San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).
Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.
Prestixio
Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.
A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.
Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.
Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.

O consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.
A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.
A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.
En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.
O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidade, apoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.

O 29-06-2001, nunha das salas abertas no edificio do faro de Fisterra, Manuel Vilar —actual director do Museo do Pobo Galego— e mais eu presentabamos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), editado por Neria. Foi pioneiro na posta en valor dos faros como un dos patrimonios identitarios deste territorio e para promover o seu aproveitamento cultural e turístico. Presidira o acto o daquela presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, a quen lle solicitamos que non só se abrise ó público o edificio, senón que en horas diúrnas se permitise o acceso de visitantes á torre para poder ver a estrutura e a maquinaria. Comprometeuse a facelo. Hoxe o edificio do faro fisterrán leva cinco anos fechado sen outro aproveitamento durante o día (outra cousa é pola noite, claro) que servir de fito simbólico da fin da terra; nin sequera está aberta a sala onde se presentara o libro. Pasaron vinte anos e andamos de recú, cara a atrás.

Houbo raiolas de esperanza, como cando se inaugurou no edificio do Vilán un Centro de Interpretación dos Faros (2008), un pequeno pero valioso museo que nos permitiu entender o mundo dos sinais marítimos e ver a maquinaria do primeiro faro electrificado de España, xa de por si un gran reclamo. Foi tamén bo que a Asociación de Empresarios de Camariñas o mantivese aberto e con actividades, como lembraba a súa presidenta en La Voz (Edición do 27-01-22).
Agora recibimos a noticia de que a Autoridade Portuaria da Coruña vai fechar o edificio do faro de Camariñas. Que diferenza con respecto ó que se fai en boa parte de Europa! En 2011 visitamos o do cabo Lizard, en Cornualles, o máis meridional da Gran Bretaña. Un faro moi modesto pero moi ben aproveitado para o turismo que xa daquela contaba cun centro de recepción con publicacións sobre Cornualles e obxectos artesanais córnicos. Mesmo se podía subir á torre, pagando entrada, como é lóxico.
En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.

Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico…) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación… Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) enviou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia alegacións en contra do documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques eólicos do “Monte Chan” e da “Pena dos Mouros”, que lle afectarían gravemente aos espazos naturais dos Penedos de Pasarela e Traba e aos seus veciños do Piñeo da serra da Pena Forcada.
Alegacións contra o proxecto eólico Monte Chan
O documento relativo ao proxecto de parque eólico (P.E.) “Monte Chan” é o máis extenso (68 páxinas). Contra el arguméntanse: 1) razóns lexislativas; 2) científicas e naturais; 3) históricas, culturais e literarias; 4) económicas; 5) Didácticas.
Nas razóns lexislativas faise fincapé, en primeiro lugar, no feito importantísimo de que os Penedos de Pasarela e Traba están declarados Paisaxe Protexida -unha das dúas únicas paisaxes oficialmente recoñecidas en Galicia- segundo o Decreto 294/2008 do 11 de novembro pola propia Xunta da Galicia (DOG 12-01-2009). Ao longo de tres páxinas enuméranse os valores que levaron a esta declaración, en base ao informe presentado no seu día por un equipo da Universidade de Santiago (USC) dirixido polo Prof. Dr. Augusto Pérez Alberti.
En segundo lugar, dentro das razóns lexislativas, tamén se argumenta que o proxecto presentado non cumpre con varios epígrafes dos anexos II e IV do recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro (DOG 1-02-2021) da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, pois con tan só un aeroxerador que se coloque na área protexida dos Penedos ou na súa contorna, atentaría contra o conxunto da paisaxe. Estes anexos falan de avaliar o impacto visual en “áreas de especial interese paisaxístico”, e incluso de “reducir ou mitigar o impacto visual con plantacións arbóreas”. Non deixa de parecer un sarcasmo dar a entender que pode haber algún xeito de “reducir ou mitigar” con “plantacións arbóreas” (ou “apantallar con formación vexetais”) os xigantescos aeroxeradores de 90 m a 150 m de altura (sen contar as aspas) que se pretenden instalar, tres veces máis altos ca Torre de Hércules da Coruña ou cá fachada do Obradoiro da catedral de Santiago.
O apartado das razóns científicas e naturais céntrase primeiro nos estudos xeolóxicos, pois os Penedos de Pasarela e Traba xa interesaran no séc. XIX ao famoso enxeñeiro hispano-alemán Guillermo Schulz, e no XX ao xeólogo Isidro Parga Pondal, para finalmente pasar ao recente estudo científico pormenorizado do Prof. Dr. Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) -resumido nas alegacións-, que as denominou “formas graníticas únicas no mundo”.

Na segunda parte deste apartado adúcense as razóns xeográficas -con descricións precisas dos xeógrafos Ramón Otero Pedrayo, A. Pérez Alberti e Antón García Losada- e na terceira, as razóns paisaxísticas, que son as máis evidentes, pois ben coñecidas son as loas de escritores como Otero Pedrayo ou Manuel Rivas, a quen corresponden estes parágrafos: “Os Penedos de Pasarela e Traba son moito máis que pedras. Son monumentos naturais, arte da natureza feita amorosamente durante miles e miles de anos polos dedos do tempo. (…) Un dos centros de arte máis abraiantes de Galicia (…). Rochas zoomórficas e antropomórficas que cantou Pondal e que enfeitizaron a Otero Pedrayo. (…) O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida dedicaríase a outra cousa”.
As razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias enchen doce páxinas, completadas con oito máis coas abundantes publicacións sobre os Penedos, pois poucos espazos paisaxísticos contan cun documental (2009), unha guía específica (2012), calendarios, carteis, certames poéticos etc.
As razóns económicas céntranse sobre todo no turismo. A pesar do desleixo da Xunta de Galicia -que tiña a obriga de poñer en valor os Penedos antes de dous anos a partir da publicación do Decreto de 2008- a declaración de Paisaxe Protexida trouxo consigo visitas periódicas de sendeiristas de toda Galicia que, loxicamente, fixeron gasto na zona. Hoxe en día están abertas máis dunha ducia de casas de turismo rural en Calo (Vimianzo) e Traba e Soesto (Laxe), que deben aos Penedos boa parte dos seus ingresos. Da importancia turística da Paisaxe Protexida dos Penedos mesmo se fixo eco a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, que a recomenda e describe na súa páxina web. A Plataforma do Turismo da Costa da Morte tamén se manifestou en contra deste P.E.
Na parte final das alegacións, o Semescom lánzalle un reto á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia: que transforme esta ameaza contra os Penedos nunha oportunidade inmellorable para acometer o que se estipulaba no Decreto 294/2008: a posta en valor desta Paisaxe Protexida e convertela no Parque Granítico Multiforme de Galicia, nun senlleiro museo xeolóxico ao aire libre que atraería milleiros de visitantes e que proporcionaría múltiples postos de traballo directos e indirectos. Nas alegacións póñense como exemplo lugares tan emblemáticos como a Cidade Encantada de Cuenca, o monumento natural de Los Barruecos (Estremadura) e a Calzada do Xigante de Irlanda do Norte (Patrimonio da Humanidade pola UNESCO) que desde hai ben anos proporcionan cuantiosos ingresos nos lugares onde se atopan. Son áreas naturais distintas, pero a ningunha delas nada teñen que envexarlles os Penedos de Pasarela e Traba, como xa afirmaron varios expertos.
Ver alegacións ao proxecto eólico Monte Chan
Alegacións contra o proxecto eólico Pena dos Mouros
Contra o P.E. “´Pena dos Mouros” o Semescom tamén presentou alegacións, que neste caso se centraron en razóns lexislativas, científicas, naturais e paisaxísticas.
No tocante ás primeiras, argumentouse que, por unha parte, a instalación deste P.E. afectaría visualmente, pola zona oeste, á área protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e danaría e invalidaría tamén esta paisaxe singular; incumpre, polo tanto, o Decreto 294/2008.
Por outra parte tamén incumpre o recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro, pois os muíños eólicos que se propoñen danarían e invalidarían a chamada Ruta dos Penedos do Piñeo que propoñen varias guías turísticas, que se desenvolve no primeiro tramo da Serra da Pena Forcada, que vai bordeando a costa a mar aberto desde Pasarela (Vimianzo) e Mórdomo (Laxe) a Camelle (Camariñas); ruta que conta con espectaculares penedos -no informe adxúntanse fotografías- con nomes tan suxerentes como A Capela de Lucas, A Pena dos Mouros. O Castelo, Pena Tellada, Pena Orelluda, Pedra do Frade ou do Home ou Pena da Aiga.
Tamén se chama a atención que na citada páxina web da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia se cita a Pena dos Mouros como un dos catro cumes da paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba, o que demostra que se atopa dentro da súa área visual. E sobre todo no perfil ou skyline que cerra o Val de Traba, visible desde a súa longa praia e a lagoa do seu nome.
Finalmente, tamén se argumenta en contra deste P.E. en base á existencia doutras dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo. Dáse a circunstancia de que estas dúas rutas se desenvolven por un antiquísimo camiño carreteiro litoral, que desde a Administración autonómica sempre se quixo preservar.
A Asociación Parroquial de Berdoias (Vimianzo), a Asociación cultural Colectivo A Rula e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte presentamos alegacións conxuntas contra o proxecto para o Parque Eólico de Berdoias e da súa infraestrutura de Evacuación (LAAT) promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia S.A.
No seu Documento Inicial, a empresa de enerxía eólica non recolle algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da parroquia, como os conxuntos de petróglifos do Pedrouzo. Ademais este Parque terá un impacto severo en determinados bens, en especial para o patrimonio arqueolóxico da parroquia como o dolmen da Casota (Ben de Interese Cultural), a mámoa de Freáns e as dúas estacións de arte rupestre do Outeiro do Pedrouzo. Ademais, a proximidade excesiva da LAAT de Evacuación ao núcleo de Santa Cristiña e o seu patrimonio; así como a proximidade – nalgún caso interferencias- de diferentes tramos do Parque Eólico proxectado con rutas culturais como o Vieiro Fidalgo, o Camiño de Santiago a Muxía (por Brandomil) ou a Vía Mariana de Braga a Muxía.

Nas alegacións presentamos as seguintes conclusións:

A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula
Consecuentemente, reclamamos a inclusión de todos os elementos culturais referidos nas alegacións e a modificación do proxecto para preservar a zona no seu contexto.
Tesouros de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/tags/tesouros-berdoias
Petróglifos de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/tesouros-berdoias-xxvi-prehistoria-petroglifos/20210213100541124978.html
Se se fala de petróglifos en Galicia, é imprescindible falar do Colectivo A Rula. Unha asociación que mudou radicalmente a visión que se tiña da arte rupestre galega, especialmente na Terra de Santiago. O descubrimento de numerosos novos gravados, a divulgación e protección deste patrimonio fixeron da Rula un referente fundamental no país.
É, pois, motivo de alegría ver como sae á luz a súa primeira publicación Na espiral dos círculos concéntricos. Un repaso en máis de 400 páxinas pola arte rupestre galega a través dos seus pasos e achegas. Nesta viaxe non faltan referencias á Costa da Morte, dúas delas na parroquia vimiancesa de Berdoais.
Precisamente esta será a primeira parada deste libro por estas terras, nun acto promovido polo SEMESCOM e pola Asociación Parroquial de Berdoias. A presentación terá lugar o sábado 17 de outubro nun lugar especial, tamén circular, a Eira do Carmelo. Desde aquí agradecemos ao propietario a súa amabilidade por cedernos este fantástico auditorio ao aire libre cargado de historia.
Presentación de Na espiral dos círculos concéntricos do Colectivo A Rula
Lugar: Eira do Carmelo en Berdoias – Vimianzo (ao lado da Escola)
Hora: 19h30
Prégase poñerse en contacto coa Asociación Parroquial de Berdoias para confirmar asistencia e non superar a capacidade máxima permitida para actos culturais como medida de prevención fronte á covid-19.

Texto recollido do facebook do Colectivo A Rula:
“As aldeas de Berdoias e Boallo (Vimianzo) protagonizan dous capítulos do noso novo libro polo que esta presentación “enxebre e diferente” serve para render tributo a dous lugares que conservan un legado cultural único.
Patrimonio relixioso, arqueolóxico e etnolóxico que agroman en cada recuncho destas aldeas da terra de Soneira hoxe unidas polo chamado “vieiro fidalgo”, axeitado nome que lembra a fonda pegada da familia Lema de orixe fidalga nestes lares. Porén, é a veciñanza desta parroquia o seu verdadeiro tesouro, fomos testemuñas disto en dúas xeiras nocturnas inesquecibles, a primeira, nunha chuviosa noite de Berdoias ó son das coplas de Carmen de Limideiro, e a segunda, un noite estival en Boallo na que aínda lembramos as lendas e contos narradas polos/as veciños/as da contorna sobre a ponte centenaria do río Castro. Esa mesma veciñanza que trata agora de rescatar do esquecemento a súa historia e o seu patrimonio como vía para frear o seu abandono.
Será un pracer e unha honra compartir de novo experiencias culturais e de vida con todas/os vós neste novo encontro e falarvos do patrimonio arqueolóxico destas aldeas. E será tamén, unha boa ocasión para sacar dos arquivos da Rula novas e vellas historias das pedras labradas na paisaxe da Terra de Soneira. Estades convidados!.
Agradecer finalmente á Asociación Parroquial de Berdoias e o SEMESCOM o convite e a organización desta actividade.”
Os monumentos megalíticos son ben aproveitados noutros lugares para promover o turismo cultural, coma na Bretaña francesa (a principal fonte de ingresos), pero en Galicia seguimos deixando pasar o sol pola porta e o noso goberno segue incumprindo as súas propias promesas (a promoción do Megalitismo da Costa da Morte, anunciado no 2001). Non esquezamos que o famoso dolmen de Dombate, a chamada catedral das antas galegas, estivo, tras as escavacións de 1989, invisible e ó ventimperio uns 16 anos cuberto por unha burda lona de plástico (a chamada “burka de Dombate”). Felizmente agora hai un centro de interpretación presentable, á altura de calquera europeo, pero tiveron que pasar eses longos tres quinquenios (os do goberno de Fraga, casualmente) para que Xunta e Deputación da Coruña se puxesen de acordo, e iso que eran do mesmo signo político.
Hai un ano escribín en diversos medios sobre o abandono por parte da Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia das 14 antas da Costa da Morte que ela mesma declarada BIC, con moita pompa, cubertas por toxos e silvas, e, polo tanto, invisitables. Desde este organismo non moveron un dedo para mellorar a situación. Tiveron que ser os concellos os que se puxesen man á obra ante tanta desidia: Malpica acondicionou a Pedra da Arca de Cerqueda, Cabana seguiu mantendo as visitas guiadas e organizando actos diversos en Dombate, Zas mandou limpar a Arca da Piosa (a grandiosa “tumba do valente Brandomil” da épica pondaliana) e Vimianzo, que sinalizou a longa ruta do seu territorio, colocou carteis informativos en galego, castelán e inglés en todas as antas, limpounas de maleza e acondicionou os accesos. ¡Todo un exemplo para a Xunta de Galicia!
O domingo día 4 de setembro puxémoslle o ramo ó II Simposio de Megalitismo de Costa da Morte no seu contexto atlántico cunha visita guiada de dous autobuses por catro das principais antas ou dólmens (nós preferimos as denominacións populares galegas de antas, arcas, arquiñas…; ‘mámoa’ xa a demos introducido internacionalmente): Pedra da Arca de Baíñas/Regoelle, Arca da Piosa, Pedra Cuberta e Dombate (popularmente A Fornella de Vilaseco). Asistiron preto de 90 persoas.
O día 2 (re)inauguramos unha Exposición Itinerante que o Seminario de Estudos da Costa da Morte preparada a finais de 2011 e que percorreu moitos centro de ensino (1ª foto). É de loar o labor do Concello de Vimianzo, que acometeu funcións que serían máis ben propias da Secretaría Xeral do Patrimonio, se existise (pero, como comentou algún asistente, “non está nin se lle espera”), coma tal acondicionar os 2 km que separan a estrada asfaltada dos 500 m do tramo final da “tumba do guerreiro Brandomil” (Pondal dixit: a Arca da Piosa) (unha heroicidade a dos dous autobuses que sen medo se aventuraron por esta pista de monte que con urxencia acondicionou minimamente o Concello vimiancés.
O poeta Miro Villar, socio do Semescom, puxo poesía á ruta recitando poemas de autores coma Pondal e Antón Zapata na Pedra da Arca, na “Arca antiga da Piosa” (en honra do valente Brandomil, naturalmente), en Pedra Cuberta e en Dombate. Rodeando as dúas ciclópeas tampas (6 t cada unha) da Arca da Piosa fotografouse o grupo.
Foi o guía (titulado, por certo) o mozo vimiancés Manuel Rial (en Dombate, Ángel Eiroa), pero houbo atinadas colaboracións espontáneas doutros asistentes, coma Evaristo Rial, Pablo Sanmartín, Estevo Lema, Xan Fernández ou Moncho Gándara, que achegaron datos e anécdotas pouco coñecidas.
“Os de abaixo”, o pobo, xa falou: coñece e valora esas “grandes pedras” de 5.000 anos atrás. Malia faceren oídos xordos, cómpre seguir petando nas aínda máis ciclópeas pedras das herméticas murallas de Patrimonio da Xunta de Galicia, que só debe entender por cultura o comecartos da Cidade da Cultura ou as catedrais galegas; o resto non existe: no máis completo abandono (sobre todo o da zona rural). Parafraseando o Cantar do Mío Cid: “Dios, que buen(os) vasallo(s) si hobiese buen(os) señor(es)!”
Texto de Xosé María Lema Suárez
Desenvolverase os vindeiros 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.

Na presentación participaron o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, o catedrático da USC Antón Rodríguez Casal, coordinador científico do Simposio, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Marta Rei, concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade do Concello de Vimianzo.
Dez anos depois do desenvolvemento da primeira edición do Simposio é preciso voltar a repensar o coñecemento e a divulgación do patrimonio magalítico e da súa posta en valor como elemento favorecedor do contexto socioeconómico.
Vimianzo é o lugar ideal para desenvolver esta segunda edición, pois é un concello que concentra máis de 200 xacementos megalíticos, algúns de enorme importancia como a Pedra da Arca, a Casota de Freáns ou Pedra Cuberta.
Nesta edición do Simposio analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións.
(www.vimianzo.gal)

Casa da Cultura de Vimianzo
2,3 e 4 de setembro
Venres 2 de setembro
16.00 h Entrega de documentación
16.30 h Inauguración oficial do Simposio e da exposición
17.00 h Conferencia inaugural: Ramón Fábregas Valcarce (Universidade de Santiago de Compostela). O megalitismo galego, hoxe
18.00 h Xosé Mª Lema Suárez (Presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): Camiñando entre dolmens. Roteiro das antas no seu contexto natural, históricoartístico e cultural da Costa da Morte.
19.00 h Manuel Lestón Gómez (Servicios de arqueoloxía Arkaios S.L.): O dolmen de Dombate como paradigma: das últimas intervencións arqueolóxicas á musealización.
20.00 h Mar Llinares García (Universidade de Santiago de Compostela): A mitoloxía popular e os monumentos megalíticos
Sábado 3 de setembro
10.00 h Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez (Universidade de Santiago de Compostela): Novas propostas para o estudo do Megalitismo: Arqueoloxía espacial, fotogrametría, modelado 3D e arqueoastronomía.
12.00 h Fernando Carrera Ramírez (Universidade de Vigo): As pinturas nos monumentos megalíticos da Costa da Morte: riqueza ou pobreza?
13.00 h Antón A. Rodríguez Casal (Universidade de Santiago de Compostela): Estelas, ídolos e menhires: a escultura megalítica como imaxe apotropaica.
16.00 h Goreti Sousa (Escola Superior Gallaecia, Vila Nova de Cerveira): O megalitismo da rexión galaico-portuguesa do Miño.
17.00 h Mesa redonda: O Patrimonio megalítico da Costa da Morte a debate. Da arqueoloxía á promoción turística Manuel Antelo (Alcalde), Xosé Mª Lema (Seminario de Estudos Comarcais), César Abella (Trivium ECT Turismo e xestión cultural), Representante da Deputación da Coruña, Representante da Xunta de Galicia Moderador: Xan Fernández Carrera (Seminario de Estudos Comarcais)
18.00 h: Conclusións e peche
Domingo 4 de setembro
Visita arqueolóxica polas principais antas con recital poético
Organiza: Concello de Vimianzo, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Universidade de Santiago de Compostela Colabora: Centro de Formación e Recursos da Coruña Coordinador científico: Antón Abel Rodríguez Casal
| 9º día (Freitag / venres 28 agosto)
Dijon – Limoges: 493 km |
|
| Dijon – Macon | 127 km |
| Macon – Cluny | 25 km |
| Cluny – Limoges | 341 km |
| TOTAL | 493 km |
A ABADÍA DE CLUNY**
No mundo cristián de Occidente había necesidade de reformar as ordes monásticas. No 743 declárase obrigatoria a regra de san Bieito de Nursia nos conventos do reino franco. No 816 Bieito de Aniane emprende unha 1ª reforma, moi ríxida. Nos sécs. X-XI acométese a 2ª reforma, como consecuencia do feudalismo monástico e das inxerencias dos señores feudais laicos ó reivindicar xurisdición sobre conventos situados nos seus dominios, nace o movemento ou reforma cluniacense, que irradia das abadías de Cluny e de Gorze.

Cluny: vista da abadía actual (foto XMLS)
O 11-9-910 Guillerme I, duque de Aquitania, doa a vila de Cluny ó papa para que fundara nela un mosteiro con doce monxes; o doador tiña pouco poder, e así garantía a protección papal. Na carta de fundación establécese a libre elección do abade polos monxes.
Pola súa estrita adhesión a un código beneditino reformado, Cluny converteuse nun mosteiro que marcará un camiño a imitar no estilo de vida monacal en Occidente, desde finais do séc. X.

O grupo coa parte orixinal conservada da igrexa de Cluny
A Regra clunisienne foi adoptada por outros mosteiros, e Cluny crea unha extensa orde federada na que os administradores das casas subsidiarias estaban subordinados ó abade de Cluny. Os priores (non abades) reuníanse en Cluny unha vez ó ano, rendían contas e informaban.

Maqueta do que foi a abadía de Cluny
Os cluniacenses propugnan a reforma da economía e administración monástica (os seus mosteiros foron modelos de produción agrícola autosuficiente, como as villae romanas), a protección exclusiva do papa –e non a do bispo ou señor-, a implantación dunha estrita disciplina e o reforzamento da autoridade do abade. Preto de 200 mosteiros pasan a formar unha congregación situada baixo a obediencia do abade de Cluny. A orde convértese así na máis importante de Europa nesta época: espallouse por Borgoña, o val do Ródano, Provenza… Os monxes cluniacenses viñeron a Galicia polo Camiño de Santiago, que lles debe a eles o gran pulo que tivo nos séculos XI e XII, e influíron na vida monástica e relixiosa dos reinos do norte peninsular (Navarra, Castela, León e Galicia).

O noso simpático (e sincero) guía, que loou a nosa exquisita educación dicindo que eramos “muy civilizados” e que non pareciamos españois (“después de los italianos, los más ruidosos”)
Varios dos seus abades foron figuras relevantes con sona internacional, e o mosteiro gozou dun gran prestixio. Do séc. X, o da grande expansión, destacan os abades Bernón, san Odón, Aimar e Maiolo (chamado o “árbitro dos reis”, pola súa relación coa aristocracia; rexeitou o papado no 973). No séc. XI, san Odilón dirixe o mosteiro durante 55 anos. No ano 1016 o papa Bieito VIII decretou que os privilexios de Cluny se estendesen ás casas subordinadas, e así o resto das comunidades bieitas sentíronse máis motivadas para seguiren o modelo. No 1049 san Hugo de Semur foi nomeado abade; home de grande elocuencia e sentido político (tivo grande influencia na Querela das Investiduras, entre o emperador e o papado).
Nesta centuria, Cluny foi o instrumento máis eficaz na implantación da reforma gregoriana; moitos papas e legados pontificios procedían da abadía. A orde difunde os principios da reforma fronte ós vicios da Igrexa ligada ós estados feudais (a simonía e o nicolaísmo).
No séc. XII, no 1109, foi nomeado abade Pons (Poncio) de Melgueil, que continuou coa idea do engrandecemento da orde, e, para iso, iniciou a construción de Cluny III, unha abadía xigantesca que acabaría con todas as doazóns recibidas de León e Castela. As dificultades económicas ocasionaron protestas contra o abade, e tal opulencia fixo que o monacato fose mirando con máis simpatía a orde do Císter, nacida no 1098, máis austera (tamén nas formas arquitectónicas).
Poncio foi a Roma e presentoulle a dimisión ó papa. Substitúeo Pedro o Venerable en 1122, pero tras unha viaxe a Terra Santa en 1126 terá que se enfrontar a Poncio coas armas; Poncio será excomungado e Pedro terá que facer fronte a unhas finanzas catastróficas, agravadas polo roubo do ouro polos mercenarios que o axudaran na loita. Coa morte de Pedro no 1157 a orde cluniacense –acusada de enriquecemento e dun poder temporal excesivo- acrecenta o seu declive; a nova orde dos cistercienses de san Bernaldo, inspirada nos ideais de pobreza e austeridade, ía gañando adeptos.

CLUNY EN GALICIA
A primeira abadía dada a Cluny en Galicia foi a de San Salvador de Vilafrío (Castroverde-Lugo), dada ó abade Hugo polo converso Enego Bermudo no 1075. O resto dos priorados cluniacenses galegos déronse no 1º cuarto do séc. XII, a finais do abadiado de Hugo ata comezos do de Pedro o Venerable, patrocinados ou consentidos polo rei Afonso VI, pola raíña Urraca e tamén por Afonso VII. Dos cinco priorados prinucipais galegos cedidos a Cluny, malia o apoio de Xelmírez á orde, ningún está na diocese compostelá nin no Camiño de Santiago: San Vicenzo de Pombeiro (Pantón) –cedido en 1109 pola raíña Urraca ós monxes de Cluny para asegurarse o seu apoio fronte ós nobres galegos partidarios do seu fillo Afonso Raimúndez (polo tanto, cun propósito antigalego)-; San Martiño de Xubia -cedido en 1113 polo conde Pedro Froilaz de Traba ó abade Poncio de Cluny); Sta. María de Ferreira de Pantón; Valverde (Monforte) e San Salvador de Budiño –dado en 1126 por Gomes Nunes, conde de Toroño, que acabará sendo monxe de Cluny.
Nestes priorados vivían poucos monxes a mediados do séc. XIII, e achegaban a Cluny pouca renda.Contra 1250 a decadencia destes priorados era grande,e os visitadorse acusaban ós abades de daren acubillo a ladróns e cregos incestuosos, e tamén que levaban unha vida disipada (disque vivían con mulleres públicas) e que deixaban arruinar as igrexas.

As tres igrexas de Cluny
A primeira igrexa (Cluny I), da época da fundación (principios do séc. X), respondía ás pautas do estilo carolinxio.
A segunda (Cluny II), de principios do séc. XI , foi un exemplo precoz do románico temperán.
A terceira (Cluny III), levantada na súa maior parte entre 1088 e 1130, foi durante séculos a igrexa máis grande da cristiandade (lonxitude interior de 177 m) ata que San Pedro de Roma foi reconstruída no séc. XVI (186 m). Cando se rematou este templo xigantesco, no mandato de Pedro o Venerable, a comunidade monástica contaba con 460 monxes.
A finais do séc. XV os reis de Francia estableceron aquí unha residencia de paso, e no séc. XVI a abadía converteuse en encomenda (o rei adquiriu o dereito a nomear abade).

O símbolo de Cluny, no museo
No ano 1790, xa iniciada a Revolución francesa, Cluny foi saqueado e destruído na súa maior parte por unha turba de revolucionarios. Os edificios foron adquiridos en 1798 por un comerciante, que vendeu as súas pedras. No ano 1823 só quedaba en pé a basílica de San Pedro e san Paulo, que é a que subsiste hoxe (só unha pequena parte do conxunto orixinal). As dimensións do brazo sur do transepto (32 m baixo a cúpula) son excepcionais dentro do románico e dan idea das enormes proporcións que tivera o templo. O tramo central, cuberto cunha cúpula octogonal sobre trompas, está coroado polo Campanario da Auga Bendita.
No edificio do papa Xelasio pódese ver de maneira virtual a igrexa de Cluny (unha película de 9 min. en pantalla grande e en 3D).

O símbolo de Cluny, no museo
Quedan restos da antiga abadía. No ano 2007 este sitio foi declarado Patrimonio Europeo.
Hai tamén unha Torre dos Queixos (‘Tour des Fromages’), do séc. XI, con vistas á igrexa e ó campanario da Auga Bendita etc. Tamén un Museo de Arte e Arqueoloxía instalado no antigo pazo abacial.
AUVERNIA E LIMOUSIN
LIMOGES (occitano: LIMOTGES)* (Michelin), p. 477.
-140.000 hab.
É a capital da porcelana, do esmalte e do calzado. Forma parte do Camiño de Santiago (Via Lemovicencis).
A cidade presenta dúas caras: a episcopal, agrupada arredor da catedral, e a do barrio do castelo, cidade comercial construída arredor da abadía de San Marcial.

Casa pintada de Limotges
Visitas:
-no barrio antigo: -a catedral de St.-Étienne (do XIII ó XIX), estilo gótico flamíxero, coa portada de St.-Jean (1516-1530). Tres tumbas rodeando o presbiterio; a máis interesante, a de Jean de Langeac, renacentista (1544).
–igrexa de St.-Michel-des-Lions (séc. XIV, gótica), que conserva desde a Revolución francesa as reliquias de san Marcial.
–igrexa de St. Pierre-des-Queyroix (séc. XIII), gótica, pero con partes románicas; notable vidreira renacentista e retablo barroco.
–Igrexa de San Aureliano (sécs. XIV-XVII), patrón da cidade e dos carniceiros.
–abadía da Nosa Señora da Regra (séc. IX-XVIII), fundada no 817 por Ludovico Pío.
–Gare des Bénédictins (‘Estación dos Beneditinos’), construída entre 1924-1929. Deseñado por Roger Gonthier: un edificio con cúpula e campanario sobre pilote por enriba das vías; edificio de formigón recuberto con placas de pedra caliza. Na entrada, unhas esculturas simbolizan a porcelana e o esmalte. As vidreiras son do artista Chigot.

Cruceiro en Limotges
–Museo das Belas Artes de Limoges-Museo do Esmalte (no antigo pazo episcopal), cunha colección de máis de 500 esmaltes.
O barrio do Chateau é o corazón da cidade, coas súas antigas rúas comerciais.
-Rue de la Boucherie (‘Rúa da Carnicería’), con casas tradicionais con entramado de madeira.
–Museo Nacional da Porcelana Adrien-Dubouché, fundado en 1845 (Nacional en 1881). Amosa a evolución da olaría limusina.
A rexión do Limousin é fundamentalmente rural e gandeira (gando bovino). Ó sur, a comarca de Brive (xa a visitamos en 2014) é coñecida polos seus amorodos, ameixas, trufas, castañas e noces. A riqueza da rexión é exclusivamente a natureza, con bosques ben conservados, e tamén a gastronomía. Nos produtos da granxa destacan o foie-gras, os confits e ou rillettes de oca e de parrulo, os patés trufados, a sopa con touciño, as morcillas con castañas, as tortas con noces, o clafoutis con mazás…
Tamén está a artesanía: artesáns da porcelana, a tapicería e o traballo do coiro, que fornecen grandes marcas.
A cerámica de Limoges ten sona universal. A súa arte está ligada a técnicas ancestrais: os esmaltes embelecedores de cofres de xoias, obxectos relixiosos, vasillas etc.
PARAY-LE-MONIAL
Pasamos tamén por Paray-le-Monial, cunha igrexa de peregrinación moi semellante á de Cluny (era priorato dependente desta abadía). Trátase da basílica do Sagrado Corazón, románica, de tres naves lonxitudinais e unha transversal (63,5 m de longo x 23,35 de largo; 22 de altura; altura da torre 56 m).
Nesta igrexa tiveron lugar, en 1671, as visións da mística (despois santa), Margarida María de Alacoque, a quen se lle apareceu Cristo amosándolle o seu corazón. Os xesuítas difundiron moito a devoción ó Sagrado Corazón de Xesús, moi popular no séc. XIX; despois esmoreceu. En Galicia o culto entrou a finais do XIX – principios do XX; as nosas igrexas enchéronse de imaxes do Sagrada Corazón de Xesús.

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)
| 10º día (sábado 29 agosto): Limotges – A Coruña/Santiago: 1.115 km | |
| Parada a xantar en Cantabria | |
Durante o longo traxecto de máis de 1.120 km cara á casa retomáronse as conferencias rodantes. Penas Patiño proporcionounos unha ampla información sobre o “esquecido” (pola historiografía española) reino dos suevos na antiga Gallaecia. O seu título de urxencia foi “De suabos a suevos”, en base a que a Suabia xermana que acabaramos de visitar fora a terra de orixe deste pobo. Volvemos falar amplamente deste reino de 175 anos de existencia (411-585), que se din moi axiña, e que nas historias de España se “liquida” nun par de liñas para dar preeminencia ó reino visigodo, considerado “máis español”, pero que tamén tiña boa parte do seu territorio no sur de Francia (mesmo chemou a ser Narbona a súa capital). Tamén falamos das “trampas saduceas” de famosos historiadores españois para ocultar a existencia do antigo reino de Galicia, herdeiro do peso ancestral da antiga Gallaecia romana, para facer cadrar o seu esquema visigodos è reino de Castela è España. Mentres que para os cronistas árabes do sur da Península os habitantes do norte do río Douro –ata mesmo a actual Soria- eran “os galegos”, os historiadores españois traducían isto por “Reino de León” porque si, simplemente porque a corte real do reino de Gallaecia/Galicia estaba situada en León. Os monarcas tardaron séculos en se titularen reis de León. Tanto nos cambiaron a historia, que o noso Afonso VIII (de Galicia e León) pasouse a chamar Afonso IX porque houbera un VIII en Castela; como proba disto, o famoso rei Sabio no seu tempo foi o IX (“el Nono”) ata que os historiadores españois lle cambiaron o numeral: véxanse portadas das edicións máis antigas das “Siete Partidas” de “Alfonso el Nono”: http://www.cervantesvirtual.com/FichaAutor.html?Ref=90 // http://www.singularis.es/?p=1143#!prettyPhoto[iframe]/0/).
Tamén falamos do elevado nivel cultural que debeu haber na aínda Gallaecia romana do século anterior, o IV. Os grandes escritores e teólogos de Hispania estaban no Noroeste peninsular, con intelectuais coma o reformador relixioso Prisciliano ou a viaxeira Exeria (non era monxa, como se ten dito) que escribiu a súa peregrinaxe a Palestina nunha das primeiras guías de viaxe do mundo. Posteriormente, a principios do séc. V, sobresaíron Hidacio de Chaves e Paulo Orosio, autores das primeiras historias da Gallaecia e de Hispania, respectivamente, que asistiron (horrorizados) á entrada dos “bárbaros” suevos, dos que temían que ían acabar coa cultura galaico-romana. Para ampliar coñecementos recomendamos a obriña do catedrático de latín da USC José Eduardo López Pereira: O primeiro espertar cultural de Galicia. Cultura e literatura nos séculos IV e V (Biblioteca de Divulgación da USC, 1898).
Manolo Chouza tamén falou, polo que vagamente lembramos (pasou moito tempo…), sobre o cambio climático, o CO2, os combustibles fósiles, as enerxías alternativas (solares, eólicas…).
Máis adiante, xa chegando a Cantabria para degustar o gorentoso marmitako de Hoznayo, Xela Cid falounos da distribución da poboación alemá; o rural alemán e o galego. O desenvolvemento agrícola alemán e galego; contraste de zonas protexidas en Alemaña e en Galicia; espazos importantes sen protexer en Galicia (o Pindo, os Ancares, o Courel).
Finalmente, a nosa “flor do Salnés” fíxonos unha despedida á alemá repasando os crípticos alcumes postos nesta viaxe, a saber: o(s)/a/s) Correcamiños, a Mafalda galega, o Calviño e o Caneliñas.
| 8º día (Donnerstag / xoves 27 agosto)
Colmar – Riquewihr – Besançon – Dijon ( km): 276 km |
|
| Colmar – Riquewihr | 15 km |
| Riquewihr – Dijon | 261 km |
| TOTAL | 276 km |
No tocante ás “conferencias rodantes”, Penas Patiño falou sobre as cegoñas, aves totémicas en Baden-Baden. Riquewihr e, en xeral, en toda Alsacia. Víanse polos campos a eitoe a súa figura aparecía nas caixas de galletas e escaparates dos comercios (comentou o caso de que se atopara hai anos unha cegoña cunha frecha no pescozo, e polo tipo de frecha púidose saber de que zona de África procedía).
Manolo Chouza (máis coñecido por Manolo de Xeliña) dedicou o seu parlamento a reflexionar sobre “A ciencia e nazismo (o Dr. Mengele)”, e tamén falou das fontes do Danubio (¿ou foi Xela?).
Un destes días tamén tivemos a actuación estelar, a capela, do mozo Xoán Antelo -integrante dos Druídas da Rolda de Vimianzo-, a nosa última adquisición, que nos deleitou con cancións irlandesas coma Whiskey in the jar (“Musha rain dum-a-doo dum-a-da / whack for my daddy-o…”) e outras. Nós respondémoslle co que vén sendo o noso himno viaxeiro desde a viaxe a Bretaña, no 2006 (Molly Malone), mesmo con versión galega. O grupo dos Druídas actuaría no outono en Vimianzo xunto cos grupos A Roda e De Vacas. Prometeron que ían aprender Molly Malone en galego.

Paisaxe agraria alsaciana (XMLS)
ALSACIA (FRANCIA)
RIQUEWIHR** (REICHENWEIER en alsaciano ) (Michelin 227)
Unha das vilas máis visitadas de Francia (2 millóns de visitantes anuais), distinguida pola asociación Les plus beaux villages de France.
-sobreviviu milagrosamente a todas as guerras e conserva case intacto o esplendor medieval ata o do séc. XVI (rúas estreitas, murallas, casas…).
-rúas de trazado medieval (en especial a Rue Charles De Gaulle), que atravesa a vila de norte a sur pola parte centra; a ela van das a Rue des Juifs, a des Orfèvres, de la Couronne, entre outras.
-Conserva tramos amurallados de 1291 e do 1500; a torre da porta norte (La Tour des Voleurs (‘a Torre dos Ladróns’) conserva unha ponte levadiza de madeira no seu exterior.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)
–Palacio dos Duques de Württemberg, rematado en 1540.
–Maison Liebrich, construída en 1535. Distínguese polo Patio das Cegoñas, con galerías de madeira con balaústres, un pozo e un lagar.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)
–Maison Behrel, cun miradoiro de 1514 cun engadido por encima de 1709.
–Maison de l’Oncle Hansi.

Can alsaciano: como estivo calado quedamos sen saber se ladraba
en francés ou en alsaciano-alemán (XMLS)
Non só gustou a esta fermosa vila, senón tamén toda a comarca, con extensos viñedos preparados coma se dun xardín se tratase. As vilas nos pequenos outeiros cos montes Vosgos ó fondo, como marco, perfectamente integradas na paisaxe.

Toda ordenadiño na paisaxe agraria alsaciana: os viñedos no val, as vilas nos outeiros ou a pé deles (foto XMLS)
FRANCO CONDADO (FRANCIA)

Os reloxos parecen ser o símbolo de Besançon (XMLS)
Sen o termos previsto visitamos Besançon, onde paramos para xantar. Trátase dunha cidade de 117.00 hab, regada polo río Doubs, ben coñecida polos emigrantes galegos residentes nos cantóns do noroeste de Suíza (Jura, Basilea, Zúric…), pois queda na súa ruta. Como todo o Franco Condado, formou parte das posesións dos Austrias españois (1664-1674).
A etimoloxía do nome está en Vesontio, unha fortaleza (oppidum) dos secuanos, un pobo galo. Tiña unha muralla construída contra o 80 aC. Xulio César conquistou a cidade no 58 a.C. Da época romana consérvase a Porta Negra e vestixios dun anfiteatro.
O monumento-símbolo da cidade é a cidadela do monte de Saint-Étienne, construída polo famoso enxeñeiro Vauban entre 1668 e 1711 no reinado de Luís XIV; recibe máis de 270.000 visitantes ó ano. A cidadela é un centro cultural e conta con dous museos: o da Resistencia e a Deportación e o Comtois, das tradicións populares do Franco Condado. As fortificacións de Besançon son Patrimonio da Humanidade desde o ano 2008.

Centro de Besançon
DIJON*** (Michelin) p. 273

A curuxa, símbolo de Dijon
-151.000 hab.
-capital do outrora poderoso ducado de Borgoña.
-nomeada Cidade da Arte e da Historia (2008); un dos centros de arte máis importantes de Francia.
O DUCADO DE BORGOÑA
Un dos Estados máis importantes da Europa medieval, independente de 880 a 1482. O seu territorio herdou en parte a Lotarinxia carolinxia. Estes dominios estaban unidos á casa de Valois francesa por unha póla colateral (os duques de Borgoña, que sobre o papel eran vasalos do rei de Francia, pero souberon manter unha política propia).

As irmás Sambad esperando en Dijon a que empece a Panorama
a tocar na sesión-vermú (hai que ser fans para seguila tan lonxe!)
No ano 1016 Enrique I cedeu o ducado ó seu irmán Roberto, que funda a rama da dinastía dos Capetos. Desta rama procedía Reimundo de Borgoña, que a principios do séc. XII casou con Dª Urraca, filla do rei Afonso VI de León, Castela e Galicia (os dous gobernaron a zona norte de Galicia -a actual-, mentres que Henrique de Lorena e Dª Tareixa, a outra filla, gobernaron a Galicia sur –a de entre Miño e Douro: o Condado de Portucale, futuro Portugal-. Fillo do matrimonio de Reimundo e Urraca foi o futuro emperador Afonso VII, criado por Pedro Froilaz de Traba, señor de Traba e conde de toda Galicia, no mosteiro de Moraime.
O derradeiro representante desta casa na Borgoña foi Filipe de Rouvres, que morreu pola peste en 1361.
O ducado pasou á coroa francesa e o rei Xoán o Bo cedeullo ó seu fillo máis pequeno, Filipe o Atrevido (1363-1404), que o recibiu en propiedade, xunto co Franco Condado e Artois. En 1369 Filipe casou coa herdeira do ducado de Flandres, Margarida, e converteuse nun dos príncipes máis poderosos de Europa. Aínda que vasalos das coroas francesa e alemá, os duques borgoñóns eran no séc. XV os máis ricos de Europa; os reis de Francia chegaron a se sentiren ameazados polo seu poderío; Dijon encheuse de pintores e escultores flamengos, convertida polos duques nunha obra de arte.
O seu sucesor, Xoán Sen Medo (1404-19) tiña esperanzas de ser rei de Francia, pero matárono dun machetazo na ponte de Montereau.
Filipe o Bo (1419-1467) fundou a Orde do Toisón de Ouro para se asegurar o apoio da nobreza. En 1435 reconciliouse con Carlos VII, rei de Francia, e Dijon converteuse na capital dun poderoso estado que comprendía parte de Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Flandres, Artois, Picardía etc.
Carlos o Temerario (1467-1477) foi o derradeiro duque de Borgoña valón; empeñouse en conquistar as terras que se interpoñían entre o norte (Holada, Bélxica) e o sur dos seus territorios para crear un reino continuo. As guerras e as rebelións internas provocaron o seu fracaso. Morreu durante o asedio de Nancy; o seu cadáver achouse sobre un lago xeado medio comesto polos lobos.
María de Valois foi a derradeira duquesa da Borgoña independente; casou con Maximiliano I de Austria; nas capitulacións matrimoniais estipulárase que o segundo fillo deste matrimonio herdaría os territorios maternos, pero María faleceu antes de que isto acontecese. Entón, Borgoña pasou a Francia e os Países Baixos a Austria.
VISITAS

Polas rúas de Dijon
O Museo de Belas Artes está instalado no Pazo dos Duques e dos Estados de Borgoña**, que merece unha visita para ver, entre outras obras, a Sala dos gardas (ou das Festas), construída por Filipe o Bo e onde se celebraban as comelladas; a tumba de Filipe o Atrevido***, na que traballaron, sucesivamente, de 1385 a 1410, escultores como Jean de Marville, Claus Sluter e Claus de Werwe: unha estatua xacente sobre unha lousa de mármore negro apoiada en arcos de alabastro que acubillan 41 figuriñas de “choronas” (pranteiras) moi naturalistas: cregos, cartuxos, parentes, amigos e oficiais do príncipe, todos enloitados e encapuchados, conformando un lúgubre cortexo fúnebre do defunto.
A tumba de Xoán Sen Medo e de Margarida de Baviera*** (de entre 1443-1470) reproducen o modelo da tumba anterior, pero cun estilo máis próximo ó gótico flamíxero.
Estas tumbas marcaron un antes e un despois na arte dos moimentos funerarios europeos.

Nun bar de Dijon axudaban a calcular
A catedral de San Benigno (séculos XIV e XVIII, cunha cripta do séc. XI), igrexas de San Filiberto (románica), Nôtre Dame (séc. XIII, estilo gótico borgoñón), de San Miguel (con torres do gótico flamíxero do séc. XV, fachada monumental cos bustos dos profetas Daniel, Baruch, Isaías, Ezequiel, David tocando a harpa e Moisés).
Nos arrabaldos da cidade quedan os restos da cartuxa de Champmol (fundada por Filipe o Atrevido no séc. XV), entre os que se atopa a portada e o chamado Pozo de Moisés, obras de Claus Sluter.
As esculturas do gótico borgoñón son esaxeradamente realistas, con moito aire tráxico, acrecentado pola profundidade e movemento das pregas das vestiduras. Os monumentos funerarios borgoñóns foron modelo para boa parte de Europa.

Feito o cálculo… cervexa ó papo