• info@semescom.gal

O Pazo de Boallo, un dos edificios civís máis antigos da comarca

O Pazo de Boallo, un dos edificios civís máis antigos da comarca

Vaia por diante o noso apoio á reclamación do goberno municipal de Vimianzo de lle esixir á Xunta de Galicia que faga valer o dereito de retracto para que a Casa de Boallo (Berdoias) pase a titularidade pública, pois esta mansión -hoxe en ruínas- é un dos edificios civís máis antigos de toda a Costa da Morte, xunto coa tamén berdoiesa casa de Alonso de Lema II, a dos Leis da Vacariza de Berdeogas (Dumbría) e a chamada Casa gótica de Fisterra (e máis, como é lóxico, os castelos de Vimianzo e Mens).

Nas nosas publicacións temos falado da importancia etnográfica e histórica das dúas casas fidalgas da parroquia de Berdoias: a de Alonso de Lema II situada no propio lugar de Berdoias, e a do seu fillo Martiño de Castiñeira en Boallo. A primeira casa -que tamén está pedindo unha restauración urxente, pois estase deixando arruinar- data de 1607, como se pode ver na inscrición do lintel da porta principal; a segunda construíuse antes de 1637, pois nela xa naceu Martín Rodríguez de Leis, fillo maior mellorado do citado Martiño, señor de Berdoias e Boallo e, tamén, por matrimonio, das Hedreiras e Mira (do actual concello de Zas). A filla de Martín Rodríguez, María Quiteria, ó casar co herdeiro do pazo de Arrueiro (Soesto), Francisco de Leis, incorporaría tamén as propiedades deste pazo ás anteriores.

Imaxe de A. L.  publicada en La Voz de Galicia

Imaxe de A. L. publicada en La Voz de Galicia

Xa no séc. XVIII, o vinculeiro deste matrimonio, Rodrigo Sancho de Leis, que casara en 1746 por poderes coa fidalga castelá Josepha Santiyán Valdivieso na Colexiata de Santillana [de Mar], habitou a casa de Boallo desde 1749 ata polo menos 1762, data en que a familia decidiu trasladarse a Santiago, pero sen deixar de visitar periodicamente a casa da aldea. Agás o primeiro fillo, don Joseph, que nacera en Soesto en 1747, os outros oito viron a luz neste lugar berdoiés; o último en 1761. Os lectores de ?Costa do Solpor? decataríanse de que esta familia fidalga boallesa, con certo protagonismo indirecto na trama, forma parte da nómina de personaxes que existiron realmente na época en que se desenvolve a novela. Polo seu actual estado ruinoso, a casa de Boallo tamén foi fonte inspiradora das torres de Novexilde.

O día en que esta ancestral mansión se vexa libre das hedras e silveiras que a ocultan poderemos ver nela formas construtivas arcaicas, dos séculos XVII e XVIII, como unha solaina cuberta no nacente e no poñente unha escaleira de pedra cun patín, que dá acceso ó sobrado; un sobrado co chan construído con longas trabes de pedra que conserva -polo menos así o espero- unha lareira cunha fermosa cheminea. En fin: confiemos en que a Xunta de Galicia dea o paso requerido e abandone o teimudo “non” ó patrimonio histórico e natural da Costa da Morte como vén facendo desde hai anos (non ó Parque do Megalitismo, non á posta en valor dos Penedos de Pasarela e Traba, non á declaración do monte Pindo como parque natural…) e poidamos recuperar unha arquitectura de preto de 400 anos de antigüidade, que será sen dúbida outro atractivo máis para todo este territorio fisterrán tan inxustamente marxinado.

Artigo de Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM publicado en La Voz de Galicia o 03-03-2015

A raíz da reclamación do Concello de Vimianzo. Ler o resto de información sobre a noticia: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/vimianzo/2015/03/03/arquitecto-vimianzo-compro-pazo-boallo-30000-euros/0003_201503C3C2992.htm

Admin