• info@semescom.gal

Cap. I : Unha introdución histórica breve (Viaxe a Irlanda 2013)

Cap. I : Unha introdución histórica breve (Viaxe a Irlanda 2013)

NA PROCURA DO MEGALITISMO ATLÁNTICO E DAS FISTERRAS
CRÓNICA DA VIAXE A IRLANDA DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA DA MORTE 

(22-29 DE AGOSTO DE 2013)

Capítulo 1: Unha introdución histórica breve

Do 22 ó 29 de agosto de 2013, 51 viaxeiros das Terras de Soneira, Nemancos e Bergantiños (Costa da Morte), da Coruña, Ferrol, Terra de Santiago, Terra de Montes e dalgún outro recuncho máis de Galicia viaxamos a Irlanda/Eire. Desexabamos coñecer os seus monumentos, -non só os prehistóricos, senón tamén os de todas as épocas- e achegarnos á súa fisterra occidental. Tamén nos interesaban a súa paisaxe natural, o seu urbanismo, as súas lendas, os seus costumes, a súa gastronomía, a súa música, a súa historia e a súa política actual. Seis días e pico non dan para moito, pero de certo sabemos algo máis do que sabíamos antes.
Conscientes de que para entender Irlanda era preciso ter unha visión global da súa historia, ademais dun Itinerario aproximado da viaxe, entregóuselle a cada viaxeiro unhas Notas sobre a Historia de Irlanda, tomadas principalmente de libros de texto para estudantes de bacharelato deste país (tamén dunha breve Historia de Irlanda e de moitas páxinas web).
Irlanda actual (a República de Irlanda independente e Irlanda do Norte, británica) é o resultado da súa convulsa historia, unha historia dominada polos británicos –particularmente polos ingleses- desde o séc. XII, na que vai ter un gran protagonismo o enfrontamento relixioso entre católicos e protestantes a partir sobre todo da Acta de Supremacía de 1534, pola cal o rei británico Henrique VIII rompía co catolicismo romano e instauraba o anglicanismo en Gran Bretaña e Irlanda.plantatio de cromwell
Pero a poboación irlandesa é o resultado da chegada de varios pobos á illa, desde os tempos máis remotos. A terceira das invasións, segundo o Leabhar Ghabála (‘Libro das invasións’) dos monxes irlandeses do séc. XII, seica procedía dos netos do ‘galaico’ Breoghan, os milesios, aló polo séc. V aC. Os fillos de Mil, neto de Breoghan, constituirían a sociedade celta irlandesa: os gaélicos, recoñecibles polos apelidos iniciados por Ó (Ó Neill) ou por Mac(Mac Donnell).
O britano san Patricio (séc. V) iniciaría a conversión ó cristianismo desta primitiva sociedade gaélica, facendo un labor semellante ó de san Martiño de Dumio (séc. VI) na nosa Gallaecia.
Os ataques dos viquingos escandinavos foron constantes nos séculos IX e X, atraídos pola riqueza dos seus mosteiros. Cidades coma Dublín, Cork ou Limerick teñen a súa orixe en asentamentos escandinavos.
Un rei gaélico de Munster (no sur da illa), MacMurrough, foi o responsable da invasión e conquista de Irlanda polos anglonormandos, pois chamou na súa axuda a Henrique II de Inglaterra. No ano 1172 o rei anglonormando conquista a illa facilmente e converte Irlanda na primeira colonia inglesa, colonización que duraría 750 anos (non remataría ata 1921).
No séc. XVI os Tudor acrecentarán a política anglicanizante, coa “doma e castración” (surrender and regrant) dos señores gaélicos (os chieftains) obrigados a render homenaxe ó rei inglés. A Acta de Supremacía de 1534 acrecentou a anglicanización, pois os irlandeses mantivéronse no seu catolicismo e iso serviu para discriminalos máis.
En 1590 vai ter lugar na provincia norteña do Ulster unha rebelión de dous condes gaélicos contra Isabel I que será a base do diferencialismo relixioso de Irlanda do Norte. Os condes Ó Neill de Tyrone e Ó Donnell de Tyrconnell resultan derrotados e, temerosos polas posibles represalias foxen da illa coas súas familias e cadanseu barco (Ó Donnell desembarcaría na Coruña). Coa fuxida destes condes desaparece o pouco que quedaba na vella nobreza gaélica. As súas terras quedan sen dono e os británicos aproveitan para darllas a colonos ingleses (anglicanos) e escoceses (presbiterianos). En 1640 xa había máis de 40.000 propietarios non irlandeses. Os seus descendentes constituirán o núcleo protestante de Irlanda.
En 1690 ten lugar a principal batalla da historia de Irlanda: a do río Bóinne. Nas beiras deste río vaise dilucidar o futuro de Irlanda e de Gran Bretaña. Dous aspirantes ó trono: Xacobo II, que quería que o reino volvese ó catolicismo romano e ó absolutismo monárquico, e Guillelmo de Orange, protestante, que aceptara a supremacía do Parlamento. Os católicos irlandeses apoiaron o primeiro e resultaron derrotados, o que supuxo o seu total sometemento á minoría protestante irlandesa: a Protestant Ascendency  ‘o Dominio Protestante’, que supuxo a total discriminación da maioría católica irlandesa, sometida incluso a leis penais (Penal Laws) que lles impedía a práctica da relixión, o acceso á escola e a calquera posto político importante.
Un século despois, en 1798, ten lugar unha revolución inspirada na Revolución francesa liderada por Theobald Wolfe Tone, membro da Igrexa de Irlanda, pero non rico abondo para pertencer á Protestant Ascendency. Wolfe Tone logra unir a grupos de presbiterianos do Ulster na súa rebelión, a favor dunha República de Irlanda (é o pai do republicanismo irlandés). Houbo loita armada e Tone mesmo vai ir a Francia en busca de axuda, que obterá, dos revolucionarios franceses. Finalmente, o exército británico do xeneral Lake logra, mediante unha terrible represión, vencer os rebeldes do norte e do sur, e, precisamente polas execucións sen xuízo de católicos por parte de Lake, masas populares católicas incendian un Wexford unha prisión na que morreron máis de cen prisioneiros, a maior parte protestantes. A matanza de Wexford  motivou que os presbiterianos do Ulster empezasen a desconfiar dos católicos, e desde aquela nunca máis se sumarían a ningunha rebelión contra Londres, e, ó contrario, pasarían a ser unionistas coa Gran Bretaña.
Aproveitando o fracaso da rebelión, o goberno británico impuxo unilateralmente a Acta de Unión do ano 1800, que deixaba Irlanda sen Parlamento e integraba no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.
Na primeira metade do séc. XIX, o político Daniel Ó Connell –o apóstolo da non-violencia- loitará pola derrogación desta Acta de Unión e pola emancipacións dos católicos. Logrará o segundo, que rematará coa discriminación dos católicos e logrará o libre exercicio do seu culto-, pero non o segundo.
Entre 1845 e 1849 terá lugar a Gran Fame, que provocará a morte de máis de un millón de labregos irlandeses e o inicio da emigración en masa ós Estados Unidos e a outros lugares. Irlanda sufrirá unha perda demográfica da que aínda hoxe non está totalmente recuperada.
Charles Steward Parnell será o político máis importante da segunda metade do séc. XIX.  O seu Partido Parlamentario Irlandés sentará as bases dun partido moderno que logrará manexar a política no Parlamento británico ó seu gusto, pois apoiará a liberais e conservadores –sobre todo ós primeiros- segundo a súa comenencia. Foi chamado “o rei sen coroa de Irlanda”.
Entrado o séc. XX, ten lugar un feito que marcará un antes e un despois na política irlandesa: o levantamento do Luns de Pascua (Eastern Monday Rising) de 1916: aproveitando que Gran Bretaña estaba metida na Primeira Guerra Mundial varios líderes nacionalistas ocupan importantes edificios de Dublín e proclaman a independencia de Irlanda. Foron duramente reprimidos e 14 deles fusilados na prisión de Kilmainham. Estas execucións provocaron un movemento de simpatía popular polos sublevados. O Sinn Féin, un partido monárquico ó que erroneamente se lle atribuiu a rebelión, empezou a ter cada vez máis apoios.
partición de 1920 irlanda
Entre 1919 e 1921 ten lugar a guerra da independencia contra Gran Bretaña. En 1920 o goberno británico decida apartición de Irlanda: Irlanda do Norte (o Ulster protestante) e Irlanda do Sur. O Primeiro Ministro de GB, Lloyd George, acepta discutir un posible tratado de paz. O Sinn Féin envía a Griffith e a Michael Collins (fundador do IRA) para as conversacións.
Tratado Anglo-Irlandés (1921) polo que se creaba o Estado Libre Irlandés (Irish Free State) e se aceptaba a partición da illa, non é aceptado por parte do Sinn Féin (Éamon de Valera) e iso dará lugar á guerra civil irlandesa (1922-1923) na que os partidarios e os contrarios ó Tratado se matarán entre si. Unha das vítimas foi Collins.
Rematada a guerra, o Sinn Féin dividirase entre os partidarios do Tratado (desde 1933 a hoxe representados por un novo partido: o Fine Gael) e os contrarios a el (desde 1926 a hoxe, o Fianna Fáil). En 1937, con De Valera (Fianna Fáil) no poder, promulgarase a nova Constituciónde Irlanda, na que se segue reclamando o control de toda a illa nos artigos 2 e 3. Estes artigos serán eliminados en 1998, cos acordos de paz promovidos por Tony Blair.
En 1949 o goberno corta os vínculos coa Gran Bretaña e coa Commonwealth e proclama a República de Irlanda (Eire en gaélico), rematando co Estado Libre.
Irlanda do Norte terá unha existencia á parte a partir da partición da illa en 1920, aceptada pola maioría protestante. O seu primeiro Primeiro Ministro James Craig favoreceu un Estado Protestante para os protestantes, marxinando a maioría católica, maioritariamente republicana.  O Partido Unionista gobernou deica 1972.
Na década dos sesenta, os católicos maniféstanse reclamando os Dereitos Civís, que se lles negaban (coma ós negros nos Estados Unidos). O IRA Provisional apoia estas protestas con atentados terroristas, que reciben a resposta dos grupos terroristas protestantes (as Forzas Voluntarias do Ulster).
Finalmente, en 1994 o IRA declara un alto o fogo, e, catro anos despois, en 1998, ten lugar o feliz Acordo de 1998, promovido polo laborista Tony Blair, polo cal a república de Irlanda elimina da súa Constitución os artigos 2 e 3 e o goberno de Irlanda do Norte deberá ser compartido. Isto dá lugar á relativa paz que agora impera, cos seus máis e os seus menos.
(Para ter unha visión máis ampla da Historia de Irlanda)
Admin