• info@semescom.gal

Presentamos alegacións contra os proxectos dos parques eólicos que ameazan a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e a serra costeira da Pena Forcada

penedos

Presentamos alegacións contra os proxectos dos parques eólicos que ameazan a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e a serra costeira da Pena Forcada

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) enviou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia alegacións en contra do documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques eólicos do “Monte Chan” e da “Pena dos Mouros”, que lle afectarían gravemente aos espazos naturais dos Penedos de Pasarela e Traba e aos seus veciños do Piñeo da serra da Pena Forcada.

Alegacións contra o proxecto eólico Monte Chan

O documento relativo ao proxecto de parque eólico (P.E.) “Monte Chan” é o máis extenso (68 páxinas). Contra el arguméntanse: 1) razóns lexislativas; 2) científicas e naturais; 3) históricas, culturais e literarias; 4) económicas; 5) Didácticas.

Nas razóns lexislativas faise fincapé, en primeiro lugar, no feito importantísimo de que os Penedos de Pasarela e Traba están declarados Paisaxe Protexida -unha das dúas únicas paisaxes oficialmente recoñecidas en Galicia- segundo o Decreto 294/2008 do 11 de novembro pola propia Xunta da Galicia (DOG 12-01-2009). Ao longo de tres páxinas enuméranse os valores que levaron a esta declaración, en base ao informe presentado no seu día por un equipo da Universidade de Santiago (USC) dirixido polo Prof. Dr. Augusto Pérez Alberti.

En segundo lugar, dentro das razóns lexislativas, tamén se argumenta que o proxecto presentado non cumpre con varios epígrafes dos anexos II e IV do recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro (DOG 1-02-2021) da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, pois con tan só un aeroxerador que se coloque na área protexida dos Penedos ou na súa contorna, atentaría contra o conxunto da paisaxe. Estes anexos falan de avaliar o impacto visual en “áreas de especial interese paisaxístico”, e incluso de “reducir ou mitigar o impacto visual con plantacións arbóreas”. Non deixa de parecer un sarcasmo dar a entender que pode haber algún xeito de “reducir ou mitigar” con “plantacións arbóreas” (ou “apantallar con formación vexetais”) os xigantescos aeroxeradores de 90 m a 150 m de altura (sen contar as aspas) que se pretenden instalar, tres veces máis altos ca Torre de Hércules da Coruña ou cá fachada do Obradoiro da catedral de Santiago.

O apartado das razóns científicas e naturais céntrase primeiro nos estudos xeolóxicos, pois os Penedos de Pasarela e Traba xa interesaran no séc. XIX ao famoso enxeñeiro hispano-alemán Guillermo Schulz, e no XX ao xeólogo Isidro Parga Pondal, para finalmente pasar ao recente estudo científico pormenorizado do Prof. Dr. Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) -resumido nas alegacións-, que as denominou “formas graníticas únicas no mundo”.

PENEDOS2

Na segunda parte deste apartado adúcense as razóns xeográficas -con descricións precisas dos xeógrafos Ramón Otero Pedrayo, A. Pérez Alberti e Antón García Losada- e na terceira, as razóns paisaxísticas, que son as máis evidentes, pois ben coñecidas son as loas de escritores como Otero Pedrayo ou Manuel Rivas, a quen corresponden estes parágrafos: “Os Penedos de Pasarela e Traba son moito máis que pedras. Son monumentos naturais, arte da natureza feita amorosamente durante miles e miles de anos polos dedos do tempo. (…) Un dos centros de arte máis abraiantes de Galicia (…). Rochas zoomórficas e antropomórficas que cantou Pondal e que enfeitizaron a Otero Pedrayo. (…) O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida dedicaríase a outra cousa”.

As razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias enchen doce páxinas, completadas con oito máis coas abundantes publicacións sobre os Penedos, pois poucos espazos paisaxísticos contan cun documental (2009), unha guía específica (2012), calendarios, carteis, certames poéticos etc.

As razóns económicas céntranse sobre todo no turismo. A pesar do desleixo da Xunta de Galicia -que tiña a obriga de poñer en valor os Penedos antes de dous anos a partir da publicación do Decreto de 2008- a declaración de Paisaxe Protexida trouxo consigo visitas periódicas de sendeiristas de toda Galicia que, loxicamente, fixeron gasto na zona. Hoxe en día están abertas máis dunha ducia de casas de turismo rural en Calo (Vimianzo) e Traba e Soesto (Laxe), que deben aos Penedos boa parte dos seus ingresos. Da importancia turística da Paisaxe Protexida dos Penedos mesmo se fixo eco a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, que a recomenda e describe na súa páxina web. A Plataforma do Turismo da Costa da Morte tamén se manifestou en contra deste P.E.

Na parte final das alegacións, o Semescom lánzalle un reto á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia: que transforme esta ameaza contra os Penedos nunha oportunidade inmellorable para acometer o que se estipulaba no Decreto 294/2008: a posta en valor desta Paisaxe Protexida e convertela no Parque Granítico Multiforme de Galicia, nun senlleiro museo xeolóxico ao aire libre que atraería milleiros de visitantes e que proporcionaría múltiples postos de traballo directos e indirectos. Nas alegacións póñense como exemplo lugares tan emblemáticos como a Cidade Encantada de Cuenca, o monumento natural de Los Barruecos (Estremadura) e a Calzada do Xigante de Irlanda do Norte (Patrimonio da Humanidade pola UNESCO) que desde hai ben anos proporcionan cuantiosos ingresos nos lugares onde se atopan. Son áreas naturais distintas, pero a ningunha delas nada teñen que envexarlles os Penedos de Pasarela e Traba, como xa afirmaron varios expertos.

Ver alegacións ao proxecto eólico Monte Chan

 

Alegacións contra o proxecto eólico Pena dos Mouros

Contra o P.E. “´Pena dos Mouros” o Semescom tamén presentou alegacións, que neste caso se centraron en razóns lexislativas, científicas, naturais e paisaxísticas.

No tocante ás primeiras, argumentouse que, por unha parte, a instalación deste P.E. afectaría visualmente, pola zona oeste, á área protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e danaría e invalidaría tamén esta paisaxe singular; incumpre, polo tanto, o Decreto 294/2008.

Por outra parte tamén incumpre o recente Decreto 238/2020 do 29 de decembro, pois os muíños eólicos que se propoñen danarían e invalidarían a chamada Ruta dos Penedos do Piñeo que propoñen varias guías turísticas, que se desenvolve no primeiro tramo da Serra da Pena Forcada, que vai bordeando a costa a mar aberto desde Pasarela (Vimianzo) e Mórdomo (Laxe) a Camelle (Camariñas); ruta que conta con espectaculares penedos -no informe adxúntanse fotografías- con nomes tan suxerentes como A Capela de Lucas, A Pena dos Mouros. O Castelo, Pena Tellada, Pena Orelluda, Pedra do Frade ou do Home ou Pena da Aiga.

Tamén se chama a atención que na citada páxina web da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia se cita a Pena dos Mouros como un dos catro cumes da paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba, o que demostra que se atopa dentro da súa área visual. E sobre todo no perfil ou skyline que cerra o Val de Traba, visible desde a súa longa praia e a lagoa do seu nome.

Finalmente, tamén se argumenta en contra deste P.E. en base á existencia doutras dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo. Dáse a circunstancia de que estas dúas rutas se desenvolven por un antiquísimo camiño carreteiro litoral, que desde a Administración autonómica sempre se quixo preservar.

Ver alegacións ao proxecto eólico Pena dos Mouros

Admin