anos había quen quería facer desaparecer os Penedos autorizando unha canteira, convén que se saiba que tamén as columnas basálticas da Calzada sufriron espoliación, pois cortáronse moitas delas para a súa venda; boa mostra de que ninguén é perfecto e que en todas partes hai cans descalzos…, pero, claro, ¡iso en Irlanda foi hai máis dun cento de anos! Con todo e con iso, non perdemos a esperanza de que nun prazo breve polo menos se limpen de toxos e mato os carreiros para poder visitar os Penedos cun mínimo de accesibilidade.
Hai pedras que son moito máis  ca [unha morea de] pedras (XMLS)

Hai pedras que son moito máis
ca [unha morea de] pedras (XMLS)

Non estaba no programa, pero se houbese máis tempo visitariamos a factoría do whisky Bushmills, a marca máis coñecida de Irlanda do Norte, que tamén se comercia na República de Irlanda (nesta a máis coñecida é Jameson).
Belfast

No camiño de volta visitamosBelfast, a capital de Irlanda do Norte desde a partición de Irlanda polo goberno británico en 1920. Non vimos por ningures, nos sinais das estradas, o seu nome en gaélico (Béal Feirste), sempre presente nas da República de Irlanda.
Murais na Falls Road de Belfast (foto XMLS)

Murais na Falls Road de Belfast (foto XMLS)

O primeiro que fixemos ó entrar foi un percorrido no propio bus pola Falls Road, flanqueada nas súas beiras por muros ben altos que encerraban no seu interior un dos barrios católicos da zona oeste; estes altos valos, que na parte superior aínda levan os arames de espiños propios dun estado de sitio, conservan os expresivos murais reivindicativos da poboación católica, marxinada durante moitos anos no Ulster, como xa dixemos nas NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA (pp. 28-31). Non nos foi posible ver as torres Divis, onde os soldados británicos tiñan os seus postos de vixilancia para evitar enfrontamentos armados entre protestantes e católicos, a partir principalmente da década de 1960 e ata case a actualidade. Convén lembrar que os barrios comprendidos dentro destes altos muros quedaban pechados pola noite, a partir das 20 horas.
Detalle dalgúns murais: o da esquerda lembrando a conmemoración das folgas de fame (de membros do IRA); o segundo de cinco cubanos retidos en Miami na década anterior (XMLS)

Detalle dalgúns murais: o da esquerda lembrando a conmemoración das folgas de fame (de membros do IRA); o segundo de cinco cubanos retidos en Miami na década anterior (XMLS)

Nos barrios protestantes hai edificios e/ou casas particulares nos que se fai ostentación da súa condición unionista británica, enarborando nas fachadas a bandeira británica (a clásica Union Jack ou Union Flag), a de Irlanda do Norte (a chamada Ulster Banner: unha conxunción da bandeira inglesa –a cruz vermella de san Xurxo sobre fondo branco- e a da provincia do Ulster –a palma dunha man no centro sobre a mesma cruz-) e mesmo a escocesa (a cruz branca de santo André sobre fondo azul); cómpre ter presente que os presbiterianos (calvinistas) norirlandeses son descendentes de colonos escoceses dos séculos XVII e XVIII.
As identidades dos moradores desta casa non  ofrecen dúbida  (foto XMLS, desde o autobús)

As identidades dos moradores desta casa non
ofrecen dúbida (foto XMLS, desde o autobús)

Sen haber unanimidades por ningunha das partes, lembremos que a maior parte dos protestantes de Irlanda do Norte son unionistas e consideran a súa provincia (o Ulster) unha nación (Northern Ireland ‘Irlanda do Norte’) integrada no Reino Unido da Gran Bretaña (xunto coas outras tres: Escocia, Gales e Inglaterra). A maior parte dos católicos non pensan igual, pois para eles o Ulster (seis condados do que eles chaman The North of Ireland -‘o norte de Irlanda’- máis os outros tres da República de Irlanda) non ten as características propias dunha nación, senón que é unha provincia histórica da illa que debera estar integrada na República de Irlanda; ondean a bandeira tricolor republicana: verde, branca e laranxa. En 1920, cando se produciu a partición da illa, en Irlanda do Norte había 1.500.000 protestantes (presbiterianos e anglicanos) fronte a medio millón de católicos; hoxe hai máis igualdade numérica: protestantes 895.500 e católicos 737.500. Desde maio de 2007 o goberno autonómico é compartido entre o Partido Unionista Democrático e o Sinn Féin.
O curioso é que os deportes se organizan sobre a base dunha única Irlanda, toda a illa, sen ter en conta a división política. Este é o caso do fútbol gaélico, o rugby, o hockey, o baloncesto, o criquet ou o hurling. Por exemplo: o fútbol gaélico organízao por condados para toda a illa a Asociación Atlética Gaélica (GAA), desde 1887. No tocante ás seleccións nacionais, a de rugby -que participa no Torneo das Seis Nacións-, representa a toda a illa (República de Irlanda e Irlanda do Norte xuntas). A excepción é o fútbol (soccer), pois Irlanda do Norte -coma Gales e Escocia, nacións integrantes do Reino Unido- tamén ten selección propia. O seu futbolista máis famoso foi George Best, do Manchester United da década de 1970; a bebida acabou coa súa carreira e tamén coa súa vida; o aeroporto internacional de Belfast leva o seu nome. Non sabemos de ningún club de fútbol de Belfast ou de Irlanda do Norte medianamente coñecido, nin de que haxa unha Liga propia, como ten Escocia (Gales xa non, a proba é que na actualidade compiten na Liga inglesa dous equipos galeses: o Cardiff e o Swansea).
As simpatías dos supporters (seareiros) futbolísticos norirlandeses deben estar co Liverpool inglés (en Belfast vimos unha tenda deste club). O Liverpool Football Club é tamén o equipo inglés preferido dos outros irlandeses, quizais porque a partir da Gran Fame houbo moita emigración irlandesa a esta cidade. Ás veces no estadio de Alfield de Liverpool escóitase cantar a coro o retrouso da balada irlandesa The fields of Athenry con letra adaptada. Tamén a cantaron no tramo final do partido da Eurocopa 2012 entre as seleccións de España e da República de Irlanda os seareiros irlandeses, nun canto colectivo e patriótico para animar os seus xogadores, que xa ían perdendo por 4-0 (pode verse e escoitarse en youtube: http://www.youtube.com/watch?v=LuOYYHLZEQk). Os foros loaron moito este acto, pois os afeccionados irlandeses aceptaban a derrota pero seguían animando os seus xogadores lembrándolles unha das máis sentidas cancións irlandesas (a un condenado a presidio por roubar millo para alimentar a súa familia, na época da Gran Fame). O Celtic de Glasgow (Escocia), fundado por católicos irlandeses emigrados, tamén goza das simpatías dos irlandeses; ben que o notamos no pub do noso hotel de Dublín polos berros de alegría de todos os clientes cando este equipo lle dera a volta ó marcador nun partido da previa da Champions.
Rúa céntrica de Belfast (XMLS)

Rúa céntrica de Belfast (XMLS)

Detivémonos no centro da cidade e deu tempo para dar un breve paseo polas súas rúas máis céntricas na tarde solleira que afortunadamente nos tocou. Malia certos acontecementos recentes –non había moito tempo que volvera haber enfrontamentos entre as dúas comunidades-, pareceunos unha cidade moi tranquila, e case parecía imposible un enfrontamento tan sanguento durante tantos anos nunha cidade que apenas chega ós 300.000 hab (non máis grande que Vigo ou A Coruña) e que, por forza, todos os veciños se teñen que coñecer.
Entre outros edificios monumentais, vimos o City Hall, coa súa monumental cúpula –edificio iniciado en 1888 para conmemorar a declaración de Belfast como cidade pola raíña Vitoria- e a Albert Tower, unha torre que recorda o Big Ben do Parlamento Británico, dedicada ó príncipe Albert, o marido da raíña Vitoria.

Xunto a unha tenda da firma galega Zara o noso grupo atopou unha rapaza galega, chamada Adriana (de Padrón), que se achegou a nós ó nos escoitar falar en galego. Acababa de chegar de Galicia de volta das súas vacacións. Conseguira traballo na cidade a través da Rede, primeiro coma coidadora de nenos e agora nunha tenda de roupa. Emocionárase ó escoitar falar no noso idioma e, como aínda traía a morriña da casa, non puido resistir a tentación de botar unha parolada connosco (unha mostra máis de que a lingua de noso é o que máis nos identifica: é o noso escudo, xa o dicía o poeta).
Con Adriana (a da maleta), a moza padronesa que se emocionou ó escoitarnos falar en galego (XMLS)

Con Adriana (a da maleta), a moza padronesa que se emocionou ó escoitarnos falar en galego (XMLS)

Non deu tempo para achegarnos ó Museo do Titanic, situado no porto, preto dos famosos estaleiros Harland and Wolff, onde se construíra antes de 1912. O Museo inaugurouse en 2012 para conmemorar o centenario do afundimento do transatlántico. Como aconteceu co Museo Guggenheim de Bilbao, este de Belfast contribuíu sen dúbida a mellorar a estética dos docks da embocadura do río Lagan.

Como xa non estaba previsto, tampouco puidemos achegarnos á fortaleza de Carrickfergus, protectora de Belfast e da súa baía en séculos anteriores. Carrickfergusé, ademais, o título dunha das baladas máis bonitas e melancólicas da música irlandesa, interpretada por moitos grupos e cantantes (entre eles Van Morrison, natural de Irlanda do Norte).
Con certa melancolía –nós tamén- emprendemos a viaxe de volta a Dublín e Dùn Laoghaire. Á noite houbo cea de despedida no hotel Tara Towers, que fora a nosa última base operativa.
Atravesando o río Liffey e despedíndonos de Dublín, co noso "comandante ó volante", Pablo Bustelo, levándonos ó aeroporto (XMLS)

Atravesando o río Liffey e despedíndonos de Dublín, co noso “comandante ó volante”, Pablo Bustelo, levándonos ó aeroporto (XMLS)

Ó día seguinte, xoves 29, Pablo Bustelo deixounos no aeroporto dublinés para despegar no Aer Lingus ás 12,30 horas, e el continuou cara ó porto irlandés de Rosslare para embarcar no ferry en dirección a Cherburgo (Normandía), facendo o resto do camiño cara a Compostela por vía terrestre.

En menos de dúas horas chegamos ben a Lavacolla e, á saída, fixemos varias fotos de familia.
O 31 de agosto o xornalista que nos acompañou, A. Lavandeira, publicaría a súa segunda e última crónica da viaxe en La Voz de Galicia (edición de Carballo): "Fin a una profunda inmesión en el celtismo atlántico. El Seminario de Estudos Comarcais regresa de su viaje por las leyendas" : http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2013/08/31/fin-profunda-inmersion-celtismo-atlantico/0003_201308C31C8991.htm
E, como dicía o coello Bugs Bunny… that’s all folks!  THE END
Saves and sounds at Lavacolla Airport (foto Emilio Roca)

Saves and sounds at Lavacolla Airport (foto Emilio Roca)

Limerick  (24-8-13)

Capítulo 3 Killarney – península de Dingle- Tralee – Adare – Limerick – Shannon (Viaxe a Irlanda)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 3: Killarney – península de Dingle- Tralee – Adare – Limerick – Shannon (sábado 24 de agosto)

Como preámbulo ó resumo desta xornada, algunhas precisións importantes, como a que nos fai Pablo Sanmartín, lembrándonos que tamén aquí en Galicia hai grupos musicais que animan bares e tabernas, coma Os Carunchos no barrio compostelán de San Pedro os venres pola noite.

Nin que dicir ten que agradecemos estas precisións dos excursionistas, como tamén agradecemos a súa colaboración desinteresada durante a viaxe: ademais de Pablo e Antón (xa citados), os doutores Chelo García e Xan Fernández, Emilio Roca (como intérprete e como reporteiro, pola excelente reportaxe de vídeo que nos enviou o día 12 de setembro), Xan Fernández Carrera e todos/as os/as que amablemente propuxestes ideas e mesmo críticas. Non esquecemos a nosa benxamina Antía, sempre disposta a botar unha man, en especial como intérprete.

Postos a agradecer, rogámoslle á viaxeira Fina Barbeira que lle transmita ó seu fillo Javier Val o noso agradecemento por nos facilitar cadansúa copia das películas que fomos vendo nos traxectos longos, todas elas –de épocas distintas- evocadoras de importantes episodios da historia recente de Irlanda: O home tranquilo (1952; As cinzas de Ánxela (1999) e No nome do pai (1993). O outro filme, A filla de Ryan (1970) foi un agasallo particular de Pablo Bustelo, o comandante ó volante, que a mercara en Killarney. Para completar a filmografía, recomendamos que vexades O vento que axita a cebada(2006), un drama ambientado nos complicados anos da guerra da independencia contra Gran Bretaña e na posterior guerra civil irlandesa (entre 1919 e 1923). Aínda que trata sobre un episodio da historia de Escocia, lembremos que Braveheart foi en parte rodada no castelo de Trim.

Dingle (24-8-13) XML

Rúa en Dingle. (Foto: XMLS)

Volvendo ó rego, o sábado 24 amenceu chuviñento e bretemoso, inaxeitado para visitar a península de Dingle, a fisterra irlandesa. De Killarney dirixímonos á baía de Dingle, avistando o mar na vila de Castlemaine. Continuariamos logo pola estreita estrada R-561 e chegamos a Dingle a media mañá sen que nos deixase nin o orballo nin a néboa. Aínda que a algún non lle gustou –e comprendémolo- tomamos a decisión de deternos en Dingle e non continuar deica Dunquin, como estaba no programa, posto que a persistente chuvia e, sobre todo a brétema, nos ía impedir ver a paisaxe e mesmo transitar polas estradas cada vez máis estreitas, con moitas curvas e á beira dos cantís. Deste xeito, empregamos máis tempo en Dingle, que é a poboación máis importante da fisterra irlandesa, que aínda hoxe ten certos lazos con Galicia, pois hoxe adoita ser porto-base dos nosos pesqueiros do Grand Sole. Houbo quen falou cun camioneiro galego que viña levar peixe para Galicia. Houbo quen se achegou á igrexa de Santiago e quen viu a inscrición alusiva ó embarque de peregrinos cara a Compostela. O que non sabemos é se alguén localizou a tenda de xoguetes Bréagáin (Breogán).

BREAGAIN BREOGAN DINGLE

A tenda de xoguetes Breogán de Dingle (foto Manuel Vilar, 2013)

De volta, atravesamos ó nesgo a montañosa península de Dingle e albiscamos pola parte norte a baía de Tralee. Aínda que algunhas guías comparan estas baías ou firths ás rías galegas, en realidade teñen orixe glaciar (polo tanto, co seu val en forma de U e non de V).

En Tralee [pronunciado trolí], onde aclarou algo o día –moi pouco-, xantamos e visitamos a pequena cidade, que é coñecida polo festival internacional de agosto Rose of Tralee e mais por certos feitos da historia de Irlanda que tiveron lugar alí ==> ver ITINERARIO, p. 11.

DSC05022 Tralee Bay (24-8-13)

Paisaxe rural na baía de Tralee (foto XMLS)

Esta foi unha xornada de estradas estreitas, onde comprobamos o respecto que en Irlanda se lles ten ós camiños tradicionais, especialmente se teñen valados de pedra a cada beira. Todos nos admiramos do civismo dos condutores que, en canto advirten a chegada dun autobús, se arriman á beira para ceder amablemente o paso. Un pouco canso de tanta estreitura, respiramos aliviados cando en Castleisland empatamos coa estrada nacional N-21 en dirección a Limerick, pero o noso gozo nun pozo, pois foi cando un inoportuno accidente que había na estrada nos obrigou a perder un tempo precioso.

Casa antiga de Adare (foto XMLS)

Casa antiga de Adare (foto XMLS)

Como estaba previsto, detivémonos en Adare, vila coñecida por conservar unhas casas con teito de colmo de máis de 200 anos de antigüidade. (Lembremos que nos Ancares galegos o empeño de moitos veciños -e alcaldes- era e segue sendo destruír as pallozas porque disque son signo de atraso. Hai anos quixérase facer nesta comarca un parque natural e os primeiros que se opuxeron foron os alcaldes aducindo que se lles quería condenar a a andar con taparrabos, coma nunha reserva india. Nin que dicir ten que, debido á destrución das pallozas e á súa substitución por casas “modernas”, os Ancares perderon moito do seu atractivo).

Limerick (24-8-13)

O río Shannon ó seu paso por Limerick, no chuviñento día 24-8-2013. ö fondo a ponte Thomond e o castelo do rei John (foto XMLS)

Por fin chegamos a Luimneach / Limerick, a 4ª cidade da República de Irlanda. Polo camiño foramos vendo o filme d’As Cinzas de Ánxela, ambientada nesta cidade e na que chovía sen parar todo o tempo; abofé que fixo honor ó filme, pois a chuvia non nos deixou nin por un momento durante a nosa estadía na cidade. Acompañados polo persistente orballo percorrimos a cidade de oeste a leste, visitando a catedral de Santa María, con fachada románica, a sede da Loxa Masónica, o castelo do rei John, a ponte sobre o río Shannon, o monumento á pedra do Tratado de 1691 (the Treaty Stone) e, sobre outra ponte, un monumento –cunha inscrición en gaélico e en inglés- dedicado a un dos nacionalistas fusilados polos británicos en 1916 (Thomas J. Clarke).

Malia que Limerick non recibe un bo trato na novela e no filme As cinzas de Angela, hai unha ruta turística urbana que percorre os lugares que se citan. O autor do libro -publicado en 1996 (Premio Pulitzer)-, o irlandés estadounidense Frank McCourt, conta a historia da súa infancia. Nacido en Nova York, fillo máis dun matrimonio de inmigrantes irlandeses (Malachy e Angela McCourt), en 1935 a familia decide retornar a Irlanda, á cidade de Limerick, onde van sufrir múltiples penalidades debido ó atraso do país, ós ríxidos costumes católicos irlandeses e ó dura que era a vida naqueles momentos. O filme (1999) foi dirixido por Alan Parker.

A Universidade de Limerick tiña -e supoñemos que aínda ten- un convenio coa Xunta de Galicia para que profesores galegos dos ensinos básico e secundario vaian perfeccionar o inglés nos meses de verán. O seu campus está situado na beira dereita do río Shannon.

Non sempre chove en Limerick; como proba, esta foto de xullo de 2006 (foto XMLS)

Non sempre chove en Limerick; como proba, esta foto de xullo de 2006 (foto XMLS)

A xornada rematou coa cea no hotel de Shannon. Tras a cea, no pub, tivemos unha actuación especial para nós dun cantor local, que nos amenizou a velada atendendo as nosas peticións especiais (Molly Malone, The fields of Athenry…), pero que nos defraudou porque era un dos poucos irlandeses que descoñecía non só a existencia de Galicia e de Santiago de Compostela, senón a do grupo Milladoiro e do gaiteiro Carlos Núñez. ¿De que lles valeron a estes tantas actuacións cos universalmente famosos The Chieftains?

O xornalista A. Lavandeira enviou a súa primeira crónica dos primeiros días da viaxe, que aparecería publicada en La Voz de Galicia (edición de Carballo) o 26 de agosto: “Un viaje por los mares legendarios del atlantismo celta”

Cap. I : Unha introdución histórica breve (Viaxe a Irlanda 2013)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 1: Unha introdución histórica breve

Do 22 ó 29 de agosto de 2013, 51 viaxeiros das Terras de Soneira, Nemancos e Bergantiños (Costa da Morte), da Coruña, Ferrol, Terra de Santiago, Terra de Montes e dalgún outro recuncho máis de Galicia viaxamos a Irlanda/Eire. Desexabamos coñecer os seus monumentos, -non só os prehistóricos, senón tamén os de todas as épocas- e achegarnos á súa fisterra occidental. Tamén nos interesaban a súa paisaxe natural, o seu urbanismo, as súas lendas, os seus costumes, a súa gastronomía, a súa música, a súa historia e a súa política actual. Seis días e pico non dan para moito, pero de certo sabemos algo máis do que sabíamos antes.
Conscientes de que para entender Irlanda era preciso ter unha visión global da súa historia, ademais dun Itinerario aproximado da viaxe, entregóuselle a cada viaxeiro unhas Notas sobre a Historia de Irlanda, tomadas principalmente de libros de texto para estudantes de bacharelato deste país (tamén dunha breve Historia de Irlanda e de moitas páxinas web).
Irlanda actual (a República de Irlanda independente e Irlanda do Norte, británica) é o resultado da súa convulsa historia, unha historia dominada polos británicos –particularmente polos ingleses- desde o séc. XII, na que vai ter un gran protagonismo o enfrontamento relixioso entre católicos e protestantes a partir sobre todo da Acta de Supremacía de 1534, pola cal o rei británico Henrique VIII rompía co catolicismo romano e instauraba o anglicanismo en Gran Bretaña e Irlanda.plantatio de cromwell
Pero a poboación irlandesa é o resultado da chegada de varios pobos á illa, desde os tempos máis remotos. A terceira das invasións, segundo o Leabhar Ghabála (‘Libro das invasións’) dos monxes irlandeses do séc. XII, seica procedía dos netos do ‘galaico’ Breoghan, os milesios, aló polo séc. V aC. Os fillos de Mil, neto de Breoghan, constituirían a sociedade celta irlandesa: os gaélicos, recoñecibles polos apelidos iniciados por Ó (Ó Neill) ou por Mac(Mac Donnell).
O britano san Patricio (séc. V) iniciaría a conversión ó cristianismo desta primitiva sociedade gaélica, facendo un labor semellante ó de san Martiño de Dumio (séc. VI) na nosa Gallaecia.
Os ataques dos viquingos escandinavos foron constantes nos séculos IX e X, atraídos pola riqueza dos seus mosteiros. Cidades coma Dublín, Cork ou Limerick teñen a súa orixe en asentamentos escandinavos.
Un rei gaélico de Munster (no sur da illa), MacMurrough, foi o responsable da invasión e conquista de Irlanda polos anglonormandos, pois chamou na súa axuda a Henrique II de Inglaterra. No ano 1172 o rei anglonormando conquista a illa facilmente e converte Irlanda na primeira colonia inglesa, colonización que duraría 750 anos (non remataría ata 1921).
No séc. XVI os Tudor acrecentarán a política anglicanizante, coa “doma e castración” (surrender and regrant) dos señores gaélicos (os chieftains) obrigados a render homenaxe ó rei inglés. A Acta de Supremacía de 1534 acrecentou a anglicanización, pois os irlandeses mantivéronse no seu catolicismo e iso serviu para discriminalos máis.
En 1590 vai ter lugar na provincia norteña do Ulster unha rebelión de dous condes gaélicos contra Isabel I que será a base do diferencialismo relixioso de Irlanda do Norte. Os condes Ó Neill de Tyrone e Ó Donnell de Tyrconnell resultan derrotados e, temerosos polas posibles represalias foxen da illa coas súas familias e cadanseu barco (Ó Donnell desembarcaría na Coruña). Coa fuxida destes condes desaparece o pouco que quedaba na vella nobreza gaélica. As súas terras quedan sen dono e os británicos aproveitan para darllas a colonos ingleses (anglicanos) e escoceses (presbiterianos). En 1640 xa había máis de 40.000 propietarios non irlandeses. Os seus descendentes constituirán o núcleo protestante de Irlanda.
En 1690 ten lugar a principal batalla da historia de Irlanda: a do río Bóinne. Nas beiras deste río vaise dilucidar o futuro de Irlanda e de Gran Bretaña. Dous aspirantes ó trono: Xacobo II, que quería que o reino volvese ó catolicismo romano e ó absolutismo monárquico, e Guillelmo de Orange, protestante, que aceptara a supremacía do Parlamento. Os católicos irlandeses apoiaron o primeiro e resultaron derrotados, o que supuxo o seu total sometemento á minoría protestante irlandesa: a Protestant Ascendency  ‘o Dominio Protestante’, que supuxo a total discriminación da maioría católica irlandesa, sometida incluso a leis penais (Penal Laws) que lles impedía a práctica da relixión, o acceso á escola e a calquera posto político importante.
Un século despois, en 1798, ten lugar unha revolución inspirada na Revolución francesa liderada por Theobald Wolfe Tone, membro da Igrexa de Irlanda, pero non rico abondo para pertencer á Protestant Ascendency. Wolfe Tone logra unir a grupos de presbiterianos do Ulster na súa rebelión, a favor dunha República de Irlanda (é o pai do republicanismo irlandés). Houbo loita armada e Tone mesmo vai ir a Francia en busca de axuda, que obterá, dos revolucionarios franceses. Finalmente, o exército británico do xeneral Lake logra, mediante unha terrible represión, vencer os rebeldes do norte e do sur, e, precisamente polas execucións sen xuízo de católicos por parte de Lake, masas populares católicas incendian un Wexford unha prisión na que morreron máis de cen prisioneiros, a maior parte protestantes. A matanza de Wexford  motivou que os presbiterianos do Ulster empezasen a desconfiar dos católicos, e desde aquela nunca máis se sumarían a ningunha rebelión contra Londres, e, ó contrario, pasarían a ser unionistas coa Gran Bretaña.
Aproveitando o fracaso da rebelión, o goberno británico impuxo unilateralmente a Acta de Unión do ano 1800, que deixaba Irlanda sen Parlamento e integraba no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.
Na primeira metade do séc. XIX, o político Daniel Ó Connell –o apóstolo da non-violencia- loitará pola derrogación desta Acta de Unión e pola emancipacións dos católicos. Logrará o segundo, que rematará coa discriminación dos católicos e logrará o libre exercicio do seu culto-, pero non o segundo.
Entre 1845 e 1849 terá lugar a Gran Fame, que provocará a morte de máis de un millón de labregos irlandeses e o inicio da emigración en masa ós Estados Unidos e a outros lugares. Irlanda sufrirá unha perda demográfica da que aínda hoxe non está totalmente recuperada.
Charles Steward Parnell será o político máis importante da segunda metade do séc. XIX.  O seu Partido Parlamentario Irlandés sentará as bases dun partido moderno que logrará manexar a política no Parlamento británico ó seu gusto, pois apoiará a liberais e conservadores –sobre todo ós primeiros- segundo a súa comenencia. Foi chamado “o rei sen coroa de Irlanda”.
Entrado o séc. XX, ten lugar un feito que marcará un antes e un despois na política irlandesa: o levantamento do Luns de Pascua (Eastern Monday Rising) de 1916: aproveitando que Gran Bretaña estaba metida na Primeira Guerra Mundial varios líderes nacionalistas ocupan importantes edificios de Dublín e proclaman a independencia de Irlanda. Foron duramente reprimidos e 14 deles fusilados na prisión de Kilmainham. Estas execucións provocaron un movemento de simpatía popular polos sublevados. O Sinn Féin, un partido monárquico ó que erroneamente se lle atribuiu a rebelión, empezou a ter cada vez máis apoios.
partición de 1920 irlanda
Entre 1919 e 1921 ten lugar a guerra da independencia contra Gran Bretaña. En 1920 o goberno británico decida apartición de Irlanda: Irlanda do Norte (o Ulster protestante) e Irlanda do Sur. O Primeiro Ministro de GB, Lloyd George, acepta discutir un posible tratado de paz. O Sinn Féin envía a Griffith e a Michael Collins (fundador do IRA) para as conversacións.
Tratado Anglo-Irlandés (1921) polo que se creaba o Estado Libre Irlandés (Irish Free State) e se aceptaba a partición da illa, non é aceptado por parte do Sinn Féin (Éamon de Valera) e iso dará lugar á guerra civil irlandesa (1922-1923) na que os partidarios e os contrarios ó Tratado se matarán entre si. Unha das vítimas foi Collins.
Rematada a guerra, o Sinn Féin dividirase entre os partidarios do Tratado (desde 1933 a hoxe representados por un novo partido: o Fine Gael) e os contrarios a el (desde 1926 a hoxe, o Fianna Fáil). En 1937, con De Valera (Fianna Fáil) no poder, promulgarase a nova Constituciónde Irlanda, na que se segue reclamando o control de toda a illa nos artigos 2 e 3. Estes artigos serán eliminados en 1998, cos acordos de paz promovidos por Tony Blair.
En 1949 o goberno corta os vínculos coa Gran Bretaña e coa Commonwealth e proclama a República de Irlanda (Eire en gaélico), rematando co Estado Libre.
Irlanda do Norte terá unha existencia á parte a partir da partición da illa en 1920, aceptada pola maioría protestante. O seu primeiro Primeiro Ministro James Craig favoreceu un Estado Protestante para os protestantes, marxinando a maioría católica, maioritariamente republicana.  O Partido Unionista gobernou deica 1972.
Na década dos sesenta, os católicos maniféstanse reclamando os Dereitos Civís, que se lles negaban (coma ós negros nos Estados Unidos). O IRA Provisional apoia estas protestas con atentados terroristas, que reciben a resposta dos grupos terroristas protestantes (as Forzas Voluntarias do Ulster).
Finalmente, en 1994 o IRA declara un alto o fogo, e, catro anos despois, en 1998, ten lugar o feliz Acordo de 1998, promovido polo laborista Tony Blair, polo cal a república de Irlanda elimina da súa Constitución os artigos 2 e 3 e o goberno de Irlanda do Norte deberá ser compartido. Isto dá lugar á relativa paz que agora impera, cos seus máis e os seus menos.
(Para ter unha visión máis ampla da Historia de Irlanda)