Publicado en La Voz de Galicia, por Patricia Blanco (05/07/2022)
Medra a bibliografía sobre Juan Antonio Posse (1766-1854), o cura liberal de Soesto —máis ben colectivista, como escribe Xosé María Lema— que exerceu o seu ministerio «en tres parroquias do aínda daquela reino de León, Llánaves de la Reina, Lodares e San Andrés del Rabanedo». Nesta última estaría dende o 1807 ata a súa morte. É precisamente en San Andrés, no centro cultural que dende finais dos 90 leva o nome de Posse —tamén alí ten unha rúa—, onde se vén de presentar a obra El infrascrito. Andanzas del cura J. A. Posse en el San Andrés del siglo XIX, da leonesa Paloma Fernández Oliver. Lema, autor do prólogo, tomou parte na posta de longo desta autoedición, de par do concelleiro local Alejandro Gallego. Un acto que congregou nutrida asistencia e interese, e que deixou novas revelacións acerca do crego laxense, froito das pescudas de Fernández feitas mentres indagaba nos seus antepasados.
Unha, que dende o 1824 ata o 1835, Posse non asinaba actas parroquiais, o que permitiu dar cadra de que, ademais do proceso resultante da persecución polos absolutistas, tivera outro no 1827, chegando a estar preso nun convento de franciscanos de León. Tamén se puido saber que cumpriu coa vocación política que sempre defendera, en tanto que o laxense se presentou ás primeiras eleccións medianamente democráticas, como deputado no 1839 e como senador no 1841, non sendo elixido.
Durante o seu traballo, Paloma indagou tamén nos lazos familiares do cura en San Andrés, dous sobriños de Soesto que levara con el para León, Tomás, morto a unha idade temperá, e Tomasa. En León, ante os asistentes á presentación, Lema deu cumprida conta das orixes de Posse, do cura «rara avis» que era: ilustrado, liberal, constitucionalista español e tamén galeguista, oposto á Inquisición, sumamente crente e relixioso…
Puxo ao día, ademais, as publicacións que se teñen feito sobre el. Non faltaron logo as preguntas e incluso dúas propostas que haberá que pechar, de fraguarse: unha visita colectiva ás terras orixinarias de Juan Antonio, por parte de veciños de San Andrés, e unha nova visita de Paloma Fernández á Costa da Morte, en tanto que da anterior, para coñecer a terra natal de Posse, ficou encantada. Poderíase levar a cabo na comarca, de ser así, algunha presentación da súa obra. Xosé María Lema, que se ofreceu como guía, tamén lle fixo chegar ao concelleiro Gallego un exemplar de Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a ‘Plática Tercera’, publicado por el mesmo, no 1999, logo do achádego na casa nativa de Posse, e as actas da primeira xornada sobre o cura celebradas en Laxe no 2007, por parte do Semescom. Máis adiante habería uns segundos encontros, polos 200 anos da Constitución de 1812.