• info@semescom.gal

Non son da aldea – María Canosa

María Canosa.

Non son da aldea – María Canosa

Non son da aldea. Nunca o fun. E nunca o poderei ser. Porque eu xa nacín na vila. Quizais porque miña nai quedou soa prematura e inxustamente, e a vida e a existencia resultaba un chisco máis lixeira a uns quilómetros do berce das lembranzas. É o que ten o lugar de procedencia, que un non o pode elixir. E ademais, determina toda a vida. Así que non son da aldea, polo que non tiven que muxir as vacas, nin sachar a leira, nin apañar para a herba seca. Non necesitei adivais nin fungueiros nin gramalleiras. Mais hoxe, sei o que son, porque quixen aprender. Bulei na terra recollendo patacas, e debullei no millo ata que me pelaban os dedos de rascar cos cadolos. Non perdín unha festa do patrón, nin perdoaba o caldo de figadeira, os ramos de defuntos, as fabas a secar ao sol. E así dende que teño memoria. Devezo polo meu lugar, ese no que non nacín. Por iso intento quedar con todo o que podo del. E aprendo. Porque teño o mesmo dereito a sentirme galega que os que naceron alí. Hai quen me acusa de non falar un galego autóctono, de expresarme no da escola. Pode ser. ¿E que? É o meu galego. No que ensinan porén, tixola ou grazas. Palabras tralas que accedín a cenceno, borralla, mexeriqueira, arró, gurgullo, cabanote. Porque quero esta terra, esta lingua, esta cultura. E teño tanto dereito a sentirme galega coma quen mamou todo iso. Por compromiso. Por conciencia. Por convicción. Por amor. ¡Tamén ten o seu mérito! Non me crucifiquen.

Artigo de María Canosa, socia do SEMESCOM, en La Voz de Galicia (21-01-2014)
Admin