O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e a Asociación de Empresarios de Camariñas comprácense en convidalo á presentación do libro É un cíclope soberbo… I Certame de poesía dos Faros da Costa da Morte que terá lugar o vindeiro sábado día 29 de marzo ás 19 horas no Faro Vilán (Camariñas).
O libro, que leva por título o verso do poeta López Abente, É un cíclope soberbo…, foi editado polo Seminario de Estudos Comarcais grazas á subvención da Deputación da Coruña de 2013. Nel recóllense, xunto co poema de Abente, os poemas premiados no I Certame de poesía sobre os Faros da Costa. Oito poemas das tres categorías que un xurado composto por Alexandre Nerium, Miro Villar e Xosé Mª Rei outorgara na categoría de adultos a Modesto Fraga, Rocío Leira e Dolores Canosa; na segunda categoría os premios foron outorgados ex aequo a Darío Miranda e Ana Mª Rey; e na categoría de menores de 12 anos as gañadoras foron Nuria Vilariño, Elisa de l Pilar Pradales e Yaiza Romero.
O acto de presentación, que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios de Camariñas, comezará ás 19 horas coa proxección do documental Os Faros da Costa da Morte, tamén editado polo SEMESCOM, faráselle entrega dos exemplares aos autores dos poemas e aos membros do xurado, e rematará cun recital de poesía.
Con este libro o Seminario de Estudos Comarcais faille unha pequena homenaxe póstuma ao vimiancés Roberto Mouzo, membro fundador da asociación, poñendo na portada un dos seus debuxos, coincidindo ademais que saiu do prelo no cabodano do seu prematuro falecemento.
A obra preséntase este sábado 29 no auditorio do Faro Vilán ás 19.00h. Organiza o SEMESCOM. Colabora Asociación de Empresarios de Camariñas.
Por Ángel Palmou (La Voz de Galicia. 04 de marzo de 2014)
A súa publicación non estaba inicialmente prevista, pero unha achega da Deputación fará posible que dous anos despois os textos premiados no primeiro certame de poesía sobre os faros da comarca convocado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte vexan a luz.
O libro xa saíu da imprenta e, segundo avanzou onte o presidente do Semescom, Xosé María Lema Suárez, previsiblemente será presentado de xeito oficial este mes. «Aínda non temos a data exacta nin o lugar, pero estaría ben que fóra nun faro, tal vez no Vilán», avanzou tras detallar que foron editados un total de 300 exemplares.
Os versos de Modesto Fraga, Rocío Leira Castro e María Dolores Canosa López -gañadores dos tres primeiros premios na categoría de adultos-; Ana María Gil Rey e Darío Miranda Pastoriza -galardoados na de 13 a 16 anos-, e Nuria Vilariño Lema, Elisa del Pilar Pradelas Martínez e Yaiza Romero Martínez -na de menores de 13 anos- compartirán espazo con poemas de outros autores da comarca, tanto de décadas atrás (como López Abente) como actuais (Miro Villar ou Alexandre Nerium) que tamén se inspiraron nos faros que alumean este litoral.
O libro leva un texto introdutorio de Manuel Vilar, vicepresidente do Semescom, ilustración e fotografías e servirá para homenaxear tamén a un dos grandes colaboradores da entidade, Roberto Mouzo Lavandeira -falecido en febreiro do 2013-, posto que na portada do volume pódese ver unha imaxe dun faro realizada por el.
Un ano despois, o noso compañeiro Roberto Mouzo Lavandeira segue na memoria.
A última publicación do Seminario de Estudos da Costa da Morte (I Certame de Poesía sobre faros da Costa da Morte) aínda sen presentar) vai dedicada a el. O faro Vilán da portada é da súa autoría. Roberto, coma o seu irmán o pintor Antón Mouzo, segue a estar connosco.