• info@semescom.gal

Tag Archives: Antón García Losada

Presentación do libro do río Anllóns en Coristanco

Sobre o libro «O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños», unha obra enciclopédica de moito mérito

Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM

Con certo atraso polo da pandemia por fin teño nas miñas mans o libro O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños, da autoría de Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luís Giadás Álvarez, todos membros do Instituto de Estudios Bergantiñáns (IEB), que o publica coa axuda dos Concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Ponteceso.

Trátase dunha obra verdadeiramente enciclopédica na que se abarca todo o relativo a esta arteria fluvial identificada coa comarca de Bergantiños. Tras o limiar do escritor coristanqués Xosé Antonio Andrade, os autores manifestan o seu propósito de realizar «un estudo integral do río coa finalidade de achegar un maior coñecemento sobre el e espertar na poboación maior conciencia cara á súa conservación».

Consta de oito capítulos. O primeiro trata das diferentes denominacións que o río tivo ó longo da historia: río de Cesso, Discesso ou Decesso, ata as máis recentes de Allóns -ou a castelanizada Allones- ata chegar á actual de Anllóns.

Ata tres nomes

Para Carré Aldao (c. 1928) mesmo podía ter tres nomes: «Río Grande, Anllóns o Canduas». No noso libro anterior -tamén colectivo- sobre o río do Porto (2019) non nos dabamos explicado como ó gran colector das augas da Terra de Soneira lle impuxeran oficialmente, a partir dos anos sesenta do pasado século, o aséptico nome de «río Grande», cando está documentado «río do Porto» desde hai máis de 250 anos, polo menos desde 1764 (José Cornide), denominación que usaron xeógrafos da categoría de Domingo Fontán (1834) e Otero Pedrayo (a partir de 1920).

«Ríos grandes son todos os considerados principais para distinguilos dos ríos afluentes», advertiamos no noso libro, e a proba témola agora coa denominación popular -esta si- e semioficial de «río Grande» para un dos ramais do curso alto do Anllóns, que lles serviu ós autores para identificar o ramal primixenio: o que ten o seu nacemento no extremo oriental da serra de Montemaior (Soandres).

No capítulo segundo recóllense as descricións históricas do século XIX e do XX, de xeógrafos coma Otero Pedrayo, Río Barja, Pérez Alberti e, sobre todo, a exhaustiva do bergantiñán Salvador Parga Pondal na súa tese de 1950.

O capítulo terceiro dedícase integramente á personificación literaria do río nos poemas de Eduardo Pondal. O cuarto céntrase no estudo do seu curso en relación co resto da rede hidrográfica galega, coa subcunca da Costa da Morte e coa propia rede, na que se destaca o seu carácter disimétrico, xa que os afluentes da esquerda son máis longos e caudalosos cós da dereita (de aí a dificultade de concretar o ramal principal).

Por 29 parroquias

No quinto descríbese o río por cada unha das parroquias polas que pasa (29); un apartado moi extenso e ilustrativo no que se informa dos muíños, pontes, vilas, castros, torres, pazos, igrexas ou ermidas. O capítulo sexto é para os espazos naturais e o sétimo para a análise da hidronimia e a toponimia relacionada. Remátase cun estudo sobre a calidade das augas asinado por un grupo de científicas colaboradoras.

Convén ir lendo de vagar, dada a súa extensión (341 páxinas), esta ambiciosa obra ilustrada con múltiples fotografías e mapas a toda cor, dedicada ó gran colector das augas bergantiñás, o sexto río galego en lonxitude (71,46 km) tras o Miño, Ulla, Tambre, Eo e Eume.

Énchenos de satisfacción que en dous anos se publicasen dúas obras divulgativas de dous ríos do ámbito da Costa da Morte. Seguimos sendo pioneiros. A ver se hai quen se anime cos outros dous que faltan: o curto -pero ás veces impetuoso- río Castro da Terra de Nemancos, e o Xallas que tanta historia real ou lendaria recadou no seu curso de 64,5 km; o senlleiro río que non forma ría por desembocar en fervenza, a máis famosa de Galicia.