Por Manuel Vilar
Cun país “perimetrado” hai ganas de saír fóra e andalo. Andar para coñecelo, e do coñecemento vén o respecto e o aprecio. Foi Vicente Risco quen dixera que “a terra d´un débese andar d´a pé”; e Otero Pedrayo que os camiños están acugulados de tempo pasado. Andar para coñecer a historia que nos trouxo até onde estamos agora, para ver como fomos capaces de construír unha paisaxe cultural, unha imaxe de nós, de como somos e como nos vemos.
A andar invítannos algunhas publicacións que apareceron neste ano que anuncia xa o seu devalo, publicacións que van máis alá das indicacións para non saír do camiño, que abundan no detalle para ter unha imaxe máis completa do territorio e situármonos nel. Publicacións que animan a percorrer o país e a ter máis elementos para ler a paisaxe construída. Falamos de Zas polo miúdo e d´O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, como podíamos falar doutro saído o ano pasado, O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira.
Son libros que nos convidan a andar para coñecer o país desde o chan, desde o detalle e desde o patrimonio que garda a memoria, porque vivimos nun país que foi habitado historicamente e intensamente en cada recuncho, nomeado. Todo está cargado de historia e de historias, historias das xentes que o traballaron para seguir adiante na vida e construír unha cultura para estar no mundo e un patrimonio que, a día de hoxe, precisa doutras lecturas e doutras interpretacións e actualizacións. Mais, para chegar a este punto hai antes que estudalo para coñecelo e facelo visible. Isto é o que fan estes libros que afondan no coñecemento local e no detalle miúdo para mostrarnos un patrimonio relacionado co cotián da xente, co traballo diario, para entender que o patrimonio non é un obxecto, senón un proceso social que pasa tamén pola selección.
Seguir un curso de auga para coñecer un territorio e a súa historia non é unha novidade, o Danubio con Claudio Magris ou o Miño con Anselmo López Carreira son dous exemplos, mais non abundan. O libro sobre o río Anllóns lévanos desde as alturas da serra de Montemaior, nos límites entre as Terras de Bergantiños e as de Ordes até as augas da ría de Corme e Laxe ao pé do monte Branco. O Anllóns, parafraseando a Otero Pedrayo, nace nas terras montesías onde sitúa o primeiro tempo dos tres que, para o noso xeógrafo, configuran as Terras de Bergantiños. Mais aquí aparece xa a primeira sorpresa: os autores confesan a dificultade que tiveron para atopar as fontes orixinarias desta arteria bergantiñá e non polas discrepancias que había entre os xeógrafos en situalas, discrepancias que viñan quizais por non andar o territorio, por non ir ao sitio a buscar o dato, senón polos eucaliptos que invadiron as brañas da Chousa de Abaixo ou Brañas do Feo, terreos onde abrollan as fontes e mananciais que orixinan este río. Os autores confesan que patearon a zona no ano 2000 cando fixeron un caderno da serie Andando por Bergantiños. Dezaoito anos despois tiveron que recorrer a un veciño para volver topar coas fontes deste río. A plantación masiva de eucaliptos transformou radicalmente esa paisaxe brañenta ao igual que outras. Aquí e aló van desaparecendo brañas e gándaras baixo os eucaliptos e estes chegan ás propias marxes dos ríos e regatos. O Bardo xa non encontraría gándaras esquivas ás que cantar.
Zas é un concello de dezaseis parroquias, a cabalo entre dúas Terras milenarias: Soneira e Xallas. Agora, e da man deste libro, podemos percorrer polo miúdo a súa xeografía, ver os cambios na demografía, coñecer a toponimia, historia, patrimonio senlleiro e aquel ligado ao cotián, saber das súas festas e romarías, asociacionismo, do importante pasado romano de Brandomil, así como outros detalles, como coñecer un dos primeiros puntos de referencia que tomou Domingos Fontán para o seu mapa, historias da emigración ou percorrer unha xeografía de nomes pondalianos: a do forte Brandoñas e o valente Brandomil, este enterrado baixo as antas da arca da Piosa, mais o vento xa non “funga nas esquivas uces”.
Andar para entender que o patrimonio é algo máis que un recurso que circula no mercado só para consumir como outras cousas, cando é un proceso cultural asociado a significados, memorias e políticas. A eucaliptización, as “virotas”, o abandono e crise demográfica levan a un territorio histórico a ser un territorio sen semántica, un “territorio lixo” (junkspace) na periferia do desenvolvemento capitalista. En antropoloxía fálase agora da mediación en referencia ao patrimonio. Tamén precisariamos mediación na xestión do territorio e non deixalo nas mans dos monopolios que o levan á desertización.
Con certo atraso polo da pandemia por fin teño nas miñas mans o libro O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, da autoría de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luís Giadás Álvarez, todos membros do Instituto de Estudios Bergantiñáns (IEB), que o publica coa axuda dos Concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Ponteceso.
Trátase dunha obra verdadeiramente enciclopédica na que se abarca todo o relativo a esta arteria fluvial identificada coa comarca de Bergantiños. Tras o limiar do escritor coristanqués Xosé Antonio Andrade, os autores manifestan o seu propósito de realizar «un estudo integral do río coa finalidade de achegar un maior coñecemento sobre el e espertar na poboación maior conciencia cara á súa conservación».
Consta de oito capítulos. O primeiro trata das diferentes denominacións que o río tivo ó longo da historia: río de Cesso, Discesso ou Decesso, ata as máis recentes de Allóns -ou a castelanizada Allones- ata chegar á actual de Anllóns.
Ata tres nomes
Para Carré Aldao (c. 1928) mesmo podía ter tres nomes: «Río Grande, Anllóns o Canduas». No noso libro anterior -tamén colectivo- sobre o río do Porto (2019) non nos dabamos explicado como ó gran colector das augas da Terra de Soneira lle impuxeran oficialmente, a partir dos anos sesenta do pasado século, o aséptico nome de «río Grande», cando está documentado «río do Porto» desde hai máis de 250 anos, polo menos desde 1764 (José Cornide), denominación que usaron xeógrafos da categoría de Domingo Fontán (1834) e Otero Pedrayo (a partir de 1920).
«Ríos grandes son todos os considerados principais para distinguilos dos ríos afluentes», advertiamos no noso libro, e a proba témola agora coa denominación popular -esta si- e semioficial de «río Grande» para un dos ramais do curso alto do Anllóns, que lles serviu ós autores para identificar o ramal primixenio: o que ten o seu nacemento no extremo oriental da serra de Montemaior (Soandres).
No capítulo segundo recóllense as descricións históricas do século XIX e do XX, de xeógrafos coma Otero Pedrayo, Río Barja, Pérez Alberti e, sobre todo, a exhaustiva do bergantiñán Salvador Parga Pondal na súa tese de 1950.
O capítulo terceiro dedícase integramente á personificación literaria do río nos poemas de Eduardo Pondal. O cuarto céntrase no estudo do seu curso en relación co resto da rede hidrográfica galega, coa subcunca da Costa da Morte e coa propia rede, na que se destaca o seu carácter disimétrico, xa que os afluentes da esquerda son máis longos e caudalosos cós da dereita (de aí a dificultade de concretar o ramal principal).
Por 29 parroquias
No quinto descríbese o río por cada unha das parroquias polas que pasa (29); un apartado moi extenso e ilustrativo no que se informa dos muíños, pontes, vilas, castros, torres, pazos, igrexas ou ermidas. O capítulo sexto é para os espazos naturais e o sétimo para a análise da hidronimia e a toponimia relacionada. Remátase cun estudo sobre a calidade das augas asinado por un grupo de científicas colaboradoras.
Convén ir lendo de vagar, dada a súa extensión (341 páxinas), esta ambiciosa obra ilustrada con múltiples fotografías e mapas a toda cor, dedicada ó gran colector das augas bergantiñás, o sexto río galego en lonxitude (71,46 km) tras o Miño, Ulla, Tambre, Eo e Eume.
Énchenos de satisfacción que en dous anos se publicasen dúas obras divulgativas de dous ríos do ámbito da Costa da Morte. Seguimos sendo pioneiros. A ver se hai quen se anime cos outros dous que faltan: o curto -pero ás veces impetuoso- río Castro da Terra de Nemancos, e o Xallas que tanta historia real ou lendaria recadou no seu curso de 64,5 km; o senlleiro río que non forma ría por desembocar en fervenza, a máis famosa de Galicia.
En 2019, a raíz da publicación do noso libro colectivo O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, organizaramos unha andaina polo curso medio do río do Porto, parroquias de Bamiro, Baio e O Allo: grosso modo, da ponte de Baio á ponte Lodoso, pasado pola área de Pedra Vixía (desembocadura do río de Zas no Porto) e visita posterior ó monumental recinto do Allo (torres, igrexa, cruceiro do adro e cemiterio novo).
Punto de partida, o nacemento do río: as Brañas do Rabete
En colaboración co Instituto de Estudios Bergantiñáns levamos a cabo unha andaina polo curso alto do río do Porto. Saímos 50 persoas ás 10 horas do 7-03-2020 da vila de Zas nun autobús que nos levou, en primeiro lugar, ó lugar de nacemento da arteria principal do río, nas Brañas do Rabete, preto da aldea dos Fornos (parroquia de San Sabiña, na Terra de Xallas). Antes vimos de pasada, ó pasar por Varilongo (Santa Comba), a casa nativa do poeta popular Pepe de Xan Baña, un emigrante xalleiro en Cuba que se fixera moi popular nas dúas primeiras décadas do séc. XX polas súas poesías en galego.
Evaristo Domínguez Rial exerceu de guía e levounos polo curso do río por todos os puntos que se detallan no libro citado (das pp. 30 á 39). Fomos seguindo o curso do río e dos afluentes que baixan da Serra do Bico de Meda (pola súa esquerda) e, tras atravesar a aldea de Vilar Ramilo (Gándara-Zas) o bus deixounos no lugar coñecido coma O Rabiñoso, onde se concentra o primeiro grupo de fervenzas.
As fervenzas do Rabiñoso
Atravesamos a antiquísima pontella -quizais medieval- de ciclópeas lousas de pedra situada nun vao do curso do río (por ela pasaban as persoas; os animais pola auga) e fomos baixando deixando á dereita unha sucesión de fermosas fervenzas, con moita forza pola cantidade de auga que neste tempo levan. Nesta beira esquerda do río hai tamén dous muíños, xa en desuso; un deles coa caixa escavada na propia laxa.
Facilitou o noso descenso a limpeza efectuada polo Concello de Zas na beira esquerda do río, de xeito que puidemos chegar sen moitas dificultades á última das fervenzas deste tramo (a fervenza de Parga), onde se fixo unha foto de grupo. Tal como se detalla no libro, desde a pontella do Rabiñoso ata a de Parga, en pouco máis de 1.100 m o río salva un desnivel de 70 m.
Despois xa leva, ata a ponte do Sisto, un discorrer moito máis tranquilo. Desde aquí o río troca o nome de río do Rabiñoso polo de río do Sisto, seguindo o vello costume de adoptar localmente o nome polos sitios por onde pasa.
O río de Budián (ou da Fervenza)
Pasamos polo lugar de Parga, onde nos interesamos por unha alta e grande abellariza abandonada entre as casas da aldea. Dirixímonos logo cara ó norte, en dirección á aldea de Budián (aínda da parroquia de Gándara) para visitar as fervenzas do río de Budián (ou río da Fervenza ou do Muíño Vello), o afluente máis importante do curso alto do río. A remonta fixémola pola beira dereita do río, e foi bastante dificultosa (menos mal que a limpeza efectuada polo persoal do Concello de Zas nos facilitou o acceso).
A fervenza que dá nome a este río é, desde logo, impresionante, e paga a pena o esforzo para chegar a este punto. As augas do río -que nace en terras bergantiñás da parroquia de Cuns- salvan un desnivel de 40 m en menos de 500 de curso. Véxase a descrición nas pp. 39 e 40 do libro. Mágoa que a contemplación da fervenza principal deste río só sexa accesible para visitantes en boa forma física, pois hai tramos nos que se fai moi dificultosa a subida, pois é todo subida, cada vez máis dificultosa. A axuda prestada pola excursionista Tania Carreira -ata hai pouco técnica de Cultura do Concello de Zas e unha das primeiras “exploradoras” desta ruta- foi moi de agradecer. Para promover esta ruta, o Concello de Zas podería pensar en introducir chanzos de pedra nalgúns puntos, sobre todo onde se sitúa o Muíño Vello.
No regreso dirixímonos desde Budián ó río do Sisto -resultado na unión dos ríos Rabiñoso e de Budián-, xa por un traxecto moito máis chan, suave e relaxado, pois o desnivel do río apenas supera os 20 m., malia ter que cortar a aliñación montañosa do cordal do Bico de Meda. O río leva por este tramo moita auga, de aí a abundancia de muíños contabilizados no Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) na parroquia de Gándara, 17, case todos neste río (pp. 31 e 31 d’O río do Porto…).
Igrexa de San Martiño de Riobó
O xantar estaba concertado nun restaurante da aldea da Mata (Cabana de Bergantiños). Deste xeito, pola tarde achegámonos á igrexa de San Martiño de Riobó, de orixe románica (só restan deste estilo as columnas de capiteis vexetais que sustentan o arco triunfal de entrada ó presbiterio, quizais de principios do séc. XIII).
Interesaron as dúas sepulturas fidalgas existentes no piso do presbiterio. Unha delas xa desgastada, que quizais sexa a do fidalgo Rui Soneira de Rioboo, do que sabemos que morreu contra 1571. A outra ten gravado en relevo un escudo coroado por un helmo de cabaleiro e seis cuarteis coas armas dos Bermúdez, os Castro, os Moscoso, os Rioboo, os Leis e os Vilardefrancos; a inscrición da súa base revélanos que nela repousan os restos do fidalgo Lorenço Bermúdez de Castro “señor de la casa de Penela” e da súa muller (ano 1674).
O máis interesante desta igrexa é o seu monumental retablo barroco[1], obra anónima de mediados do séc. XVIII. Consta de dous corpos superpostos, divididos á súa vez en tres paneis. No inferior os paneis sepáranse por estípites (falsas columnas barrocas) e o superior por columnas clásicas de éntase avultado. Estípites e columnas adornadas profusamente por decoración vexetal, cintas e camafeos.
No corpo superior aparece presidindo, no remate dunha sobresíante placa barroca, un relevo do Padre Eterno. Debaixo del, unha imaxe de san Martiño, o patrón parroquial, vestido de pontifical e co báculo de bispo; no fornelo da esquerda do espectador, san Xoán Evanxelista (mozo novo, co seu evanxeo aberto na man, onde se le: INITIUM SANCTI EVANGELI); no da dereita, san Bieito, co hábito negro da orde bieita por el fundada, coa tiara de bispo ós pés (por tela rexeitado) e co corvo que o alimentaba.
No corpo inferior hai á esquerda unha imaxe de santo Eutelo (leva a tiara papal e un cano ós pés, por ser avogado contra a peste) e no da dereita un santo Antonio (mozo novo co hábito franciscano co neno Xesús no colo). No panel central, un requintado sagrario protexido por columnas cun neno Xesús espido na fronte.
O retablo foi restaurado e pintado o ano 2015. No interior do templo hai unha inscrición pétrea en galego onde se di que cada familia da parroquia pagou 300 € para esta obra, moi custosa, pois -segundo as informacións de Evaristo Domínguez- alcanzou a cifra de 60.000 €. A excursionista Rosa García Vilariño localizaría posteriormente na Rede o obradoiro que se encargara da obra: Restauraciones Garrido (A Valenzá-Barbadás, Ourense)
Visitouse finalmente a torre da Penela, na veciña parroquia de Silvarredonda, lar nativo da familia fidalga dos Rioboo, torre que segue agardando por unha urxente restauración. A obra actual conservada, cunha porta rematada en arco de medio punto de grandes doelas e cun escudo coas armas dos Bermúdez, dos Castro e dos Rioboo, data do séc. XVI.
A torre da Penela: “pena… dela” -como reza a etimoloxía popular-, vela neste estado de abandono.
[1] Detállase este retablo polo miúdo en Xosé Mª Lema Suárez (1993): A arte relixiosa na Terra de Soneira, tomo II, pp. 618-623. Nesta obra tamén se fala da arquitectura do tempo e das tumbas da capela maior.