• info@semescom.gal

O nome do río da Terra de Soneira: Río Grande, Río da Ponte ou Río do Porto?

O nome do río da Terra de Soneira: Río Grande, Río da Ponte ou Río do Porto?

Xosé María Lema Suárez, membro da comisión de toponimia da RAG

O que se coñece actualmente como río Grande, en épocas pasadas levaba o nome de río do Porto ou río da Ponte, en base á vila da Ponte do Porto, a derradeira que atopa antes da súa desembocadura. Este río de incerto nome, que, como case todos vai tomando os nomes dos lugares polos que pasa –río do Sisto, río de Baio, río do Mosquetín, río de Pasarela, río da Ponte, etc.-, o certo é que nunca tivo unha denominación unanimemente aceptada por todos desde o seu nacemento á desembocadura.

  Malia que somos firmes partidarios de restituírlle un dos seus nomes tradicionais máis repetidos –río do Porto ou río da Ponte-, como nas obras xeográficas actuais xa figura oficialmente como río Grande, optamos por manter esta denominación para evitar confusións, pero consideramos que este nome lle foi imposto arbitrariamente nos últimos anos do franquismo sen que mediase ningún estudo toponímico previo. Reclamamos, polo tanto, ese estudo para dilucidar o nome definitivo desta corrente fluvial.

  Nos mapas de Galicia editados nos séculos XVI e XVII o río aparecía representado, pero sen o nome; no mapa do italiano Cantelli da Vignola (1696) chámalle, equivocadamente, Cesio ó Anllóns e Anllóns ó noso. Nos mapas de Tomás López de 1784 e 1816 aparece como ‘río de la Puente’, e así tamén o chama José Lucas Labrada na súa Descrición Económica del Reyno de Galicia (1804: 55); este economista ilustrado, que coñecía o mapa de Ptolomeo (Gallaecia Ptolemaei) sobre as antigas colonias romanas de Galicia, fai mención tamén do nome latino do río: ‘Vir fluvius’.

mapa costa da morte antigo

“Nos mapas de Galicia editados nos séculos XVI e XVII o río aparecía representado, pero sen o nome” (Mapa: Detalle da Costa da Morte)

  O Diccionario de Salvador Miñano (1826) aparece como ‘río de Bayo’ ó tratar da parroquia de Baio e ‘río de la Puente’ o falar da de Bamiro. Na Carta Geométrica de Galicia (1834) de Domingo Fontán, o gran mapa da Galicia moderna, aparece como ‘río del Puerto’. No Diccionario Geográfico (1850) de Pascual Madoz alternan as denominacións de ‘río del Puerto’ -na voz ‘Vimianzo (Ayunt.)’- e de ‘río de la Puente’ –en ‘Bamiro (San Mamed de)’ e ‘Bayo (Santa María de)’; en cambio na entrada de ‘Zas (Ayunt.)’ parece haber unha confusión entre as dúas denominacións: “Dice que numerosos riachuelos cruzan en término y se incorporan al río del Puerto (cfr. con el río de la Puente)”.

  Nun Mapa Itinerario de la parte Nord-Oeste de España de 1838 –do sobriño político de Juan López- volve aparecer como ‘río de la Puente’. Noutro mapa da década de 1880, Mapa de los ferrocarriles y carreteras de Galicia y Asturias, e outro da provincia da Coruña de 1890 –gravado por Martínez y Alfaro- recobra a denominación de ‘río del Puerto’

O Río ao seu paso polo Mosquetín. (Foto: R. Mouzo)

O Río ao seu paso polo Mosquetín. (Foto: R. Mouzo)

  Xa no séc. XX, Ramón Otero Pedrayo (1977: 17), nun traballo que publicou n’A Nosa Terra en 1925 sobre os ríos galegos, escribe ‘río do Porto’, sendo esta a primeira vez que aparece a forma galega. E. Carré Aldao, que debeu inspirarse no traballo de Otero, na súa colaboración para a Geografía General del Reino de Galicia (ca. 1928), de Carreras Candí, denomínao ó principio ‘río del Puerto’ (vol. IV, t.1º, pp. 184-185), e despois xa decididamente ‘río do Porto’ cando o describe polo miúdo desde o nacemento á desembocadura (vol. IV, t. 1º, p. 211). Máis adiante, cando describe os concellos de Camariñas e Vimianzo, volve escribir ‘río do Porto’; en troques, cando fala do de Zas, alterna ‘río Porto (Puerto) o de A Ponte (Puente), el Vir fluvius de los romanos’ [vol. VI, t. 3º, pp. 263 e 271, respectivamente].

Antonio Fraguas, na súa Geografía de Galicia (1953: 276) escribe ‘río del Puerto’, o mesmo que F. J. Río Barja en 1956. Otero Pedrayo, no apartado de ‘Xeografía’ da magna obra Historia de Galiza (Bos Aires, 1962, t. I, p. 171) volve denominalo ‘río do Porto’, como xa fixera corenta anos antes.

  Quen primeiro o denomina ‘río Grande’ é o Mapa Topográfico Nacional escala 1:25.000, do Exército, do ano 1959. Anos despois, o xeógrafo francés Abel Bouhier (1979: 321) xa rexistra esta denominación, ó igual que os xeógrafos galegos Río Barja e Rodríguez Lestegás (1992: 125); para sermos máis precisos, estes autores limitan a denominación de ‘río Grande’ a partir de Baio, unha vez que o por eles chamado ‘río de Baio’ recibiu as augas do río de Zas. O xeógrafo F. J. Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo, parece que se deixou levar e acabou a aceptando a nova denominación do río, pois tamén o chama así no ano 2000 (p. 9).

desembocadura do rio porto na ria de camariñas

Desembocadura do Río na Ría de Camariñas. (Foto: R. Mouzo)

  En suma, tras este breve estudo, advertimos que o nome do río parece que era, polo menos desde finais do séc. XVIII e ata o primeiro terzo do XIX, río da Ponte, para logo pasar a ser río do Porto (desde o segundo terzo do séc. XIX a finais do segundo terzo do XX), sen esquecer para nada a anterior denominación; quizais o gran xeográfo Domingo Fontán tivo moito que ver en que se cambiase de río da Ponte a río do Porto. Por pouca diferenza, a forma maioritaria resultou ser a segunda, usada por Fontán, Otero Pedrayo, Carré Aldao e Fraguas. A denominación moderna de río Grande apareceu nos letreiros das estradas, de Baio á Ponte do Porto, entre 1965 e 1970. A dicir verdade, os que medramos á beira deste río endexamais escoitaramos antes esta denominación. Foi unha arbitraria imposición oficial en toda regra, quizais en base ós mapas do Exército.

Polo tanto, avogamos para que o río por excelencia da Terra de Soneira -o gran colector das súas augas, pois atravésaa pola súa parte central de leste a oeste con cerca de 40 km de percorrido-, recupere o seu nome tradicional, que non debe ser outro que río do Porto. Fagamos comarca recuperando tamén os nosos topónimos.

Letreiro sobre a Ponte do Porto. (M. Rial)

Letreiro sobre a Ponte do Porto. (M. Rial)

(tomado, na súa maior parte, de X.Mª LEMA SUÁREZ (coord. e dtor.), Evaristo DOMÍNGUEZ, Xan FERNÁNDEZ CARRERA, Roberto MOUZO e Xosé Mª REI LEMA (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, pp. 41-42, Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

 

Admin