• info@semescom.gal

Presentamos alegacións contra o Parque eólico de Berdoias

Petróglifos do Pedrouzo (Foto: A Rula)

Presentamos alegacións contra o Parque eólico de Berdoias

A Asociación Parroquial de Berdoias (Vimianzo),  a Asociación cultural Colectivo A Rula e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte presentamos alegacións conxuntas contra o proxecto para o Parque Eólico de Berdoias e da súa infraestrutura de Evacuación (LAAT) promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia S.A.

No seu Documento Inicial, a empresa de enerxía eólica non recolle algúns dos elementos patrimoniais máis destacados da parroquia, como os conxuntos de petróglifos do Pedrouzo. Ademais este Parque terá un impacto severo en determinados bens, en especial para o patrimonio arqueolóxico da parroquia como o dolmen da Casota (Ben de Interese Cultural), a mámoa de Freáns e as dúas estacións de arte rupestre do Outeiro do Pedrouzo. Ademais, a proximidade excesiva da LAAT de Evacuación ao núcleo de Santa Cristiña e o seu patrimonio; así como a proximidade – nalgún caso interferencias- de diferentes tramos do Parque Eólico proxectado con rutas culturais como o Vieiro Fidalgo, o Camiño de Santiago a Muxía (por Brandomil) ou a Vía Mariana de Braga a Muxía.

ameazaEolicaBerdoias

Nas alegacións presentamos as seguintes conclusións:

  • Salientamos a relevancia que desde o punto de vista histórico e do patrimonio cultural ten esta zona afectada polo proxecto de construcción do parque eólico promovido por Iberdrola.
  • Cuestionamos a ausencia no proxecto de varios bens culturais catalogados e non catalogados e a falta dun estudo de campo en maior profundidade da zona afectada. Como sinalamos, algúns deles sufrirían un impacto severo de continuar adiante este proxecto.
  • É esencial unha protección integral da zona polo elevado número de bens culturais que presenta. Os xacementos arqueolóxicos e os diferentes bens etnolóxicos e naturais deste lugar deben ser considerados e valorados conxuntamente, non como elementos illados. A presenza na parroquia de até tres vieiros/rutas de carácter cultural testemuña este singular valor etnográfico, histórico, arquitectónico e antropolóxico vinculados ás formas de vida e cultura tradicional galega que debemos preservar sen alteracións que desvirtúen este contexto.
A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula

A Casota de noite. Foto: Colectivo A Rula

Consecuentemente, reclamamos a inclusión de todos os elementos culturais referidos nas alegacións e a modificación do proxecto para preservar a zona no seu contexto.

Artigos de Moncho Gándara sobre o patrimonio da parroquia:

Tesouros de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/tags/tesouros-berdoias

Petróglifos de Berdoias: https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/tesouros-berdoias-xxvi-prehistoria-petroglifos/20210213100541124978.html

Admin