• info@semescom.gal

Category Archive: Patrimonio en perigo

O castro que dá nome a Castrelo?

Por Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM

Na maior parte de Europa atopar un vestixio arqueolóxico é unha boa nova, e xa están pensando en como aproveitalo turisticamente. En Galicia, e particularmente na Costa da Morte, tómase coma un atranco para o progreso, pois este identifícase coa destrución do anterior. E así nos vai, con vilas inzadas de bloques de edificios arrepiantes que desaniman as visitas. A reportaxe do 9 de novembro de La Voz de Galicia, «Malpica fea», xa o di todo, e non é este o único caso do que se deu en chamar «feísmo».

Vén isto a conto porque hai quen toma coma un incordio a aparición dun pequeno castro no novo trazado da estrada de Laxe a Carantoña, na agra de Castrelo. A culpa non é do ?castrelo?, que xa estaba alí, senón dos enxeñeiros por non inspeccionaren ben antes. A solución que se baralla seica é deixalo debaixo dun viaduto ou ponte desa estrada. Un castro baixo unha ponte tamén será visitable, pero como un exemplo disparatado de agresión á paisaxe que iso pode supoñer, facendo «xogo» o conxunto co fermoso pazo de Arrueiro de Soesto e con varias casas de turismo rural ben restauradas da redonda. ¡Que manía teñen certos enxeñeiros na eliminación de curvas por sistema, aínda que para iso haxa que partir ó sesgo unha fértil agra!

Todos os veráns un grupo de membros do Seminario de Estudos da Costa da Morte facemos viaxes ás fisterras atlánticas europeas, con paisaxes e climas semellantes ós nosos. E resulta que esoutras ?fins da terra? non dan mans a medir coa cantidade de turistas que reciben. E un pregúntase por que neses sitios teñen tantos visitantes, hai bo número de postos de traballo grazas ó seu patrimonio cultural, e na Costa da Morte, con cousas aínda mellores, non é así. ¿Non será que destruír o antigo porque si, á larga é un mal negocio?

Non sei como se resolverá o asunto do ?castrelo? de Castrelo, pero cae de caixón como resolverían nestas zonas europeas. Non fai falla dicilo. Certo que na Bretaña francesa ou en Irlanda tamén se teñen destruído monumentos prehistóricos, pero iso foi a finais do seculo XIX, e ben que aprenderon; semella que nós aínda estamos coma eles hai cen anos. En Cornualles (SO. de Inglaterra) chegan ó extremo de non anchearen as estradas con valados de pedra antigos nas beiras, pois os trazados tradicionais son sagrados; os turismos paraban para cederlle amablemente o paso ó noso autobús. Non desexamos chegar aquí e agora á esaxeración córnica, tampouco é iso, pero si que os enxeñeiros fagan un mínimo esforzo por idearen unha leve desviación en forma de suave curva para preservar un poboado de hai máis de dous mil anos, que sen dúbida foi o que lle deu nome ó lugar de Castrelo. Só por iso xa pagaba a pena conservalo, pero nun lugar digno: o que sen dúbida merece.

Artigo publicado o 12 de novembro de 2014 en La Voz de Galicia.