• info@semescom.gal

Tag Archives: arqueoloxía

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Vestixios do Brandomil romano no ano 1883

Nos retoques finais para a edición en papel de Zas polo miúdo, a cargo do Concello de Zas, a Evaristo Domínguez e a quen subscribe chegounos o dato de que o historiador e arqueólogo Ramón Barros Sibelo residiu nas Torres de Romelle (Loroño) de 1872 a 1880, como administrador. Uns anos despois, en 1883 remitiría á Real Academia de la Historia (RAH) de Madrid, da que era correspondente, un escrito na que recomendaba a adquisición de dúas moedas, «una de ellas de Egica acuñada en Gerona, objetos hallados en las antiguas minas de Limideiro, hoy abandonadas». A RAH adquiriu esas moedas para a súa sede de Madrid, e Galicia quedou sen elas.

Por esa moeda do tempo do rei visigodo Egica, que reinou de 687 a 702, quédanos o dato de que a principios do séc. VIII aínda se seguía traballando -ou, polo menos, escaravellando- nas antigas minas romanas de Limideiro. Delas fala, este mesmo ano de 1883, o investigador Pedro Rodríguez en catro artigos que baixo o título común de Grandimirum publicou por entregas na revista Galicia Diplomática. Xa daquela existía a pequena e profunda lagoa no lugar das minas, que dera orixe ó microtopónimo de Pozo de Limideiro, «en cuyas barreras se descubre perfectamente la acción de la mano del hombre (…), los múltiples montones de tierra movediza que se destacan (…) y lo mucho que abundan las piedras metálicas (…) son datos que no dejan la menor duda [de que] se explotó allí por los antiguos el codiciado estaño (…)».

Mais Pedro Rodríguez, ademais de dar por certa -coma o seu contemporáneo, o cóengo e historiador Antonio López Ferreiro- a identificación da mansión Grandimirum da vía XX romana do Itinerario de Antonino co actual Brandomil-, proporciónanos unha detallada descrición dos testemuños do pasado romano desta parroquia, empezando pola calzada: «Bajando dicha loma [un outeiro da banda esquerda do río Xallas] y a alguna distancia del puente van apareciendo trozos de ancha y sólida calzada, hasta que a corto trecho de éste, se tiene ya ocasión de admirar el trayecto de aquella que conduce al puente para continuar al lado opuesto occidental. Consérvase este trayecto en perfecto estado de cohesión, y se halla, aunque sumamente gastada, tal como salió de manos de sus antiguos constructores a juzgar por sus caracteres».

Oxalá continúen as escavacións da calzada que o ano pasado iniciara o arqueólogo Lino Gorgoso, e outras por outros lugares da parroquia que axuden a poñer en valor o seu pasado. A boa disposición dos veciños, plasmada no documental Brandomil, unha vila a carón do Xallas, dirixido por Manuel Rial e promovido pola Fundación Brandomil, foi un bo comezo.

Despois segue Rodríguez coa descrición da ponte «en forma de lomo de águila» e do castro de tres murallas concéntricas, e comenta a abundancia de restos arqueolóxicos que se atopaban nas terras de labor da freguesía. Ademais da ara ó deus Coso tamén se cita unha estela funeraria, publicada por Barros Sibelo, dunha muller chamada Flavia achada en Olveira. Ignoramos o seu paradoiro e sería importante dala localizado.

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

Unha moeda do tempo do rei Egica amosa que no século VIII había actividade (Foto: XMLema)

simposio_megalitismo_vimianzo_6

II Simposio de Megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico

Os monumentos megalíticos son ben aproveitados noutros lugares para promover o turismo cultural, coma na Bretaña francesa (a principal fonte de ingresos), pero en Galicia seguimos deixando pasar o sol pola porta e o noso goberno segue incumprindo as súas propias promesas (a promoción do Megalitismo da Costa da Morte, anunciado no 2001). Non esquezamos que o famoso dolmen de Dombate, a chamada catedral das antas galegas, estivo, tras as escavacións de 1989, invisible e ó ventimperio uns 16 anos cuberto por unha burda lona de plástico (a chamada “burka de Dombate”). Felizmente agora hai un centro de interpretación presentable, á altura de calquera europeo, pero tiveron que pasar eses longos tres quinquenios (os do goberno de Fraga, casualmente) para que Xunta e Deputación da Coruña se puxesen de acordo, e iso que eran do mesmo signo político.

simposio_megalitismo_vimianzo_1 simposio_megalitismo_vimianzo_2

Hai un ano escribín en diversos medios sobre o abandono por parte da Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia das 14 antas da Costa da Morte que ela mesma declarada BIC, con moita pompa, cubertas por toxos e silvas, e, polo tanto, invisitables. Desde este organismo non moveron un dedo para mellorar a situación. Tiveron que ser os concellos os que se puxesen man á obra ante tanta desidia: Malpica acondicionou a Pedra da Arca de Cerqueda, Cabana seguiu mantendo as visitas guiadas e organizando actos diversos en Dombate, Zas mandou limpar a Arca da Piosa (a grandiosa “tumba do valente Brandomil” da épica pondaliana) e Vimianzo, que sinalizou a longa ruta do seu territorio, colocou carteis informativos en galego, castelán e inglés en todas as antas, limpounas de maleza e acondicionou os accesos. ¡Todo un exemplo para a Xunta de Galicia!

simposio_megalitismo_vimianzo_3 simposio_megalitismo_vimianzo_4 simposio_megalitismo_vimianzo_5

O domingo día 4 de setembro puxémoslle o ramo ó II Simposio de Megalitismo de Costa da Morte no seu contexto atlántico cunha visita guiada de dous autobuses por catro das principais antas ou dólmens (nós preferimos as denominacións populares galegas de antas, arcas, arquiñas…; ‘mámoa’ xa a demos introducido internacionalmente): Pedra da Arca de Baíñas/Regoelle, Arca da Piosa, Pedra Cuberta e Dombate (popularmente A Fornella de Vilaseco). Asistiron preto de 90 persoas.

simposio_megalitismo_vimianzo_6

O día 2 (re)inauguramos unha Exposición Itinerante que o Seminario de Estudos da Costa da Morte preparada a finais de 2011 e que percorreu moitos centro de ensino (1ª foto). É de loar o labor do Concello de Vimianzo, que acometeu funcións que serían máis ben propias da Secretaría Xeral do Patrimonio, se existise (pero, como comentou algún asistente, “non está nin se lle espera”), coma tal acondicionar os 2 km que separan a estrada asfaltada dos 500 m do tramo final da “tumba do guerreiro Brandomil” (Pondal dixit: a Arca da Piosa) (unha heroicidade a dos dous autobuses que sen medo se aventuraron por esta pista de monte que con urxencia acondicionou minimamente o Concello vimiancés. 

simposio_megalitismo_vimianzo_7

 

O poeta Miro Villar, socio do Semescom, puxo poesía á ruta recitando poemas de autores coma Pondal e Antón Zapata na Pedra da Arca, na “Arca antiga da Piosa” (en honra do valente Brandomil, naturalmente), en Pedra Cuberta e en Dombate. Rodeando as dúas ciclópeas tampas (6 t cada unha) da Arca da Piosa fotografouse o grupo.

simposio_megalitismo_vimianzo_8

Foi o guía (titulado, por certo) o mozo vimiancés Manuel Rial (en Dombate, Ángel Eiroa), pero houbo atinadas colaboracións espontáneas doutros asistentes, coma Evaristo Rial, Pablo Sanmartín, Estevo Lema, Xan Fernández ou Moncho Gándara, que achegaron datos e anécdotas pouco coñecidas.

simposio_megalitismo_vimianzo_9

“Os de abaixo”, o pobo, xa falou: coñece e valora esas “grandes pedras” de 5.000 anos atrás. Malia faceren oídos xordos, cómpre seguir petando nas aínda máis ciclópeas pedras das herméticas murallas de Patrimonio da Xunta de Galicia, que só debe entender por cultura o comecartos da Cidade da Cultura ou as catedrais galegas; o resto non existe: no máis completo abandono (sobre todo o da zona rural). Parafraseando o Cantar do Mío Cid: “Dios, que buen(os) vasallo(s) si hobiese buen(os) señor(es)!”

 
Texto de Xosé María Lema Suárez

simposio megalitismo

Vimianzo acollerá un novo simposio sobre o megalitismo

Desenvolverase os vindeiros 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.

presentacion

Na presentación participaron o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, o catedrático da USC Antón Rodríguez Casal, coordinador científico do Simposio, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Marta Rei, concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade do Concello de Vimianzo.

Dez anos depois do desenvolvemento da primeira edición do Simposio é preciso voltar a repensar o coñecemento e a divulgación do patrimonio magalítico e da súa posta en valor como elemento favorecedor do contexto socioeconómico.

Vimianzo é o lugar ideal para desenvolver esta segunda edición, pois é un concello que concentra máis de 200 xacementos megalíticos, algúns de enorme importancia como a Pedra da Arca, a Casota de Freáns ou Pedra Cuberta.

Nesta edición do Simposio analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións.

(www.vimianzo.gal)

simposio megalitismo

PROGRAMA

II SIMPOSIO

O MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE NO SEU CONTEXTO ATLÁNTICO

DA ARQUEOLOXÍA Á PROMOCIÓN TURÍSTICA

Casa da Cultura de Vimianzo

2,3 e 4 de setembro

Venres 2 de setembro

 16.00 h Entrega de documentación

 16.30 h Inauguración oficial do Simposio e da exposición

 17.00 h Conferencia inaugural: Ramón Fábregas Valcarce (Universidade de Santiago de Compostela). O megalitismo galego, hoxe

 18.00 h Xosé Mª Lema Suárez (Presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): Camiñando entre dolmens. Roteiro das antas no seu contexto natural, históricoartístico e cultural da Costa da Morte.

 19.00 h Manuel Lestón Gómez (Servicios de arqueoloxía Arkaios S.L.): O dolmen de Dombate como paradigma: das últimas intervencións arqueolóxicas á musealización.

 20.00 h Mar Llinares García (Universidade de Santiago de Compostela): A mitoloxía popular e os monumentos megalíticos

Sábado 3 de setembro

 10.00 h Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez (Universidade de Santiago de Compostela): Novas propostas para o estudo do Megalitismo: Arqueoloxía espacial, fotogrametría, modelado 3D e arqueoastronomía.

 12.00 h Fernando Carrera Ramírez (Universidade de Vigo): As pinturas nos monumentos megalíticos da Costa da Morte: riqueza ou pobreza?

 13.00 h Antón A. Rodríguez Casal (Universidade de Santiago de Compostela): Estelas, ídolos e menhires: a escultura megalítica como imaxe apotropaica.

 16.00 h Goreti Sousa (Escola Superior Gallaecia, Vila Nova de Cerveira): O megalitismo da rexión galaico-portuguesa do Miño.

 17.00 h Mesa redonda: O Patrimonio megalítico da Costa da Morte a debate. Da arqueoloxía á promoción turística Manuel Antelo (Alcalde), Xosé Mª Lema (Seminario de Estudos Comarcais), César Abella (Trivium ECT Turismo e xestión cultural), Representante da Deputación da Coruña, Representante da Xunta de Galicia Moderador: Xan Fernández Carrera (Seminario de Estudos Comarcais)

 18.00 h: Conclusións e peche

Domingo 4 de setembro

 Visita arqueolóxica polas principais antas con recital poético

Organiza: Concello de Vimianzo, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Universidade de Santiago de Compostela Colabora: Centro de Formación e Recursos da Coruña Coordinador científico: Antón Abel Rodríguez Casal