• info@semescom.gal

Author Archives: Admin

Relación cronolóxica de vinte anos de loita pola salvación dos Penedos de Pasarela e Traba (2006-2026)

Ofrecemos unha crónica detallada das dúas décadas de mobilización social e institucional (2006-2026) para protexer os Penedos de Pasarela e Traba, un conxunto xeolóxico único en Galicia. O texto percorre a cronoloxía da loita contra proxectos de canteiras e parques eólicos, destacando fitos como a declaración de Paisaxe Protexida en 2009 e a recente aprobación do seu Plan de Xestión. A través de diversas iniciativas culturais, o SEMESCOM e outros colectivos lograron poñer en valor este “museo ao aire libre”, salvagardando as súas singulares formas graníticas e a súa riqueza literaria e lendaria para as xeracións futuras.

Podes descargar o contido completo na seguinte ligazón

Admin

Toponimia de Zas, de Xosé María Lema Suárez, entre as certezas e os enigmas

A colección «Terra Nomeada» da Sección de Lingua / Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) vén de arrequentar o seu catálogo coa publicación de dous novos títulos: Toponimia de Zas, da autoría de Xosé María Lema Suárez, e Toponimia de Padrón e Pontecesures, elaborada por Fernando Cabeza Quiles, que seguen ao anterior Toponimia de Carnota, de Alfonso Blanco Quintela, todos tres membros da Asociación Galega de Onomástica, entidade coeditora das obras xunto coa propia RAG e os concellos mencionados, alén de contaren co subsidio económico da Deputación da Coruña.

Xosé Mª Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom) e académico correspondente da RAG, en Toponimia de Zas pescuda coa súa coñecida rigorosidade nas certezas e nos enigmas da orixe etimolóxica, ás veces discutida, de todos os lugares das dezaseis parroquias deste concello da Terra de Soneira, analizando 117 topónimos maiores xa que o investigador subliña que Brandoñas e Muíño non existen como lugares e só como denominacións parroquiais. Porén non remata aí o seu labor investigador pois tamén nos subministra cumprida información sobre outros topónimos de lugares deshabitados ou desaparecidos ou de vinte espazos xeográficos, nomeadamente ríos e pontes, montes e pedras senlleiras ou de interese arqueolóxico.

O «Estudo dos Topónimos» vai precedido dunha sucinta e interesante «Introdución» que en pouco máis de vinte páxinas consegue, sen aborrecer malia a profusión de datos, que a persoa lectora poida familiarizarse co contexto xeográfico e histórico do concello, botando man dos seus numerosos traballos anteriores sobre a cuestión, de xeito principal o volume Zas polo miúdo (2020), en coautoría con Evaristo Domínguez Rial. Non esquece percorrer a influencia das familias fidalgas, como os Moscoso ou os Rioboo, na conformación do territorio, así como a demografía que explica o abandono duns lugares e o pulo doutros, para rematar esta entrega coas notas filolóxicas, en diálogo con Xosé María Rei Lema, sobre os trazos que definen a fala de Zas e cun achegamento á cartografía dos apelidos e dos xentilicios máis populares neste concello soneirán.

Resultan moi útiles e necesarias as catro páxinas coa «Explicación dalgúns termos» pois así os que somos neófitos na cuestión podemos aprender, poñamos por caso, que un corónimo é un tipo de topónimo que designa unha entidade superior a un núcleo de poboación ou que un hodotopónimo é un topónimo que fai referencia a vías de comunicación.

O «Estudo dos Topónimos» preséntase en orde alfabética e cada unha das fichas, tanto as máis sintéticas como as de maior extensión, son de amena lectura, con afán didáctico e divulgativo, e mesmo en ocasións con referencias que nos deixan co sorriso nos beizos, velaí cando se explican O Allo e A Cebola ou O Chamberín, de simpática ocorrencia. Por certo, non todo é tan sinxelo porque as diferentes interpretacións do primeiro ocupan até dez páxinas, superando a Brandomil (onde a presenza literaria de Pondal non podía faltar), e con continuos apelos á documentación que tratan de nos ofrecer catro posibles interpretacións, expostas con clareza antes de suxerir a súa escolla.

Xa o primeiro, As Abellas, lugar da parroquia de Muíño, é unicum, nome de lugar único na toponimia maior de Galicia e, como vai suceder sempre ao longo do libro, Lema Suárez explicita as hipóteses da súa orixe, inclinándose desta volta pola máis plausible a priori, ser terra de alvarizas.

A documentación citada e estudada non só pertence ao vello Reino de Galicia e a outras fontes galegas, ou aos sempre citados Catastro de Ensenada (c. 1760) ou Diccionario de Madoz (1845-1850) e os nomenclátor do XIX, pois en moitas ocasións recorre a documentación doutros reinos peninsulares, como cando explica A Andragalla, na parroquia de Lamas, que nos leva á posible orixe nun antropónimo feminino de Nafarroa. Se callar bótanse en falta maior presenza de fontes da antiga Gallaecia, nomeadamente do actual norte de Portugal, por exemplo ao explicar Pudenza faise referencia ao cognado Podence (Palas de Rei) mais non se cita a antiga freguesía portuguesa co mesmo nome en Macedo de Cavaleiros (distrito de Braganza), que ten sona polos Caretos, un dos máis coñecidos entroidos tradicionais coas súas máscaras diabólicas e cun pequeno mais interesante museo que recomendo visitar. Como tamén chama a atención que á hora de explicar Ventoselo non se cite a coñecida Ventosela, en Ribadavia, na comarca do Ribeiro, á que deron sona o seu gaiteiro ou a infancia do académico e profesor Xesús Alonso Montero.

As dificultades de determinar etimoloxías fan que orixes que hoxe damos por certas, como Baio desde o antropónimo latino Badius, tamén sexan postas en cuestión con outros novos argumentos.

Boa parte dos topónimos estudados son únicos en Galicia, algúns teñen etimoloxías discutidas e outros, orixes escuras e mesmo enigmáticas. Lema Suárez confesa eses atrancos como cando escribe “A etimoloxía do topónimo Xallas é realmente complicada”, mais axiña engade todo o catálogo de posibles interpretacións, advertindo que ás veces esas hipóteses non poden ser tomadas como definitivas.

Evidentemente as formas de nítida raíz latina ou incluso árabe (como A Atalaia) son moito máis transparentes e ofrecen menos dificultades de interpretación que aqueloutras, e son bastantes, de voces que proveñen de orixes prerromanas e onde a escuridade abona varias hipóteses.

A ordenación alfabética fai que peche o libro o propio topónimo do concello, Zas, que ilustra perfectamente como as novas interpretacións botan terra sobre as anteriores, xa que até non hai moito dábase por certa a súa orixe no xermánico sala, e de aí ao latín medieval, mais que recentes estudos do filólogo Paulo Martínez Lema relacionan co fitónimo latino salix “salgueiro”.

En definitiva, malia estarmos diante dun ensaio de carácter filolóxico o estudo de Xosé María Lema Suárez devén nunha entretida lectura, na que moito se aprende ou coa que se pode debater, polo que cómpre agradecerlle esta entrega que nós puidemos ler en papel, nun libro ben editado que leva antes da capa un mapa despregable do concello de Zas con todos os topónimos citados, mais que a Real Academia Galega (RAG) dispoñibiliza para descarga libre en pdf, unha versión dixital accesible nesta seguinte ligazón.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

(Orixinalmente publicado en quepasanacosta.gal )

Admin

Benito Soto. O “noso” pirata

Por Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM.

En contraste cos nosos “curmáns” bretóns, nós os galegos en xeral non presumimos da actividade pirata e corsaria do noso pasado. Máis ben a agochamos, sobre todo certas familias de poderío económico da Coruña, Vigo ou de Compostela.
Mais imos ver como iso non é tan certo, unha vez que soubemos que tamén tivemos un pirata famoso, contemporáneo do bretón Robert Surcouf (1773-1832), e non se pode dicir que reneguemos del por completo malia a súa historia truculenta…

LER ARTIGO DE TEMPOS NOVOS: Benito Soto. O “noso” pirata

Admin

Piratas e corsarios de antano. Bandidos e criminais ou heroes románticos?

“Quen sabe que a fortuna das familias burguesas dos Barrié e de Eusebio da Garda fíxose en boa parte mediante o tráfico de escravos? Quen, que a cidade coruñesa foi un importante porto corsario e negreiro ata ben avanzado o século XIX? Quen, que o Estado Español foi un dos últimos en abolir a escravitude? Por que non se fala practicamente nada disto nos manuais de Historia, tanto de Galicia como de España, que se estudan nos centros de ensino? O historiador Xosé María Lema Suárez (este ocupándose tamén do fenómeno da piratería) e o filósofo Jorge Álvarez Yágüez rompen con este sorprendente silencio. E reclaman, e con eles Tempos Novos, estudos e debates que impidan que continúe no futuro.

Unha reclamación tanto máis importante hoxe, cando proliferan os sinais dunha inexplicable nostalxia por unha historia amnésica como a que durante tantos anos impuxo o franquismo (e non só o franquismo).”

LER ARTIGO DE TEMPOS NOVOS: Piratas e corsarios de antano. Bandidos e criminais ou heroes románticos?

Memorias de R. Duguay-Trouin, nunha exposición bibliográfica na Cidade da Cultura (2019). Foto X.Mª Lema

Memorias de R. Duguay-Trouin, nunha exposición bibliográfica na Cidade da Cultura (2019). Foto X.Mª Lema

Admin

Castelo de Vimianzo. Castelos e Torres Galegas para descubrir un reino.

“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”

O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:
LER PDF.

Admin

Torres do Allo. Castelos e Torres Galegas para descubrir un reino.

“Baixo a autoría e asesoramento de ducias de especialistas, Nós Diario publicou 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino, un coleccionábel extraordinario, editado para celebrar os 1.000 números do diario, que valoriza o patrimonio, a historia e a contorna territorial dunhas construcións que retratan unha parte importante da identidade da Galiza.”

O presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, colaborou en dous dos elementos seleccionados, o castelo de Vimianzo e as Torres do Allo. En semescom.gal ofrecémosche o artigo completo para que poidas consultalo:

LER PDF

 

Admin

O SEMESCOM alega contra o Plan dos Penedos

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), asociación que desde a súa constitución se decatou do enorme valor paisaxístico, xeolóxico e natural dos Penedos de Pasarela e Traba e participou en todas as accións que se organizaron en defensa deste importante ben patrimonial, desde os seus inicios promoveu unha serie de actividades para dar a coñecer esta singular formación granítica: charlas informativas, visitas guiadas, edición de materiais divulgativos como a “Guía dos Penedos de Pasarela e Traba”, elaboración de materiais audiovisuais como o DVD “Os penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo” ou a convocatoria do concurso literario “Certame de Poesía dos Penedos”. Toda esta defensa e divulgación deste espazo natural contribuiría á declaración no ano 2009 como Paisaxe Protexida por parte do goberno da Xunta de Galicia.
Despois dun dilatado período de tempo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia aproba un plan de xestión para os Penedos de Pasarela e Traba, ao que a nosa asociación presenta as seguintes ALEGACIÓNS:

1.-SOBRE A PROHIBICIÓN DE ACTIVIDADES DE GRANDE IMPACTO NA PAISAXE PROTEXIDA E NA SÚA CONTORNA
Consideramos positiva a prohibición de actividades na contorna desta Paisaxe Protexida que produzan grande impacto no medio como poden ser a instalación de novos parques eólicos, actividades extractivas (minas ou canteiras) ou actividades industriais.

Na actualidade a maior ameaza que existe neste sentido e neste momento é o proxecto do parque eólico de Pena dos Mouros, a nosa asociación xa presentou alegacións contra el (9-03-2021), que
ademais de estar moi próximo aos Penedos, no caso de construírse, tería un impacto severo sobre os Penedos de Piñeo, situados na parroquia de Carantoña (Vimianzo), que tamén dispoñen de
formacións xeolóxicas tan singulares e evocadoras como Pena da Aiga, Pena Orelluda ou Pena do Frade. Por tal motivo pedimos que a Xunta de Galicia non autorice a instalación deste parque.
2.- SOBRE AS PROPOSTAS DE TEMPORALIDADE E PRIORIDADE DAS ACTUACIÓNS QUE SE PROPOÑEN NO PLAN DE XESTIÓN:
Non nos parece adecuada a distribución de temporalidade (5, 10 e máis anos) e de prioridade (alta, media e baixa) que se fai de cada unha das actuacións por ser pouco realista e efectiva. Ten sentido propoñer unha actuación a máis de dez anos cun orzamento actual?
Defendemos que todas estas actuacións do Plan que se consideran necesarias para a posta en valor deste singular espazo natural, como son os Penedos de Pasarela e Traba, non supoñen un orzamento elevado, polo tanto deberían realizarse por parte da Xunta de Galicia e demais administracións, nun prazo breve, como máximo de dous anos.
3.-SOBRE O APARCADOIRO NA ZONA DO CRUCE DO BRAÑAL
Si, á habilitación dunha área destinada a aparcadoiro na zona do Cruce do Brañal, sempre que esta actuación se realice co máximo respecto medioambiental e tendo en conta que se deberá priorizar o acceso a pé desde os núcleos máis próximos: Pasarela e O Penedo (Calo, Vimianzo) e A Costa (Traba, Laxe).
4.- SOBRE A LIMPEZA E MANTEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS DO PARQUE
Si, aos labores de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público centradas fundamentalmente en lograr que as pistas forestais e os sendeiros estean limpos de vexetación e en bo
estado de conservación. Pero propoñemos que estes labores se realicen como mínimo con dúas limpezas ao ano, tanto das pistas forestais como dos sendeiros que levan ás estacións onde se atopan as formacións xeolóxicas de maior realce. Consideramos, tamén, imprescindible a ampliación destes labores de limpeza aos arredores de cada unha das esculturas naturais.
A súa vez, hai que ter en conta que as últimas investigacións están a permitir localizar novas xeoformas, o que creará máis necesidades de limpieza diante dun parque en progresiva expansión.

5.- CRITERIOS SOBRE A SINALIZACIÓN DA “PAISAXE PROTEXIDA”
Respecto aos puntos de deseño e instalación de paneis interpretativos das vistas panorámicas situados nos lugares de maior amplitude visual e paisaxística, sinalización do xacemento arqueolóxico da Torre da Moa e instalación dun panel informativo, colocación de novos paneis interpretativos no comezo das rutas de sendeirismo ou a sinalización de cruces de rutas, pensamos que a instalación de paneis informativos ou interpretativos deberían ser os estritamente necesarios sobre o espazo protexido para producir o menor impacto posible. Cremos que é moito máis efectiva a elaboración dunha información dixital á que poida acceder calquera visitante a través dun dispositivo electrónico.
Tampouco nos parece do máis axeitado a sinalización de puntos de observación como miradoiros, xa que ao longo do percorrido hai moitos lugares desde os que se pode observar a paisaxe da contorna, e cada visitante pode gozar dela naqueles sitios do percorrido que considere oportunos.
6.-SOBRE A CREACIÓN DUN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DOS PENEDOS
Defendemos a creación dun Centro de Interpretación dos Penedos no edificio da antiga casa-escola Labarta Pose de Pasarela, situado no centro desta localidade, a máis próxima a esta paisaxe protexida e tamén punto de partida da maioría dos visitantes deste espazo. Co futuro trazado da prolongación da autovía AG-55, o núcleo de Pasarela quedará moi próximo a unha das súas saídas, o que facilitará aínda máis a entrada de visitantes a través desta ruta. Este centro consideramos que sería un lugar idóneo para a recepción de excursionistas e para recibir información previa sobre este espazo natural e a súa contorna. Para abaratar os custes de xestión propoñemos que sexa un centro automatizado e autovisitable, como algúns outros que xa se teñen instalados na nosa comunidade.

Alegacións

penedos5

Admin

Participación do SEMESCOM no II Encontro Internacional Rede HORREA

Convidado por Carlos Fernández Coto –presidente de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego)–, asistiu Xosé Mª Lema como representante do SEMESCOM ao II Encontro Internacional Rede Horrea, celebrado en Arcos de Valdevez (Portugal), que reuniu a investigadores portugueses, asturianos, leoneses, cántabros e galegos cun obxectivo común: a defensa das modalidades de hórreos das súas respectivas comunidades.

A mañá do sábado 20 dedicouse por completo á presentación de comunicacións. Presentaron cadansúa os asturianos Víctor M. Suárez e Fernando Mora (ambos da Asociación del Hórreo Asturiano); o leonés Eloy Algorri (“El hórreo en León (España)”; o cántabro José Francisco Fernández Silió (“Proyecto Reconstrucción Hórreo Cántabro”) e a portuguesa da Universidade de Aveiro, Alice Tavares Costa (“Desafios para a valorização do Patrimonio Rural: do mapeamento à reabilitação dos celeiros elevados da Região Centro de Portugal”).

A parte galega –coordinada por Fernández Coto– estivo representada, por orde de intervención, en primeiro lugar, por Carlos Regueira Méndez, autor de Atlas. Hórreos de Galicia (2017), a obra máis completa e actualizada sobre os hórreos galegos. O seu relatorio levou o título “O hórreo galego trala chegada do millo americano”.

En segundo lugar, por Xosé Mª Lema, quen falou sobre “O contido inmaterial do hórreo galego”, baseándose sobre todo no hórreo atlántico ou fisterrán, que el estudara con anterioridade (lembremos a súa publicación, en colaboración con Carlos Fernández Concheiro de O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte (Galicia) [Semescom 2012].horrea2

Tanto a conferencia de Regueira como a de Lema foron en galego, comprendidas sen maior dificultade tanto polos portugueses, como polos demais asistentes: galegos, asturianos, leoneses e cántabros.

A organización do evento estivo a cargo da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, presidida polo seu alcalde D. João M. do Amaral Esteves, que fixo un excelente discurso de benvida salientando a estreita proximidade e relación entre galegos e portugueses do Norte, que nos lembrou aquela viñeta de Castelao do avó e do neto á beira do Miño: “Nós estamos –dixo– muito máis próximos aos galegos do outro lado da raia que aos nosos compatriotas de Lisboa; como sabemos que muitos galegos están máis próximos a nós que aos de Madrid, e que me perdoen os demais españois aquí presentes”.

horrea3

Houbo tamén “workshops” –obradoiros, diriamos os galegos– de “Contruções de Canastros de varas” e presentación de documentais sobre o patrimonio inmaterial do Parque Nacional Peneda-Gerês; “Maestros del Hórreo Asturiano”; “Das arquitecturas tradicionais” etc.

Quen levou todo o peso da organización foi Fernando Cerqueira Barros, arquitecto e investigador no Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto, que tamén foi o guía de privilexio que tivemos para a visita a Aldeia de Sistelo, os seus socalcos para o cultivo do millo nas abas das montañas e os seus espigueiros. Esta aldea conta, no Castelo de Sistelo –un pazo do séc. XIX– cun Centro de Interpretación do cultivo do millo e de todo o patrimonio cultural e natural desta zona verdadeiramente exemplar, con todos os medios modernos (pantallas táctiles, mapeamento etc.).

O domingo volveu haber excursión en bus aos conxuntos de espigueiros e canastros de varas de Vilarinho do Souto; á Vila do Soajo e o seu conxunto de espigueiros da Eira do Penedo (co Centro Interpretativo e Etnográfico do Soajo); ao conxunto de espigueiros de Lindoso (Ponte da Barca) e á aldea de Puxedo (Lobios, Galiza), co seu Ecomuseo Pan do Xurés.

De seguido, a ligazón ao relatorio de Xosé Mª Lema: “O contido inmaterial do hórreo galego”.

Admin

Novas investigacións sobre don Juan Antonio Posse. Presentación en León dun libro sobre o crego liberal galego

No último número da revista “A Trabe de Ouro”, o 122 (xaneiro-abril 2023) Xosé Mª Lema publica o artigo “Novas investigacións sobre don Juan Antonio Posse. Presentación en León dun libro sobre o crego liberal galego”. O cura Posse, nacido en Soesto (Laxe) en 1766, desempeñou o seu ministerio en tres parroquias do daquela reino de León entre 1794 e 1854. A última delas, San Andrés del Rabanedo, hoxe o terceiro municipio con maior número de habitantes (uns 31.000) da provincia leonesa despois da capital e de Ponferrada. De San Andrés é Paloma Fernández Oliver, a autora do libro “El infrascrito. Andanzas de don J.A. Posse en el San Andrés del siglo XIX”, libro que leva un prólogo do presidente do SEMESCOM e que foi presentado por el mesmo na propia vila leonesa o 1º de xullo de 2022. No artigo tamén se fala das Xornadas que o SEMESCOM organizou en Laxe (2007) e en Vimianzo (2012) recordando a figura deste “cura de aldea, célebre por su ilustración, sus ideas avanzadas, la energía de su carácter y las persecuciones de que fue víctima”, en palabras do intelectual leonés Gumersindo de Azcárate en 1883.

 

AQUÍ PODES LER O ARTIGO.

 

 

Admin

A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia

O Consello da Cultura Galega acolleu os días 25 e 26 de abril as xornadas ‘A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia’. Nelas interviu o presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema, coa conferencia “A Costa da Morte. Notas sobre o seu patrimonio cultural e natural”.  A presentación contou con abundantes imaxes, nas que se procurou establecer conexións (semellanzas, paralelismos) entre a Costa da Morte (e Galicia en xeral) coa Bretaña, maiormente os relacionados co tratamento da morte (os dolmens megalíticos; as necrópoles romano-suevas; os nosos adros parroquiais e os “enclos paroissiaux” bretóns; os naufraxios; piratas e corsarios; as romaxes…). Pola tarde realizouse unha viaxe nun microbús os/as participantes bretóns/bretoas e galegos/as pola Costa da Morte, sobre todo para ver in situ o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas e o cabo de Fisterra, onde estaba esperando o alcalde para ver o Cemiterio da fin do mundo do arquitecto César Portela, que tamén participou nas xornadas.

DESCARGA A PRESENTACIÓN

Admin