• info@semescom.gal

Viaxe ó sur de Alemaña

Viaxe ó sur de Alemaña

VIAXE Ó SUR DE ALEMAÑA

(LÄNDER DE BADEN-WÜRTTEMBERG

E BAVIERA)

“DA SUEVIA Á SUABIA”

Por algúns escenarios da reforma luterana
(e, tamén, do nazismo, que todo hai que dicilo)

20 – 29 de agosto de 2015

(10 días e 9 noites)
  1. ITINERARIO APROXIMADO SEGUIDO POLO SEMINARIO DE ESTUDOS COMARCAIS ÓS LÄNDER DE BADEN-WÜTTEMBURG E BAVIERA (E TAMÉN Á ALSACIA, BORGOÑA E LIMOUSIN DE FRANCIA*

por Xosé Mª Lema

Temas principais desta viaxe:

-os länder meridionais de Baden-Württemberg e Baviera.

-a complicada historia de Alemaña (ou dos alemáns).

-a xeografía alemá. A importancia dos ríos Danubio e Rin (sobre todo este).

-algúns escenarios dos inicios do luteranismo do séc. XVI e do nazismo do séc. XX.

-a división relixiosa dos alemáns: protestantes (norte) e católicos (sur, en especial en Baviera).

-o sistema político alemán: un federalismo de longo percorrido (desde o Sacro Imperio Xermánico medieval ós actuais länder).

-a voltas de novo con Alsacia e Lorena.

-a cidade de Estrasburgo, sede do Parlamento europeo.

-o poderoso Ducado de Borgoña.

-a influencia de Cluny e do seu movemento monacal na construción de Europa.

— o —

-centrado nestes dous länder do sur, o itinerario vai ser circular, de suroeste a sueste e de nordeste a  noroeste, con estas etapas aproximadas:

  1. a) Rutas previstas:
  2. Zúric-Lindau (165 km)

2.Friedrichshafen (ou  Lindau)- Füssen-Múnic (300 km)

  1. Múnic.
  1. Múnic-Augsburgo-Ulm- Ratisbona/ Regensburg (372 km)
  1. Ratisbona –Nuremberg- Bamberg- Rothenburg (311 km)

               

  1. Rothenburg-Heidelberg (150 km)
  1. Heidelberg-BadenBaden-Estrasburgo-Friburgo-Colmar (307 km).
  1. Colmar – Riquewihr-Dijon (251 km)
  1. Dijon- Limoges (493 km).

10.Limoges-Santiago ou A Coruña (1.114 km).


  1. c) RESUMO ESQUEMÁTICO DO MÁIS IMPORTANTE DOS LUGARES VISITADOS:

-as estrelas* , para Alemaña segundo a guía de Anaya; para Francia, a de Michelín, que é máis xenerosa. A maior parte dos datos están tomados destas guías, aínda que tamén se consultaron sitios webs.

-reprodúcese o texto inicial da guía impresa e “encanutada” que se lle entregou a cada viaxeiro, engadindo tan só algúns dos pormenores da excursión.

-non se incluirán os planos das cidades, pois tanto as guías como os sitios web teñen copyright.

-as fotos son miñas propias; xa sei que as hai mellores, pero son as que teño máis a man.

A  viaxe céntrase no sur de Alemaña, nos länder de Baden-Wüttemberg e Baviera.

1º día (Donnerstag 20 August)

 1º) 8,35 h – 10,30 h: Santiago-Zúric (avión)

2º) Zúric-Lindau-Friedrischshafen), 165-200 km (autobús)

Zúric-Constanza 70 km
Konstanz-Radolfzell 22 km
Radolfzell-Lindau 73 km
TOTAL

165 km

SUÍZA

ZÚRIC (aeroporto)

No aeroporto internacional de Zúric xa nos estaba esperando, con puntualidade suíza (ou galega, que cando queremos tamén a observamos), o noso condutor, Pablo Bustelo (da empresa Lázara, de Silleda), con quen iamos compartir o resto da viaxe.

Non estaba previsto visitar Zúric, de tal maneira que xa nos diriximos ó dereito cara á fronteira alemá, onde Pablo tivo que pagar as preceptivas taxas para poder circular polas autoestradas de Deutschland cun número de quilómetros establecido, máis de 1.600 só en Alemaña. Como se dá por sentado que a empresa gaña por cada viaxeiro, tamén lle cobraron por cada asento ocupado.

Nin que dicir ten que ó pouco de atravesar a fronteira teutona o noso autobús foi convidado a deterse por un coche da polizei que amosaba no parabrisas traseiro un luminoso coa lenda “follow me”, en inglés (palabras que tamén se poden ler á galega, transformando o dobre ele en elle, e acertas). Unha vez estacionados nunha beira da parados, baixaron do auto dous policías novos, mozo e moza, que parecían sacados daquela serie alemá do can policía (do que non me acorda o nome), que a TVG repetiu mil veces, que solucionaba co seu instinto todos os casos, a fixéronlle ó pobre Pablo presentar o xustificante de ter pagadas as taxas e de ter toda a documentación en regra. Despois de comprobar os datos e de chamar á superioridade, deixáronnos seguir…, de momento.

De momento porque esta mesma operación repetiríase noutra Autobahn ó día seguinte e dous ou tres días despois outra máis, e xa nos cruzabamos apostas tocantes ó número total de detencións. Parecía unha persecución programada contra un autobús da UE pobre, dos chamados países pigs (porcos) da Unión (Portugal, España, Italia, Grecia). O noso presidente, un tal Mariano, que no momento en que escribimos -1º de setembro- está “la mar” de contento porque a súa xefa Frau Angela Merkel o chamou a facer unha foto con ela como un bo “alumno aplicado” (Rajoy dixit), en vez de tanto abaixar a cabeza ben podería tamén facer que en contrapartida tamén se cobre unha taxa ós buses alemáns que circulan gratuitamente polas autovías españolas; que nós saibamos, nin se lle ocorre, e, mentres tanto, os “pobres” do sur pagamos as autovías teutonas e os ricos alemáns non gastan un peso para o mantemento das nosas.

Esta é a primeira das reflexións transcendentais que algúns nos fixemos facendo análises comparativas entre o modo de vida deles e nosa, e do distinto trato dos respectivos gobernos cara ós seus gobernados.

 

REPÚBLICA FEDERAL ALEMÁ 
(BUNDESREPUBLIK DEUSTCHLAND)

Land (Estado) de BADEN-WÜRTTEMBERG

CONSTANZA (KONSTANZ)*

-83.000 hab. (forma núcleo urbano coa cidade suíza de Kreuzlingen, e así sobrepasa os 100.000 hab.). É  a cidade máis poboada deste lago.

-Situada nunha das zonas orixinarias dos celtas, foron os romanos os que a fundaron ó instalaren aquí unha fortificación no séc. III; déronlle o nome do emperador Constantino I.

-Pola súa situación estratéxica foi un paso importante para o comercio entre os séculos X e XIV.

subir1

A estatua xiratoria Imperia, do porto de Constanza, ¿sátira do Concilio de Constanza do séc. XV?

Visitas recomendadas:

-a parte antiga atópase na beira sur do Rin, onde só existe esta porción de terra alemá en territorio suízo. Accédese á parte antiga pola ponte sobre o Rin (Rheinbrücke), desde o norte da cidade. Obsérvanse dous dos monumentos máis característicos da cidade: as torres de Pulverturm e de Rheintorturm, de orixe medieval.

-no centro da cidade: as prazas de Markstätte e aMünsterplatz (praza da catedral da Nosa Señora, cunha cripta románica do séc. XI baixo o altar. Nesta catedral celebráronse en 1414 e 1416 dúas sesións do Concilio Ecuménico.

-rúas de traza medieval do centro (como a Wessenbergstrasse ou a Rosgartenstrasse), conservan moitos edificios medievais con balcóns e pinturas coa data de construción, nome e gremio ó que pertencían. Hainos anteriores ó séc. XV e posteriores (de época barroca).

A Wessenbergstrasse, unha das principais arterias da zona antiga, desemboca na Hussenstrasse, e esta na torre Schnetztor, porta principal da muralla antiga e saída directa cara á cidade deKreuzlingen, xa de Suiza pero completamente integrada con Constanza, coa que forma un mesmo núcleo urbano.

-En pleno centro da cidade atópase o porto principal, o maior de todo o lago. Nun dos seus peiraos érguese a estatua Imperia (obra do escultor Peter Lenk, 1993), de 9 m de altura, feita de formigón. Trátase dunha estatua xiratoria, pois cada 4 min dá a volta completa sobre o seu eixe; no rodapé hai unha instalación para medir o nivel da auga. A estatua satiriza o Concilio de Constanza, personificado por unha cortesana de voluminosos peitos e xeneroso escote que leva en alto nas súas mans dous homiños espidos: o da man dereita representa o emperador (leva un globo na súa man) e o da man esquerda o papa (coa súa tiara na cabeza).

Neste mesmo porto érguese un monumento ó conde Zeppelin, inventor do dirixible, pois Ferdinand von Zeppelin é natural desta cidade. En troques, o Museo Zeppelin atópase na outra beira do lago, na cidade de Friedrichshafen.

A pouca distancia atópase o edificio máis importante da cidade, o Konzil(ou Konzilgebäude), do séc. XIV, onde tivo lugar en 1417 o conclave no que se elixiu papa a Martiño V. Tamén hai na cidade

Historia: o Concilio de Constanza (1414-1418)

O emperador do Sacro Imperio xermánico Frederico Barbarroxa (Friedrich Barbarrossa) asinou nesta cidade a paz cos lombardos (1183: Paz de Constanza), pero o acontecemento histórico máis importante foi o Concilio de Constanza (entre 1414 e 1418) que aquí tivo lugar, e que favoreceu o crecemento da cidade, pois durante eses anos tivo que acoller ducias de milleiros de persoas (a vila tiña pouca poboación). Este concilio deu remate ó chamado Cisma de Occidente (1378-1418).

Con anterioridade,  en 1409 un grupo de cardeais convocou un concilio en Pisa, onde se depuxeron os papas Gregorio XII de Roma e Benedito XIII (o aragonés Pedro de Luna, o papa Luna) de Aviñón (Francia), e elixiron un terceiro, Alexandre V de Pisa. Os dous primeiros non cederon e mantivéronse nos seus postos, de xeito que chegou a haber tres papas a un tempo. O rei Wenceslao de Bohemia rendeulle obediencia ó antipapa Alexandre V, separándose así dos alemáns, fieis ó papa romano.

Pero o pisano Alexandre V morreu ó ano seguinte, e no seu lugar foi elixido Xoán XXIII en 1410. O aragonés Benedito XIII, recoñecido por Aragón, Navarra, Castela e Escocia, retirouse a Barcelona e despois, en 1411, ó castelo de Peñíscola, onde se encerrou. Gregorio XII viuse obrigado a fuxir pola deserción dos venecianos.

Considerando que a solución só podía vir de man da súa autoridade, o emperador Sexismundo de Luxemburgo convocou un concilio ecuménico na cidade imperial de Constanza en outubro de 1413. Xoán XXIII, como recibira o apoio do emperador, foi o único que asistiu, pero logo, ó ver que non ía ter prerrogativas, inimizouse co emperador e, en vez de abdicar, fuxiu de noite disfrazado, sendo detido, arrestado e deposto.

Gregorio XII renunciou definitivamente ó pontificado entre 1414 e 1415.

No tocante a Benedito XIII (o papa Luna), foi chamado polo rei Fernando I de Aragón a Morella (Castelló), onde se atopaba o monarca; acudiu o papa montado nunha burra e foi levado baixo palio ata a igrexa arcebispal, onde se celebrou o 15 de agosto unha famosa misa solemne á que concorreron un rei, un papa e un santo (san Vicente Ferrer). As negociacións do rei co papa Luna foron infrutuosas; este regresou a Peñíscola en setembro e volveu encerrarse no seu castelo. Tampouco o deu convencido o propio emperador Sexismundo, que se entrevistou con Benedito XIII en Perpinyà. Castela, Navarra e menos claramente Aragón fórono abandonando. E, finalmente, foi deposto por cismático e herexe polo concilio en 1417.

subir2

O Bodensee (lago de Contanza) considérase parte do río Rin, que atravesa a cidade baixo esta ponte

Ante as continuas presións do reis e do emperador, chegouse á conclusión de que ningún dos que tiveron o título de papa debía ser elixido, e acabouse escollendo en 1417 ó moderado cardeal Otón de Colonna (Martiño V) para calmar tensións.  Deste xeito, Constanza foi unha das poucas cidades europeas onde se elixiu un papa, e a única de Alemaña.

Coa elección de Martiño V deuse remate ó Cisma de Occidente, que durou máis de medio século, e restableceuse a unidade da Igrexa católica. Con todo e iso, Benedito XIII seguiu sen aceptar o acordado en Constanza e manteríase inflexible; morrería en Peñíscola en 1423 ós 96 anos. Os seus cardeais elixiron o seu sucesor, Gil Sánchez, que tomou o nome de Clemente VIII, derradeiro papa da obediencia de Aviñón; tamén residiu en Peñíscola ata a súa abdicación en Martiño V (1429), polas presións políticas do rei aragonés Afonso V, que estaba ocupado na conquista do reino de Nápoles.

Pero o concilio tamén serviu para condenar como herexes ós teólogos reformadores John Wicliff (inglés) e ós bohemios Jan Hus e Xerome de Praga. Os restos de Wiclif, que levaba anos morto e enterrado, foron exhumados, levados a Constanza e queimados, e Hus –malia que o emperador lle garantira protección- foi queimado vivo na fogueira (1415) e tempo despois tamén Xerome de Praga (1416). Estas mortes desataron a revolución husita en Bohemia, que durou ata a guerra dos Trinta Anos.

O reformador bohemio Jan Hus e os husitas

O sacerdote e filósofo bohemio (=checo) Jan Hus –que predicaba en Praga desde 1402 exclusivamente en idioma checo-, encabezou en 1408 un movemento en parte relixioso, en parte social, que tivera a súa orixe na crise do Cisma de Occidente, iniciado en 1378, que provocou que a Igrexa estivese dividida en dúas obediencias, unha ó papa de Roma e a outra ó de Aviñón (o antipapa). Desde o púlpito, Hus criticaba esta división, pero sobre todo a corrupción moral da Igrexa, os seus abusos e a riqueza que ía acumulando.

Hus, seguindo as doutrinas de Wicliff, quería que a Igrexa fose pobre e que seguise fielmente o Evanxeo; criticaba tamén a venda de indulxencias e incitaba o pobo a desobedecer os sacerdotes, pois era evidente que vivían en pecado; o seu rigorismo levouno tamén a prohibir os bailes.

A cousa pasaría a máis cando Hus chocou co papado: dicía que a verdadeira Igrexa é a invisible (e todos os que pertencen a ela son os seus membros), que a Igrexa de Roma –malia a súa importancia- non era a verdadeira de Cristo, pois a Pedra era Cristo e non Pedro. O papa, coa súa corrupción, era a encarnación do Anticristo. Estas críticas ían sobre todo contra o antipapa Xoán XXIII, a quen o rei de Bohemia lle xurara obediencia (Xoán XXIII, para financiar a guerra contra Ladislao, promulgara a predicación das indulxencias). Hus manifestouse publicamente contra os predicadores das indulxencias, porque só pretendían os cartos, e foi excomungado.

No concilio de Constanza, o emperador Sexismundo ofreceulle un salvoconduto para que defendese as súas doutrinas. Non se retractou.  Foi condenado por herexía: o emperador acusouno de traizón e foi condenado a morrer na fogueira o 6-7-1415 (acábanse de cumprir 600 anos). Disque antes de ser queimado dixera estas palabras: “Ides queimar un ganso, pero dentro dun século ides atopar un cisne que non poderedes asar” (Lutero). Polo tanto, Jan Hus é considerado un precursor da Reforma de Martiño Lutero dun século despois. A partir da 1ª Defenestración de Praga (1419) os husitas dividiranse ideoloxicamente en dous grupos: a) os moderados utraquistas (<sub utraque specie ‘[a comuñón] nas dúas especies’) e os taboritas, que se acabarán enfrontando, sendo vencidos os taboritas (antinobiliarios e antixermánicos) na batalla de Lipany (1434)

subir3

RADOLFZELL  AM  BODENSEE

Radolfzell é unha pequena cidade situada na zona oeste do lago Constanza. Foi berce dun cartógrafo de sona (Martin Waldsemüller, ca. 1470), pero os viaxeiros da Costa da Morte desviámonos para facerlle unha visita porque neste concello, concretamente na vila de Böhringen, naceu Manfred Gnädinger (1936-2002), Man, o alemán de Camelle, que chegara á vila camariñá en 1961 e alí quedara para sempre, vivindo primeiro nunha casa que lle cedeu a nai do mestre José Baña Heim (que era alsaciana, non se esqueza), e despois nunha casetiña no propio porto, onde argallou un museo aproveitando as crebas mariñas. Man morreu o día dos Inocentes de 2002, deprimido porque a galipota do Prestige invadira o seu Museo.

subir4

A viaxeira de Laxe, Florinda Añón, preocupouse de traer un coio e area de Camelle para lembrar a Man

A cidade foi fundada no séc. IX polo bispo Radolf (Rodolfo) de Verona, de aí o seu nome (significaría “a cela de Rodolfo”).  No centro destaca a súa catedral, gótica e barroca (dos séculos XV ó XVIII).Da súa vila natal din as guías turísticas que no verán se acadan temperaturas moi altas, por riba dos 30º, e que recibe moito turismo polo seu clima.

Os viaxeiros do SEMESCOM fixemos, polo tanto, unha parada simbólica e moi emotiva nun dos xardíns municipais da capital municipal (o Stadtgarten Radolfzell) para depositar dúas cousas que trouxera consigo a viaxeira Florinda Añón, de Serantes (Laxe): en concreto, un bolo ou coio de tamaño apreciable (sobre todo para traelo na maleta do avión) e un bote de area, que ela se preocupara de coller dunha praia de Camelle.

Despois de escribir a toda présa no brolo unha dedicatoria na súa memoria nun inglés telegráfico e mellorable por se algún dos veciños a atopaba, depositámolo nun muro deste xardín para que formase parte del. A continuación baldeiramos o bote de area no mesmo valo e fixemos varias fotos de familia. Non houbera tempo de avisar a autoridade ningunha, nin nós levabamos representación oficial dalgunha das nosas. Algúns dos viaxeiros comentaron que tería moito sentido que o Concello de Camariñas xestionase un irmandamento co de Radolfzell.

subir5

Viaxeiros do SEMESCOM ó remate do acto simbólico en lembranza de Man, o alemán de Camelle, no seu concello natal de Radolfzell


LAGO DE CONSTANZA*
.

O xornalista A. Lavandeira detallou máis polo miúdo na crónica que enviou ó xornal La Voz de Galicia este espontáneo e sinxelo acto: “Homenaxe a Man na súa vila natal. O Semescom iniciou unha viaxe a Alemaña que pasa pola vila do artista” (La Voz de Galicia, edición de Carballo, 22-08-2015) (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2015/08/22/homenaxe-man-na-sua-vila-natal/0003_201508C22C12991.htm) co que quixemos perpetuar a memoria do artista das crebas que escolleu vivir coma un anacoreta en Camelle, trocando as mainas augas do lago Constanza polas inquedas e bravas do océano Atlántico.

Chamado en alemán Bodensee, serve de fronteira entre Suíza, Alemaña e Austria. É o máis extenso de Alemaña, cunha superficie de 536 km2, e está a un nivel medio de 395 m de altitude. Considérase parte do río Rin, que entra no lago polo sur (Austria) e sae polo oeste cara ó mar do Norte, marcando frontera entre Alemaña e Suíza.

Na súa área de influencia viven uns 2,5 millóns de persoas, maioritariamente de fala alemá. O cidade máis importante é Constanza (Konstanz), con 83.000 hab. Outras cidades salientables: Lindau, Meersburg e Friedrischshafen (alemás) e a austríaca Bregenz (de mesma orixe toponímica que a galega Brigantia = A Coruña).

Ó lago tamén se lle chama o Mar de Suabia.

Hai compañías de navegación para percorrer o lago (a Weisse Flote ‘Frota Branca’) e cruceiros de turismo.

 

SUABIA (en alemán Schwaben) é unha das sete rexións administrativas en que está dividido o estado alemán (land) de Baviera. A súa capital é Augsbugo, e dentro dela tamén quedan Lindau e Ulm. É a herdeira da rexión histórica do mesmo nome, da que seguramente procedía o pobo xermano dos suevos, que invadiron a principios do séc. V a Gallaecia romana e nela fundaron o primeiro reino europeo independente do Imperio romano, que durou case 175 anos (do 411 ó 585), pero que segue sendo ignorado pola historia oficial de España, para a cal na Península Ibérica so existiu o reino visigodo (liña recta: visigodos è reino de Castela è España), que, ademais, tamén chegaba ó sur de Francia. Historiadores galegos coma o crego Casimiro Torres (Galicia sueva, 1977) ou Anselmo López Carreira (O reino medieval de Galicia; 2005) teñen salientado a importancia dos suevos na nosa historia medieval.

 

NOTA: uns días despois Antón G. Losada ampliaríanos a xeografía da Suabia e dos dous länder ó completo, e Xosé M. Penas Patiño tamén nos ampliaría as historia do reino dos suevos da antiga Gallaecia.

subir6

O lago de Constanza pola beira alemá

subir7

O lago de Constanza desde o porto de Lindau; enfronte, a costa austríaca de Bregenz


PALAFITOS DE UNTERUHLDINGEN

Na banda norte do lago, á altura de Uhldingen-Mühlhofen, reconstruíse un poboado de palafitos prehistóricos en Unteruhldingen, que foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Xa non estaba previsto visitalos, por falta de tempo.


LINDAU- IM –BODENSEE*

subir8

A torre Mangturn de Lindau, co periquete de Rapunzel do famoso conto dos irmáns Grimm (foto XML). (pulsar para ampliar)

A parte antiga atópase nunha illa do lago Constanza, unida a terra firme por un viaduto e unha ponte.Cidade duns 25.00 hab, que ata 1803 foi cidade imperial independente, para pasar despois a ser anexionada a Baviera.

Lugares de interese:

-o seu porto, con moitas embarcacións turísticas. Nel érguese a torre Mangturm, un antigo faro, e unha estatua colosal dun león, símbolo da Baviera.

Markplatz (pequena praza entre igrexas).

-igrexa evanxélica de St.Stephan, de estilo barroco tardío (1748-1752).

-a rúa principal é a Maximilianstrasse, con edificios dos sécs. XVI e XVII.

Curiosidade: malia non ter universidade, grazas ás reunións de persoeiros galardoados con premios Nobel e ás semanas de psicoterapia, esta cidade convértese por dúas veces ó ano en centro das ciencias.

subir9

O león bávaro e o faro da entrada do porto de Lindau (foto XML)

subir10

Casa decorada con pinturas (Lindau) [foto XML]

FRIEDRICHSHAFEN

-Cidade duns 58.000 hab. É a capital do distrito de Bodensee do Bundesland (Estado federal) de Baden-Würtemberg.

-É a sede da compañía de aeronaves Zeppelin. O conde Von Zeppelin naceu en Contanza, pero tivo os seus talleres de ensamblaxe no salón flotante no lago no que se podía aliñar co vento.

Nos últimos anos construíronse varias aeronaves “zeppelin” con tecnoloxía moderna, que se poden reservar para ver a paisaxe desde as alturas.

Museo Zeppelin .- Nárrase a historia das aeronaves “zeppelin”. Non se visitou, pois non estaba previsto no itinerario.

Ferdinand von Zeppelin (1838-1917) terminou o seu primeiro dirixible en 1900: unha fileira de 17 cámaras de gas recubertas de tea encauchada; tiña 128 m de longo, 12 m de diámetro e admitía un volume de 11,3 millóns de litros de hidróxeno. Controlábase con temóns a proa e a popa e tiña dous motores de combustión interna de 11 kW (15 CV). Na primeira proba levou a 5 persoas. Acadou unha altura de 396 m  e unha distancia de 6 km en 17 minutos. En 1906 realizou una viaxe de 24 horas por terras suízas, o que motivou o entusiasmo do público e do goberno alemán.

Paradoxalmente, o apoio financeiro non chegou ata que o Zeppelin LZA se estrelou en 1908. Unha campaña de recolleita de fondos logrou 6 millóns de marcos. En 1909 os dirixibles utilizáronse para a aviación civil (transportáronse unhas 35.000 persoas en máis de 1.500 voos, sen ningún incidente).

Durante a I Guerra Mundial a Mariña e o Exército alemán empregaron os dirixibles para recoñecemento aéreo (batalla de Xutlandia) e para bombardeos en territorio británico (1915-17), pero pola súa lentitude e tamaño eran vulnerables para a artillería antiaérea e deixáronse de utilizar (fracasaran no bombardeo de Londres).

Von Zeppelin morreu en 1917 e non viu o peche provisorio do seu proxecto a causa dos acordos do Tratado de Versalles (1919). Tampouco chegou a ver cumpridos os voos transatlánticos cos que soñaba (feitos realidade entre 1928 e 1937). Finalmente, o accidente do dirixible Hindenburg na estación aeronaval de Lakehurst, o 6-5-1937, acabou co proxecto dos dirixibles como medio de transporte.

1ª noite: cea e durmida no hotel Buchhorner de Friedrichshafen

subir12 subir11

subir13

Durante a 1ª cea, no hotel de Friedrichshafen, houbo unha lembranza para as parellas asiduas doutros anos que nesta ocasión, por diversas circunstancias, non puideron vir (Lino e Elsa, Miro e Mar, Emilio e Auri, entre outros).

Admin