• info@semescom.gal

Tag Archives: incendio

O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte súmase ao "luito" pola Barca

Artigos publicados en La Voz de Galicia. 26-12-2013

A gran familia da Costa da Morte está de «luito» pola Barca

Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

Espertar coa mala nova do incendio do santuario da Barca de Muxía foi terrible. Como presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte e como membro da Fundación López Abente, lamento na alma esta inagardada desgraza e comparto a dor da vila e do concello de Muxía. A perda emocional e material non é só para os muxiáns, senón que tamén a sentimos como propia os nativos nas comarcas fisterrás da Costa da Morte e estou seguro que Galicia a debera sentir, pois a Barca era (e é) moito máis ca un centro de peregrinación: era e seguirá sendo un dos nosos principais sinais de identidade, que mesmo transcende o sentimento relixioso. Nestes momentos a perda que parece irreparable é a artística, sobre todo os seus tres ben labrados retablos de estilo barroco, dous laterais e o maior, feitos entre 1719 e 1726, polo tanto, próximos a cumpriren os trescentos anos. O lateral sur, de san Xoán, doárao un fidalgo da casa de Romelle (Zas), D. Juan de Caamaño. O maior, obra do gran mestre compostelán Miguel de Romai, fora doazón dos grandes benfeitores do santuario, os condes de Maceda. Póñome agora a consultar datos dos muxiáns estudosos de todo o da Barca: J. E. Rivadulla Porta, Antón Castro e Xan Fernández Carrera, compañeiro este do Seminario de Estudos Comarcais.

Quero imaxinar unha Santa Compaña de muxiáns esbagullando no Alén por esta desfeita: o citado Rivadulla Porta, López Abente e Paz Lestón, o crego Canosa Mouzo… e, como non, o historiador Antonio de Rioboo e Seixas, que en 1728 fixera apoloxía da Virxe muxiá con aquel poema La barca más prodigiosa. Uniranse á Compaña celestial outros poetas universais, coma Rosalía de Castro ou Federico García Lorca, que poetizaran a romaría. Hoxe a gran familia da Costa do Solpor, co Crego Sabio á cabeza, está de luito, pero que saiban os nosos amigos e amigas muxiáns -Viki e Xosé H. Rivadulla, Manolo Vilar, Suso Sambade, J.E. Benlloch, Arturo Suárez, Amparo Baña, Rosa Rial, Rosalía Fernández e tantos outros-, e tamén o alcalde Félix Porto, que non están sós, que nos acabaremos recuperando desta como nos recuperamos doutras. A ver se desta vez os que nos gobernan non nos viran as costas coma en tantas outras ocasións (Prestige, Monte Pindo…).

 

O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O santuario da Barca, 24 horas despois do incendio. /Foto: Manuel Rial/

O lume non pode queimar a nosa memoria

Manuel Vilar, vicepresidente do SEMESCOM

Curiosamente onte fun visitar un amigo ao hospital. Falamos longo sobre temas que teñen que ver coa identidade e memoria do nós colectivo. El, que percorreu o país facendo arqueoloxía e etnografía hai corenta anos, recordou unha frase dun paisano: o que non se recorda non existe. O lume vén de arrasar o santuario da Virxe da Barca. Un patrimonio artístico e histórico de considerable valor foi comesto polas lapas. Todo desapareceu para sempre. Por suposto que tanta destrución afecta aos elementos que configuran o simbólico e o identitario, elementos que inciden na construción das identidades persoais e sociais. Todo isto vaise ver moi afectado, pero non pode desaparecer porque entón desapareceriamos nós. De aí que incidamos na capacidade do recordo como memoria para seguir existindo, pois si somos é porque temos memoria e a Barca é un lugar da memoria colectiva. O santuario da Barca é un lugar simbólico situado nun espazo único. Esa contorna incidiu na definición do seu aspecto relixioso. A devoción é tamén unha construción cultural que estrutura a vida social e articula a memoria. É difícil, pero hai que mirar adiante. O lume ten destruído outros lugares emblemáticos, como santuario de Oñate ou o Liceo de Barcelona, por citar só dous exemplos. Estes sitios rexurdiron das cinzas e seguen sendo o que foron: lugares cun peso simbólico determinante. Temos que traballar para rexenerar o santuario muxián e que siga sendo un referente na nosa xeografía espacial e simbólica, un lugar para a nosa memoria.

O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente

Miro Villar, SEMESCOM

O incendio da igrexa santuario da Virxe da Barca provocou a desfeita e a desaparición dun legado histórico e patrimonial, no que sobranceaba o retablo da autoría do escultor compostelán Miguel Romay. O poeta Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza, tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles No coroamento da Virxen da Barca.

Deixou sen publicar moitos versos que a honran. Será despois do seu pasamento (1963) cando vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e do que salientamos o artigo Presencia da obra de López Abente que asina Salvador Lorenzana (seudónimo de Fernández del Riego) despois dos quince poemas, nun dos mellores e máis completos estudos sobre a biografía e a obra do poeta, que tamén inclúe un apartado para a súa obra en prosa. Ademais leva unha introdución de Sebastián Risco, que xa prologara o libroCentileos nas ondas (1958) e que nesta altura era presidente da RAG, intitulado No adral, do que tomamos estas palabras: «Gonzalo López Abente non tiña tocado deica entón en ningún dos seus libros príncipe de poesías, ao menos de xeito escrusivo e con unidade formal, o tema relixioso, nin adoitou poetizar a súa devoción á Virxen da Barca. Fai falla pescudar moito niles pra atopar composiciós dise tenor. Apenas unha, A Pedra da Barca, na que ise tema tócase tanxencialmente, enEscumas da Ribeira; outra, O Santo Cristo de Fisterre, en Nemancos. Ningunha máis poidemos alcontrar nin en Centileos nas ondas nin no seu libro póstumo Decrúa. Na súa obra, a paisaxe, enxergada dun xeito simbolista e cósmico que transparenta no poema Nosa Señora a Terra, é a verdadeira fonte de inspiración. E, sobor de todo, o mar, co que il se identificou en termos de posesión chamándolle «o meu mar», foi o gran protagonista da súa obra poética».

Con todo, sen coñecermos a razón, os compiladores desde libro de 15 poemas non inclúen a composición que López Abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título Retabro da Barca, na revistaVida gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. Velaquí: RETABRO DA BARCA,

 

A Miguel Romay, escultor santiagués

autor deste manífico retabro:

Lostregaron no souto escentileos

do aceirado sorrir da ferramenta.

Suspenso e trepezal o bosco alenta

e o xenio creador baixa dos ceos.

Renxer de serras, machadazos crúos,

toradas a rolar polas encostas,

as mans do artista a traballar dispostas

e os portentos en pé, ceibos e múos.

Castiñeiros do monte esnaquizados

en pezas ben miudas, ao Obradoiro

fóstedes polo boi marelo ou loiro

nos carros cantareiros carrexados.

E bebe a inspiración do seu poema

o poeta cantor en Compostela.

¡Pregaria a revoar na gran capela

en onde a Virxen nunha barca rema!

O sol, no lenzo azul, da a derradeira

pincelada de ensoño, e a pregar

cai de xoellos, devoto, na fogueira

onde se beixan o alto ceu e o mar.

As vagas de cristal rompen na orela

lixando o espazo nu de húmeda bruma,

e ao estreitaren de bruzos a capela

vese o milagre buligar na escuma.

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camarín os abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

O retabro de pé no Santuario

deixa o castaño, e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

 

Villar é ademais vogal da Fundación López Abente