• info@semescom.gal

Capítulo 4: Shannon – cantís de Moher- rexión de Burren – anta de Pol na Brone – Galway – Athlone – Dublín (Viaxe a Irlanda)

Capítulo 4: Shannon – cantís de Moher- rexión de Burren – anta de Pol na Brone – Galway – Athlone – Dublín (Viaxe a Irlanda)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 4: (domingo 25 de agosto)

Shannon – cantís de Moher- rexión de Burren – anta de Pol na Brone – Galway – Athlone – Dublín

De Shannon saímos de mañá en dirección oeste cara á península de Burren, tendo como primeiro obxectivo a visita ós impresionantes cantís de Moher, a uns 60 km do punto de partida, por estradas secundarias. Pasamos preto de Inis / Enis (25.000 hab) localidade na que hai uns anos había unha numerosa colonia brasileira: era habitual ver polas súas rúas xente vestida coa camisola amarela da selección do Brasil.

Furna nos cantís de Moher (XMLS, 2013)

Furna nos cantís de Moher (XMLS, 2013)

Albiscamos o mar en Lahinch, vila con praia de grandes ondas para surfistas; bordeamos un campo de golf preparado nas dunas fixas da súa praia.
Os cantís de Moher contan cunha ampla zona de estacionamento. A recepción atópase disimulada baixo terra, como tamén o están diversas tendas de recordos, para respectar a paisaxe. Cóbrase entrada, como era de esperar. Primeiro hai que pasar por un centro de interpretación no que se explica a formación dos cantís. Despois sáese ó exterior. Tomando o camiño do norte chégase átorre Ó Brien, construída en 1853, desde a que se acadan as mellores vistas (tamén se cobra por subir a ela, dous ou tres euros). Pouco despois da torre remata a área de protección dos cantís, pero o visitante pode seguir na dirección norte subir por un pasadoiro e logo por uns carreiros que bordean os acantilados, xa sen a protección de ningún valo, pois xa non pertencen á empresa que xestiona os cantís. Indo con prudencia non hai maior perigo. Neste percorrido hai paisaxes espectaculares dos acantilados. Cara ó noroeste óllanse as tres illas de Aran, que non puidemos visitar porque para iso tiñamos que destinar un día completo (traslado en barco, estadía etc.): Inisheer (a máis próxima), Inishman (a do medio) eInishmore (a máis afastada e a máis grande) è véxase no ITINERARIO APROXIMADO (p. 14) unha breve información sobre estas illas. Inish significa “illa” en gaélico. Lembramos tamén o documental Man of Aran(1932), do americano Robert Laherty, que narra a dura vida dos habitantes de Inishmore, principalmente dos que vivían do mar: aparecen mariñeiros vogando nos currags, lanchas de orixe prehistórica, de proa moi ergueita, que aínda hoxe se conservan.
Outra vista dos cantís de Moher (XMLS, 2013)

Outra vista dos cantís de Moher (XMLS, 2013)

O tempo deu xusto para volver e comer algo nalgúns dos restaurantes da recepción, aínda que houbo viaxeiros que preferiron apurar o bocadillo e ir visitar a zona sur, que tamén conta con excelentes vistas.
Logo, por estreitas –pero ben asfaltadas- estradas, internámonos no interior da meseta de Burren na procura do dolmen de Pol na Brone (Poll na mBrón en irlandés, que significa ‘burato no muíño de pedra’). Atopámolo nun lugar solitario en plena rexión de Burren, nunha paisaxe de chan calizo no que se integra. Trátase dun monumento megalítico moi semellante a calquera das antas galegas, coa clásica forma de mesa de pedra, pero a moitos nos quedou a dúbida de que, dado o hermético solo calizo no que se levanta, servise coma os galegos para fins funerarios. A visita tamén serviu para comprobar in situ como é o solo de laxas calizas (limestone), e das súas fendas de filtración para debaixo da terra. Ademais duns letreiros que informaban sobre o monumento, tamén había outros que explicaban a formación do solo. Cómpre engadir que tamén había un vixilante para procurar que ninguén atente contra o monumento ou contra a contorna, aínda que pensamos que non faría falla polo espírito cívico dos irlandeses e, principalmente, polo amor ó seu país, sabedores do importante que é o seu patrimonio histórico e cultural (non quere dicir que non existan vándalos coma en todas partes, pero menos que en Galicia).
Dolmen de Pol na Brone (XMLS, 2013)

Dolmen de Pol na Brone (XMLS, 2013)

Sempre por estradas estreitas nas que había que ter precaución cando nos cruzabamos con outros automóbiles, continuamos cara ó norte e fixemos unha breve parada, nunha inmensa paisaxe calcaria, no momento en que iniciabamos o descenso da meseta de Burren cara á baía de Galway.
Pasamos a vila de Ballyvaughan, xa no mar, e continuamos por estradas estreitas ata acadar a N-18 (de Limerick a Galway). Fíxose algo longa esta peregrinaxe por estradas estreitas, pero esa é a política irlandesa: non alterar a paisaxe en exceso coas comunicacións, respectando incluso o trazado dos antigos camiños, sobre todo se teñen valos ás súas beiras. Ignoramos a opinión dos habitantes destas zonas marxinais de estreitas estradas, pero o certo é que ninguén parece ter excesiva présa nos coches particulares, que paran e achéganse á beira para deixar pasar os buses con toda amabilidade. Quizais esa mentalidade de non arramplar con todo cando se abre unha estrada choque moito coa nosa (¡ou non, pois de todos é coñecida a oposición de non poucos paisanos nosos a ceder un metro das súas propiedades para anchear as pistas!).
O grupo en Poll na mBrón (2013)

O grupo en Poll na mBrón (2013)

Chan calizo da meseta de Burren, en Pol na Brone (XMLS, 2013)

Chan calizo da meseta de Burren, en Pol na Brone (XMLS, 2013)

O que a ninguén lle pasou desapercibido é que na aldea máis remota non se aprecian as aberracións urbanísticas que observamos nas vilas e na zona rural galega: as casas seguen un modelo establecido, co seu xardinciño ben coidado por diante da fachada e coas construcións adxectivas (cabanotes, garaxes…) en harmonía coa vivenda; para nada aparecen as casas con ladrillo á vista, galpóns de bloques de formigón nin nos tellados de fibrocemento (“uralita”).

Pouco despois do mediodía chegamos a Gaillimh /Galway, a cidade que presume das súas relacións con España, e, en particular, con Galicia (mesmo houbo quen buscou a etimoloxía do seu nome na antiga Gallaecia). Este é o centro dunha ampla rexión gaélicofalante e do famoso xuíz Lynch (séc. V), que quixo dar exemplo aforcando el mesmo ó seu fillo, asasino convicto. Deixou para a historia a palabra linchar.
Aparcamos preto da catedral católica da Nosa Señora da Ascensión e san Nicolao, e, como era domingo, houbo quen presenciou os últimos momentos da misa que alí se celebraba: coas mesmas palabras que aquí, como é lóxico, pero en inglés (por ex.: “The Lord be with you. –And with your spirit”, desexo e resposta que se entenden ben). Ignoramos se hai misas en gaélico; é de supoñer que si (máis ca en galego, seguro). Na igrexa de San Nicolao (anglicana)  consérvase a tumba do xuíz James Lynch (èver ITINERARIO APROX. 15), e tamén ten altar cara ós fieis, pois esta confesión tamén celebra a Holy Mass‘Santa Misa’. Os pastores presbiterianos do Norte prefiren o púlpito ó altar, desde o que len a Biblia. O percorrido pola cidade continuou seguindo o curso das diversas canles do río Corrib, que levan as augas do mesmo lago ó mar. As augas do lago están represadas, e a súa presa conta con ramplas para a remonta dos salmóns, que non é raro contemplar. Acompañando un dos brazos do río chegamos á zona do mar, onde se atopa o Spanish Arch (‘Arco Español’), que lembra as antigas relacións comerciais. Tamén hai un monumento á hipotética visita do “xenovés Cristoforo Colombo”, en 1477, que seica orou na igrexa de san Nicolás (hoxe anglicana).
Main Guard St. de Galway (XMLS, 2013)

Main Guard St. de Galway (XMLS, 2013)

As rúas centrais vense moi animadas, en especial a Main Guard Street, peonil, con tendas e pubs en abundancia.
A nosa intención de facer unha curta viaxe polas beiras do lago Corrib –un dos máis grandes da illa- non foi posible. Na zona norte deste lago, na viliña de Cong (40 km de Galway), filmárase boa parte da película O home tranquilo.
Pola tardiña baixa saímos cara ó leste, para durmir en Dublín, do que nos separaban uns 200 km, afortunadamente por autovía. Como estaba previsto, á caída da noite detivémonos a cear en Athlone, histórica cidade que, pola súa situación central, fora proposta en 1970 como capital dunha hipotética República Federal de Irlanda (contando coa posible integración de Irlanda do Norte). Atravésaa o río Shannon. Ó lado da ponte que o salva, un hermético castelo do séc. XIII.
Noite no Tara Towers Hotel, de Dún Laoghaire (sur de Dublín), que sería a nosa residencia para esta noite e as tres seguintes.
No 2006 este "artista" gañaba a vida "tocando" na rúa principal de Galway co seu instrumento de cartón ollando unha partitura que só poñía "plink plonk". Era un "play-back" á cara, sen enganar a ninguén, e tamén recibía os seus estipendios). ¡E o seu can non ensuciaba (foto XMLS 2006)

No 2006 este “artista” gañaba a vida “tocando”
na rúa principal de Galway co seu instrumento de
cartón ollando unha partitura que só poñía
“plink plonk”. Era un “play-back” á cara,
sen enganar a ninguén, e tamén recibía
os seus estipendios). ¡E o seu can
non ensuciaba (foto XMLS 2006)

DSC01829 sumidoiro artistico galway
Admin