Xosé Mª Méndez Doménech nacera en Santiago en 1944 no seo dunha familia medio fidalga, medio burguesa ligada á Costa da Morte, pois tiña casa en Treos (Vimianzo) -a Casa dos Calza- e tamén a tivera en Laxe (a Casa do Arco). Procedía por vía materna dos Doménech, fomentadores cataláns vencellados á pesca e ó comercio da sardiña instalados en Laxe a mediados do século XVIII. El mesmo investigara a apaixonante historia da súa familia, narrada nas Actas da I Xornada histórica sobre a figura de Don Juan Antonio Posse, o crego liberal (Laxe 21-4-2007), co título Os inicios da burguesía industrial en Laxe: a familia Doménech (Ed. Toxos Outos, 2008).
Esta familia burguesa catalá emparentaría coa fidalga galega da Casa de Xora (Treos-Vimianzo) a mediados de século XIX. A ela pertencía Juan Ferreira Caamaño, poderoso cacique e político español da época.
Cando eu fixera en Laxe a súa presentación na citada I Xornada do crego Posse, dixera que Méndez Doménech para nada respondía ós cánones que del se esperaban como membro dunha familia de tinte conservador como fora a súa, pois en plena ditadura se convertera nun dos líderes do movemento estudantil antifranquista da Universidade de Santiago entre 1964 e 1968. E por iso foi condenado a nove meses de prisión por propaganda ilegal, degradado nas Milicias Universitarias de alférez a soldado raso, e, xa que logo, expulsado delas. Como el dicía, só lle faltou ser excomungado por un bispo.
Con estes antecedentes, sorprende que conseguise fundar en 1974, con Franco aínda vivo, a revista infantil Vagalume, monolingüe en galego (véxase o episodio que lle dedicou o programa Ben falado, número 373, da TVG).
En 1985 dedicouse á dobraxe de audiovisuais, chegando a ser presidente de APADEGA. Gran investigador da nosa historia, Doménech era sen dúbida o mellor coñecedor da fidalguía da Terra de Soneira e talvez de toda a Costa da Morte. Lembramos a súa conferencia (inédita) As casas fidalgas da Terra de Soneira nunhas Xornadas informativas sobre os pazos da Costa da Morte (Asociación Neria, Zas, abril do ano 2000).
O seu mapa, deseñado polo seu amigo Roberto Mouzo (prematuramente finado en 2013), das Interrelacións familiares das casas fidalgas da Terra de Soneira reproducímolo en diversas publicacións. Por encargo do Semescom, do que foi directivo, elaborou co citado Roberto Mouzo un gran cartel-mural (110 centímetros x 80 coa xenealoxía completa das Casas dos Traba, Mariño e Moscoso na súa relación coa fidalguía da Costa da Morte (2007), cartel ó que lle habería que facer un sitio no Castelo de Vimianzo e nas Torres do Allo.
No libro de próxima publicación Zas polo miúdo -de Evaristo Domínguez e quen subscribe- dedicamos un longo apartado a resumir unha investigación súa, o Foro das Facendeyras, unha carga feudal que Urraca de Moscoso (da casa de Altamira), no seu testamento de 1498, lles impuxera ós veciños de Baio pola que tiñan que pagar sete fanegas de trigo anuais ó mosteiro de San Domingos de Bonaval de Santiago. Os baieses non se deron librado desta carga ata 1901.
Casa da Calzada
Na chamada Casa da Calzada de Quintáns de Treos, que herdara da familia e na que pasou a residir temporalmente, tiña un impresionante arquivo documental. Polo que un sabe, a veciñanza de Treos tíñalle moito afecto, como persoa desprendida e xenerosa que era (doara terreos para o campo da festa, para ancheamento de camiños, etcétera). Lembramos, pois fora noticia na prensa, que unha providencial intervención súa de finais do ano 2000 librara a corenta veciños de Treos dun longo e custoso preito, pois unha orde relixiosa de Madrid lles reclamaba a propiedade de mil ferrados de terreo de monte (42 hectáreas). O avogado das monxas convocou os veciños afectados a unha reunión para arranxar con eles unha venda, pero Doménech tamén acudiu a esa xuntanza e, grazas ós seus coñecementos históricos, desmontoulle ó letrado un por un os seus argumentos xurídicos e deixouno a velas vir.
No artigo Los antecedentes están en el pacto feudal, que Doménech días antes publicara en La Voz (28-10-2000), xa vertía luz sobre o asunto. Unha demostración máis de que a investigación histórica serve para o momento presente.