• info@semescom.gal

Unha lectura da guía “O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira”, do SEMESCOM

MapaRedeFluvialPorto

Unha lectura da guía “O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira”, do SEMESCOM

Por Miro Villar

A colección de publicacións do Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SemEsCom) vén de presentar un novo volume intitulado O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, de autoría colectiva e que asinan Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Ramón Gándara e Xosé Mª Lema Suárez, coa implicación no patrocinio das administracións municipais dos tres concellos soneiráns Camariñas, Vimianzo e Zas. Unha edición que se engade ao calendario de mesa publicado con anterioridade e que tamén inclúe unha escolla de imaxes representativas deste río.

A obra leva unha sentida dedicatoria «en memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, a quen tanto lle seguimos debendo», e non se trata de retórica, pois unha parte dos mapas e fotografías reproducidos   son da autoría do artista e investigador vimiancés finado de xeito prematuro en 2013.

Os autores dividen o seu estudo en seis epígrafes, as tres primeiras históricas, pois botan man da Xeografía, da Toponimia e da Literatura para nos achegar ás primeiras descricións do río do Porto, e as tres últimas desenvolven unha actualización pormenorizada feita polas achegas propias do curso alto, do curso medio e do curso baixo desta arteria fluvial da Terra de Soneira. Imos por partes.

Previamente, a «Introdución» contextualiza o río na vertente atlántica, xunto ao Anllóns na comarca bergantiñán, o Castro na antiga Nemancos (comarca de Fisterra na actualidade) e o Xallas que lle dá nome a outra comarca interior que non é próxima. Como ben se sinala, os ríos teñen diferentes denominacións (onte e hoxe) no seu curso, mais adoitan ser coñecidos por lugares ou parroquias polos que pasan ou desembocan. Alén diso, adiantásenos unha síntese do que imos atopar na obra.

A primeira epígrafe «Breves descricións da cunca do río do Porto» realiza unha cala nos estudos xeográficos e salienta tres realizadas ao longo do século XX: de Eugenio Carré Aldao en 1928, de Ramón Otero Pedrayo en 1962 e de Río Barja e Rodríguez Lestegás en 1992. Para os autores desta monografía a de Carré “é bastante deficiente, pero cómpre ter en conta os medios cos que se contaba na época”. Porén esas deficiencias só aparecen en nota a rodapé e ben merecerían unha análise máis detallada. Tampouco comentan as outras dúas descricións que se limitan a reproducir ao pé da letra, a de Otero Pedrayo coma todos os seus estudos está escrita cunha linguaxe moi literaria, que acada a preciosidade estilística en fragmentos coma este: “Por iso góstase millor dos engados do val do río do Porto, veiga lenturenta de millos e herbás, cas casas de Baio, cinguida de pomareiras dispostas en escada pra seren ben asoelladas…”, sempre inconfundible e sorprendente a prosa de Otero Pedrayo, nada a ver coa descrición moito máis científica e fría de Río Barja e Rodríguez Lestegás que pecha o capítulo.

Portada Libro do Rio do Porto do SEMESCOM

«Un río de nome incerto: Vir fluvius, río da Ponte, río do Porto ou río Grande?» é unha deliciosa epígrafe que percorre as fontes históricas para rastrexar o nome deste río, así nos mapas de Galiza dos séculos XVI, XVII e XVIII coñecemos nestas páxinas que figurou sen nome ou con outro errado. Interesante tamén é sabermos que no Catastro da Ensenada (1753) recibiu moitas outras denominacións que viñan a coincidir cos nomes locais das diferentes parroquias e conclúen sinalando que a denominación “río del Puerto” sería localista e limitada ao derradeito tramo ao tempo de se extrañaren porque non recibise nome nalgunhas parroquias onde ten longo percorrido como Gándara, Baio ou Bamiro.

Documéntanse testemuños históricos de todas as denominacións, desde o Vir fluvius romano até chegarmos á que foi máis común na segunda metade do século XX: o río Grande, que se data por vez primeira nos planos oficiais de Obras Públicas de 1950.

A terceira epígrafe «O río na literatura» é para nós unha pescuda relevante malia constatar a escasa atención que recibiu de poetas e narradores. O filólogo Xosé Mª Rei Lema colaborou neste capítulo rescatando un poema de Xosé Collazo, emigrante de Baio a Buenos Aires en 1912, que publicou en 1943 en Alborada e en 1953 en La Unión de Teo y Vedra, revistas da diáspora. E outro do poeta contemporáneo Manuel Rivas, inserido no seu libro Costa da Morte Blues (1995).

A maiores sinálase a presenza do río na novela xuvenil Capitán Araña (1999) de Rafael Lema e en Costa do Solpor (2013) de Xosé Mª Lema. Botamos de menos que non se mencione ao colectivo de poesía de mozos e mozas costeiros «Blas Espín» que convocaron nos anos noventa un certame poético co nome de Vir fluvius, cuxas obras eran publicadas. E tamén que o río Grande aparece nomeado na obra narrativa Os comedores de patacas (2004) de Manuel Rivas.

Contraportada Libro Semescom Rio do Porto

Deseguida principian os tres capítulos descritivos e que funcionan como unha guía didáctica e que van percorrendo o río desde o seu nacemento até a súa comuñón co mar. Nestas páxinas abundan as fotografías realizadas polos propios autores do estudo que lle engaden atractivo á descrición do patrimonio histórico e natural que podemos atopar ás beiras.

Así, temos o «Curso alto: das fontes xalleiras e bergantiñás do seu nacemento á Ponte do Sisto (Gándara)». Non imos adiantar aquí, obviamente, todas as descubertas que nos ofrecen, tan só salientar que sitúan como primixenio o río Sisto, que recollería as escorrentías da serra do Bico de Meda, ou o río Budián. É unha zona onde se suceden pequenas fervenzas para salvar os diferentes desniveis desde os montes até os vales. Alén destes cadoiros e dos numerosos muíños (nas páxinas finais do libro hai unha relación de todos eles e do seu estado de conservación) os autores detéñense no castro do Bico da Cruz e a mámoa da Pedra da Lebre, sen esquecer a aldea das minas do volframio (Varilongo) que achegou tanta riqueza aos xalleiros, e que foi a patria pequena do escritor Xosé Baña Pose “Pepe de Xan Baña” de quen se fai unha síntese biobibliográfica.

No «Curso medio: da ponte de Sisto (Gándara) á do Albardeiro (Calo)», alén das súas pontes e muíños, teñen especial relevo as Torres de Boén ou de Surribado, con documentación histórica e con lendas de seu; o Castro de San Cremenzo, un interesante exemplo dos denominados “castros de chaira”, mais nun proceso de destrución que non permite recoñecer o seu perímetro defensivo. Porén, neste curso do río as xoias son o primeiro pazo galego, As Torres do Allo, e a veciña igrexa renacentista de San Pedro de Allo.

Tamén se deteñen nunha síntese histórico-literaria da vila de Baio, con mencións ás súas orixes, á súa toponimia, aos seus edificios singulares e aos seus escritores: Enrique Labarta Pose (1863-1925), Francisco Romero Lema (1903-1972) ou o físico Jorge Mira (1968), así como a tres eclesiásticos de sona: o compositor Manuel Martínez Pose (1858-1935), o arcebispo Maximino Romero Lema (1911-1996) e o bispo Uxío Romero Pose (1949-2007).

Neste capítulo tamén se ocupan con detalle do pouco coñecido campamento militar da Cacharosa e das razóns da súa existencia; do afluente máis longo, o río Zas ou de Lamas, característico por abeirar o castro de san Adrián do Castro e a paraxe onde se celebra a Festa da Carballeira, ben coñecida en todas as nacións célticas; a área natural de Pedra Vixía, onde tamén se atopa a anta de Pedra de Moura de Pedra Vixía; a histórica Feira de Baio, na Piroga (Bamiro), hoxe en decadencia mais que foi un nó nas relacións comerciais da comarca e que xa se describía no imprescindible Diccionario Geográfico (1847) de Madoz.

No esquecemento tamén están xa a Casa da Fábrica ou da Máquina, xeradora de electricidade, ou moitos dos noutrora cantareiros muíños de auga. Despois do río de Vilar, o segundo afluente máis longo, os autores do estudo achégannos ao senlleiro conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, lembrando a loita para os declarar Ben de Interese Cultural e a súa posta en valor pola Delegación de Cultura da Deputación coruñesa que os converteu en lugar de visita obrigada.

As piscifactorías e as pequenas centrais hidroeléctricas testemuñan o caudal do río neste curso até chegarmos á ermida e a ponte de Santa Eirena ou Irena na denominación oficial, e axiña xa nos atopamos a percorrer o río de Cambeda ou de Vimianzo, que sería o terceiro afluente máis longo.

Despois de lembrar a recente recuperación da festa etnográfica da Muiñada imos bater con outro territorio espectacular e que ultimamente está a poñerse en valor, os penedos de Traba e Pasarela, que chamaran a atención do primeiro gran xeógrafo hispano, Guillermo Schulz, dos nosos Ramón Otero Pedrayo e Augusto Pérez Alberti ou de poetas como Pondal, Evaristo Martelo Paumán ou Manuel Rivas.

A última epígrafe «Curso baixo: da ponte de Albardeiro á desembocadura na ría de Camariñas» revela un curso moi accidentado pola proximidade dos montes da serra de Pena Forcada e por terreo granítico. Alén das numerosas pontes e pontellas e dos moitos muíños, como os de Albardeiro, salientan a ermida de Castrobuxán (Calo) e os antigos “poxados”, pasos para atravesar o río, ao tempo que recollen a historia da familia fidalga dos Carantoña, da que se comentan os seus brasóns.

Novos aproveitamentos hidroeléctricos, áreas recreativas, coutos de pesca, acompañan o río até albiscarmos o castro do Croado, nas Barrosas, aínda en Vimianzo, e dísenos que “desde o seu cume gózase da mellor panorámica sobre a vila porteña e o último tramo do río do Porto”.

Estamos chegando xa a terras de Camariñas e aquí aprovéitase para realizar unha chamada conservacionista perante as ameazas que sofren a flora e a fauna autóctonas das beiras do río, coa chegada de especies invasoras como o eucalipto e as acacias e lembrando a desaparición de pescarías emblemáticas coma o reo, o mexillón ou a angula, que deran lugar á existencia dun lugar denominado A Pesqueira, onde se pescaba salmón de xeito artesanal.

A obra remata coa descrición detallada da Ponte do Porto e de Cereixo, dous lugares con moita historia detrás e cuxos pequenos portos ribeiráns tiveron moita actividade, prosperidade económica que en palabras do historiador Luís Lamela foi fracturada co golpe de estado de 1936 e a dura represión, xa que varios sindicalistas foron fusilados.

A igrexa de Santiago e as Torres de Cereixo, co seu muíño da Arcea, o único de mareas da Costa da Morte, conforman un espazo singular que tamén é descrito antes de chegarmos á desembocadura entre as parroquias de Leis (Muxía) e Xaviña (Camariñas), coa súa igrexa se Santa María e non moi lonxe o pazo dos Mouzo de Tasaraño.

A viaxe remata e as descubertas foron moitas, xunto a espazos máis coñecidos e citados en calquera guía da Costa da Morte apareceron aos nosos ollos ducias de lugares case descoñecidos que este estudo axuda a divulgar, primeiro entre nós, os habitantes e namorados da Costa que temos a obriga de os conservar para as xeracións futuras, e logo para as persoas que teñan interese no patrimonio cultural, histórico e natural.

Non é pouco o que aquí se nos mostra e sempre con amenidade. E non abonda unha xornada ou dúas para este percorrido, pois son moitas as propostas para o coñecemento e para o lecer. Benvida sexa esta obra que descende agarimosa polo río do Porto, o río grande da Terra de Soneira.

Admin