Despois da primeira parte na que se percorreron as comarcas de Bergantiños occidental e Terra de Soneira, chega o momento da prometida segunda parte: Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. Deste xeito nestes dous volumes o Seminario de Estudos Comarcais realiza un fondo traballo de análise dos cruceiros máis destacados da Costa da Morte.
Nesta segunda parte, encomendada ao historiador Manuel Vilar, o estudo céntrase na comarca de Fisterra e os concellos de Mazaricos e Carnota. Un territorio extenso no que nos podemos atopar un cruceiro cada 2,5 km. “Non era a nosa intención facer unha catalogación exhaustiva, que algún día haberá que facer para ter un maior coñecemento destes bens culturais, senón realizar un percorrido pola nosa terra seguindo os camiños dos cruceiros. A idea subxacente: achegármonos a unha paisaxe cultural que está cambiando a pasos axigantados” di Manuel Vilar na obra.
O concello de Fisterra, pola súa historia, é a que conserva os cruceiros máis antigos e destacados (Santa María das Areas ou a Cruz de Baixar), pero tamén hai bos exemplos en Muxía (Vuiturón, Quintáns, Coucieiro ou O Castro), Dumbría (Fonte Santa, Marco do Couto, cruceiro de Cándido en Berdeogas e da Grixa en Dumbría), Carnota (Nóutigos) ou en Mazaricos (Suevos, Beba, Colúns). Deste percorrido, o autor conclúe varias curiosidades como que en todas as parroquias hai cruceiros, aínda que só haxa un (caso de Nemiña ou Frixe). A que gaña en cantidade é San Mamede de Carnota, seguida de San Martiño de Ozón e Santa María de Fisterra.
Se queredes coñecer máis sobre os cruceiros do sur da Costa da Morte, deberedes achegarvos este mércores 12 á Feira do Libro de Cee ás 13.15h, presentación na que estará o autor Manuel Vilar Álvarez.