O pasado 16 de xaneiro —terceiro domingo de mes establecido pola tradición secular—, a ancestral feira de Baio iniciaba unha nova etapa, pois pasaba a situarse na nova praza da vila, inaugurada o 30 de decembro de 2021. Este primeiro Día de Baio que vai quedar para a historia foi todo un éxito de visitantes e de feirantes. Todo parece augurar un futuro esperanzador para a reactivación da economía, non só local, senón tamén comarcal. Os nosos parabéns para a corporación municipal de Zas polo logro.
No ano 2007, Xosé María Rei Lema e quen subscribe publicabamos un libriño de 64 páxinas titulado A Feira de Baio. O mercado máis antigo da Terra de Soneira que dedicábamos a todos os veciños de Bamiro, Baio e doutras moitas parroquias da Terra de Soneira e Bergantiños que, «como fixeron tantas veces os seus antepasados, seguen defendendo a súa feira». Unha feira chamada «de Baio» pero que sempre estivo situada no chamado Campo da Feira da Piroga (Bamiro-Vimianzo), ó outro lado da ponte e na aba nordeste de Monte Torán. Así o demostran abundantes documentos dos séculos XVIII, XIX e XX. O máis antigo data de 1741, hai agora 280 anos. Aparece a referencia no Libro de Fábrica 1730-1804 da parroquia de Bamiro, e por el temos a absoluta certeza de que a feira xa se celebraba o terceiro domingo de mes: un visitador pastoral prohibíalles ós sacerdotes que fixesen misa na ermida de san Roque «el día que se celebra la feria en el campo ynmediato a dicha capilla». Recollíase moita esmola e os cregos fixeron caso omiso das sucesivas ameazas —mesmo de excomuñón— dos visitadores. Fálase dela no Catastro de Ensenada (1753) e o ilustrado J. Lucas Labrada salienta en 1804 a súa importancia económica. O lugar da feira aparece sinalado con moita precisión no famoso mapa de Galicia de Domingo Fontán (1834), e tamén se indica que está na Piroga (sic, con ) no Diccionario de Pascual Madoz (1847-1850), tomos III e XVIII.
Andando o tempo, quen si atacaría con teimosía a celebración feiral en domingo sería Nicolás Parada, párroco de Bamiro de finais do século XIX. En 1894 escríbelle ó arcebispo de Santiago para instar a que se prohíba a celebración dominical debido a que a xente deixaba de ir á misa ou non atendía a ela.
Advertía tamén do perigo das feiras, polos ladróns e pícaros que provocaban liortas e polas borracheiras, pero sobre todo polo perigo moral de «los jovenes de ambos sexos que se juntan, pasean, comen, beben y marchan de noche juntos a las aldeas». Aínda que publicamos parte deste relato os autores de Zas polo miúdo (2020) e O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira (2019), quen descubriu o documento e realizou unha investigación exemplar —aínda inédita-—foi o profesor Juan Félix Neira Pérez, a quen animamos a que a publique agora ó completo, pois na descrición do cura Parada hai unha magnífica enumeración de todo o que se vendía nos postos da feira e dos lugares de procedencia dos feirantes. Un espléndido documento histórico, sociolóxico e etnográfico.
Desidia
Pola desidia das Administracións locais, a feira ía camiño da súa desaparición a finais do século pasado e a principios do actual. No ano 2007 o Campo da Feira da Piroga estaba no máis completo abandono e os tendeiros pasaron a instalarse na baiesa avenida Vidal Ríos. Agora cambia o lugar de situación e abofé que se atinou con el, pois, pola proximidade á ponte de Baio, a celebración continúa favorecendo os negocios das dúas beiras do río, como así fora sempre. A data do pasado 16-01-2022 debería ter unha placa conmemorativa na praza, como inicio dunha nova etapa, esperemos que ventureira, e non sobraría incluír nela un recordo-homenaxe á feira de Baio como motor económico que foi da vila e da comarca durante 300 ou máis anos.