• info@semescom.gal

Category Archive: Patrimonio da Costa da Morte

Relevo románico do muro norte, no que quizais se representa
a san Martiño partindo a capa (foto XMLS)

Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas

 Segundo o padre Fr. Antonio Yepes na súa Crónica de la Orden de San Benito (Valladolid, 1613-1615), Santo Antoíño de Baíñas, na Idade Media “era monasterio en Tierra de Soneira; goza de título de abadía; fue anejo al de San Pedro de Fora por privilegio de D. Lope de Mendoza, arzobispo de Santiago, e hízose la unión el año mil quatrocientos diez y siete”. Despois, contra 1487, o mosteiro quedou reducido a simple priorado con tan só uns cantos monxes. Tiña, cando escribe Yepes, un couto dunha legua de longo e outra de ancho, con xurisdición civil e criminal; “tiene iglesia y claustro, con indicios de haber sido un buen monasterio”.

Restos do antigo priorado de Baíñas, cunha porta do séc. XV ou XVI (esq.) e cabeceira da igrexa de Sto. Antoíño de Baíñas, coa torre-campanario ó fondo(foto X.Mª Lema]

Restos do antigo priorado de Baíñas, cunha porta do séc. XV ou XVI (esq.)
e cabeceira da igrexa de Sto. Antoíño de Baíñas, coa torre-campanario
ó fondo(foto X.Mª Lema]

A súa igrexa é, polo tanto, a do antigo mosteiro ou priorado, do que aída quedan en pé, pola zona sur, parte das súas dependencias, en ruínas. Desmantelouse, seguramente, coa Desamortización de 1836. Nelas distinguimos unha porta tapiada de grandes doelas, propia da arquitectura gótica de finais do séc. XV ou principios do XVI.

Muro sur da igrexa de Baíñas, con contrafortes  e arcadas románicas (foto X.Mª Lema)

Muro sur da igrexa de Baíñas, con contrafortes
e arcadas románicas (foto X.Mª Lema)


Arquitectura

A igrexa responde ó esquema típico do románico rural, pois é de pequenas dimensións, formada por unha ábsida rectangular abovedada (4 x 5,55 m) e unha nave única (5,8 x 12,6 m), que estivo cuberta por unha armazón de madeira que foi incenciada polos franceses en 1809 (actualmente cóbrese cunha bóveda de cemento).

Considérase que o templo se construíu a principios do séc. XIII, concretamente entre 1215 e 1220, principalmente polo tipo de bóveda de canón apuntada do interior da ábsida ou capela maior, e polos arcos faixón –que sostén esta bóveda- e triunfal -de entrada desde a nave-, tamén apuntados (este apuntamento anuncia a proximidade do estilo gótico). Son interesantes os capiteis das semicolumnas que soportan os arcos, vexetais, con follas esquemáticas de pouco volume que se curvan acubillando bólas ou se enrolan formando volutas. O arco triunfal presenta unha rica molduración e remata nunha arcada axadrezada envolvente, disposta en catro fileiras superpostas. No interior da capela maior aínda se conserva, acaroada ós tres muros, a bancada que ocupaban os monxes do priorado nos oficios litúrxicos.

Arco triunfal da ábsida da igrexa da igrexa de  Baíñas (séc. XIII) [foto XMLS]

Arco triunfal da ábsida da igrexa da igrexa de
Baíñas (séc. XIII) [foto XMLS]

Representación dun ‘vicio’ nun dos  canzorriños románicos de Baíñas (foto XMLS)

Representación dun ‘vicio’ nun dos
canzorriños románicos de Baíñas (foto XMLS)

No beirado do tellado da nave consérvase unha serie de canzorriños xeométricos e historiados, con figuras humanas en escenas de tipo circense ou mesmo amorosas,  coma un dos do muro norte, no que se parece representar un coito (lémbrese que nos canzorros románicos se adoitaban representar os “vicios” ou “pecados”, para evitalos).

É interesante tamén a porta travesa do muro norte, hoxe tapiada, tamén románica, na que chama a atención o seu tímpano cun relevo, un tanto desgastado, dunha figura humana montada sobre un cabalo ou asno: seguramente se trata dunha representación de san Martiño no momento en que parte a súa capa para darlla a un pobre. A presenza do santo explícase pola dependencia do priorado co mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela). O relevo é de feitura bastante deficiente, pois as figuras son desproporcionadas.

Relevo románico do muro norte, no que quizais se representa  a san Martiño partindo a capa (foto XMLS)

Relevo románico do muro norte, no que quizais se representa
a san Martiño partindo a capa (foto XMLS)

Os trazos románicos complétanse cos contrafortes exteriores, acaroados ós muros da parte sur da capela maior e da nave; dentro da sancristía hai outros dous.

A fachada, moi sinxela, é unha das partes non románica; foi construída en 1802, xunto coa sancristía. Estaba coroada por unha espadana, pero foi en parte derrubada por un temporal en 1853. En 1891 derrubouse totalmente e construíuse a torre-campanario actual. O seu autor foi o canteiro Manuel Muíños.

Imaxes

A causa dunhas reformas do ano 1967 desapareceron o retablo maior e o lateral de san Brais. Quedaron algunhas das súas imaxes, entre as que se poden salientar as seguintes: santo Antoíño, o patrón, vestido cos atributos dos diáconos (obra barroca de finais do séc. XVIII); san Bieito (vestido co hábito negro dos bieitos, coa mitra ó pé e un corvo cun pan; obra tamén barroca de finais do XVIII; a súa presenza explícase pola pertenza á orde beneditina dos monxes baiñáns); unha Inmaculada (de principios do séc. XIX); un san Brais (home vestido de bispo que leva a man á gorxa; obra barroca de mediados do XVIII), un san Roque  (vestido de peregrino, de mediados do XVIII).

baiñas 6

Imaxe de Sto. Antoíño de Baíñas
(foto XMLS)

Imaxe de S. Bieito, patrón da orde beneditina,  á que pertencía o priorado de Baíñas (foto XMLS)

Imaxe de S. Bieito, patrón da orde beneditina,
á que pertencía o priorado de Baíñas (foto XMLS)

Bibliografía

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M.B (1979): El arte del Finisterre gallego; tese de doutoramento inédita; USC.