I ENCONTRO “PATRIMONIO CULTURAL E ACCIÓN SOCIAL” (INFORME)
(Consello da Cultura Galega, Santiago, 25-09-2015)
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, representado polo seu presidente (Xosé Mª Lema) e polo seu vicepresidente (Manuel Vilar) acudiu o día 25-09-2015 ó I Encontro ‘Patrimonio Cultural e Acción Social’, celebrado na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) no Pazo de Raxoi de Santiago. A nosa entidade fora unha das quince asociación galegas invitadas pola Comisión do Patrimonio do CCG que dirixe o arquitecto Iago Seara, e da que forman parte o antropólogo Marcial Gondar Portasany e o arqueólogo Manuel Gago.
Entre estas asociacións estaban: “A luz das mámoas”, do Saviñao (Lugo), “Centro de Estudos Chamoso Lamas”, do Carballiño (Ourense); Costa dos Castros (Comunidade de Montes do Concello de Oia-Pontevedra); Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial; Instituto de Estudos Miñoranso (Val Miñor-Vigo, Pontevedra); Mariña Patrimonio (Lugo); O Sorriso de Daniel (a representante era da Baña); Patrimoniogalego.net; Plataforma Cidadá en defensa do Castelo de Monterrei (Ourense); Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Fundación Xosé Soto de Fión (O Saviñao-Logo).
Tamén estaban na reunión, como observadores, outras persoas relacionadas co Patrimonio.
Os/as representantes de cada unha das entidades dispuxeron de 4 minutos para expoñer, por unha parte, 1) os Obxectivos e traxectoria; 2) os desafíos de cara ó futuro (e como os pode apoiar o CCG).
A intervención dos representantes do SEMESCOM estivo fundamentada nun documento que previamente se enviara á organización, no que se enumeraban case todos os traballos realizados por membros do Seminario desde a súa fundación oficial o 24-09-2004 á actualidade (casualmente acabábanse de cumprir dez anos).
O traballo desta década resúmese nestas publicacións (e non só):
-18 libros
-7 documentais
-5 calendarios
-1 Simposio internacional
-1 cartel-sinalizador dos Penedos
Obviamente, na presentación non se enumerou todo, senón que se fundamentou no texto inicial (p. 1), na metodoloxía para dar a coñecer o noso patrimonio e nas liñas de investigación e divulgación deste patrimonio (a partir da p. 2):
1) Posta en valor do patrimonio megalítico da Costa da Morte;
2) Recuperación en posta en valor do patrimonio etnográfico e antropolóxico (batáns do Mosquetín, hórreos, romarías…);
3) Protección e posta en valor dos elementos da nosa paisaxe natural (os Penedos de Pasarela e Traba).
4) Os faros e as paisaxes mariñas.
5) O patrimonio artístico da CM
6) Divulgación histórica varuada
7) Divulgación literaria
8) Dinamización da vida cultural etc.
Na exposición fixemos fincapé na nosa disposición aberta a colaborar coas concellos da zona e coa Administración provincial (a Deputación, a quen lle debemos as axudas para as nosas publicacións en base ó convenio “Percorrendo Vieiros da Costa de Morte”) e tamén coa autonómica, que sempre tivo para nós o “non” como resposta máis frecuente. Puxemos como exemplo paradigmático a recuperación do conxunto etnográfico do Mosquetín, no que se botou por volta de vinte anos petando nas portas das sucesivas direccións xerais do Patrimonio da Xunta e nunca se nos fixo caso, rexeitando incluso que se declarase Ben de Interese Cultural (BIC) malia o informe positivo das catro entidades consultadas (entre elas o CCG) e que, cando todo parecía perdido, a salvación do conxunto veu grazas a unha persoa, o polígrafo Felipe-Senén López, que desde o seu posto técnico cultural na Deputación da Coruña o solucionou nun pestanexo: foi así como a Deputación adquiriu o que quedaba deste conxunto e posteriormente o restaurou. Non é de recibo que neste país sempre esteamos dependendo de que algunha persoa con decisión se atope no sitio oportuno no momento preciso.
Outro caso que citamos das negativas da Xunta ó patrimonio da Costa da Morte foi o dos Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Protexida no DOG o 14-01-2009 coa obriga da Xunta de Galicia de poñelo en valor e preparalo para as visitas nun prazo de dous anos (é dicir, en xaneiro de 2011), pero o Goberno de Núñez Feijoo fixo caso omiso desta obriga; para el o publicado no DOG é papel mollado: impera “il dolce far niente”.
No diálogo posterior, baseándonos nas nosas abondosas publicacións, e fachendeamos de que na Costa da Morte os membros do Seminario puxemos a disposición das Administracións practicamente todo o que hai que ter para aproveitalo para a creación de rutas ou do que sexa; dámoslle o traballo feito, case todo, sen nos importar a cor política sempre e cando manifesten interese. Poderiamos resumir a nosa disposición parafraseando aquela tan repetida frase do Cantar do Mio Cid: “Que bos vasalos se houbese bos señores”.
A inmensa maior parte das asociacións aproveitaron o Encontro para denunciar a inoperancia e desidia da Dirección Xeral do Patrimonio e doutros organismos da Xunta de Galicia. Citáronse polo miúdo moitos casos semellantes de desidia deste organismo, ó que chegamos a considerar “o maior inimigo do noso Patrimonio”.
Falouse da necesidade de dar a coñecer o noso patrimonio á xente común –centrouse moito o tema na zona rural (case todas as asociacións eramos de áreas non urbanas)-, para, por exemplo, que non se destrúan mámoas ou castros pola ignorancia da xente.
Dalgún xeito, a pretensión da Comisión de Patrimonio do CCG, representada por persoas probadamente defensoras do patrimonio, ademais de coordinarnos e de preparar un encontro xeral de asociacións máis amplo, é ser dalgún xeito intermediaria entre as asociacións e a Administración (Xunta de Galicia), e tamén como medio para facer chegar á sociedade galega en xeral unha maior sensibilización cara ó patrimonio galego mediante a publicación na prensa das posibles infraccións. Tamén se falou de apoios puntuais ante a Administración, como recentemente aconteceu coa Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, aínda que de pouco serviu, polo visto, pois a conversión do castelo en parador seguíu adiante.
Quedou, polo tanto, o encontro aberto a próximas convocatorias.
Ó final fixemos entrega para a Biblioteca do CCG dun exemplar de cada unha das nosas publicacións e documentais ó longo destes dez anos de existencia, cousa que agradeceron de palabra.
Varios integrantes das outras asociacións manifestaron grande interese polo noso traballo, que en boa parte lles era coñecido.
O Consello da Cultura Galega organizou para este venres 25 de setembro o I Encontro Patrimonio Cultural e Acción Social no que dez entidades de carácter local/comarcal que teñan desenvolvido unha traxectoria de documentación/protección/
O número de organizacións chamadas é limitado, para que todas poidan ter voz e intercambiar experiencias. O encontro será este venres en Santiago de Compostela.