8º día (Donnerstag / xoves 27 agosto)
Colmar – Riquewihr – Besançon – Dijon ( km): 276 km |
|
Colmar – Riquewihr | 15 km |
Riquewihr – Dijon | 261 km |
TOTAL | 276 km |
No tocante ás “conferencias rodantes”, Penas Patiño falou sobre as cegoñas, aves totémicas en Baden-Baden. Riquewihr e, en xeral, en toda Alsacia. Víanse polos campos a eitoe a súa figura aparecía nas caixas de galletas e escaparates dos comercios (comentou o caso de que se atopara hai anos unha cegoña cunha frecha no pescozo, e polo tipo de frecha púidose saber de que zona de África procedía).
Manolo Chouza (máis coñecido por Manolo de Xeliña) dedicou o seu parlamento a reflexionar sobre “A ciencia e nazismo (o Dr. Mengele)”, e tamén falou das fontes do Danubio (¿ou foi Xela?).
Un destes días tamén tivemos a actuación estelar, a capela, do mozo Xoán Antelo -integrante dos Druídas da Rolda de Vimianzo-, a nosa última adquisición, que nos deleitou con cancións irlandesas coma Whiskey in the jar (“Musha rain dum-a-doo dum-a-da / whack for my daddy-o…”) e outras. Nós respondémoslle co que vén sendo o noso himno viaxeiro desde a viaxe a Bretaña, no 2006 (Molly Malone), mesmo con versión galega. O grupo dos Druídas actuaría no outono en Vimianzo xunto cos grupos A Roda e De Vacas. Prometeron que ían aprender Molly Malone en galego.
ALSACIA (FRANCIA)
RIQUEWIHR** (REICHENWEIER en alsaciano ) (Michelin 227)
Unha das vilas máis visitadas de Francia (2 millóns de visitantes anuais), distinguida pola asociación Les plus beaux villages de France.
-sobreviviu milagrosamente a todas as guerras e conserva case intacto o esplendor medieval ata o do séc. XVI (rúas estreitas, murallas, casas…).
-rúas de trazado medieval (en especial a Rue Charles De Gaulle), que atravesa a vila de norte a sur pola parte centra; a ela van das a Rue des Juifs, a des Orfèvres, de la Couronne, entre outras.
-Conserva tramos amurallados de 1291 e do 1500; a torre da porta norte (La Tour des Voleurs (‘a Torre dos Ladróns’) conserva unha ponte levadiza de madeira no seu exterior.
–Palacio dos Duques de Württemberg, rematado en 1540.
–Maison Liebrich, construída en 1535. Distínguese polo Patio das Cegoñas, con galerías de madeira con balaústres, un pozo e un lagar.
–Maison Behrel, cun miradoiro de 1514 cun engadido por encima de 1709.
–Maison de l’Oncle Hansi.
Non só gustou a esta fermosa vila, senón tamén toda a comarca, con extensos viñedos preparados coma se dun xardín se tratase. As vilas nos pequenos outeiros cos montes Vosgos ó fondo, como marco, perfectamente integradas na paisaxe.
FRANCO CONDADO (FRANCIA)
Sen o termos previsto visitamos Besançon, onde paramos para xantar. Trátase dunha cidade de 117.00 hab, regada polo río Doubs, ben coñecida polos emigrantes galegos residentes nos cantóns do noroeste de Suíza (Jura, Basilea, Zúric…), pois queda na súa ruta. Como todo o Franco Condado, formou parte das posesións dos Austrias españois (1664-1674).
A etimoloxía do nome está en Vesontio, unha fortaleza (oppidum) dos secuanos, un pobo galo. Tiña unha muralla construída contra o 80 aC. Xulio César conquistou a cidade no 58 a.C. Da época romana consérvase a Porta Negra e vestixios dun anfiteatro.
O monumento-símbolo da cidade é a cidadela do monte de Saint-Étienne, construída polo famoso enxeñeiro Vauban entre 1668 e 1711 no reinado de Luís XIV; recibe máis de 270.000 visitantes ó ano. A cidadela é un centro cultural e conta con dous museos: o da Resistencia e a Deportación e o Comtois, das tradicións populares do Franco Condado. As fortificacións de Besançon son Patrimonio da Humanidade desde o ano 2008.
DIJON*** (Michelin) p. 273
-151.000 hab.
-capital do outrora poderoso ducado de Borgoña.
-nomeada Cidade da Arte e da Historia (2008); un dos centros de arte máis importantes de Francia.
O DUCADO DE BORGOÑA
Un dos Estados máis importantes da Europa medieval, independente de 880 a 1482. O seu territorio herdou en parte a Lotarinxia carolinxia. Estes dominios estaban unidos á casa de Valois francesa por unha póla colateral (os duques de Borgoña, que sobre o papel eran vasalos do rei de Francia, pero souberon manter unha política propia).
No ano 1016 Enrique I cedeu o ducado ó seu irmán Roberto, que funda a rama da dinastía dos Capetos. Desta rama procedía Reimundo de Borgoña, que a principios do séc. XII casou con Dª Urraca, filla do rei Afonso VI de León, Castela e Galicia (os dous gobernaron a zona norte de Galicia -a actual-, mentres que Henrique de Lorena e Dª Tareixa, a outra filla, gobernaron a Galicia sur –a de entre Miño e Douro: o Condado de Portucale, futuro Portugal-. Fillo do matrimonio de Reimundo e Urraca foi o futuro emperador Afonso VII, criado por Pedro Froilaz de Traba, señor de Traba e conde de toda Galicia, no mosteiro de Moraime.
O derradeiro representante desta casa na Borgoña foi Filipe de Rouvres, que morreu pola peste en 1361.
O ducado pasou á coroa francesa e o rei Xoán o Bo cedeullo ó seu fillo máis pequeno, Filipe o Atrevido (1363-1404), que o recibiu en propiedade, xunto co Franco Condado e Artois. En 1369 Filipe casou coa herdeira do ducado de Flandres, Margarida, e converteuse nun dos príncipes máis poderosos de Europa. Aínda que vasalos das coroas francesa e alemá, os duques borgoñóns eran no séc. XV os máis ricos de Europa; os reis de Francia chegaron a se sentiren ameazados polo seu poderío; Dijon encheuse de pintores e escultores flamengos, convertida polos duques nunha obra de arte.
O seu sucesor, Xoán Sen Medo (1404-19) tiña esperanzas de ser rei de Francia, pero matárono dun machetazo na ponte de Montereau.
Filipe o Bo (1419-1467) fundou a Orde do Toisón de Ouro para se asegurar o apoio da nobreza. En 1435 reconciliouse con Carlos VII, rei de Francia, e Dijon converteuse na capital dun poderoso estado que comprendía parte de Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Flandres, Artois, Picardía etc.
Carlos o Temerario (1467-1477) foi o derradeiro duque de Borgoña valón; empeñouse en conquistar as terras que se interpoñían entre o norte (Holada, Bélxica) e o sur dos seus territorios para crear un reino continuo. As guerras e as rebelións internas provocaron o seu fracaso. Morreu durante o asedio de Nancy; o seu cadáver achouse sobre un lago xeado medio comesto polos lobos.
María de Valois foi a derradeira duquesa da Borgoña independente; casou con Maximiliano I de Austria; nas capitulacións matrimoniais estipulárase que o segundo fillo deste matrimonio herdaría os territorios maternos, pero María faleceu antes de que isto acontecese. Entón, Borgoña pasou a Francia e os Países Baixos a Austria.
VISITAS
O Museo de Belas Artes está instalado no Pazo dos Duques e dos Estados de Borgoña**, que merece unha visita para ver, entre outras obras, a Sala dos gardas (ou das Festas), construída por Filipe o Bo e onde se celebraban as comelladas; a tumba de Filipe o Atrevido***, na que traballaron, sucesivamente, de 1385 a 1410, escultores como Jean de Marville, Claus Sluter e Claus de Werwe: unha estatua xacente sobre unha lousa de mármore negro apoiada en arcos de alabastro que acubillan 41 figuriñas de “choronas” (pranteiras) moi naturalistas: cregos, cartuxos, parentes, amigos e oficiais do príncipe, todos enloitados e encapuchados, conformando un lúgubre cortexo fúnebre do defunto.
A tumba de Xoán Sen Medo e de Margarida de Baviera*** (de entre 1443-1470) reproducen o modelo da tumba anterior, pero cun estilo máis próximo ó gótico flamíxero.
Estas tumbas marcaron un antes e un despois na arte dos moimentos funerarios europeos.
A catedral de San Benigno (séculos XIV e XVIII, cunha cripta do séc. XI), igrexas de San Filiberto (románica), Nôtre Dame (séc. XIII, estilo gótico borgoñón), de San Miguel (con torres do gótico flamíxero do séc. XV, fachada monumental cos bustos dos profetas Daniel, Baruch, Isaías, Ezequiel, David tocando a harpa e Moisés).
Nos arrabaldos da cidade quedan os restos da cartuxa de Champmol (fundada por Filipe o Atrevido no séc. XV), entre os que se atopa a portada e o chamado Pozo de Moisés, obras de Claus Sluter.
As esculturas do gótico borgoñón son esaxeradamente realistas, con moito aire tráxico, acrecentado pola profundidade e movemento das pregas das vestiduras. Os monumentos funerarios borgoñóns foron modelo para boa parte de Europa.