Hai uns días anunciábase que o Concello de Vimianzo comezaba «os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, que retirará para a súa restauración e datación». Lemos na web do Concello que se vai realizar un estudo arqueolóxico integral, de restauración e histórico-artístico, pois non están moi claras as datas de construción. Engádese que «existe documentación que fala do século XIV, pero tamén do XV e máis do XVI».
Xa temos dito e repetido en múltiples publicacións —desde A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993) a Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte (Semescom 2012), pasando por diversos congresos de cruceiros (Poio 2009, por exemplo)—, que o Cruceiro dos Santos ou de Cheis é unha obra única en Galicia, pois ademais de formar parte do reducido grupo dos máis antigos, tamén forma parte do selecto grupo dos de máis valor artístico.
É de estilo gótico, e no seu día encadrei a súa feitura nun período comprendido entre 1350 e 1500, pero carecía dunha proba documental que o certificase. Se de certo apareceu agora esa proba, ben que me alegro. Conta cun total de nove figuras esculpidas polos catro lados da súa cruz arbórea. Ademais do preceptivo Cristo crucificado nun dos lados, presenta no oposto un tema iconográfico inédito: unha Trindade, que en poucos cruceiros se repite.
Nin que dicir ten que saudamos a iniciativa do Concello vimiancés de poñer en valor esta obra senlleira, de polo menos 500 anos de antigüidade, que chegou intacta ós nosos días nunha solitaria encrucillada de camiños. Un verdadeiro milagre que resistise cinco séculos as inclemencias do tempo e, o que é peor, as accións humanas.
Dúas arqueólogas, unha restauradora e un canteiro encárganse da súa restauración e despois da colocación no mesmo lugar en que se atopaba. Valoramos positivamente esta intervención, pero o que nos preocupa é saber se nela se contempla un plan de protección integral de todo o monumento. Oxalá o haxa, confiemos, pois se non é así o perigo de roubo ou de destrución seguirá latente e estaremos nas mesmas, co problema principal sen resolver. Estes perigos, por desgraza, estanse incrementando día a día; vémolo na prensa.
As terras vimiancesas son particularmente ricas en cruceiros, boa parte deles bastante antigos (dos séculos XVII, XVIII e XIX). No libro que publicamos en 2012 con José Mª Laredo hai unha relación dos máis sobranceiros para unha ruta circular. A asociación galega Amigos dos Cruceiros mesmo pensara nalgunha ocasión en facer un dos seus congresos anuais no concello de Vimianzo.
O Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) rematou o sábado unha viaxe de máis de 3.200 quilómetros á Idade Media, concretada en 17 grandes conxuntos románicos de Cataluña, Aragón e Navarra, algúns deles sitios declarados patrimonio da humanidade. Foi un intenso e profundo percorrido por mosteiros, igrexas, catedrais, castelos e conxuntos históricos profusamente explicados por varios disertadores e guías que converteron as aulas rodantes da entidade nunha especie de intenso minimáster. Completarase o 15 de outubro coa visita a varios templos románicos da Costa da Morte, en concreto polos que dan á ría de Camariñas e Muxía.
Claustros, ábsidas, arcos, criptas, torres, campanarios, capiteis, crismóns, murallas… Cada elemento arquitectónico ou decorativo recibiu a súa análise correspondente. E así en cada parada. Ademais das sistemáticas introducións históricas de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, Pablo Sanmartín, secretario da Rula, debullaba cada elemento construtivo, así como a historia dos mosteiros —moitos deles da orde de cistercense— de gran implantación na comunidade catalá. Santa María de Poblet, Santa María des Santes Creus, La Seu Vella, Vallbona de les Monges, San Pere el Gros, Santa María de Ripoll, Girona, Sant Pere de Besalú, catedral de La Seu d’ Urgell, San Joan de Boí, Santa María e San Climent de Taüll, o castelo de Loarre e Leyre.
Pero non só de románico gozaron os viaxantes do Semescom. O seu periplo tivo unha estación de parada no parque natural de la Garrotxa, con camiñada de acceso ao volcán de Santa Margarida. No seu cráter tamén hai unha capela. Xela Cid, que se mantivo moi activa e foi unha das grandes animadoras da aula rodante, Manuel Chouza e o profesor carballés Antón Losada explicaron profusamente os fenómenos causantes das trinta erupcións durante a historia xeolóxica catalá. En Castellfollit de la Roca, o grupo do Semescom puido admirar as casas colgadas.
Pablo Bustelo, ao fronte do seu vehículo de Autocares de Santiago —que como dixo o poeta Miro Villar vai levando a silueta da catedral de Compostela por Europa adiante—, avanzaba, ás veces, entre montañas vestidas de verde vizoso con curutos alopécicos, e outras, por vales milleirais xa logrados, froiteiras e campos de xirasois. E houbo visita a Cadaqués e ao territorio artístico de Dalí. Ata alguén puido mollarse no Mediterráneo e apreciar a inmensidade da Fisterra oriental á beira do Cabo de Creus.
Non estivo a viaxe exenta de anécdotas e momentos lúdicos. Mesmo no bus hai espazos para o humor. E dá moita tranquilidade viaxar cun médico a bordo. Xan Fernández Garrido atende as incidencias dos pasaxeiros e mesmo de quen se encontre polo camiño. De feito, na torre da igrexa de Sant Joan de Boí atendeu a unha moza que non coñecía de nada que se mancara ao caer polas escaleiras da torre medieval e sufrira unha forte ferida e máis mareos.
En Ampurias correspondeu inmersión no mundo romano e grego, coa conseguinte explicación do latinista Pepe Carballude, quen tamén amosou a vertente lúdica do medievo, con creacións literarias invitando a vivir e a beber. «Cando estamos na taberna non pensamos na terra (morte)», reza unha das estrofas de Carmina Burana.
Camiño dos Pireneos, Rosa García Vilariño tratou na súa quenda sobre as relacións da Xeración Nós con Cataluña e os poetas galegos traducidos á «llengua». Penas Patiño, pola súa banda, disertou apaixonadamente sobre a fauna pirenaica. Tamén contou que agora viñan grandes momentos para observación da migración de aves dende Touriñán. O bus seguía agora por estradas en forma de serpe, entre vagoadas profundas, con vistas a altas montañas adornadas con freixos, faias, pinos silvestres… En fin, unha pantalla verde de inmensas tonalidades. A cada curva, os Pireneos ofrecían unha estampa diferente e o sol reflectido nas súas calvas daba un brillo intenso. Foi neste senso unha viaxe de grandes contrastes, onde se pasou de pobos colgados nas montañas con castelos vencidos polo tempo e montes espidos a vales formados por glaciares. As pistas de esquí están agora ermas.
Traducidos ao catalán
A última charla impartiuna Miro Villar, que lembrou aos poetas da Costa da Morte traducidos ao catalán, Antón Zapata e Gonzalo López Abente, e a influencia de Eduardo Pondal en Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.
Na última xornada houbo un recoñecemento á equipa formada por Xosé María Lema, Chus Barbeira e Pablo Bustelo polos dez anos seguidos (a excepción do 2020 pola pandemia) que levan organizando esta xeira de viaxes formativas, que tiveron o seu comezo no 2004 co congreso sobre o megalitismo. Antes houbo outros percorridos formativos do Semescom, pero desde o 2012 están as mesmas persoas ao fronte desta aventura chea de saberes.
Dende a Fisterra atlántica á Fisterra mediterránea é a nova viaxe da aula rodante do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), na que participan medio cento de persoas, a meirande parte delas profesionais do ensino. Uns percorridos que recuperaron a normalidade tralas limitacións da pandemia do covid. «A busca do románico catalán» titula o Semescom a súa aventura.
O percorrido comezou o xoves 17, no autobús de Lázara, guiado coma sempre por Pablo Bustelo, de gran experiencia en viaxes de tipo cultural. A primeira parada deste periplo tivo lugar en Urueña (Valladolid), conxunto histórico artístico dende 1975 e que goza do título de Vila do Libro. Esta pequena cidade rodeada de murallas do século XIII, cun castelo do XI e cun centro dedicado Miguel Delibes foi a elexida para xantar. Valladolid converteuse no lugar da pernocta inaugural con percorrido e visitas, entre outros lugares, ao Museo Arqueolóxico.
Virían logo na mañá do venres as primeiras aulas rodantes, a cargo do presidente do Semescom, Xosé María Lema, autor da guía histórica da viaxe; Xela Cid, que disertou sobre ríos, ecosistemas e flora do Ebro e outros cauces incluídos na guía, que elaborou Chus Barbeira, tamén responsable da organización do percorrido. Mentres o autobús avanzaba no medio dun mar de viñas de Vega Sicilia (e outras bodegas de Ribera del Duero), o latinista Pepe Carballude abordou a vida e obra de autores nacidos no territorio do itinerario e que foron grandes persoeiros da vida cultural e literaria de Roma, Quintiliano a Marcial, natural da cidade agora aragonesa Bílbilis. A pesares de que os temas poidan semellar áridos, a verdade é que son amenos.
Pablo Sanmartín, secretario de A Rula, tratou sobre o románico e dos moitos mosteiros cistercenses, obxecto case principal da viaxe. Pola súa banda, Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitou a proximidade de Calatayud para abordar a relación desta cidade con Muxía e o consumo de congro procedente dos secadoiros da vila da Barca. Esta actividade artesanal con máis de 500 anos de historia vai desaparecer por culpa das normativas sanitarias e a conseguinte aplicación dunha multa por parte de Sanidade ao último produtor.
Antón Losada, profesor carballés, disertou sobre os aspectos xeográficos da área de incursión, e nos vindeiros días haberá máis participantes neste intercambio de saberes.
En San Esteban de Gormaz, terra de aventuras do Cid, o Douro baixa recollido e silencioso por debaixo dunha ponte romana. O venres, nunha viaxe entre pobos torrados con pouso histórico e restos de castelos e igrexas cargadas de séculos e ríos con augas entre grises e verdes, tivo lugar a primeira visita a un convento, o Monasterio de Piedra, na provincia de Zaragoza. Un vello cenobio reconvertido en parte en establecemento hostaleiro e rodeado dunha natureza moi vizosa, con moitas fervenzas, pasadizos con escaleiras e pequenos túneles que mesmo semella máis froito da fantasía ca da realidade.
En Lleida, lugar da segunda pernocta, os viaxeiros buscaron, como xa tiña explicado Lema Suárez, unha das tres representacións medievais da Traslatio de Santiago, semellante á do pórtico sur da igrexa de Cereixo, e que está nun capitel do claustro da Seu Vella. O sábado houbo visitas aos mosteiros de Poblet, Patrimonio Mundial da Humanidade, e Santa María de Santes Creus. Un verdadeiro mergullo, moi detido e profundo, no nacemento no século XII destes conventos cistercenses e a súa importancia histórica, relixiosa, social, cultural, económica e política. Ámbolos dous acollen tumbas dos reis de Aragón e Cataluña. Os monarcas favoreceron estas institucións, que acadaron grandes dimensións en moitos aspectos, tamén no interese arquitectónico. No medio houbo unha parada para xantar na vila medieval de Montblanc, onde hai unha inscrición en latín que vén a dicir que os monumentos de Montblanc ensinan a grandeza deste lugar. Quedan, ata o día 27, outros moitos mosteiros por ver e examinar e tamén por ir a Cabo de Creus, a Fisterra mediterránea.
A Costa da Morte, aínda que hai quen a denomina comarca, é unha rexión xeográfica galega constituída polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, antiga Nemancos, máis os concellos de Mazaricos e Carnota. Despois de anos de certa polémica sobre cales eran os seus límites, actualmente existe bastante consenso sobre a súa delimitación tanto por parte das institucións públicas como da sociedade e isto supoñe un paso importante de cara a posta en valor do seu patrimonio.
Unha vez delimitado o seu espazo xeográfico, queda por concretar cales son aqueles bens patrimoniais paisaxísticos, naturais, históricos ou culturais a poñer en valor coa finalidade de sacarlle un rendemento turístico, aspecto no que aínda queda moito camiño que percorrer. Administracións públicas e sector privado deberán actuar de maneira conxunta de cara a conseguir ese obxectivo, primordial para o futuro económico deste territorio.
Na presentación da nova directiva dos profesionais de turismo desta rexión costeira levada a cabo no parador da Costa da Morte o pasado 18 de xullo, encabezada polo empresario Pepe Formoso, semella que teñen as ideas claras en asentar uns principios básicos para emprender un proxecto realista, esperanzador e de futuro para a Costa da Morte.
Principios como crer no gran potencial que temos, a necesidade de actuar unidos todos os implicados no sector, presentar unha directiva representativa no aspecto territorial e na diversidade da actividade turística, ampliar o número de socios para que o importe das cotas sexa menor ou profesionalizar a propia asociación, poñendo en mans de expertos tanto a xestión como a promoción. Creo que tamén atinan ao elixir o parador de turismo como centro de difusión dos diferentes materiais publicitarios, a igual que conseguir unha maior diversificación dos recursos para ampliar a temporada turística.
Xa era hora de que o sector turístico da Costa da Morte presentase unha proposta integradora no territorial, diversa respecto á propia actividade e con miras a ampliar e unir o maior número de profesionais posible. E ao mesmo tempo, descubrir que o propio sector deberá acadar un maior protagonismo na planificación turística deste territorio e unha maior implicación na defensa e posta en valor da riqueza patrimonial existente posto que constitúe a esencia do seu potencial económico e do seu futuro.
Dispoñemos dun extraordinario patrimonio paisaxístico e natural, sobre todo na costa, que mostra unha gran diversidade, desde os sensacionais cantís que se estenden arredor das puntas ou cabos como Santo Hadríán, Roncudo, Vilán, Touriñán ou Fisterra, que alternan con extensos e salvaxes areais como Razo, Soesto, Traba, Nemiña, Rostro ou Carnota, ata as tranquilas rías de Corme e Laxe, Camariñas ou Corcubión. Ademais desta incomparable beleza, a nosa costa oferta outras posibilidades: práctica de surf, observación de aves, pesca de cana ou submarina, navegación, ou práctica de sendeirismo como a ruta do Camiño dos Faros.
Logo está a diversidade paisaxística do interior con espazos tan impresionantes coma os penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo, ou os acolledores vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, que agochan no medio do bosque de ribeira espazos incomparables como o Refuxio de Verdes ou a área recreativa de Pedra Vixía. Ás veces as augas destes ríos sorpréndenos con inesperados chimpos dando lugar a espectaculares fervenzas como a de San Paio de Entrecruces, as do Rabiñoso, as Caldeiras do Castro ou a sublime do Ézaro. Mais os nosos cursos fluviais e os seus afluentes tamén son lugares idóneos para trazar rutas de sendeirismo, que ofrecen a posibilidade de contemplar a riqueza de fauna e flora que habita nas súas marxes ou nos permite gozar de construcións como muíños, pontes e pontellas e a práctica de deportes como a pesca fluvial ou piragüismo.
Se o patrimonio paisaxístico e natural da Costa da Morte é excepcional, o histórico e cultural tamén resulta de sumo interese. Dispoñemos dun magnífico patrimonio megalítico ben distribuído polo territorio, co dolmen de Dombate como gran reclamo. Queda seguir loitando para que o Parque do Megalitismo se converta en realidade. Contamos tamén con abundantes castros, aínda que poucos deles están en condicións de ser visitados; igrexas e capelas cun elevado valor arquitectónico ou escultórico. Aquelas de maior interese, deberían dispoñer dun horario de apertura ao público. Antigas fortalezas ou pazos, algúns visitables, pero conviña aumentar a oferta. Unha gran variedade de hórreos tanto en formas como tamaño e un gran número de cruceiros. Outro notable patrimonio histórico é o dos faros, moi pouco aproveitado. Temos os faros máis espectaculares de toda a costa peninsular, pero case todos pechados. Urxe realizar as xestións necesarias para poñelos en valor como sucede noutros países.
A artesanía tamén é outro dos nosos activos patrimoniais, sobre todo o encaixe de Camariñas, a cerámica de Buño ou os secadoiros de congro de Muxía, igual que o patrimonio literario, moi pouco explotado, cando dispoñemos de salientables escritores como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente ou Enrique Labarta Pose, que permitirían trazar interesantes rutas literarias polo territorio.
Tamén atraen o turismo as nosas romarías e festas patronais, as celebracións gastronómicas ou de recreación histórica, festivais musicais ou eventos culturais e deportivos que se organizan ao longo do ano.
A gastronomía é outro dos nosos grandes recursos, fundamental para atraer visitantes. A calidade dos nosos peixes e mariscos, constitúe a mellor materia prima para elaborar exquisitos pratos, por iso convén apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro para que a actividade se manteña, xa que se complementa perfectamente coa turística, igual que o agrícola para dispoñer de produtos de proximidade.
A parte sur da Costa da Morte dispón doutro incentivo máis que favoreceu moito o turismo da zona como é o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, que desde que se comezou a promocionar a finais do século XX, foi esencial para o despegue turístico da parte meridional da rexión.
Comprobada a inmensa potencialidade turística deste noso territorio queda por determinar como poñer en valor toda esta riqueza patrimonial baixo a denominación de Costa da Morte, estruturándoa en distintos apartados coa finalidade de chegar a un maior número de visitantes con intereses diferentes, tarefa que aínda queda por acometer e que representa o maior desafío para esta nova directiva da asociación APTCM.
A Guía de nomes galegos, un recurso en liña coa forma estándar de máis de 1500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media, xa pode consultarse en liña nesta mesma páxina web. Cada entrada explica a orixe e o significado do antropónimo, achega a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información. O recurso complétase cunha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables.
A Guía de nomes galegos é un traballo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana Boullón Agrelo. “A finalidade principal desta obra é dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais; esta ferramenta permitiralle galeguizalos ou escollerlles nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”, explica a académica de número.
Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá na sede da institución este novo recurso. “Con el a Academia culmina un proceso que responde a unha demanda que dende hai tempo viñan facendo os nosos usuarios: unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica. Un servizo máis da RAG á sociedade galega”, salienta o presidente.
A Academia agarda ofrecer tamén proximamente unha guía de apelidos, na que vén traballando dende hai tempo o Seminario de Onomástica, ”igual que traballa na actualización permanente do Nomenclátor”, engade Víctor F. Freixanes, en referencia ao labor de estudo e preservación dos nomes da terra que desenvolve a RAG.
Nomes silenciados nos rexistros e transmitidos oralmente
O repertorio antroponímico do galego, como acontece en todas as linguas, foise compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo. “A relixión, a literatura, a política ou préstamos doutras linguas son parte deles. No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral”, apunta Ana Boullón.
Estes nomes silenciados nos documentos escritos nalgúns casos seguiron a empregarse como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, é dicir, nomes de lugar baseados en nomes de santos (Uxía, Tomé); e outro grupo conservouse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ao santo portador (Brais). O elenco recólleos xunto a nomes galegos que non teñen unha forma diferencial con respecto ao castelán ou outras linguas da Península Ibérica, como María (nome feminino máis frecuente dende que se conservan rexistros escritos) ou Manuel. Todos eles son antropónimos con presenza significativa en Galicia –en calquera momento dende a Idade Media–, un dos criterios que se tivo en conta para a confección da guía.
Os novos nomes: dos hipocorísticos aos nomes de lugar
O repertorio tamén inclúe, xunto ás formas tradicionais, moitos nomes novos que irromperon nos rexistros dende a eliminación legal da prohibición de escoller antropónimos galegos para as nenas e os nenos (1977). É o caso de numerosos nomes de lugar (Ézaro, Deva, Aldán, Xalo, Sarela, Eume…) ou formas do léxico común (Area, Eira, Dorna), que ata daquela non foran empregados para nomear persoas.
Outra fonte importante foron as variantes familiares (hipocorísticos) que apareceron nas últimas décadas nos rexistros (Catuxa, Maruxa, Xandre, Xela). Algúns deles, dado o considerable número de concorrencias que suman, segundo o Instituto Galego de Estatística, entran na guía como lemas propios.
Finalmente, o Seminario de Onomástica tamén considerou os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (Xeila ou Aixa). O repertorio é, en calquera caso, un elenco aberto, porque a creatividade segue a mostrarse en novos nomes que van aparecendo nos rexistros oficiais. Cóntase tamén coa participación da cidadanía para suxerir novas incorporacións, emendar deficiencias e incrementar a información das entradas.
Unha fonte de divulgación da historia e das lendas
A entrada de cada nome ofrece información etimolóxica, as equivalencias noutras linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes que se chamaron así.
O Seminario de Onomástica prestoulles especial atención aos nomes de figuras importantes da historia e da mitoloxía galegas. “Consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular -española ou portuguesa- coa importancia que tivo o reino medieval de Galicia”, sinala o equipo na presentación da obra. E canda reis e raíñas como Afonso e Orraca, tamén abondan as referencias a persoeiros da cultura galega e universal (Rosalía, Begoña Caamaño, Xela Arias, Celso Emilio Ferreiro, Gabriela Mistral ou Óscar Wilde) e mais a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.
O equipo
A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción e actualización da Guía de nomes galegos está formada por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Xosé Antón Palacio, Ramón Lorenzo, Vicente Feijoo, Ana Boullón e Antón Santamarina. A obra contou ademais coa contribución de María Teresa Amado na revisión das etimoloxías dos nomes de orixe grega e de Patxi Salaberri para os nomes de orixe éuscara. A edición correu a cargo de Nélida Cosme, que tamén traballou na revisión textual xunto a Carme Cambre e Adrián Estévez.
O repertorio partiu do Diccionario dos nomes galegos (Ir Indo, 1992), dirixido polo académico Xesús Ferro Ruibal e redactado no seu día por un equipo do que formaron tamén parte a académica de número Ana Boullón, o académico correspondente Xosé María Lema, Fernando Tato Plaza e Xosé María García, lembra Antón Santamarina. A Guía de nomes galegos actualiza e amplía a información daquela obra, esgotada na actualidade, e pona a disposición de toda a cidadanía na Rede, facilitando así a súa consulta e a interacción coas persoas usuarias de cara á introdución de novas entradas e a corrección de posibles erros.
A riqueza fraseolóxica na novela Costa do Solpor, do académico correspondente Xosé María Lema (Vimianzo, 1950), abre Cadernos de lingua nº 39, xa dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O mesmo número inclúe un traballo sobre a adquisición de estratexias de cortesía en galego na infancia e unha análise sobre a ideoloxía e a identidade no hip-hop e o trap galegos. Pecha o volume unha recensión sobre a última entrega do Atlas Lingüístico Galego, editado en 2020 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié e centrado no léxico do ser humano.
Costa do Solpor, merecedora do Premio da Crítica de creación literaria de 2014, volveu saír do prelo en 2017 nunha versión titulada Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, con 220 páxinas menos. Nesta última baséase o artigo que asina Xosé María Rei Lema, quen valora esta obra de Xosé María Lema como un exemplo de calidade nun dos campos, o da fraseoloxía, que “máis sofre a pobreza léxica” na prosa galega actual. O autor da análise contabiliza nas súas 425 páxinas uns 950 fraseoloxismos, entre os que se inclúen tamén unha ducia de refráns.
As expresións ofrécense ordenadas alfabeticamente, acompañadas da súa explicación e exemplos tirados da novela coa referencia da páxina correspondente. Entre elas destacan sobre todo as relacionadas co mar, xa que esta é unha novela de aventuras ambientada na costa coruñesa do século XVIII, dende a cidade herculina ata o cabo de Fisterra, unha situación xeográfica que tamén se reflicte a través das formas dialectais propias da costa fisterrá.
Expresións para cualificar o estado do mar como mar desfeito, ferver o mar, unha vaga de mar campal ou ventar un cifral; para referirse ao estado dunha embarcación (quedar ao garete, poñerse ao pairo, á valga, recoller o trapo…) ou para falar das actividades dos personaxes (andar ás crebas, andar ao corso, armar en corso…) son só algúns exemplos da pegada mariñeira na fraseoloxía que se atopan nunha ficción na que tamén abondan, entre moitas outras, as que indican cantidades (a centos, a eito, a embute, ás envorcadas, a esgalla, a pote, a regos…) e na que as distancias veñen marcadas por unha carreiriña de can ou diante dos fociños.
Noutro artigo, Tamara Rial Montes estuda o proceso de adquisición das estratexias de cortesía nas peticións por parte de nenos e nenas galegofalantes, dende os 4 ata o 12 anos. A investigación conclúe que, en xeral, o modelo establecido en estudos anteriores para as persoas galegofalantes tradicionais parece non corresponder co que se observa nas xeracións máis novas.
Mª Belén Senín Santiago publica no mesmo número un traballo sobre a ideoloxía e a identidade no discurso do hip-hop e do trap centrado no caso das bandas Rebeliom do Inframundo e Boyanka Kostova. A autora, a partir dunha análise crítica, expón que cada un destes xéneros encerra dúas posturas opostas no que á identidade e ideoloxía se refire, “dúas reaccións diferentes ao mundo da modernidade líquida”.
“Fraseoloxía da novela ‘Costa do Solpor’, de Xosé Mª Lema” (autor: Xosé Mª Rei Lema, filólogo, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa)
Publicado en La Voz de Galicia, por Patricia Blanco (05/07/2022)
Medra a bibliografía sobre Juan Antonio Posse (1766-1854), o cura liberal de Soesto —máis ben colectivista, como escribe Xosé María Lema— que exerceu o seu ministerio «en tres parroquias do aínda daquela reino de León, Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo». Nesta última estaría dende o 1807 ata a súa morte. É precisamente en San Andrés, no centro cultural que dende finais dos 90 leva o nome de Posse —tamén alí ten unha rúa—, onde se vén de presentar a obra El infrascrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. Lema, autor do prólogo, tomou parte na posta de longo desta autoedición, de par do concelleiro local Alejandro Gallego. Un acto que congregou nutrida asistencia e interese, e que deixou novas revelacións acerca do crego laxense, froito das pescudas de Fernández feitas mentres indagaba nos seus antepasados.
Unha, que dende o 1824 ata o 1835, Posse non asinaba actas parroquiais, o que permitiu dar cadra de que, ademais do proceso resultante da persecución polos absolutistas, tivera outro no 1827, chegando a estar preso nun convento de franciscanos de León. Tamén se puido saber que cumpriu coa vocación política que sempre defendera, en tanto que o laxense se presentou ás primeiras eleccións medianamente democráticas, como deputado no 1839 e como senador no 1841, non sendo elixido.
Durante o seu traballo, Paloma indagou tamén nos lazos familiares do cura en San Andrés, dous sobriños de Soesto que levara con el para León, Tomás, morto a unha idade temperá, e Tomasa. En León, ante os asistentes á presentación, Lema deu cumprida conta das orixes de Posse, do cura «rara avis» que era: ilustrado, liberal, constitucionalista español e tamén galeguista, oposto á Inquisición, sumamente crente e relixioso…
Puxo ao día, ademais, as publicacións que se teñen feito sobre el. Non faltaron logo as preguntas e incluso dúas propostas que haberá que pechar, de fraguarse: unha visita colectiva ás terras orixinarias de Juan Antonio, por parte de veciños de San Andrés, e unha nova visita de Paloma Fernández á Costa da Morte, en tanto que da anterior, para coñecer a terra natal de Posse, ficou encantada. Poderíase levar a cabo na comarca, de ser así, algunha presentación da súa obra. Xosé María Lema, que se ofreceu como guía, tamén lle fixo chegar ao concelleiro Gallego un exemplar de Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’, publicado por el mesmo, no 1999, logo do achádego na casa nativa de Posse, e as actas da primeira xornada sobre o cura celebradas en Laxe no 2007, por parte do Semescom. Máis adiante habería uns segundos encontros, polos 200 anos da Constitución de 1812.
O pasado 29 de maio faleceu en California (EE.UU.) Richard Herr, catedrático emérito da Universidade de Berkeley, historiador e hispanista estadounidense experto no pensamento ilustrado español e portugués do século XVIII. O 7 de abril cumprira cen anos e recibira a felicitación da Real Academia da Historia española, pois era o decano dos seus académicos correspondentes.
Herr realizou moitos estudos sobre a historia de España e de Portugal do séc. XVIII, con obras como España y la revolución del siglo XVIII (Madrid 1962), pero para galegos e leoneses é sobre todo coñecido por ser o editor, en 1984, das agora famosas Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812 (CIS/Siglo XXI Editores).
Nada sabíamos sobre este cura liberal -máis ben colectivista-, que nacera en Soesto (Laxe) en 1766 e que exercera o seu ministerio en tres parroquias do aínda daquela reino de León (Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo) e que escribira as memorias da súa vida contra o ano 1834, unha vez que os seus inimigos absolutistas xa deixaran de perseguilo.
Como Herr non tiña certeza de que o lugar de Quintáns Meáns, onde o crego dicía que nacera, fose o de Soesto, buscamos e achamos no libro de bautizados desta parroquia a súa partida de nacemento. Logo, en 1985, o daquela párroco de San Andrés del Rabanedo nos facilitaría copia da súa acta de defunción (1854, ós 88 anos). Posteriormente, na súa casa nativa de Soesto -a chamada Casa Vella ou Casa de Mariana -a súa nai- aparecería impresa a Plática Tercera (1838), que publicamos en 1999 co título Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’ (1838). Foi a segunda das súas obras constitucionalistas, pois en 1813 publicara o seu Discurso ou Sermón a favor da Constitución de 1812, pola que sería perseguido e encarcerado polos absolutistas do rei Fernando VII.
Tiven o coidado de lle remitir a Mr. Herr todas estas novidades. Respondeume cunha carta amabilísima datada o 18-06-1999 acompañada dunha recensión do meu libro antes citado, recensión que se publicaría na revista A Trabe de Ouro nº 39 (1999) e que figura no fondo bibliográfico do ilustre profesor. O Seminario de Estudos da Costa da Morte organizaría o 21 de abril de 2007, en Laxe, a I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, na que non só participaron especialistas galegos, senón tamén Fernando Durán López, profesor de Literatura Española da Universidade de Cádiz, que incluíra na súa tese de doutoramento a figura do noso crego entre as grandes autobiografías dos séculos XVIII e XIX (en 2005 publicara Vidas de sabios, con Posse de figura principal). O SEMESCOM aínda organizaría en Vimianzo, coincidindo co 200 aniversario da Constitución de 1812, a II Xornada sobre o crego.
Na casa de Juan Antonio Posse.
Lembro que cando se publicaron as Actas da I Xornada (2008), Richard Herr volveu escribirme “admirado de la bibliografía que ha aparecido sobre Posse” e alegrábase de que Fernando Durán, eu mesmo “y otros labradores en este campo, surco a surco y documento a documento nos van desterrando las hazañas y las penas de Posse, y revelándonos el mundo en que vivió”. Casualmente, o pasado 1 de xullo estivemos en San Andrés del Rabanedo (León) para asistir á presentación dun novo libro que incrementa a bibliografía sobre o sacerdote natural de Soesto: El infraescrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. O finado hispanista norteamericano estaría ben contento de incorporar á autora ó grupo de “labradores do campo dos admiradores de Posse».
A nosa exposición do megalitismo da Costa da Morte segue a viaxar polos centros de ensino. Este curso estivo no IES de Ponteceso, no de Vimianzo, no de Baio, no CPI de Cabana e en marzo traspasou por primeira vez as fronteiras da rexión, levándoa á cidade da Coruña, no CEIP Fogar Santa Margarida. En abril terémola de novo pola Costa da Morte, no CPI de Laxe.
A mostra itinerante “As Antas da Costa da Morte” consiste en 20 paneis a través dos que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo nas nosas comarcas. Trátase dun dun completo traballo de divulgación que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez. Iníciase cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.
IES Maximino Romero de Lema de Baio
O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio puido completar a exposición cunha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; ademais, posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural. Desde o Centro aplauden “iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo”.
Por primeira vez, fóra da Costa da Morte
O CEIP Santa Margarida da Coruña acolle na biblioteca Agustín Fernández Paz a mostra, sendo a primeira vez fóra do noso territorio. A mostra estará aberta durante todo o mes de marzo e a ela acudirá alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica, Ciclo Medio e Bacharelato. Profesorado dos departamentos de Lingua e Historia elaboraron distintas propostas didácticas adecuadas a cada nivel educativo. Xeráronse autodefinidos, sopas de letras, encrucillados e un cuestionario-guía para pescudar na información e imaxes dos paneis. A Literatura da Costa da Morte tamén está presente nesta mostra dado que nela se reproducen varios poemas de Eduardo Pondal como o coñecido “O dolmen de Dombate”.
Vídeo de Xosé Manuel Varela Varela sobre a mostra no CEIP Santa Margarida da Coruña
MATERIAL DIDÁCTICO:
Autodefinido (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario con solucionario (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
0 Encrucillado Megalitismo Primaria (Carlos Medrano, do departamento de Lingua do Fogar)
Cuestionario Expo Megalitismo folleto sen número de panel Sara Varela Rouco (departamento de Historia)
Desde o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte o noso máis caloroso agradecemento e parabéns á comunidade educativa que permite seguir a divulgar a riqueza arqueolóxica da nosa terra.
Visita 5º EI Expo Megalitismo Fogar Santa Margarida
San Xián é en Galicia un santo moi venerado desde tempos moi antigos: ocupa o noveno lugar nos padroados parroquiais, con 127 freguesías, coas seguintes formas patrimoniais: San Xiao (41), San Xián (28), San Xillao (11) e o semicultismo San Xulián (47). Pero hai tres santos con este nome: o máis coñecido é o hospitaleiro, ou o parricida, pois, segundo a lenda, matou os seus pais e, despois, arrepentido, consagrou a súa vida a axudar os camiñantes e peregrinos; en parte vén sendo a versión cristiá do mito do Edipo grego. Outro foi san Xián de Antioquía, esposo de santa Basilisa. Un terceiro foi san Xián de Brivate (Francia), martirizado xunto con san Ferreol (hai quen di que este é o san Xián patrón de Ferrol, e que a orixe do nome desta cidade está no do seu compañeiro Ferreol).
Desde a Idade Media considerouse san Xián un santo vinculado ós camiños e ós camiñantes; este sería o hospitaleiro, e o de Moraime identificámolo con el. Por algo o seu mosteiro, protexido e potenciado no século XII pola poderosa familia nobre galega dos Traba e polo rei Afonso VII de Galicia, León e Castela, está estratexicamente situado no ancestral camiño de Muxía a Compostela por Brandomil.
Prestixio
Hai días saltou a noticia da venda pola internet dun pseudo «san Xián de Moraime», a todas luces de procedencia americana, da época colonial española. O que chamou a atención é que os vendedores recorresen ó prestixio de Moraime para incrementar o seu prezo, cousa que lograron, pois seica percibiron unha respectable cantidade pola venda.
A imaxe do auténtico san Xián de Moraime é superior en calidade artística á americana. Fora estudada por Eva López Añón en 2007 na súa tese de doutoramento sobre a arte relixiosa do arciprestado de Nemancos. Unha talla de estilo barroco que representa un nobre elegantemente vestido á moda do último terzo do século XVIII: casaca abotoada, manto vermello e gorgueira ó pescozo, sen que falte unha longa perruca ondulada cubríndolle a cabeza. Leva como atributo iconográfico un falcón na man esquerda —como patrón dos cazadores—, convertido nunha pomba branca polo desinformado escultor ou pintor; no costado dereito apenas se percibe o mango dunha espada envaiñada, a arma do seu crime, detalle que tampouco falta na escultura americana.
Oxalá a noticia da venda dun falso san «Xián de Moraime» sirva para coidar e protexer máis o patrimonio artístico relixioso das nosas igrexas rurais. Non sei se a raíz do infausto roubo das imaxes do retablo de san Roque da igrexa de San Simón de Nande de hai uns cantos anos se tomaron medidas e polo menos se instalaron sistemas de alarma nas igrexas.
Con todo, protexer non quere dicir ocultar, e penso que tamén se deberían promover visitas guiadas ás nosas igrexas e ermidas para que valoremos os pequenos museos de arte sacra contidos nelas. Acabamos de comprobar o prestixio que o simple nome do sitio histórico-artístico de Moraime esperta fóra de Galicia. Xa vai sendo hora de que aquí se lle dea o alto valor que lle corresponde.