• info@semescom.gal

Capítulo 2: Sur de Irlanda: Cobh – Cork – Killarney (Viaxe a Irlanda)

Capítulo 2: Sur de Irlanda: Cobh – Cork – Killarney (Viaxe a Irlanda)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 2: Sur de Irlanda: Cobh – Cork – Killarney (día 23 de agosto)

 O avión de Aer Lingus que despegara de Lavacolla pousou no aeroporto de Dublín á media tarde do día 22. Pouco tempo despois, con puntualidade galega, veunos buscar o autobús da Empresa Lázara, conducido polo experimentado (sobre todo en excursións de tipo cultural) Pablo Bustelo, que días antes saíra de Compostela en dirección a Cherburgo (Normandía-Francia), onde tomou o ferry cara a Rosslare, no SE de Irlanda.

Pablo Bustelo –auténtico “comandante ó volante”- conduciunos ó Hotel Tara Towers, situado ó sur de Dublín, na cidade de Dún Laoghaire [nome gaélico, sen equivalente en inglés, pronunciado “danléri”, máis ou menos], xunto ó mar, practicamente un arrabaldo da capital. Malia a súa (relativa) xuventude, Pablo é un experimentado condutor, non só polas estradas francesas, senón tamén polas británicas e irlandesas, de aí que para el non supuxese un problema maior ter que guiar pola esquerda e co volante no mesmo lado.
O primeiro que nos chama a atención ó pisar chan irlandés, xa no aeroporto e despois na capital, é que toda a sinalética das autoestradas e estradas é bilingüe gaélico/inglés: primeiro en gaélico –letras cursivas minúsculas- e logo en inglés –letras maiúsculas-. Igualmente, todos os topónimos aparecen nas dúas linguas (por exemplo: Baile Átha Cliath/DUBLIN; Béal Feirste/BELFAST). Trataremos de dedicarlle un capítulo ós idiomas nos apartados finais.
Pola mañá do 23 de agosto saímos na dirección SO en dirección á baía de Cork. Uns 275 km, case todo por unha boa autoestrada, ben adaptada á orografía; o certo é que non contabamos con ela, pois no ano 2006 non existía: só unha estrada xeral (daquela dicíase que, ó contrario de España, Irlanda prefería investir os fondos da UE no eido da informática en vez de facelo en infraestruturas; como iriamos vendo, parece que souberon combinar as dúas cousas) .
A metade do camiño comezou a orballar e, como a viaxe era longa, decidimos facer unha breve parada-descanso en Caiseal / Cashel, pequena cidade que conta cun monumental castelo medieval sobre un outeiro penedío. No seu recinto amurallado, unha capela románica do séc. XII, cunha torre redonda duns 28 m de altura. Como non estaba no programa (e chovía), poucos excursionistas tiveron tempo de se achegaren á fortificación.
Cobh (23-8-13) SEMESCOM
Cobh, na baía de Cork (foto X.Mª Lema [XMLS], 2013)
Como babuxaba sen présa pero sen pausa, algúns limitámonos en Cashel a dar un breve paseo pola rúa central, mercar un paraugas barato (2 €) e a tomar nunha cafetería unha “relaxing cup of café con leche” ben quentiño (¡antes de que se puxese de moda agora, que conste!). Non era na Praza Maior da vila, pero o certo é que cando lle pedimos ó camareiro o “coffee with milk”, malia o noso deficiente inglés estrañámonos de que nos entendese á primeira e non nos preguntase de segundas o inevitable “¿con leche?”, como adoitan facer moitos camareiros en Galicia cando lles pides o mesmo pero en galego. Polo menos non nos tratan de parvos; algo avanzamos.
Chegamos ó ‘harbour’ (baía ou porto natural) de Cork e, sen nos deter, dirixímonos á illa grande que ocupa o centro da baía, onde se atopa a vila (mellor que cidade) de Cobh [a súa única forma é en gaélico, e pronúnciase kou], o mellor porto natural de toda Irlanda, onde embarcaron máis de dous millóns e medio de irlandeses cara á América do Norte, Australia etc., o derradeiro porto que tocou o Titanic antes do seu naufraxio en 1912 (máis información no ITINERARIO APROXIMADO, p. 3 è www.semescom.org). Contemplamos a baía desde o elevado adro da catedral de san Colman, católica, e baixamos ó porto para buscar un lugar onde xantar (o noso foi un discreto fish and chips servido nunha lousa de xisto de forma cadrada, acompañado dunha pinta de cervexa Murphy’s, a cervexa negrastout do sur de Irlanda que lle fai a competencia á poderosa Guinness). Xa empezan os nosos problemas pola comida; o peor de Irlanda, sen dúbida: tanto gando vacún e ovino polas leiras pastando e logo a carne, nos pratos, atópala por casualidade debaixo dunha pataca…).
Ó termos que xantar, non sobrou moito tempo para as visitas recomendadas no programa. Algúns tiveron tempo de visitaren un pequeno museo dedicado ó transatlántico Titanic e á súa estadía no porto; outros contemplaron nun dos peiraos a escultura dedicada a Annie Moore e ós seus irmáns (ela fora a primeira muller en pasar pola corentena da Illa de Ellis de Nova York antes de ser admitida nos Estados Unidos).
Cork (23-8-13) SEMESCOM
Corcaigh/Cork: ponte sobre o río Lee e o Mentireiro das Catro Caras ó fondo (foto XMLS)
Saímos despois para Corcaigh /Cork, a capital do condado do seu nome e da provincia de Munster, a cidade que se considera a si mesma máis irlandesa, a cidade máis indómita fronte ó dominio británico (èver ITINERARIO, p.5). Demos uns paseos polas rúas céntricas (St. Patrick St., a principal), e algúns achegáronse a visitar, na beira esquerda do río Lee, o ‘Mentireiro das Catro Caras’, o reloxo da torre da igrexa de Santa Ana Shandon que parece mostrar unha hora diferente en cada un dos seus  catro lados, visto desde abaixo.
Saímos logo en dirección oeste cara a Killarney, onde fariamos noite. Coido que foi neste traxecto duns 80 km onde empezamos a ensaiar o himno-bilingüe da viaxe, anunciado xa noutras anteriores: Molly Malone, primeiro en inglés e logo en galego. Para ser a primeira vez resultou bastante ben.
Cando estabamos preto de Cill Airne / Killarney apreciamos notorios cambios na paisaxe, pois pasamos por desfiladeiros entre montañas altas, seguramente pertendentes ó cordal das Macgillycuddy’s Reeks, onde se atopa o Carrán Tuathail, que con 1.038 m é o monte máis alto da illa. Antes de achegarnos ó hotel visitamos oParque Nacional de Killarney, o primeiro que se declarara en Irlanda tras a independencia (1932). Visitamos a mansión Muckross House, un gran pazo señorial, e fixemos a primeira das fotografías colectivas co lago Leane como fondo paisaxístico. Neste parque había un sinfín de especies arbóreas, e nel empezaron as proveitosas e diáfanas explicacións do profesor Antón G. Losada, do IES Alfredo Brañas de Carballo, grazas ó cal soubemos porque había, no que levabamos visto de Irlanda (a zona sur), unha vexetación semellante á de Galicia. Houbo unha discusión no tocante a se os carballos que alí se vían eran ou non coma os galegos (a folla era semellante, pero non exactamente a mesma). Ó longo de toda a viaxe recorreriamos a el nas dúbidas de tipo biolóxico (botánica, xeoloxía…), e sempre se prestou a dar todas as explicacións que fixesen falla.
Muckross House e lago Leane de Killarney (23-8-13)
Parte do grupo co Lough Leane de fondo, no Parque Nacional de Killarney
Tras a cea no hotel, fomos de visita nocturna pola vila, moi animada por certo, en parte porque era venres (día de saída nocturna para os irlandeses, e tamén para os británicos). Sorprendeunos a todos a grande animación que había naquela pequena vila, con todos os pubs cheos e con actuacións de directo de grupos de música irlandesa. Foi difícil lograr entrar nalgún para tomar unha pinta (ou dúas).  Os do meu grupo lográmolo no Ó Donoghues Bar e puidemos escoitar algunhas cancións do grupo que estaba actuando. Convén dicir que estes grupos, na súa maior parte, non se complican a vida e repiten as cancións tradicionais irlandesas (de pub ou non): Molly MaloneThe fields of AthenryRose of TraleeCarrickfergus…, que case todos os irlandeses coñecen e que piden os turistas. Non nos imaxinamos aquí en Galicia o mesmo con grupos tocando e cantando A RianxeiraO miudiño…, pero habería que probar. Cantantes como Uxía Senlle ten feito actuacións en pubs composteláns para estudantes estranxeiros de galego con moito éxito. As actuacións en directo de grupos musicais en bares ou pubs, agás excepcións, é algo que se bota en falta en Galicia. Quizais o que máis se lles aproxime é As Crechas de Santiago ou A Baiúca (do gaiteiro Bieito Romero) de Arteixo, entre os que un ten noticia.

 

A animación nocturna da pequena cidade de Killarney debe ser constante, pois as guías saliéntano e mesmo citan preto dunha decena de pubs.

 

Admin