• info@semescom.gal

Tag Archives: Baio

FOTO FEIRA BAIO

Unha nova etapa para a ancestral feira de Baio

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

FOTO FEIRA BAIO

O pasado 16 de xaneiro —terceiro domingo de mes establecido pola tradición secular—, a ancestral feira de Baio iniciaba unha nova etapa, pois pasaba a situarse na nova praza da vila, inaugurada o 30 de decembro de 2021. Este primeiro Día de Baio que vai quedar para a historia foi todo un éxito de visitantes e de feirantes. Todo parece augurar un futuro esperanzador para a reactivación da economía, non só local, senón tamén comarcal. Os nosos parabéns para a corporación municipal de Zas polo logro.

No ano 2007, Xosé María Rei Lema e quen subscribe publicabamos un libriño de 64 páxinas titulado A Feira de Baio. O mercado máis antigo da Terra de Soneira que dedicábamos a todos os veciños de Bamiro, Baio e doutras moitas parroquias da Terra de Soneira e Bergantiños que, «como fixeron tantas veces os seus antepasados, seguen defendendo a súa feira». Unha feira chamada «de Baio» pero que sempre estivo situada no chamado Campo da Feira da Piroga (Bamiro-Vimianzo), ó outro lado da ponte e na aba nordeste de Monte Torán. Así o demostran abundantes documentos dos séculos XVIII, XIX e XX. O máis antigo data de 1741, hai agora 280 anos. Aparece a referencia no Libro de Fábrica 1730-1804 da parroquia de Bamiro, e por el temos a absoluta certeza de que a feira xa se celebraba o terceiro domingo de mes: un visitador pastoral prohibíalles ós sacerdotes que fixesen misa na ermida de san Roque «el día que se celebra la feria en el campo ynmediato a dicha capilla». Recollíase moita esmola e os cregos fixeron caso omiso das sucesivas ameazas —mesmo de excomuñón— dos visitadores. Fálase dela no Catastro de Ensenada (1753) e o ilustrado J. Lucas Labrada salienta en 1804 a súa importancia económica. O lugar da feira aparece sinalado con moita precisión no famoso mapa de Galicia de Domingo Fontán (1834), e tamén se indica que está na Piroga (sic, con ) no Diccionario de Pascual Madoz (1847-1850), tomos III e XVIII.

Andando o tempo, quen si atacaría con teimosía a celebración feiral en domingo sería Nicolás Parada, párroco de Bamiro de finais do século XIX. En 1894 escríbelle ó arcebispo de Santiago para instar a que se prohíba a celebración dominical debido a que a xente deixaba de ir á misa ou non atendía a ela.

 NOVA FEIRA BAIO
Primeira feira na nova ubicación, o pasado 16 de xaneiro BASILIO BELLO

Advertía tamén do perigo das feiras, polos ladróns e pícaros que provocaban liortas e polas borracheiras, pero sobre todo polo perigo moral de «los jovenes de ambos sexos que se juntan, pasean, comen, beben y marchan de noche juntos a las aldeas». Aínda que publicamos parte deste relato os autores de Zas polo miúdo (2020) e O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira (2019), quen descubriu o documento e realizou unha investigación exemplar —aínda inédita-—foi o profesor Juan Félix Neira Pérez, a quen animamos a que a publique agora ó completo, pois na descrición do cura Parada hai unha magnífica enumeración de todo o que se vendía nos postos da feira e dos lugares de procedencia dos feirantes. Un espléndido documento histórico, sociolóxico e etnográfico.

Desidia

Pola desidia das Administracións locais, a feira ía camiño da súa desaparición a finais do século pasado e a principios do actual. No ano 2007 o Campo da Feira da Piroga estaba no máis completo abandono e os tendeiros pasaron a instalarse na baiesa avenida Vidal Ríos. Agora cambia o lugar de situación e abofé que se atinou con el, pois, pola proximidade á ponte de Baio, a celebración continúa favorecendo os negocios das dúas beiras do río, como así fora sempre. A data do pasado 16-01-2022 debería ter unha placa conmemorativa na praza, como inicio dunha nova etapa, esperemos que ventureira, e non sobraría incluír nela un recordo-homenaxe á feira de Baio como motor económico que foi da vila e da comarca durante 300 ou máis anos.

MapaRedeFluvialPorto

Presentación do libro “O río do Porto” en Baio

O próximo sábado 2 de marzo ás 12 do mediodía presentamos en Baio o novo libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo Seminario de Estudos da Costa da Morte e co-patrocinado polos concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas.

Os seus autores, catro soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema botaron máis de ano e medio no estudo deste río que nace por detrás do Bico de Meda en terras bergantiñás e xalleiras, pero que axiña se fai soneirán por completo, xunto con toda a súa cunca de afluentes, pois percorre de leste a oeste as terras dos concellos de Zas, Vimianzo e Camarñas, onde desemboca conformando a súa ría.
O libro conta con 140 páxinas, 151 fotos a cor, 13 gráficos e debuxos, 15 mapas e 3 cadros estatísticos. Na contratapas van dous grandes mapas (“A Rede Fluvial do río do Porto” e “Os seus principais aproveitamentos”, da autoría de Rubén Rial. A maior parte das fotos son dos autores, aínda que hai outras cedidas por outras perssoas (Ana García de “La Voz de Galicia”, Tania Carreira, Manuel Rial e Víctor Santos, entre outros). O libro leva a seguinte dedicatoria: “En memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo” (a maior parte dos debuxos, planos e unha parte importante das fotos son da súa autoría).

O libro estrutúrase do seguinte xeito: unha introdución; unha investigación sobre os distintos nomes que ó longo da historia tivo o río (desde o Vir fluvius “de los romanos” das crónicas antigas ó río Grande dos anos sesenta do séc. XX, pasando polos nomes de río da Ponte e río do Porto, que viña sendo o máis aceptado.
Despois un breve apartado do río na literatura, pásase a unha descrición polo miíudo do curso alto, do medio e do baixo, convidando a facer rutas de sendeirismo nas que se sinalan os lugares máis interesantes para visitar.

contraportada_rioPorto