• info@semescom.gal

Capítulo 6 (martes 27 de agosto): “In Dublin’s fair city…”

O máis famoso dos pubs do barrio The Temple (XMLS)

Capítulo 6 (martes 27 de agosto): “In Dublin’s fair city…”

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS EUROPEAS:
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE (22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 6 (martes 27 de agosto): “In Dublin’s fair city…”

(coma en todos capítulos, amplíese a información
no ITINERARIO APROXIMADO,
e tamén nas
NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA;
os dous documentos colgados
no web do SEMESCOM)
O martes 27 dedicámolo todo enteiro a visitar os principais monumentos e lugares da fair city of Dublin (“a bonita cidade de Dublín”), como se anuncia no comezo da xa famosa canción de Molly Malone, himno oficioso irlandés que rapidamente se incorporou ó repertorio musical dos viaxeiros, pois cantouse colectivamente ‘a capella’ no autobús en varias ocasións, tanto na versión inglesa –algúns fixeron un curso-exprés— coma na adaptación máis ou menos afortunada ó galego de certo individuo. Nas viaxes do Seminario xa vai sendo tan coñecida coma O miudiño ou A Rianxeira. As correspondentes letras están ó final da nosa guía de man, aínda que ó remate desta crónica volveremos publicalas se por un casual alguén as extraviou. Hai permiso para cantalas onde se queira; todo sexa por potenciar a fraternidade breogánica iniciada hai catro mil anos. (E ningunha delas está rexistrada na SGAE).
O martes 27 de agosto tocounos Dublín, a capital da República de Irlanda, e xa non era sen tempo. Deuse liberdade de movementos a todos os viaxeiros e viaxeiras, para que  cadaquén organizase o día como lle petase, en grupo ou en solitario. Na guía impresa que se entregara en Lavacolla había unha ampla relación de lugares a visitar.

O famoso patio de Kilmainham Gaol, presente en varios filmes (foto XMLS)

Uns visitaron -visitamos- a prisión-museo de Kilmainham (Kilmanham Gaol), monumento nacional irlandés polo seu significado histórico, pois malia que fora concibida coma unha prisión para todo tipo de delincuentes cando o goberno británico a construíra en 1795, o certo é que por ela pasaron a maior parte dos líderes nacionalistas irlandeses, tanto do séc. XIX coma do XX. Atópase a certa distancia do centro histórico da cidade, na zona oeste, na parte sur do río Liffey. Recoméndase coller un bus desde o centro histórico e levar os cartos xustos para o billete (entre 1,50 e 2 €, dependendo da distancia), pois os condutores non devolven cambio; pero, iso si: son moi amables e preocúpanse de avisar en chegando á parada pola que un preguntou.
O guía da prisión-museo de Kilmainham (foto XMLS)

O guía da prisión-museo de Kilmainham (foto XMLS)

Na prisión-museo cóbrase entrada, cunha redución para xubilados e rapaces. Non hai audioguías: as explicacións son só en inglés (non hai audioguías plurilingües) e recoméndase estar ó tanto da historia contemporánea de Irlanda, pois o guía –posiblemente un antigo militante do IRA (antigos membros desta organización foron os que máis se esforzaron por recuperar o edificio para a súa musealización)- falaranos dos anos da Gran Fame (1845-1849) e dos presos políticos que pasaron polas súas celas dando por sentado de que estamos ó tanto dos feitos e coñecemos os personaxes históricos dos que se fala: Robert Emmet dos Irlandeses Unidos (axustizado alí en 1803), Charles Parnell (que estivo en 1882) e, sobre todo, boa parte dos que lideraran o Levantamento do Luns de Pascua de 1916 (sinálase o lugar onde foron fusilados  polos británicos 14 deles). Non se ocultan tampouco os fusilados polos propios irlandeses uns anos despois, durante a guerra civil de 1922-1923: os nacionalistas contrarios ó Acordo de 1921 co goberno británico, executados polo goberno do Estado Libre Irlandés. Tanto no ITINERARIO APROXIMADO (pp. 23-24) coma nas NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA (pp. 21-23) había abundante información sobre todo isto.
Placa cos nomes dos 14 fusilados do Easter Rising Monday de 1916, no muro onde se executou a sentenza (foto XMLS)

Placa cos nomes dos 14 fusilados do
Easter Rising Monday de 1916, no muro onde se executou a sentenza (foto XMLS)

Seguindo pola banda sur do río Liffey, de camiño cara ó centro histórico e comercial, queda a Factoría da cervexa Guinness, un dos lugares máis visitados de Dublín que, non obstante, non atraeu moito ós nosos viaxeiros (non sabemos de alguén que a visitara). A entrada é cara: 16,54 € (con dereito a unha boa pinta, que todo hai que dicilo). è ver información no ITINERARIO p. 21.
Máis adiante, volvendo cara ó centro en dirección leste, queda o Castelo de Dublín -edificio pouco querido polos irlandeses, pois durante 700 anos (de 1204 a 1922) representou o dominio británico en Irlanda-, e non lonxe a Catedral de Cristo (Christ Church Cathedral) ou da Santísima Trindade(The Most Holy Trinity) –ten todos estes nomes; a máis antiga da cidade (dos séculos XII e XIII), actualmente é sede do bispo anglicano de Dublín- e a catedral de San Patricio –tamén anglicana, pero non sede do bispo, pero si Catedral Nacional de toda a illa; no seu interior está a tumba do escritor Jonathan Swift, o d’As viaxes de Gulliver(cóbrase entrada por visitar o templo; 4 ou 5 €).
Catedral de Cristo ou da Stma. Trindade (anglicana) [foto XMLS]

Catedral de Cristo ou da Stma. Trindade (anglicana) [foto XMLS]

 Outra visita inescusable é ó Trinity College, magno edificio que mandara construír Isabel I en 1592. O máis interesante é a súa biblioteca, onde se garda o Libro de Kells (séc. IX), e outras xoias bibliográficas coma os Libros de Durrow (séc. VIII), de Armagh (séc. IX) e o de Dimma (séc. XII). Todos libros relixiosos con espléndidas ilustracións dos monxes irlandeses. Neste lugar tamén se atopa a harpa máis antiga de Irlanda, duns 500 anos de antigüidade. A Biblioteca do Trinity College conta con máis de 4.250.000 libros, pois ten o dereito legal a recibir unha copia de todos os libros publicados en Gran Bretaña e Irlanda cada ano (deste xeito, entran 100.000 exemplares anuais). è ver máis información no ITINERARIO APROX. p. 23.
Biblioteca do Trinity College (foto Emilio Roca)

Biblioteca do Trinity College (foto Emilio Roca)


A harpa máis antiga de Irlanda (foto Emilio Roca)

A harpa máis antiga de Irlanda (foto Emilio Roca)

Ó sueste do Trinity College queda a National Gallery (museo de pintura con ricas coleccións de pintores europeos) e o National Museum (Museo Nacional), cunha parte arqueolóxica moi interesante. Varios viaxeiros non deixaron de visitar estes museos, de entrada gratuíta, pois dependen do Estado.

Volvendo cara ó Trinity College, na Grafton Street, atópase a escultura de bronce da famosa Molly Malone, vendedora ambulante de mexillóns e berberechos (e peixe, é de supoñer), coa que todos os turistas sen excepción nos retratamos. Preto queda o edificio do Banco de Irlanda, neoclásico do séc. XVIII. O barrio do The Temple, con moitos pubs e moita marcha nocturna, queda entre este edificio e o río Liffey.
O máis famoso dos pubs do barrio The Temple (XMLS)

O máis famoso dos pubs do barrio The Temple (XMLS)

Á beira esquerda do río Liffey e á parte norte da cidade chégase pola ponte Carlisle, que nos leva directamente á principal das rúas comerciais dublinesas: a Ó Connell Street, en honra a este político nacionalista do séc. XIX, un dos primeiros en utilizar a non-violencia para conseguir os seus obxectivos (o autogoberno de Irlanda); ten unha estatua sobre un alto pedestal ó principio da rúa.  Non é o único que ten estatua nesta vía, pois tamén contan con cadansúa os políticos William Ó Brien e Charles Parnell, o sindicalista James Larkin e o enxeñeiro John Gray (este por traer a auga corrente á cidade). Nunha das rúas transversais atópase tamén a escultura de bronce do escritor James Joyce.

Cinseiro do The Temple Bar (foto XMLS)

Cinseiro do The Temple Bar (foto XMLS)

Esta rúa é longa e ancha, e conta cos mellores comercios da cidade. Na zona intermedia atópase o histórico Edificio de Correos, que fora tomado polos rebeldes de 1916; arriaron a bandeira británica e fixeron ondear a aínda proscrita irlandesa; o exército británico bombardeouno sen miramentos, matando tamén á poboación civil (os xa famosos “danos colaterais”…). Os outros edificios que ocuparan os sublevados do Luns de Pascua foran o das Catro Cortes e o da Aduana, situados na beira esquerda do río Liffey.
Ó Connell Street, co novo obelisco e o edificio de Correos, onde os sublevados en 1916 se fixeran fortes (foto XMLS)

Ó Connell Street, co novo obelisco e o edificio de Correos, onde os sublevados en 1916 se fixeran fortes
(foto XMLS)

Diante do Edificio de Correos estaba afonte de Anna Livia –personificación feminina do río Liffey-, erixida en 1988 para conmemorar o milenio da cidade. Non puidemos vela e supoñemos que foi substituída por unha altísima agulla ou obelisco que domina este espazo; quizais se acabou retirando a fonte, pois seica os dublineses a bautizaran como “the floozy in the jacuzzi” (‘a puta no jacuzzi’) e debía ser motivo de escándalo e mofa. En fin, que parece que este lugar está destinado a ter unha columna xigantesca, pois durante o dominio británico aquí houbera unha altísima columna dedicada ó almirante Nelson (semellante á de Trafalgar Square en Londres); tras a independencia irlandesa eliminouse este símbolo do colonialismo británico.
A pouca distancia desta zona intermedia da longa rúa, nunhas rúas secundarias situadas cara ó leste, está situada a St. Mary’s Church (a Pro –Cathedral ou catedral católica), do arcebispo de Dublín e primado de Irlanda. Coma todas as catedrais católicas, construíuse tardiamente, en 1871 (lémbrese que as leis penais (Penal Laws) anticatólicas impediron durante séculos ós católicos practicar publicamente a súa relixión) En 1922 celebrouse nela o funeral por Michael Collins, asasinado nunha embocada durante a guerra civil.
Monumento a Parnell na Ó Connell St. coas frases citadas (XMLS)

Monumento a Parnell na Ó Connell St.
coas frases citadas (XMLS)

Esta rúa remata no monumento a Parnell, que ademais da súa figura contén inscritas unhas frases que foron guía do nacionalismo irlandés: «Ningún home ten dereito a fixar os límites do progreso dunha nación. Ningún home ten dereito a dicirlle ó seu país “ata aquí podes chegar, pero non máis lonxe”. Nunca intentamos fixar o “Non Plus Ultra” no proceso de constitución da nación irlandesa nin nunca o faremos».
 è sobre a importante figura de Parnell, ver NOTAS HISTORIA DE IRLANDA, pp. 19-20.
Despois atópase a Parnell Square, onde se pode visitar os Museo dos Escritores de Dublín (Dublin Writters’ Museum), con foros, manuescritos, publicacións dos escritores máis coñecidos (Bernard Shaw, Joyce, Oscar Wilde, J. Swift… Na cidade hai roteiros dalgúns destes escritores, coma o de Leopold Bloom, protagonista do Ulyses de Joyce.
 James Joyce (o da estatua, claro)

James Joyce (o da estatua, claro)

Xa no eido máis ou menos sociolóxico, engadir que nos deu a impresión de que sentar nunha rúa e poñerse a pedir non debe ser mal negocio en Dublín. Ó anoitecer vimos na ponte Carlisle como unha parella nova, quizais pertencente a algunha organización caritativa da cidade, lles levaba nun termo uns cafeíños (ou teíños) a dous esmoleiros alí situados, para axudalos a pasar a noite. Os esmoleiros eran bastante novos e non tiñan mala presenza. Para quen non o saiba, unha das nosas viaxeiras sentou un momento nunha rúa para cambiar o calzado e ó pouco tempo xa tiña un par de almas caritativas deixándolle uns euros na man (hai testemuño gráfico, que preferimos non publicalo). ¡Mágoa non traer connosco unha gaitiña galega, que pagabamos media viaxe en calquera esquina de Ó Connell Street! Para outra vez xa o sabemos…
Típicos turistas retratándose coa berberecheira Molly Malone

Típicos turistas retratándose coa berberecheira Molly Malone

A materia prima de Molly (foto XMLS)

A materia prima de Molly (foto XMLS)

 

MOLLY MALONE[1]

Versión en inglés
Versión en galego
In Dublin’s fair city
where the girls are so pretty
I first set my eyes on sweet Molly Malone;
as she wheeled her wheelbarrow
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):      
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
She was a fishmonger
and sure it’s no wonder
for so were her father and mother before;
they both wheeled their barrows
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):      
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
She died of a fever
and no one could save her
and that was the end of sweet Molly Malone;
her ghost wheels her barrow
through streets broad and narrow
crying cockles and mussels alive, alive-oh!
(chorus):      
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oh!
Alive alive-oh, alive alive-oh
crying cockles and mussels alive alive-oooh!
De varanda por Irlanda,
oito días de parranda,
(os) meus ollos fixei na sweet Molly Malone;
da carreta turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
       CORO:        ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
Era ela peixeira,
en mercados e feiras;
(como) así o foran (os) seus pais en Cork,
das carretas turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
CORO:           ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
A súa vida foi breve,
pois morreu dunha febre,
 e na Compaña anda a sweet Molly Malone;
da carreta turrando,
pola rúa berrando:
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
CORO:              ¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, ho!”
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
¡Hai, hai, hai, hai, ho!
“¡Peixe fresco, ben fresco, hai, hai, hai, hai, hooo!”

 

[1] Versión libre para potenciar a irmandade galego-irlandesa dos tataranetos de Breoghan.

Admin