• info@semescom.gal

Polo país de Gales e suroeste de Inglaterra. Unha crónica de Xela Cid. (19-28 de agosto de 2019)

3. Os viaxeiros nas ruinas do priorado de Llanthony (Foto XMLS)

Polo país de Gales e suroeste de Inglaterra. Unha crónica de Xela Cid. (19-28 de agosto de 2019)

Como cada verán dos últimos once anos, con agosto chegou a actividade cultural e lúdica máis esperada do Semescom: A VIAXE.
O novo destino afastounos durante dez días da vida cotiá, doméstica, da casa en definitiva, enchéndoa de novidades, incertezas, humor, colaboración, e nesta ocasión de moitas estreituras.
Navegamos polo Golfo de Biscaia e a Canle da Manga, e no bus percorremos as terras do Sur de Inglaterra e o País de Gales.
Un primeiro madrugón para chegar ó punto de encontro en Guitiriz e comezar un tempo de folganza activa para descubrir un anaco máis de Europa.
Un dos obxectivos iniciais destas viaxes foi o coñecemento dos países atlánticos como Cornualles, a Bretaña francesa e Irlanda, sempre na busca das conexións galegas coas nacións con raíces celtas.
Despois de dous anos seguidos pola cálida Provenza e a costa lígur italiana no Mediterráneo, a viaxe deste ano foi o retorno á xeografía das brétemas, á chuvia e á luz grisácea. Volvemos mirar ó Atlántico.
Gales agasallounos coa primeira sorpresa: unha climatoloxía inesperada, días de luz, sen chuvasqueiro nin paraugas. Deben ser cousas do cambio climático que se manifesta en todo o planeta.

Xogos didácticos medievais no castelo de Beaumaris (XMLS)

Xogos didácticos medievais no castelo de Beaumaris (XMLS)

Foron xornadas de mar e terra, dúas delas completas mariñeiras. Ida e volta a bordo do ferry “Pont-Aven” do “Britanny Ferries” entre Santander e Plymouth. Unha experiencia pracenteira para a maioría, un minicruceiro, e algo menos para os que se senten perdidos e mareados ó non ter os pés na terra. Resultou unha travesía tranquila dada a bravura destas augas, un tempo de lecer para a conversa, a lectura, o xogo ou sinxelamente gozar mirando o mar albiscando golfiños, mascatos e aves de mar adentro.
Sobrepasada a punta francesa de Pern, na illa de Ouessant (Bretaña), entramos na Canle.
O historiador Xosé Mª Lema, aproveitou para contar a orixe dos catro faros de Eddystone. Faltaban unhas catorce millas para chegar ó porto de Plymouth cando pasamos preto do cuarto que emerxe no medio do mar. Ó pé sobresae un penediño onde estivo ancorado o terceiro ou Torre de Smeaton, quen seica se inspirou nun carballo para erguer este primeiro faro de pedra lonxe da costa. Hoxe xa en terra, nun outeiro preto da Cidadela Real, mirando ó mar, loce franxas vermellas e brancas. Ó regreso, antes de levar áncoras, permitiunos facer as últimas fotos ó seu carón e despedírmonos de Inglaterra. Unha fermosa historia. É un xeito diferente de chegar á Illa de Gran Bretaña.
Foi unha viaxe a un país máis pequeno ca Galicia, apreixado entre o inmenso Atlántico e a poderosa Inglaterra.
As peripecias xa comezaron nos pequechos camarotes dobres do barco, onde moitos se afanaron na busca da segunda cama ben agochada colgada do teito. O anecdotario comezaba a  agromar.
Tan pronto pisamos terra e subimos ó noso autocar da empresa Lázara, para encamiñarnos a Bristol, Lema puxo en marcha sen perda de tempo as parolas rodantes, “Rolling Talk”, en galés Sgwrs dreigl, que amosa a dificultade de pronunciación para nós desta lingua supervivente de orixe celta.
De Plymouth levou áncoras o Beagle hai case douscentos anos con Darwin a bordo  como naturalista, para dar unha das voltas ó mundo máis fascinantes, con efectos científicos e sociais sorprendentes. Este feito serviu de base para que Xela Cid falara dos grandes científicos e naturalistas ingleses e galeses, afondando en dúas figuras do século XIX, o inglés Darwin e o galés A. R. Wallace, pois ambos chegaron á formulación da revolucionaria Teoría da Evolución.
Días máis tarde unha grata sorpresa, por non prevista; a visita á interesante cidade (xa inglesa) de Shrewsbury onde nos achegamos a casa natal desta singular figura, Charles Darwin.
Bristol deunos paso para o noso destino galés. Pero antes detivémonos nesta cidade inglesa atravesada polo río Avon e asentada na desembocadura do Severn que forma a Canle de Bristol. Sempre presentes os vellos peiraos comerciais, hoxe renovados como pubs e tabernas onde corren as pintas de cervexa e o ron, e aínda resoan os ecos de Stevenson e A Illa  do Tesouro ou John Cabot, o Cristovo Colón de Bristol.
Dende o símbolo da cidade, a ponte suspendida de Clifton sobre a gorxa do Avon deseñada por Bruel, deixamos Inglaterra.
No terceiro día por fin tomamos contacto con Gales, e fixémolo seguindo a súa fronteira invisible e o val do río Wye, declarado lugar de excepcional beleza no tramo final ata chegar ó Severn. Separa Gales de Inglaterra con sendeiros por ambas marxes.
“Onde está a fronteira? -pregúntalles Saramago no confín entre España e Portugal ós peixes que, no mesmo río, segundo esvaren por unha marxe ou pola outra, nadan agora no Duero, agora no Douro.
Esta fronteira galesa de grande tensión, está ben marcada pola presenza de numerosos castelos defensivos.
O escritor Claudio Magris que meditou sobre o tema di: «Non hai viaxes sen que se crucen fronteiras políticas, lingüísticas, sociais, psicolóxicas… Traspasar as fronteiras; tamén amalas -por canto definen unha realidade, unha individualidade, darlle corpo saíndose do indistinto- pero sen idolatralas, sen facer delas ídolos que esixen sacrificios de sangue.»

3. Os viaxeiros nas ruinas do priorado de Llanthony (Foto XMLS)

Os viaxeiros nas ruinas do priorado de Llanthony (Foto XMLS)

No val idílico do Wye aparecen as primeiras abadías do século XII, ou mellor os seus esqueletos, a cisterciense Tintern e a agostiña Llanttony Priory.
É aquí onde comezamos a comprender, noutra orde de cousas, que o bus era moi cómodo, pero grande de máis e as estradas estreitas. Houbo que manobrar. Unha constante na viaxe, esgotadora para Pablo Bustelo, condutor e amigo do Semescom. Un reto superado que xa consta no seu currículo.
Non quedou outra que renunciar ó miradoiro do Niño da Aguia, chegar ós altos do Hay Bluff e ata o emblemático pobo literario e cheo de librerías de Hay-on-Wye.
Compensáronse estas perdas con outras visitas non previstas que Chus Barbeira, gran organizadora de todo isto, e o inquedo e xeneroso buscador de información, o arquiveiro Pablo Sanmartín, foron destapando e encaixando cada día coma pezas dun quebracabezas. Isto foi, realmente, circular por Gales.
Estamos no primeiro Parque Nacional e o último declarado no 1957, o Brecon Beacons. Montañas baixas onde sobresae a cima chata do Pen y Fan de 886 m, o punto máis alto do Sur de Gales. A metade occidental, Xeoparque Europeo dende 2005, inclúe un labirinto de covas calcáreas visitables. Nesta cadea de vellas montañas do sur están as Negras do Oeste e Leste, o Brecon e un gran bosque, antigo coto de caza.
Dúas vilas representativas: Crickhowell, chea de flores na rúa principal e as ruínas dun castelo de fondo e Brecon, antigo lugar con edificios xeorxianos, puxeron punto final a este primeiro día en Gales.
O centro do país está ocupado polos Montes Cámbricos con aldeas e granxas illadas.
Dise de Gales que toda a historia da Terra se pode reconstruír a partir das súas paisaxes. Montañas antigas formadas na oroxenia caledoniana, un pouco máis vellas cás galegas da hercínica, ambas durante o Paleozoico.
Nestas terras están representados todos os períodos da Era Primaria. O nome do Cámbrico vén da forma latina de Gales, Cambria. O Ordovícico e Silúrico das tribos celtas dos ordovicios que ocuparon o norte e centro do país e dos siluros no sur; o Devónico do condado de Devon e o Carbonífero das capas de carbón atopadas nas rochas británicas.
Seguindo o rumbo leste-oeste e sur-norte a expedición móvese polo perímetro de Gales. Cada zona ten personalidade propia marcada pola fronteira, o mar, as montañas e a situación dos tres Parques Nacionais.
O cuarto día dedicouse á capital do país -dende 1955-, Cardiff, e a toda a área carbonosa do sur, que no XIX viviu a idade de ouro en plena revolución industrial. De camiño, Caerleon ou forte das lexións, nas antigas terras dos siluros. Nesta área arqueolóxica poden distinguirse o que foron edificios romanos como o hospital, as termas, os barracóns, os baños militares e o que queda dun anfiteatro circular, que a tradición local vencella coa Táboa Redonda Artúrica.
Pepe Carballude achegou os seus coñecementos do mundo romano facilitándonos a comprensión destas estruturas.
Cardiff foi o maior porto carboeiro do mundo no XIX. O seu centro está dominado polo gran castelo normando e animadas galerías vitorianas. Na desembocadura do Taff sitúanse os peiraos construídos polo Marqués de Bute. Nesta zona está, entre outros, o edificio levantado no 2006 da Asemblea Nacional de Gales, constituída en 1997.

5. Castelo de Caerphilly, rodeado de lagos artificiais (foto XMLS)

Castelo de Caerphilly, rodeado de lagos artificiais (foto XMLS)

Tras a visita ó segundo castelo máis grande do Reino Unido, rodeado de auga e o primeiro concéntrico da Gran Bretaña, Caerphilly, chegamos a cidade de Neath para pasar a noite.
A aula móbil segue funcionando e Rosa Vilariño introduce as súas  “Pequenas pinceladas gaélico-galegas na nosa cultura.”
A seguinte xornada achegounos ó segundo Parque Nacional marítimo-terrestre, o Pembrokeshire, con 400 km de costa virxe incluídos.
Un atraso por problemas técnicos impediu ver a cidade  medieval de Tenby. Fomos directos a Saint-David’s, pequena cidade cunha xigantesca catedral. Nunha contorna espectacular, no punto máis occidental do sendeiro da costa érguese este monumento relixioso, o máis importante de Gales  dedicado ó patrón do país.
Atrás quedou Swansea, berce do bardo máis nomeado, Dylan Thomas, e tamén o pobo de Laugharne no esteiro do Taff onde viviu os últimos anos nunha cabana, hoxe museo dedicado a súa vida e obra. E o mito pervive.
Aínda que non puidemos ver estes lugares, sempre cómpre deixar algo, Miro Villar, o poeta, fixo unha cala sobre a poesía galesa contemporánea destacando na narrativa Roald Dahl e o poeta Dylan Thomas. O mellor, o recital que nos ofreceu.
Este foi o día máis longo no bus. Atravesamos o país do sur ó norte para chegar a Llandudno a durmir xa entrada a noite, onde o decadente gran hotel, un emprazamento único nos acubillou.  Alí sentíase un fóra do tempo.
Atrás fomos deixando unha costa de difícil acceso con praias, cantís, unha xeoloxía complexa, unha rica flora e fauna aviar. No 1970 inaugurouse un sendeiro de case 300 km que no 2011 recibiu o segundo premio ó mellor destino costeiro do mundo.
Unha paradiña en Aberystwyth cun gran paseo marítimo de fachadas vitorianas. Aquí en 1984 A. X. Canosa, de Coristanco, creou a primeira páxina web en galego.
Así chegamos ó norte, a zona louseira cunha produción actual moi minguada. Muros, tellados e ata os dolmens son deste material.

Un dos dolmens da illa de Anglesey (foto XMLS)

Un dos dolmens da illa de Anglesey (foto XMLS)

O sexto día foi completo. Pódese dicir que se cumpriron todos os obxectivos desta viaxe. Fomos a Illa de Anglesey, chamada a nai do País de Gales  pola abundancia de cereais, atravesando o estreito de Menai por outra das pontes de Telford. E vimos: unha das fisterras galesas, Holyhead, na Illa de Holy;  o faro de South Stack; a torre de observación de aves Elin’s; o poboado da idade do ferro Holyhead Mountain Hut Circles; o dolmen de Trefignath e a vila co nome máis longo, Llanfairpwllgwyngyl… etc., etc. (ata 58 letras).

O grupo co cartel do topónimo máis longo do mundo (Llanfair P.G.)

O grupo co cartel do topónimo máis longo do mundo (Llanfair P.G.)

Aínda deu tempo a pasear pola fermosa localidade de Conwy. Visitamos o castelo onde se estaba celebrando unha festa medieval e achegámonos ó peirao para ver a casa máis pequena de Gales.
Un día máis no norte permitiunos ver algúns dos castelos que EduardoI, o conquistador de Gales, mandou construír, coma os de Caernarfon ou Beaumaris.

As chaves da Coruña (1809), no Museo dos Fusileiros de Gales, castelo de Caernarfon (foto XMLS)

As chaves da Coruña (1809), no Museo dos Fusileiros de Gales, castelo de Caernarfon (foto XMLS)

O último Parque Nacional visitado, nun domingo luminoso de agosto, foi Snowdonia, coas montañas máis altas e moita xente. Pagamos o prezo de non poder aparcar en Beddgelert e non chegar a Llamberis ó pé do Snowdon de 1085 m, o teito de Gales e o segundo pico de Gran Bretaña. Pero si gozamos de perfectos vales glaciares, lagos e fervenzas. Nesta zona explotáronse as grandes minas e canteiras de lousa no XIX, que deixaron a súa pegada na paisaxe ata hoxe. Galicia aínda produce moita lousa xerando un gran impacto ambiental sobre todo na zona do Valdeorras.

Un dos lagos do Parque de Snowdonia .

Un dos lagos do Parque de Snowdonia .

Abandonamos finalmente a baía de Llandudno coa lembranza de Alicia no País das Marabillas e a estatua do coello branco, e saímos de Gales.
Tras unha breve visita a cidade de Shrewsbury -inglesa, pero lindeira co País de Gales-, Manuel Chouza falou do fenómeno da especiación para despedir a Darwin.
Un par de horas para pasear pola gran cidade inglesa de Birminghan. Vimos as barcazas pintadas de vivas cores espalladas polas canles, a monumental praza da Vitoria e o  futurista edificio da biblioteca.
Unha última parada para ver a gran catedral de pedra de gra vermella de Worcester e chegar a durmir a Gloucester. Pola mañá entramos na súa catedral de altas columnas e traballado claustro con bóvedas en abano, unha auténtica filigrana.

15. Bóvedas góticas en abano do claustro da catedral de Gloucester (foto XMLS)
Fechamos este percorrido circular na cidade de Plymouth e embarcando novamente con destino a Santander.
Toca xa facer algunhas reflexións. Gales e Galicia comparten unha natureza prodixiosa, máis degradada a nosa. En Inglaterra e Gales semella que o ser humano ten menos impacto na modificación da paisaxe e adáptase a un medio cuxa conservación é prioritaria.
Gales ten bosques autóctonos marabillosos, montes e beiras de ríos cheas de árbores coma carballos, castiñeiros, freixos, faias, pradairos, abeleiras, bidueiros, tileiros e vellos teixos. Exemplares centenarios acá e acolá cinguidos dun verde case artificial onde pastan miles de ovellas. Esta é a estampa permanente deste país.
O bosque vai a menos en Galicia. Un dos nosos poetas da terra, Uxío Novoneyra, nun dos seus poemas d’Os Eidos lémbranos da insignificancia  do “home” diante da natureza. Depredador insaciable de canto recurso hai no planeta, incapaz de deter o tren dunha vida non sostible, o poeta do Courel devólvenos por un intre ó lugar de onde vimos.
«Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe
Eiquí síntese ben o pouco que é un home!»
Xa na casa, despois de dar voltas por Gales, despois de que as pólas das árbores nos abrazaran polas estradas e puliran un pouco o bus, despois de poñernos tan difícil transitar por elas, de impedirnos avanzar e chegar ás aldeas e viliñas máis agochadas ou ir dende ó sur ó norte dunha tirada por limitacións hoteleiras, temos que recoñecer que ó mellor este é o xeito de manter unha natureza envexable.
Cada viaxe, di Magris, ten a súa medida, o seu ritmo, o seu paso e a súa respiración. E Gales impuxo a súa lentitude, a súa calma e sobre todo as súas estreituras.
Penso que o grupo superou todas as dificultades, e facilitou a convivencia e harmonía entre todos para facer posible o soño desta viaxe .
Antía, Mariña e Roi, a mocidade do grupo, xunto con Xela, na última cea en terra inglesa, en Gloucester, despediron a viaxe agradecendo á dirección do Semescom o traballo de todo o ano. Sen Chus e Lema  autores da Guía  “Do País do Gadis ao País de Gales” que informan e animan no bus permanentemente, nada disto sería posible.
Tamén deron as grazas ós que axudan a maiores, ós que escriben e falan na aula móbil como Xosé Mª Lema e Antón García Losada que proporcionan unha completísima recensión histórica e xeográfica do país visitado, así como o noso xornalista Xosé Ameixeiras que fai as fotos do grupo e escribe as crónicas xornalísticas durante a viaxe para dar a coñecer esta actividade. Non menos importante son os que escoitan e respectan as informacións que se lles proporcionan, aínda que ás veces son eles ou que están máis ó tanto do asunto; non é pouco, desde logo.
Esta xente miúda pon a nota de esperanza e xuventude nun grupo que en por si desborda unha madurez vital extraordinaria.
As persoas que por vez primeira viaxan con este grupo quedan sorprendidas gratamente ó descubrir a fórmula xenuína do Semescom: todo moi concentrado, intenso pero eficaz.
Mais a maxia pona o ambiente que se crea neste grupo que zumega curiosidade, cultura, sinxeleza e amizade, que fai esta viaxe única no seu xénero.
Só queda pois esperar que novas ideas flúan para abordar novos retos, novos obxectivos, que traerán máis viaxes.

Croeso Galicia
Benvidos a casa.

Admin