• info@semescom.gal

Tag Archives: arte relixiosa

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/

Dous escultores fronteirizos do século XVIII de Sandrexo e Pazos

Hai uns días publicábase en La Voz un artigo sobre os problemas dos habitantes de dous lugares, Sandrexo e Pazos que, por estaren divididos entre os concellos de Zas e Vimianzo, estaban sometidos a distintos niveis de confinamento pola pandemia. Son casos curiosos das rexións fronteirizas: casualmente acababa de ver na RAI (Radiotelevisione Italiana) o caso extremo dunha vila lindeira entre as rexións da Toscana e da Emilia-Romagna, na que a liña divisoria pasaba polo medio e medio dunha igrexa, coas bancadas dos fieis dun lado confinadas e as do outro non; a saber onde se situaba o cura na misa…

Volvendo a Soneira, a súa partición xa vén de vello, da división parroquial, que aínda que é a máis acorde coa realidade galega, non impediu que unhas casas de Sandrexo pertenzan a Vilar e outras a Treos; e o mesmo en Pazos: unhas vivendas de Vilar e outras de Tines. Veu complicar a cousa a arbitraria división municipal de 1836, coa súa conseguinte burocracia, pois a primeira parroquia quedou para Zas e as outras dúas para Vimianzo.

Para orgullo da veciñanza destas aldeas estremeiras, é bo que se saiba que foron morada de dous artistas do século XVIII, dos que Evaristo Domínguez e mais eu falamos no libro Zas polo miúdo, pois deixaron importantes obras en parroquias deste concello. Os dous, profetas na súa terra, recibiron abundantes encargos das igrexas da redonda.

Nalgunha das casas do Pazos de Tines tivo o seu obradoiro, hai xa trescentos anos, Domingos Martínez, canteiro e escultor en pedra, que foi o autor das dúas fachadas-retablo máis sobranceiras do arciprestado de Soneira, as dúas de estilo barroco: a da igrexa de Traba (1716) e a do santuario do Briño (1721), en Borneiro; fixo tamén a imaxe en pedra de san Pedro da fachada de Vilar (1731) e sospeitamos que tamén esculpiu a escena do Descendemento do cruceiro do adro de Tines e os retablos pétreos laterais da igrexa de Brandoñas (1717), coas súas imaxes.

Nalgunha das casas da parte do Sandrexo de Treos tivo o seu obradoiro Francisco Castro Agudín, o mestre do que temos documentados maior número de retablos no arciprestado soneirán: catorce, dez en madeira e dous en pedra. Iniciouse dentro das directrices do barroco-rococó, pero adaptouse ás innovacións do neoclasicismo. Traballou de 1776 a 1820 nun reducido campo de acción, non superior ós dez quilómetros da redonda do seu obradoiro. Fixo retablos -e imaxes- nas igrexas de Tines (1776), Vilar (1779 e 1809), Treos (1781 e 1786), Salto (1795), Mira (1798) e Gándara (1799), todos de madeira; en pedra realizou o retablo da Virxe do Carme de Zas (1798) e tamén o da capela de san Xurxo das Torres de Romelle (Loroño).

Contemporáneo deste último artista foi o escultor Agustín Martínez Ribera, asentado en Baio, e deste si que sabemos onde tiña o seu taller: na actual casa de Outeda, veciña da do escritor Enrique Labarta. Sabémolo porque chegou oralmente ós nosos días o sobrenome de Casa do Escultor para ela e tamén porque nas súas dependencias os donos aínda conservaban hai anos restos de retablos. Infortunadamente carecemos de pistas deste tipo para saber onde poderían estar situadas as moradas e os obradoiros dos escultores de Pazos e de Sandrexo do século. XVIII.

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/

Retablo de Domingos Martínez /Foto:XML/