Cando me chamaron para que escribise sobre a memoria dun, estaba lendo ao escritor uruguaio Felisberto Hernández. Nun dos relatos di que «entre a persoa que eu fun e o tipo que ía ser, quedaría unha cousa común: os recordos». Moitos dos meus recordos da nenez teñen que ver cos camiños que andabamos, pois andando iamos a case todos os sitios, e os camiños estaban postos cedo na mañá e mollados polo resío.
Abundan na literatura inglesa os libros sobre camiños e o camiñar, mesmo veño de ler Unha filosofía do camiñar. Entre nós hai libros sobre o Camiño de Santiago, mais escasea esa outra literatura. Estimo esta literatura e léndoa vinme camiñando por paisaxes andadas. Mais teño que dicir que non concordo con certas apreciacións que reflicten estes autores, como que ao camiñar un foxe da idea de identidade e de ter historia, que o camiñante é como un ermitán no medio da nada onde nada ten significado.
Penso o contrario. Entendo o camiñar como un ir a un reencontro coa historia e á busca da identidade. Andar os camiños é un recurso á historia, algo que axuda a valorar o legado que nos deixaron os que os andaron antes e os gravaron sobre a pel da terra; un recurso á estimanza do noso.
Artigo publicado en La Voz de Galicia. Edición Carballo. 21/12/2014