• info@semescom.gal

Category Archive: Contamos

A Costa da Morte e o seu potencial turístico

Por Xan Fernández Carrera, vicepresidente do SEMESCOM

A Costa da Morte, aínda que hai quen a denomina comarca, é unha rexión xeográfica galega constituída polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, antiga Nemancos, máis os concellos de Mazaricos e Carnota. Despois de anos de certa polémica sobre cales eran os seus límites, actualmente existe bastante consenso sobre a súa delimitación tanto por parte das institucións públicas como da sociedade e isto supoñe un paso importante de cara a posta en valor do seu patrimonio.

Unha vez delimitado o seu espazo xeográfico, queda por concretar cales son aqueles bens patrimoniais paisaxísticos, naturais, históricos ou culturais a poñer en valor coa finalidade de sacarlle un rendemento turístico, aspecto no que aínda queda moito camiño que percorrer. Administracións públicas e sector privado deberán actuar de maneira conxunta de cara a conseguir ese obxectivo, primordial para o futuro económico deste territorio.

Na presentación da nova directiva dos profesionais de turismo desta rexión costeira levada a cabo no parador da Costa da Morte o pasado 18 de xullo, encabezada polo empresario Pepe Formoso, semella que teñen as ideas claras en asentar uns principios básicos para emprender un proxecto realista, esperanzador e de futuro para a Costa da Morte.

COSTAdamorte_Turismo

Principios como crer no gran potencial que temos, a necesidade de actuar unidos todos os implicados no sector, presentar unha directiva representativa no aspecto territorial e na diversidade da actividade turística, ampliar o número de socios para que o importe das cotas sexa menor ou profesionalizar a propia asociación, poñendo en mans de expertos tanto a xestión como a promoción. Creo que tamén atinan ao elixir o parador de turismo como centro de difusión dos diferentes materiais publicitarios, a igual que conseguir unha maior diversificación dos recursos para ampliar a temporada turística.

Xa era hora de que o sector turístico da Costa da Morte presentase unha proposta integradora no territorial, diversa respecto á propia actividade e con miras a ampliar e unir o maior número de profesionais posible. E ao mesmo tempo, descubrir que o propio sector deberá acadar un maior protagonismo na planificación turística deste territorio e unha maior implicación na defensa e posta en valor da riqueza patrimonial existente posto que constitúe a esencia do seu potencial económico e do seu futuro.

Dispoñemos dun extraordinario patrimonio paisaxístico e natural, sobre todo na costa, que mostra unha gran diversidade, desde os sensacionais cantís que se estenden arredor das puntas ou cabos como Santo Hadríán, Roncudo, Vilán, Touriñán ou Fisterra, que alternan con extensos e salvaxes areais como Razo, Soesto, Traba, Nemiña, Rostro ou Carnota, ata as tranquilas rías de Corme e Laxe, Camariñas ou Corcubión. Ademais desta incomparable beleza, a nosa costa oferta outras posibilidades: práctica de surf, observación de aves, pesca de cana ou submarina, navegación, ou práctica de sendeirismo como a ruta do Camiño dos Faros.

Logo está a diversidade paisaxística do interior con espazos tan impresionantes coma os penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo, ou os acolledores vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, que agochan no medio do bosque de ribeira espazos incomparables como o Refuxio de Verdes ou a área recreativa de Pedra Vixía. Ás veces as augas destes ríos sorpréndenos con inesperados chimpos dando lugar a espectaculares fervenzas como a de San Paio de Entrecruces, as do Rabiñoso, as Caldeiras do Castro ou a sublime do Ézaro. Mais os nosos cursos fluviais e os seus afluentes tamén son lugares idóneos para trazar rutas de sendeirismo, que ofrecen a posibilidade de contemplar a riqueza de fauna e flora que habita nas súas marxes ou nos permite gozar de construcións como muíños, pontes e pontellas e a práctica de deportes como a pesca fluvial ou piragüismo.

Se o patrimonio paisaxístico e natural da Costa da Morte é excepcional, o histórico e cultural tamén resulta de sumo interese. Dispoñemos dun magnífico patrimonio megalítico ben distribuído polo territorio, co dolmen de Dombate como gran reclamo. Queda seguir loitando para que o Parque do Megalitismo se converta en realidade. Contamos tamén con abundantes castros, aínda que poucos deles están en condicións de ser visitados; igrexas e capelas cun elevado valor arquitectónico ou escultórico. Aquelas de maior interese, deberían dispoñer dun horario de apertura ao público. Antigas fortalezas ou pazos, algúns visitables, pero conviña aumentar a oferta. Unha gran variedade de hórreos tanto en formas como tamaño e un gran número de cruceiros. Outro notable patrimonio histórico é o dos faros, moi pouco aproveitado. Temos os faros máis espectaculares de toda a costa peninsular, pero case todos pechados. Urxe realizar as xestións necesarias para poñelos en valor como sucede noutros países.

artesanía tamén é outro dos nosos activos patrimoniais, sobre todo o encaixe de Camariñas, a cerámica de Buño ou os secadoiros de congro de Muxía, igual que o patrimonio literario, moi pouco explotado, cando dispoñemos de salientables escritores como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente ou Enrique Labarta Pose, que permitirían trazar interesantes rutas literarias polo territorio.

Tamén atraen o turismo as nosas romarías e festas patronais, as celebracións gastronómicas ou de recreación histórica, festivais musicais ou eventos culturais e deportivos que se organizan ao longo do ano.

gastronomía é outro dos nosos grandes recursos, fundamental para atraer visitantes. A calidade dos nosos peixes e mariscos, constitúe a mellor materia prima para elaborar exquisitos pratos, por iso convén apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro para que a actividade se manteña, xa que se complementa perfectamente coa turística, igual que o agrícola para dispoñer de produtos de proximidade.

A parte sur da Costa da Morte dispón doutro incentivo máis que favoreceu moito o turismo da zona como é o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, que desde que se comezou a promocionar a finais do século XX, foi esencial para o despegue turístico da parte meridional da rexión.

Comprobada a inmensa potencialidade turística deste noso territorio queda por determinar como poñer en valor toda esta riqueza patrimonial baixo a denominación de Costa da Morte, estruturándoa en distintos apartados coa finalidade de chegar a un maior número de visitantes con intereses diferentes, tarefa que aínda queda por acometer e que representa o maior desafío para esta nova directiva da asociación APTCM.

A ‘Guía de nomes galegos’ ofrece a forma estándar e a pegada na historia de máis de 1500 antropónimos

Guía de nomes galegos, un recurso en liña coa forma estándar de máis de 1500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media, xa pode consultarse en liña nesta mesma páxina web. Cada entrada explica a orixe e o significado do antropónimo, achega a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información. O recurso complétase cunha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables.

Guía de nomes galegos é un traballo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana Boullón Agrelo. “A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais; esta ferramenta permitiralle galeguizalos ou escollerlles nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”, explica a académica de número.

Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá na sede da institución este novo recurso. “Con el a Academia culmina un proceso que responde a unha demanda que dende hai tempo viñan facendo os nosos usuarios: unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica. Un servizo máis da RAG á sociedade galega”, salienta o presidente.

A Academia agarda ofrecer tamén proximamente unha guía de apelidos, na que vén traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica, ”igual que traballa na actualización permanente do Nomenclátor”, engade Víctor F. Freixanes, en referencia ao labor de estudo e preservación dos nomes da terra que desenvolve a RAG.

Nomes silenciados nos rexistros e transmitidos oralmente
O repertorio antroponímico do galego, como acontece en todas as linguas, foise compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo. “A relixión, a literatura, a política ou préstamos doutras linguas son parte deles. No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral”, apunta Ana Boullón.

Estes nomes silenciados nos documentos escritos nalgúns casos seguiron a empregarse como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, é dicir, nomes de lugar baseados en nomes de santos (UxíaTomé); e outro grupo conservouse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ao santo portador (Brais). O elenco recólleos xunto a nomes galegos que non teñen unha forma diferencial con respecto ao castelán ou outras linguas da Península Ibérica, como María (nome feminino máis frecuente dende que se conservan rexistros escritos) ou Manuel. Todos eles son antropónimos con presenza significativa en Galicia –en calquera momento dende a Idade Media–, un dos criterios que se tivo en conta para a confección da guía.

Os novos nomes: dos hipocorísticos aos nomes de lugar
O repertorio tamén inclúe, xunto ás formas tradicionais, moitos nomes novos que irromperon nos rexistros dende a eliminación legal da prohibición de escoller antropónimos galegos para as nenas e os nenos (1977). É o caso de numerosos nomes de lugar (ÉzaroDeva, AldánXaloSarelaEume…) ou formas do léxico común (AreaEiraDorna), que ata daquela non foran empregados para nomear persoas.

Outra fonte importante foron as variantes familiares (hipocorísticos) que apareceron nas últimas décadas nos rexistros (CatuxaMaruxaXandreXela). Algúns deles, dado o considerable número de concorrencias que suman, segundo o Instituto Galego de Estatística, entran na guía como lemas propios.

Finalmente, o Seminario de Onomástica tamén considerou os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (Xeila ou Aixa). O repertorio é, en calquera caso, un elenco aberto, porque a creatividade segue a mostrarse en novos nomes que van aparecendo nos rexistros oficiais. Cóntase tamén coa participación da cidadanía para suxerir novas incorporacións, emendar deficiencias e incrementar a información das entradas.

Unha fonte de divulgación da historia e das lendas
A entrada de cada nome ofrece información etimolóxica, as equivalencias noutras linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes que se chamaron así.

O Seminario de Onomástica prestoulles especial atención aos nomes de figuras importantes da historia e da mitoloxía galegas. “Consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular -española ou portuguesa- coa importancia que tivo o reino medieval de Galicia”, sinala o equipo na presentación da obra. E canda reis e raíñas como Afonso e Orraca, tamén abondan as referencias a persoeiros da cultura galega e universal (RosalíaBegoña CaamañoXela AriasCelso Emilio FerreiroGabriela Mistral ou Óscar Wilde) e mais a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.

Presentouse o 18-07-22 a "Guía de nomes galegos" na sede da Real Academia Galega, da autoría do Seminario de Onomástica da RAG, do que forma parte o presidente do SEMESCOM Xosé Mª Lema, por outra parte, redactor principal dos apartados de 'Motivación' e 'Chamáronse así' da devandita GNGsGalegos

O equipo
A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción e actualización da Guía de nomes galegos está formada por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Xosé Antón Palacio, Ramón Lorenzo, Vicente Feijoo, Ana Boullón e Antón Santamarina. A obra contou ademais coa contribución de María Teresa Amado na revisión das etimoloxías dos nomes de orixe grega e de Patxi Salaberri para os nomes de orixe éuscara. A edición correu a cargo de Nélida Cosme, que tamén traballou na revisión textual xunto a Carme Cambre e Adrián Estévez.

O repertorio partiu do Diccionario dos nomes galegos (Ir Indo, 1992), dirixido polo académico Xesús Ferro Ruibal e redactado no seu día por un equipo do que formaron tamén parte a académica de número Ana Boullón, o académico correspondente Xosé María Lema, Fernando Tato Plaza e Xosé María García, lembra Antón Santamarina. A Guía de nomes galegos actualiza e amplía a información daquela obra, esgotada na actualidade, e pona a disposición de toda a cidadanía na Rede, facilitando así a súa consulta e a interacción coas persoas usuarias de cara á introdución de novas entradas e a corrección de posibles erros.

‘Cadernos de lingua’ analiza a riqueza fraseolóxica de ‘Costa do Solpor’, a novela con case un milleiro de expresións

Publicado en academia.gal (13/07/2022)

A riqueza fraseolóxica na novela Costa do Solpor, do académico correspondente Xosé María Lema (Vimianzo, 1950), abre Cadernos de lingua nº 39, xa dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O mesmo número inclúe un traballo sobre a adquisición de estratexias de cortesía en galego na infancia e unha análise sobre a ideoloxía e a identidade no hip-hop e o trap galegos. Pecha o volume unha recensión sobre a última entrega do Atlas Lingüístico Galego, editado en 2020 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié e centrado no léxico do ser humano.

Costa do Solpor, merecedora do Premio da Crítica de creación literaria de 2014, volveu saír do prelo en 2017 nunha versión titulada Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, con 220 páxinas menos. Nesta última baséase o artigo que asina Xosé María Rei Lema, quen valora esta obra de Xosé María Lema como un exemplo de calidade nun dos campos, o da fraseoloxía, que “máis sofre a pobreza léxica” na prosa galega actual. O autor da análise contabiliza nas súas 425 páxinas uns 950 fraseoloxismos, entre os que se inclúen tamén unha ducia de refráns.

As expresións ofrécense ordenadas alfabeticamente, acompañadas da súa explicación e exemplos tirados da novela coa referencia da páxina correspondente. Entre elas destacan sobre todo as relacionadas co mar, xa que esta é unha novela de aventuras ambientada na costa coruñesa do século XVIII, dende a cidade herculina ata o cabo de Fisterra, unha situación xeográfica que tamén se reflicte a través das formas dialectais propias da costa fisterrá.

Expresións para cualificar o estado do mar como mar desfeito, ferver o mar, unha vaga de mar campal ou ventar un cifral; para referirse ao estado dunha embarcación (quedar ao garete, poñerse ao pairo, á valga, recoller o trapo…) ou para falar das actividades dos personaxes (andar ás crebas, andar ao corso, armar en corso…) son só algúns exemplos da pegada mariñeira na fraseoloxía que se atopan nunha ficción na que tamén abondan, entre moitas outras, as que indican cantidades (a centos, a eito, a embute, ás envorcadas, a esgalla, a pote, a regos…) e na que as distancias veñen marcadas por unha carreiriña de can ou diante dos fociños.

Noutro artigo, Tamara Rial Montes estuda o proceso de adquisición das estratexias de cortesía nas peticións por parte de nenos e nenas galegofalantes, dende os 4 ata o 12 anos. A investigación conclúe que, en xeral, o modelo establecido en estudos anteriores para as persoas galegofalantes tradicionais parece non corresponder co que se observa nas xeracións máis novas.

Mª Belén Senín Santiago publica no mesmo número un traballo sobre a ideoloxía e a identidade no discurso do hip-hop e do trap centrado no caso das bandas Rebeliom do Inframundo e Boyanka Kostova. A autora, a partir dunha análise crítica, expón que cada un destes xéneros encerra dúas posturas opostas no que á identidade e ideoloxía se refire, “dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida”.

 

“Fraseoloxía da novela ‘Costa do Solpor’, de Xosé Mª Lema” (autor: Xosé Mª Rei Lema, filólogo, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa)

Nova bibliografía e achados sobre o cura liberal Juan Antonio Posse

Publicado en La Voz de Galicia, por Patricia Blanco (05/07/2022)

Medra a bibliografía sobre Juan Antonio Posse (1766-1854), o cura liberal de Soesto —máis ben colectivista, como escribe Xosé María Lema— que exerceu o seu ministerio «en tres parroquias do aínda daquela reino de León, Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo». Nesta última estaría dende o 1807 ata a súa morte. É precisamente en San Andrés, no centro cultural que dende finais dos 90 leva o nome de Posse —tamén alí ten unha rúa—, onde se vén de presentar a obra El infrascrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. Lema, autor do prólogo, tomou parte na posta de longo desta autoedición, de par do concelleiro local Alejandro Gallego. Un acto que congregou nutrida asistencia e interese, e que deixou novas revelacións acerca do crego laxense, froito das pescudas de Fernández feitas mentres indagaba nos seus antepasados.

Unha, que dende o 1824 ata o 1835, Posse non asinaba actas parroquiais, o que permitiu dar cadra de que, ademais do proceso resultante da persecución polos absolutistas, tivera outro no 1827, chegando a estar preso nun convento de franciscanos de León. Tamén se puido saber que cumpriu coa vocación política que sempre defendera, en tanto que o laxense se presentou ás primeiras eleccións medianamente democráticas, como deputado no 1839 e como senador no 1841, non sendo elixido.

Durante o seu traballo, Paloma indagou tamén nos lazos familiares do cura en San Andrés, dous sobriños de Soesto que levara con el para León, Tomás, morto a unha idade temperá, e Tomasa. En León, ante os asistentes á presentación, Lema deu cumprida conta das orixes de Posse, do cura «rara avis» que era: ilustrado, liberal, constitucionalista español e tamén galeguista, oposto á Inquisición, sumamente crente e relixioso…

Puxo ao día, ademais, as publicacións que se teñen feito sobre el. Non faltaron logo as preguntas e incluso dúas propostas que haberá que pechar, de fraguarse: unha visita colectiva ás terras orixinarias de Juan Antonio, por parte de veciños de San Andrés, e unha nova visita de Paloma Fernández á Costa da Morte, en tanto que da anterior, para coñecer a terra natal de Posse, ficou encantada. Poderíase levar a cabo na comarca, de ser así, algunha presentación da súa obra. Xosé María Lema, que se ofreceu como guía, tamén lle fixo chegar ao concelleiro Gallego un exemplar de Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’, publicado por el mesmo, no 1999, logo do achádego na casa nativa de Posse, e as actas da primeira xornada sobre o cura celebradas en Laxe no 2007, por parte do Semescom. Máis adiante habería uns segundos encontros, polos 200 anos da Constitución de 1812.

 

Faleceu Richard Herr, editor das Memorias de Juan Antonio Posse, o cura liberal de Soesto

Por Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM

O pasado 29 de maio faleceu en California (EE.UU.) Richard Herr, catedrático emérito da Universidade de Berkeley, historiador e hispanista estadounidense experto no pensamento ilustrado español e portugués do século XVIII. O 7 de abril cumprira cen anos e recibira a felicitación da Real Academia da Historia española, pois era o decano dos seus académicos correspondentes.

Herr realizou moitos estudos sobre a historia de España e de Portugal do séc. XVIII, con obras como España y la revolución del siglo XVIII (Madrid 1962), pero para galegos e leoneses é sobre todo coñecido por ser o editor, en 1984, das agora famosas Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812 (CIS/Siglo XXI Editores).

Nada sabíamos sobre este cura liberal -máis ben colectivista-, que nacera en Soesto (Laxe) en 1766 e que exercera o seu ministerio en tres parroquias do aínda daquela reino de León (Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo) e que escribira as memorias da súa vida contra o ano 1834, unha vez que os seus inimigos absolutistas xa deixaran de perseguilo.

Como Herr non tiña certeza de que o lugar de Quintáns Meáns, onde o crego dicía que nacera, fose o de Soesto, buscamos e achamos no libro de bautizados desta parroquia a súa partida de nacemento. Logo, en 1985, o daquela párroco de San Andrés del Rabanedo nos facilitaría copia da súa acta de defunción (1854, ós 88 anos). Posteriormente, na súa casa nativa de Soesto -a chamada Casa Vella ou Casa de Mariana -a súa nai- aparecería impresa a Plática Tercera (1838), que publicamos en 1999 co título Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’ (1838). Foi a segunda das súas obras constitucionalistas, pois en 1813 publicara o seu Discurso ou Sermón a favor da Constitución de 1812, pola que sería perseguido e encarcerado polos absolutistas do rei Fernando VII.

Tiven o coidado de lle remitir a Mr. Herr todas estas novidades. Respondeume cunha carta amabilísima datada o 18-06-1999 acompañada dunha recensión do meu libro antes citado, recensión que se publicaría na revista A Trabe de Ouro nº 39 (1999) e que figura no fondo bibliográfico do ilustre profesor. Seminario de Estudos da Costa da Morte organizaría o 21 de abril de 2007, en Laxe, a I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, na que non só participaron especialistas galegos, senón tamén Fernando Durán López, profesor de Literatura Española da Universidade de Cádiz, que incluíra na súa tese de doutoramento a figura do noso crego entre as grandes autobiografías dos séculos XVIII e XIX (en 2005 publicara Vidas de sabios, con Posse de figura principal). O SEMESCOM aínda organizaría en Vimianzo, coincidindo co 200 aniversario da Constitución de 1812, a II Xornada sobre o crego.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Na casa de Juan Antonio Posse.

Lembro que cando se publicaron as Actas da I Xornada (2008), Richard Herr volveu escribirme “admirado de la bibliografía que ha aparecido sobre Posse” e alegrábase de que Fernando Durán, eu mesmo “y otros labradores en este campo, surco a surco y documento a documento nos van desterrando las hazañas y las penas de Posse, y revelándonos el mundo en que vivió”. Casualmente, o pasado 1 de xullo estivemos en San Andrés del Rabanedo (León) para asistir á presentación dun novo libro que incrementa a bibliografía sobre o sacerdote natural de Soesto: El infraescrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. O finado hispanista norteamericano estaría ben contento de incorporar á autora ó grupo de “labradores do campo dos admiradores de Posse».

A exposición do Megalitismo da Costa da Morte continúa a xirar polas aulas

A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.

A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.

IES Maximino Romero de Lema de Baio

IES Maximino Romero de Lema de Baio

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.

Por primeira vez, fóra da Costa da Morte

O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.

Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña

 

MATERIAL DIDÁCTICO:

Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)

Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel  Sara Varela Rouco (departamento de Historia)

 

Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.

 

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida

San Xián de Moraime e a posta en valor da arte relixiosa rural

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).

Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.

Prestixio

Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.

A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.

Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.

Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.

sanXian

O secadoiro de congro en Muxía, unha xoia artesanal

Artigo de Xan Fernández Carrera.

consumo de congro curado con vento de nordés muxián xa está documentado na cidade aragonesa de Calatayud desde o 1446, un produto moi demandado nas terras do interior de Castela, A Rioxa, Aragón e Cataluña en séculos pasados. De aí que en varios dos nosos portos se instalasen sistemas de secado deste peixe para abastecer ese amplo mercado. En varias das nosas vilas mariñeiras había mercadores que se dedicaban á exportar congro seco a distintos portos peninsulares, e desde alí, se introducía nesas zonas do interior. Incluso hai constancia de que no século XVII, tratantes das Rías Baixas se achegan aos portos da Costa da Morte a mercar este produto para logo exportalo a cidades como Bilbao. Os fomentadores cataláns a partir de mediados do XVIII, ademais de dedicarse á salgadura de sardiña, tamén exportaban congro seco con destino a Castela e ao Mediterráneo.

A chegada ao mercado doutras especies mariñas como o bacallau fixo minguar o consumo de congro curado, o que levou a que este sistema de conservación natural desaparecese doutras vilas mariñeiras e tan só se mantivese na de Muxía, onde se converteu no medio de vida de varias familias. Chegou a haber ata cinco secadoiros na vila da Barca: catro na zona costeira que dá á ría e un na parte posterior, na Pedriña, sendo este o único que se conserva co sistema de secado tradicional ao aire libre e que actualmente rexenta Miguel Diz, neto de Juan Diz, de quen aprendeu o oficio.

A demanda deste produto vai a menos cada día porque os hábitos de alimentación mudaron moito nos últimos anos e isto diminuíu o seu consumo, pero a importancia do secadoiro tradicional de Muxía xa está moi por enriba do seu rendemento económico, xa que desde hai tempo se converteu nun símbolo cultural e turístico no só de Muxía, senón de toda a Costa da Morte. Desde esta perspectiva é como habería que valorar un ben patrimonial desta categoría, que representa un sistema milenario de conservación natural do peixe, que forma parte da historia mariñeira de Muxía e significa un dos seus maiores símbolos de identidade. Non hai máis que ver a cantidade de visitantes que se achegan ao secadoiro e se interesan por coñecer o proceso deste traballo artesán.

En varias ocasións as imaxes dos secadoiros de congro foron mostradas na Feira Internacional de Turismo (Fitur) como un dos activos de Muxía e da Costa da Morte e con gran éxito. Son poucas as publicacións de promoción desta nosa rexión costeira nas que non aparecen ilustracións dos secadoiros de congro, unha imaxe que actúa xa como un verdadeiro emblema identitario da nosa cultura mariñeira.

O secadoiro de congro o que precisa nestes momentos por parte das Administracións é sensibilidadeapoio, protección e colaboración para que permaneza no tempo, xa que corre un grave risco de desaparecer, e non de trabas como a de chegar a inmobilizar unha partida de congro seco porque parece ser que a estrutura de madeira na que se pendura este peixe se atopa nun lugar público ao que pode acceder calquera persoa. Pois claro que as cabrias teñen que estar ao aire libre e nun lugar venteado para que o proceso de secado se realice plenamente. Non hai outro xeito de conservar o congro de maneira natural. O que non se pode é realizar unha inspección sanitaria a un proceso artesanal igual que se fose un industrial ou un local de hostalaría. O secadoiro débese inspeccionar, pero non deste xeito, senón tendo en conta o seu valor patrimonial e facelo cunha intención de asesoramento, comprensión, colaboración e boas formas, algo que non se aplicou neste caso, do contrario, non se entendería que unha Administración que debe velar polo mantemento e conservación do patrimonio actúe deste xeito e contribúa á desaparición dun ben cultural de máxima relevancia para Muxía e a Costa da Morte.

secadoirosCongro_xanfernandez

Manuel Vilar: «É unha atrocidade que faros como o de Vilán ou o de Fisterra estean pechados»

Entrevista en La Voz de Galicia

O histórico faro do cabo Vilán (Camariñas), o primeiro que funcionou con electricidade de toda España e un dos puntos máis visitados da Costa da Mortecorre o risco de pechar as súas portas ao público. A asociación de empresarios, que levaba varios anos xestionándoo, reuniuse a última hora da tarde de onte para decidir se continuarán ou non con este labor, iniciado en 2008 pola entidade Neria. Naquel proceso tivo unha destacada participación o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), que colaborou na musealización do espazo.

—Como ve a posibilidade de que o faro do Cabo Vilán poida pechar?

—Deberían estar abertos o Vilán, o de Touriñán, o de Fisterra… Que estean pechados paréceme un atentado á nosa dignidade, unha atrocidade.

—O de Camariñas ten, ademais, ese aliciente de ter sido o primeiro electrificado de España.

—Así é, e destaca tamén por moitas outras cousas: a súa arquitectura, a súa beleza, o granito rosáceo que hai alí… É un referente non só marítimo ou cultural, senón tamén social e ten un valor que vai máis aló do que é o propio edificio do faro.

 CE27C1F1_1

BASILIO BELLO

—Como cre que deberían xestionarse estes espazos? Os empresarios piden máis implicación das Administracións públicas.

—Considero que, de estar aberto, un faro como o do Vilán debería ter uns ingresos mínimos para cubrir polo menos unha parte dos custos, xa non digo o 100 %. Por outra banda, a Autoridade Portuaria, propietaria do inmoble, creo que tamén ten moito que dicir ao respecto, como o resto de Administracións. Pechando o faro Vilán perdemos todos, tamén o Concello, que queda sen ese recurso turístico.

—Tense falado moito de cobrar polo patrimonio, pero parece que iso non chega a calar aquí.

—Abrir a porta ten un custo, e como visitantes creo que teriamos que contribuír a manter eses espazos. Creo que non debe entenderse como un negocio, iso si, pero polo menos facer un pequeno aporte. Está ben que a Administración axude, pero isto é un esforzo colectivo.

—Vilán abriu no 2008 da man da asociación Neria e vostede estivo moi implicado na musealización.

—Non do deseño, pero si me encarguei dos contidos. O esencial era fomentar que a xente puidese acceder ao edificio, e despois no que nos centramos foi na historia dos faros de Costa da Morte, especialmente no de Camariñas.

faro
Ana Garcia

—O funcionamento destas torres tamén pode xerar moito interese.

—Sen dúbida, aínda que agora os aparellos están moi modernizados. Outra cousa que si que se podería facer é permitir a subida á torre, ata a lámpada. Eu fíxeno en Estados Unidos e creo que sería un gran atractivo. Habería que controlalo, por suposto, pero sería moi interesante poder subir e que un fareiro ou un experto proporcionase unha explicación, contase as historias vinculadas ao lugar… O problema é que neste aspecto chocamos coa Administración, que cumpre coa normativa, pero de maneira demasiado fría moitas veces.

—Hai xa 20 anos que, xunto con Xosé María Lema, lanzou «Os faros da Costa da Morte», coa que contribuíron á posta en valor destes espazos.

—Si, foi no 2001 e creo que foi a primeira de Galicia dese tipo. Despois viñeron outras publicacións, máis completas e académicas, pero a nosa era puramente de divulgación, para a posta en valor desas torres. Nela contamos as características técnicas deses doce faros elixidos [Sisargas, Nariga, Roncudo, Laxe, Vilán, A Barca, Touriñán, Fisterra, Cabo Cee, Lobeiras, Lariño e Monte Louro], pero tamén as historias e o desleixo que en moitos casos tiveron as Administracións con eles.

—Parece que marcha ben o proxecto para reabrir o de Fisterra.

—Ao faro de Fisterra hai que sumarlle o valor que lle dá o entorno no que está situado, cheo de simbolismo. Non obstante, ten un problema que o de Vilán non tivo, e é que non se conservou o material que foi quedando en desuso co paso dos anos.

—Que opina do aproveitamento turístico destes espazos por parte da iniciativa privada?

O de Lariño e o de Illa Pancha aínda non tiven ocasión de visitalos, pero creo que o propósito que agora se lle dá ao Semáforo de Fisterra é, dende logo, moito mellor que o que tiña antes, que era marxinal. Non se trata de que todos pasen a ser hoteis, pero considero que o ideal sería combinar iniciativa privada e pública en función do lugar que se trate. O que está claro, iso si, é que é necesario un plan estratéxico para toda a zona. Hai que saber o que se quere facer con cada un: que o de Fisterra leve tanto tempo pechado paréceme un crime, por exemplo: é como dicirlle ao visitante ‘dea media volta e lárguese’. O de Touriñán, no Concello de Muxía, ten tamén moito valor e debería ser outro centro de referencia.

A escasa valoración dos faros da Costa da Morte

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM.

O 29-06-2001, nunha das salas abertas no edificio do faro de Fisterra, Manuel Vilar —actual director do Museo do Pobo Galego— e mais eu presentabamos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), editado por Neria. Foi pioneiro na posta en valor dos faros como un dos patrimonios identitarios deste territorio e para promover o seu aproveitamento cultural e turístico. Presidira o acto o daquela presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, a quen lle solicitamos que non só se abrise ó público o edificio, senón que en horas diúrnas se permitise o acceso de visitantes á torre para poder ver a estrutura e a maquinaria. Comprometeuse a facelo. Hoxe o edificio do faro fisterrán leva cinco anos fechado sen outro aproveitamento durante o día (outra cousa é pola noite, claro) que servir de fito simbólico da fin da terra; nin sequera está aberta a sala onde se presentara o libro. Pasaron vinte anos e andamos de recú, cara a atrás.

Houbo raiolas de esperanza, como cando se inaugurou no edificio do Vilán un Centro de Interpretación dos Faros (2008), un pequeno pero valioso museo que nos permitiu entender o mundo dos sinais marítimos e ver a maquinaria do primeiro faro electrificado de España, xa de por si un gran reclamo. Foi tamén bo que a Asociación de Empresarios de Camariñas o mantivese aberto e con actividades, como lembraba a súa presidenta en La Voz (Edición do 27-01-22).

Agora recibimos a noticia de que a Autoridade Portuaria da Coruña vai fechar o edificio do faro de Camariñas. Que diferenza con respecto ó que se fai en boa parte de Europa! En 2011 visitamos o do cabo Lizard, en Cornualles, o máis meridional da Gran Bretaña. Un faro moi modesto pero moi ben aproveitado para o turismo que xa daquela contaba cun centro de recepción con publicacións sobre Cornualles e obxectos artesanais córnicos. Mesmo se podía subir á torre, pagando entrada, como é lóxico.

En Inglaterra os faros dependen da Trinity House, organismo que hoxe ten abertos sete deles ós visitantes. Todos contan cun Visitor Centre que convidan a entrar: «Visite un dos sete centros que abrimos ó público e experimente por si mesmo os lugares espectaculares dos que gozaban os fareiros», traducimos do seu web. Danlle tanto valor os ingleses ó mundo dos faros que existe unha asociación de torreiros (https://alk.org.uk/) que se ofrece como guía e anuncia eventos periódicos.

faro

Danlle valor en todas partes menos aquí. Ignoramos de quen é a culpa de que o de Fisterra leve un lustro fechado e o de Camariñas vaia por ese camiño. Non se comprende que aínda non haxa un proxecto oficial para un aproveitamento de todo tipo (didáctico, cultural, turístico…) para estes dous faros de primeira orde universalmente coñecidos. As Administracións deberan implicarse. No do Vilán dérase o paso para abrir un museo, de momento único, que servía para explicar o mundo fareiro, os naufraxios, a navegación… Que vai pasar con el? A defensa e posta en valor dos faros non só atinxe ós concellos nos que se sitúan, senón a toda Costa da Morte.