• info@semescom.gal

Capítulo 5 (luns 26 de agosto) Dublín – Monasterboice – Brú na Bóinne – Hill of Tara – Trim – Dublín (Viaxe a Irlanda)

DSC05139 Knowth (26-8-2013)

Capítulo 5 (luns 26 de agosto) Dublín – Monasterboice – Brú na Bóinne – Hill of Tara – Trim – Dublín (Viaxe a Irlanda)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS EUROPEAS:
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE (22-29 DE AGOSTO DE 2013)
Capítulo 5 (luns 26 de agosto)
Dublín – Monasterboice – Brú na Bóinne – Hill of Tara – Trim – Dublín
(coma en todos capítulos, amplíese a información no ITINERARIO APROXIMADO, e tamén nas NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA)

De Dublín saímos de mañá en dirección norte, na procura do Val do río Boyne (Bóinne en irlandés), onde se atopan os monumentos megalíticos máis importantes de Irlanda e o campo de batalla do Bóinne, acontecida nas beiras deste río o 1º de xullo de 1690, que marcou un antes e un despois na historia da illa de Irlanda. Nas nosas NOTAS SOBRE A HISTORIA DE IRLANDA (pp. 10-11) xa indicamos que esta fora a batalla máis importante acontecida en chan irlandés, e que supuxera o sometemento dos católicos á minoría protestante (Protestant Ascendency) durante séculos. A chamada Orde de Orange de Irlanda do Norte ata hai pouco celebraba con provocadores pomposos desfiles esta vitoria (trasladada ó 12 de xullo polos cambios do Calendario Gregoriano).

DSC05115 Monasterboice (26-8-2013) Cruz Muirdach, séc. X

Cruz de Muiredach de Monasterboice (foto X.Mª Lema)

A primeira visita foi ás ruínas do mosteiro de Monasterboice, fundado por san Buithe (san Boecio), seguidor de san Patricio, a finais do séc. V. Fora asaltado polos viquingos no ano 968. O máis interesante deste enclave é a súa torre cilíndrica de 30 m de altura (que servía de refuxio ós monxes durante os ataques viquingos) e o seu cemiterio, inzado de cruces ‘irlandesas’ (co característico círculo unindo os brazos). O noso propósito era contemplar as máis antigas e artísticas destas cruces, decoradas con relevos alusivos a escenas bíblicas ou da paixón de Cristo. A máis antiga e máis artística é chamada cruz de Muiredach, nome que recibe polo nome do seu doador, que figura nunha inscrición da base: “unha oración por Muiredach, por quen se fixo esta cruz”. Pola base tamén aparecen dúas figuras tirándose mutuamente da barba, detalle que, segundo Pablo Sanmartín, tamén aparece no románico de Moraime. Data do séc. X. Lembremos que os cruceiros galegos máis antigos –o de Melide, por exemplo- son os datados no séc. XIV. O Cruceiro dos Santos de Bamiro –esa marabilla escultórica gótica que milagrosamente se mantén totalmente desprotexida nunha encrucillada de monte- data dos sécs. XV ou XVI. Véxase no ITINERARIO APROXIMADO… (p. 18-19) a descrición dos relevos das tres principais cruces e da historia do mosteiro de Monasterboice. A entrada a este cemiterio é gratuíta, pero existe un centro de recepción móbil (unha caseta de madeira), atendida por un xubilado, que ten á venda postais e publicacións.

DSC05118 Monasterboice (26-8-2013) Cruz Muirdach, séc. X

Os ‘tiradores’ de barba de Muiredach (foto XMLS)

A seguinte visita foi ó túmulo megalítico de Newgrange, o máis famoso dos monumentos do conxunto arqueolóxico de Brú na Bóinne (‘Mansión ou pazo do [río] Bóinne’); os outros son os de Knowth e Dowth. Este conxunto, situado a uns 8 km ó oeste da cidade de Drogheda, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e é un dos enclaves máis importantes do megalitismo europeo (véxanse as súas características no ITINERARIO APROXIMADO… (p. 17-18). O centro de recepción de todo o conxunto está situado ó sur do río Bóinne; os tres monumentos ó norte,  na beira esquerda. O campo da Batalla do Bóinne, que non puidemos visitar por falta de tempo (tampouco estaba no programa), tamén na beira sur, a poucos quilómetros de Drogheda.

DSC05139 Knowth (26-8-2013)

Túmulo central de Knowth (dta.) e unha das 17 tumbas satélites (esq.) (foto XMLS)

Cando no centro de recepción sacamos as entradas para visitar o túmulo de Newgrange atopámonos coa desagradable sorpresa de que o tique só nos habilitaba para ver o centro de interpretación do monumento, pero non o monumento en si, pois as entradas para ese día xa estaban vendidas. A responsable da recepción explicounos que a sona de Newgrange é tan grande que, especialmente nos meses de verán, os visitantes corren o risco de non poder facer a visita se non chegan cedo. A recepcionista mesmo parece que deixou caer que tiñamos que ter feitas as reservas con meses de antelación, pero iso contradicía o que se advirte moi ás claras no propio sitio web do monumento (http://www.newgrange.com/visitor.htm): que non se poden reservar as entradas con antelación (“Tickets… cannot be reserved in advance”). O que si se avisa é que, como o acceso a Newgrange e Knowth é limitado, non se garante que todo o mundo poida acceder ós monumentos, polo que se recomenda que o día previsto para a visita se chegue o máis cedo posible.

Ofrecéusenos como alternativa a visita a outro monumento, o de Knowth, que acabamos aceptando. Non existe acceso público por estrada a este monumento, de xeito que se nos trasladou en dous buses especiais de enlace (shuttle buses) de 24 prazas exactas cada un (como eramos 51 viaxeiros en total, tres dos nosos tiveron que ir noutra excursión).

viaxe Irlanda 234

En Knowth, atendendo ás explicación da guía (foto Mª. Xosé Troitiño)

É ben certo que non hai mal que non haxa ben, pois ó final saímos gañando co cambio, pois Knowth, aínda que non ten a sona de Newgrange, non só o supera en tamaño, senón tamén en importancia arqueolóxica.

Iso foi das primeiras cousas que nos dixo a amable guía que nos estaba esperando, que tamén nos informou que Knowth, ademais do gran túmulo central (67 m de diámetro e 12 de altura) conta con 17 pequenas tumbas-satélice ó seu arredor, inexistentes tanto en Newgrange coma en Dowth. O gran túmulo central ten na súa circunferencia 127 pedras “de borde” (kerbstones), a maior parte decoradas con espirais, rombos e serpentiformes, pero tamén con outras imaxes, de formas variadas (cun total de 300 pedras gravadas, Knowth está considerada unha das principais estacións de arte megalítica de Europa).

Este túmulo presenta outra particularidade: que ten dous corredores en dirección á cámara mortuoria central independentes un do outro (Newgrange só un); o do leste mide 34 m e chega á cámara mortuoria (a través del recíbese, durante uns 15 min., os primeiros raios de sol no solsticio de inverno, como acontece tamén en Newgrange); o do oeste mide 30 m e non dá chegado á tumba. O famoso arqueólogo George Eogan empezou as escavacións en 1962, e cinco anos despois descubriu o corredor leste e a cámara. Desde aquela viñéronse facendo escavacións periódicas, con novos descubrimentos (un deles, un curioso calendario lunar). A guía tamén falou de que unhas pedras que había diante da entrada ó corredor leste, se trouxeran desde distancias moi longas: os brancos seixos (flintstones) desde as montañas de Wicklow (70 km ó sur de Dublín), e as outras desde Dundalk (a uns 25 km ó norte).

Os viaxeiros no cume do gran túmulo de Knowth, seguindo as explicacións da guía (foto Sinda Cundíns)

Os viaxeiros no cume do gran túmulo de Knowth, seguindo as explicacións da guía (foto Sinda Cundíns)

Os inicios do xacemento datan do 4.000 a.C., pero o fundamental da obra parece que se construíu entre o 2.500 e o 2.000 a.C., roldando xa coa Idade do Bronce. Como acontece co crómlech de Stonehenge en Inglaterra e cos megálitos bretóns, o túmulo foi reutilizado en séculos posteriores, mesmo xa na era cristiá. Sobre o seu cume quedan as marcas do perímetro cuadrangular dun muro que pertenceu a unha mansión da época das invasións viquingas do séc. X; puidemos ascender a este lugar por unha escaleira de madeira e contemplar desde alí unha ampla paisaxe.

DSC05140 Knowth (26-8-2013)

O gran túmulo de Knowth (XMLS)

A seguinte visita foi ó Outeiro de Tara (Hill of Tara), outro monumento megalítico con moito simbolismo na historia de Irlanda, pois nel considérase que tiñan a súa sede os primitivos reis da illa (véxase ITINERARIO APROXIMADO… (p. 20). A entrada é gratuíta, e conta cun centro de recepción onde se facilita todo tipo de información.  O outeiro consta de dous monumentos principais: o que parece ser outro túmulo megalítico cunha entrada pétrea alintelada (protexido na actualidade cunha cerca de aramio, non sabemos se por escavacións ou por arranxos) e a Pedra de Pé, unha pedrafita de escasa altura a pé da que eran coroados os Grandes Reis irlandeses.

Hill of Tara (XMLS)

Hill of Tara (XMLS)

Segundo a lenda, neste lugar san Patricio derrotaría os druídas do rei gaélico Lóegaire, que permitiu que o santo lles predicase o Evanxeo ós seus súbditos. No séc. XIX o político nacionalista Daniel Ó Connell logrou xuntar a pé deste outeiro máis de cen mil persoas para reclamar a derrogación da Acta de Unión de Gran Bretaña e Irlanda de 1801 (ver NOTAS HISTORIA DE IRLANDA, p. 15).

Desde o alto do outeiro dexérgase unha extensa paisaxe. Hai que di que se ven terras das catro provincias irlandesas (Ulster, Leinster, Munster e Connacht). Aínda que a illa non ten moitas alturas, pareceunos bastante difícil. Nun lateral había unha árbore cun panos, trapos e papeis pendurados; debía ser unha árbore do amor, a xulgar por algúns dos papeis escritos.

DSC05165 Trim (26-8-2013)

Castelo de Trim e río Bóinne (XMLS)

Seguindo as suxestións dun dos nosos activos viaxeiros, visitamos logo a pequena e fermosa cidade de Trim, para ver sobre todo as ruínas do seu castelo medieval, situado na beira dereita do río Bóinne. Valeu a pena desviarse para iso, pois xunto coas súas murallas ocupa unha extensión de 30.000 m2, o que o converte no castelo máis extenso de Irlanda e da arquitectura normanda en Europa. O máis sobranceiro é a súa torre central, a torre da garda ou da homenaxe, de tres alturas, construída en tres fases: a primeira por Hugh de Lacy en 1174, a segunda en 1196 e a terceira por Walter de Lacy, o fillo de Hugo, en 1206. O tal Hugh era de ascendencia normanda (lémbrese a conquista de Inglaterra no ano 1066, por parte do duque de Normandía, Guillerme o Conquistador; o ano pasado puidemos ver o seu castelo en Caen). A muralla data duns anos despois, 1250. Neste castelo rodáronse en 1994 escenas do filme Braveheart, de Mel Gibson, actor e director americano descendente de escoceses.

DSC05167 río Boinne en Trim (26-8-2013)

O histórico río Bóinne e a ponte medieval de Trim (foto XMLS)

Admin