• info@semescom.gal

Tag Archives: declaración Terra de Soneira

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

O 20-10-96 o Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial da Xunta de Galicia, presidido por Andrés Precedo Ledo (catedrático de Xeografía da USC), presentara a súa proposta de Mapa Comarcal de Galicia, e nela ignorábase a Terra de Soneira, incluíndo o seu territorio, sen máis, na polo Gabinete denominada Comarca de Fisterra (co cal, unicamente se facía coincidir co Partido Xudicial de Corcubión, creado en 1833).

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Mobilización popular inusual

Isto motivou unha mobilización popular inusual a favor do recoñecemento oficial da comarca. Por unanimidade, os plenos municipais dos concellos de Camariñas (alcalde Bautista Santos), de Vimianzo (Alejandro Rodríguez) e de Zas (Ernesto Rieiro) presentarían na Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia alegacións a prol do recoñecemento oficial desta terra (sinónimo de comarca), acompañadas dun longo Informe histórico de quince folios e doutro xeográfico, elaborados por quen subscribe (o primeiro) e por Evaristo Dominguez (o segundo); os vimianceses Roberto Mouzo e Andrés Pose achegarían estudos cartográficos. Xunto cos concellos tamén presentaran alegacións unha vintena de asociacións culturais e veciñais e varios veciños a título individual.

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón..., p.18) copia

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón…

O finado Roberto Mouzo tamén fora autor dun gran mural pintado na parede dun edificio lindeiro coa Praza do Concello de Vimianzo, coa lenda “Terra de Soneira, terra milenaria” sobre as siluetas de tres significados monumentos soneiráns: o castelo de Vimianzo, a ponte de Brandomil e o faro do cabo Vilán. Estaría ben que se repintase este mural para o ano que vén, cando se cumpran os vinte anos. Para o 2017 tamén sería bo que os concellos de Vimianzo e Zas colocasen nas estradas de entrada á comarca (na C-552, na C-404 e na C-441) uns grandes letreiros dándolle a benvida ó viaxeiro á Terra de Soneira.

Quen subscribe, afeito como estaba a que a Administración autonómica fixese oídos xordos ás reivindicacións desta nosa marxinada zona, o certo é que non pensei que nos fixesen caso. Deste xeito, cando o 20 de febreiro de 1997 a prensa deu a noticia de que o Gabinete de Planificación aceptara as nosas alegacións, de tal xeito que a histórica Terra de Soneira quedara finalmente incluída dentro das 53 comarcas do Mapa Comarcal de Galicia, levei unha agradable sorpresa, pero tamén un bo anoxo, pois, coma os madianitas (aquel pobo bíblico, preguiceiro, que esperaba a que os hebreos tivesen as colleitas a punto para roubarllas), xa houbera quen se apuntara o éxito: un significado concelleiro do PP de Vimianzo, que adiantara a noticia engadindo que fora grazas ós seus “ímprobos esforzos” e influencias políticas. Así e todo, axiña quedou co cu ó aire, pois ninguén dera o máis mínimo creto ás súas afirmacións.

O Mapa Comarcal de Galicia publicaríase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 3 de abril de 1997, e desde aquela a Terra de Soneira figura con fachenda entre as 53 comarcas galegas. Mágoa que o propio goberno galego, impulsor do Mapa, nunca crese realmente na comarcalización e que non se lle dese contido político á comarca. ¿Como no se fai agora que tanto se fala da redución de concellos? ¿Que mellor cousa que mancomunar servizos comúns por comarcas, poñamos por caso? Na Terra de Soneira parece que os tres alcaldes actuais (Manuel V. Alonso de Camariñas, Manuel Antelo de Vimianzo e Manuel Muíño de Zas) algo intentaron, pero non sei se quedaría a cousa en auga de castañas. Sería un bo exemplo para todo Galicia se isto se lograse.

A festa polo recoñecemento oficial da comarca: os “Soneiráns de honra”

4. A festa polo recoñecemento oficial da comarca. copia

A festa polo recoñecemento oficial da comarca

Celebrouse na Praza do Concello de Vimianzo, e, segundo as crónicas, a ela asistiron unhas 400 persoas. Fora presidido polos tres alcaldes e presentado por Manuel Antelo Pazos (actual alcalde de Vimianzo), que empezara a súa intervención cun “¡Viva a Terra de Soneira!” para seguir dicindo que os sólidos argumentos presentados (históricos, xeográficos, cartográficos) botaran abaixo os argumentos dos autores do primeiro Mapa.

O momento máis emotivo fora cando se entregaran os pergamiños cos títulos de “Soneiráns de honra”: a Xosé Luís Acción (presidente da federación de asociacións de Zas), ós vimianceses Andrés Pose e Roberto Mouzo; ó zasense da Gándara Evaristo Domínguez e a quen subscribe. Tamén o recibira o escritor Manuel Rivas, que daquela residía na Irroa (Vimianzo), que o recibira de mans do alcalde Alejandro Rodríguez, quen adiantara que ía nomear a Rivas –que acababa de recibir o Premio Nacional de Literatura- fillo predilecto de Vimianzo (promesa que nunca se vería cumprida, quizais pola oposición do escritor a que os Penedos de Pasarela se convertesen nunha canteira).
Finalmente, e por sorpresa, os membros da organización tamén lle entregaron o pregamiño de “Soneirán de honra” ó muxián Moncho Gándara, concelleiro do BNG de Vimianzo, que fora o verdadeiro organizador na sombra do acto. Lembro que Moncho, coa súa flegma habitual, cando o foi recoller limitouse a dicir un lacónico “Moitas gracias”, sen máis requilorios. Moito teriamos outros que aprender del.

CONTINUAR LENDO (Parte II)

Dúas décadas da reaparición no mapa da Terra de Soneira

Xa van 19 anos, certo: o 20 de febreiro de 1997 deuse a noticia de que o Gabinete de Planificación da Xunta de Galicia dera por bo o longo informe de 15 folios que Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, A.Pose e Xosé María Lema elaboraran e que os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas refrendaran por unanimidade nos seus plenos. A unanimidade na reclamación valeu moito. Foi un triunfo (colectivo) inesperado. No libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010) explicamos o proceso e os motivos polos que unha comarca milenaria como a Terra de Soneira non podía quedar no esquecemento. En contra do que moitos pensan, a Costa da Morte non é unha comarca, senón unha rexión xeográfica como as Rías Baixas ou Altas; esta rexión co cabo de Fisterra como mascarón de proa estaría integrada polas comarcas históricas de Bergantiños, Terra de Soneira, comarca de Fisterra (ou Terra de Nemancos) e mesmo Xallas (a vella Trastámara). En fin, que o “Mapa Comarcal de Galicia” definitivo sairía publicado no DOG o 3-4-1997 e a festa popular sería o 14 de marzo en Vimianzo, organizada polo “argalleiro” maior da comarca, Moncho Gándara (que tamén recibiría o seu diploma, ben merecido). Reconforta rememorar pequenos triunfos. 

Xosé María Lema Suárez.
terra de soneira

Mapa da Terra de Soneira (autor: Roberto Mouzo, en: A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Eds. Xerais, 2010)

Estes días podemos ler artigos sobre o asunto en www.quepasanacosta.gal e www.lavozdegalicia.es

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Por Xosé María Lema Suárez

 

La lucha por el reconocimiento de Terra de Soneira en el reparto comarcal tuvo un éxito nominal

Por Juan Ventura Lado