• info@semescom.gal

Manuel Vilar: «É unha atrocidade que faros como o de Vilán ou o de Fisterra estean pechados»

faro

Manuel Vilar: «É unha atrocidade que faros como o de Vilán ou o de Fisterra estean pechados»

Entrevista en La Voz de Galicia

O histórico faro do cabo Vilán (Camariñas), o primeiro que funcionou con electricidade de toda España e un dos puntos máis visitados da Costa da Mortecorre o risco de pechar as súas portas ao público. A asociación de empresarios, que levaba varios anos xestionándoo, reuniuse a última hora da tarde de onte para decidir se continuarán ou non con este labor, iniciado en 2008 pola entidade Neria. Naquel proceso tivo unha destacada participación o actual director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), que colaborou na musealización do espazo.

—Como ve a posibilidade de que o faro do Cabo Vilán poida pechar?

—Deberían estar abertos o Vilán, o de Touriñán, o de Fisterra… Que estean pechados paréceme un atentado á nosa dignidade, unha atrocidade.

—O de Camariñas ten, ademais, ese aliciente de ter sido o primeiro electrificado de España.

—Así é, e destaca tamén por moitas outras cousas: a súa arquitectura, a súa beleza, o granito rosáceo que hai alí… É un referente non só marítimo ou cultural, senón tamén social e ten un valor que vai máis aló do que é o propio edificio do faro.

 CE27C1F1_1

BASILIO BELLO

—Como cre que deberían xestionarse estes espazos? Os empresarios piden máis implicación das Administracións públicas.

—Considero que, de estar aberto, un faro como o do Vilán debería ter uns ingresos mínimos para cubrir polo menos unha parte dos custos, xa non digo o 100 %. Por outra banda, a Autoridade Portuaria, propietaria do inmoble, creo que tamén ten moito que dicir ao respecto, como o resto de Administracións. Pechando o faro Vilán perdemos todos, tamén o Concello, que queda sen ese recurso turístico.

—Tense falado moito de cobrar polo patrimonio, pero parece que iso non chega a calar aquí.

—Abrir a porta ten un custo, e como visitantes creo que teriamos que contribuír a manter eses espazos. Creo que non debe entenderse como un negocio, iso si, pero polo menos facer un pequeno aporte. Está ben que a Administración axude, pero isto é un esforzo colectivo.

—Vilán abriu no 2008 da man da asociación Neria e vostede estivo moi implicado na musealización.

—Non do deseño, pero si me encarguei dos contidos. O esencial era fomentar que a xente puidese acceder ao edificio, e despois no que nos centramos foi na historia dos faros de Costa da Morte, especialmente no de Camariñas.

faro
Ana Garcia

—O funcionamento destas torres tamén pode xerar moito interese.

—Sen dúbida, aínda que agora os aparellos están moi modernizados. Outra cousa que si que se podería facer é permitir a subida á torre, ata a lámpada. Eu fíxeno en Estados Unidos e creo que sería un gran atractivo. Habería que controlalo, por suposto, pero sería moi interesante poder subir e que un fareiro ou un experto proporcionase unha explicación, contase as historias vinculadas ao lugar… O problema é que neste aspecto chocamos coa Administración, que cumpre coa normativa, pero de maneira demasiado fría moitas veces.

—Hai xa 20 anos que, xunto con Xosé María Lema, lanzou «Os faros da Costa da Morte», coa que contribuíron á posta en valor destes espazos.

—Si, foi no 2001 e creo que foi a primeira de Galicia dese tipo. Despois viñeron outras publicacións, máis completas e académicas, pero a nosa era puramente de divulgación, para a posta en valor desas torres. Nela contamos as características técnicas deses doce faros elixidos [Sisargas, Nariga, Roncudo, Laxe, Vilán, A Barca, Touriñán, Fisterra, Cabo Cee, Lobeiras, Lariño e Monte Louro], pero tamén as historias e o desleixo que en moitos casos tiveron as Administracións con eles.

—Parece que marcha ben o proxecto para reabrir o de Fisterra.

—Ao faro de Fisterra hai que sumarlle o valor que lle dá o entorno no que está situado, cheo de simbolismo. Non obstante, ten un problema que o de Vilán non tivo, e é que non se conservou o material que foi quedando en desuso co paso dos anos.

—Que opina do aproveitamento turístico destes espazos por parte da iniciativa privada?

O de Lariño e o de Illa Pancha aínda non tiven ocasión de visitalos, pero creo que o propósito que agora se lle dá ao Semáforo de Fisterra é, dende logo, moito mellor que o que tiña antes, que era marxinal. Non se trata de que todos pasen a ser hoteis, pero considero que o ideal sería combinar iniciativa privada e pública en función do lugar que se trate. O que está claro, iso si, é que é necesario un plan estratéxico para toda a zona. Hai que saber o que se quere facer con cada un: que o de Fisterra leve tanto tempo pechado paréceme un crime, por exemplo: é como dicirlle ao visitante ‘dea media volta e lárguese’. O de Touriñán, no Concello de Muxía, ten tamén moito valor e debería ser outro centro de referencia.

Admin