• info@semescom.gal

O SEMESCOM lamenta os estragos na mámoa da Arquiña de Vilaseco, unha das escollidas para o Parque do Megalítico

O SEMESCOM lamenta os estragos na mámoa da Arquiña de Vilaseco, unha das escollidas para o Parque do Megalítico

Unha vez máis, o patrimonio da Costa da Morte sufre unha agresión polo abandono e desleixo da Administración

 A Arquiña de Vilaseco é, sen dúbida, o monumento funerario máis esquecido e ameazado dos catorce que forman parte do proxecto do Parque Megalítico da Costa da Morte. Situado non moi lonxe do lugar de Vilaseco e a poucos metros das obras da autovía Carballo-Berdoias, foi escollida para o proxecto non por casualidade, senón porque a súa mámoa de grandes dimensións e a pouca profundidade do cono de violación fan prever que se trata dun monumento interesante para investigar. Conserva unha das tampas, a do corredor, e varias laxes verticais que conforman a súa cámara poligonal.

Os traballos abriron sucos na mámoa. Imaxe do 05/10/2014 de Manuel Rial

Os traballos abriron sucos na mámoa. Imaxe do 05/10/2014 de Manuel Rial

Os traballos de repoboación de eucalipto realizados recentemente e feitos públicos por La Voz de Galicia. Edición Carballo, afectaron á mámoa. Xa non é só que se intentaran plantar árbores alí, o máis grave é que as máquinas pasaron sen ningún miramento por riba do xacemento e do propio dolmen, creando sucos no túmulo.

Desde o propio lugar podemos ver algúns detalles que non fan esperar nada bo, a falta do recoñecemento exhaustivo do lugar que realizará un experto, como así o anunciou o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo.

A Arquiña de Vilaseco nunha imaxe de Roberto Mouzo.

A Arquiña de Vilaseco nunha imaxe de Roberto Mouzo.

Imaxe da zona da anta tomada o 05/10/14 por Manuel Rial

Imaxe da zona da anta tomada o 05/10/14 por Manuel Rial

A propietaria do monumento di que non sabía nada, nin sequera coñecía as investigacións realizadas por Roberto Mouzo e Antón Rodríguez Casal para o Inventario de Bens Patrimoniais do Concello de Vimianzo, e tampouco se esperaba que gardase gran cousa a morea de terra “algo máis alta”. (Por que sería escollida entón para o Parque do Megalítico se non ten importancia?)

Unha vez máis asistimos á ignorancia de quen posúe un ben patrimonial, consecuencia dunha falla total de información por parte da Administración. A propia Xunta de Galicia é culpable ao non ter actuado xa no monumento, ou tan sequera ir sentando as bases cos propietarios. Continúa o seu mutismo absoluto sobre o Parque do Megalítico, un macroproxecto  anunciado xa no 2001, e que leva desde aquela agardando pola súa execución. O proxecto está feito, até o punto de que incluso están pensados os lugares onde aparcarán os visitantes. Falta o financiamento e, sobre todo, a vontade política de valorar o noso pasado.

Admin