En contra do que se pensa, Santiago non foi un santo moi popular en Galicia («máis internacional que galego», tense afirmado), pois o seu culto, oficial de máis, asociábase a tributos fiscais, coma o pagamento do Voto de Santiago. Tampouco foi para os galegos un santo tan avogoso e terapeuta coma outros.
Non estrañe, logo, que o culto ó fillo do Cebedeo non sexa moi notorio en Galicia. Así e todo, no territorio dos arciprestados de Soneira e Nemancos Antigo (a escisión de Duio data de 1959) e catro freguesías do oeste do de Céltigos, 82 parroquias en total, atopamos a súa imaxe en vinte, o 24,4 % do total, unha porcentaxe apreciable. Quizais influíse nisto a presenza no territorio de dous importantes lugares ligados ó culto xacobeo, Fisterra e Muxía, adobiados con lendas xacobeas desde os tempos medievais.

A moeda do Adro Vello (OGrove) exposta no Museo das Peregrinacións de Santiago -rutaphaenomenons.me
Tamén chama a atención que das nove iconografías xerais xacobeas se rexistren ata sete nas igrexas e santuarios da Costa da Morte. Poucas zonas poden presumir desta variedade: desde as 17 imaxes do Santiago peregrino ás senlleiras de Santiago axeonllado ante Virxe da Barca e a xacente na nave da “translatio” do tímpano de Cereixo, que focalizou o simposio vimiancés. Das catro representacións máis antigas da translación dos seus restos de Palestina ó Finis Terrae galaico, dúas están en Galicia. A máis antiga é unha pequena moeda (13 mm e 0,28 g) atopada na necrópole do Adro Vello (O Grove) e depositada no Museo das Peregrinacións de Santiago. Fora acuñada na ceca compostelá reinando Fernando II de Galicia e León (1157-1188). No reverso vese o costado dunha embarcación de táboas curvadas, sen remos nin velas (manum Dei gobernante, guiada pola man de Deus), cunha cruz por mastro, a lenda S. IACOBI e tres personaxes na borda (o seu corpo e dous discípulos).

As dúas escenas do tímpano de Cereixo (foto X.Mª Lema)
A segunda representación é a nosa da porta sur da igrexa de Cereixo, a primeira en pedra, de finais do séc. XII. José R. Ferrín (1999), a quen seguimos, di que aquí hai dúas escenas superpostas. Unha no tímpano, a ‘translatio’: unha nave sen mastro, sen remos nin velas; ondas mariñas esquematizadas; o Apóstolo xacente e sete figuras na borda (a central de maior tamaño). A outra, nas dúas claves do arco: un personaxe cun báculo e un anxo cun incensario; trátase da esquematización dunha miniatura do Tombo A da catedral de Santiago, onde aparece o bispo iriense Teodomiro descubrindo a tumba apostólica cun anxo turiferario.

O capitel da catedral de Tudela (foto J. A. Olañeta, www.claustro.com)
Tamén procurei amosar imaxes dos outros dous relevos da translación case contemporáneos do de Cereixo. Atópanse en senllos capiteis: un no claustro da catedral de Tudela (Navarra) e o outro na ábsida da catedral vella de Lleida. Nos dous casos hai outras dúas escenas máis relacionadas co martirio de Santiago en Xerusalén (unha delas, a súa decapitación). No tocante ó tema común, hai semellanzas con Cereixo nas naves sen mastro, sen remos nin velas das dúas, así como nas esquemáticas ondas mariñas e a presenza de varias figuras na borda. No de Tudela vese o corpo xacente do Apóstolo, mentres que no de Lleida vai encerrado nun sartego.

O capitel de La Seu de Lleida (foto Gemma Malé)
Deixei no aire algunhas preguntas en espera de que alguén máis versado as conteste.
-¿Quen mandaría esculpir na humilde igrexa de Cereixo un relevo con este tema cando a lenda situaba en Iria Flavia (Padrón) o desembarque da nave pétrea?
-Aventurei que para min a inspiración do relevo de Cereixo tivera que vir do priorado de san Xián de Moraime, mosteiro que no século XII mantiña o seu poder en toda a área fisterrá.
Cereixo e Moraime
José R. Ferrín afirmaba que fora o mesmo obradoiro de canteiros o que esculpira os tímpanos das portas meridionais das igrexas de Cereixo e de Moraime (neste é a Derradeira Cea a representada), pois teñen os mesmos esquemas compositivos. É de supoñer que os monxes de Moraime quererían promover Cereixo como porto de entrada de peregrinos, e ¡que mellor que recibilos nesta igrexa coa escena orixinaria do culto xacobeo! A pequena vila de Cereixo tamén gozaba neste tempo do favor do rei Afonso IX (VIII) de Galicia e León, pois sábese que a visitou polo menos dúas veces: en xuño de 1200 (viría inaugurar a igrexa?) e no ano 1228.
Algo especial debía ter este lugar, dada a querenza do monarca polos seus veciños, ós que favoreceu cunha carta-pobra, privilexio que os liberaba do xugo feudal.
Celebramos que con simposios coma este Vimianzo continúe destacando na liña de poñer en valor o rico patrimonio artístico, monumental, etnográfico e paisaxístico do seu concello.
(*) Xosé Lema Suárez é doutor coa tese «A arte relixiosa na Terra de Soneira» e autor de numerosos libros.