• info@semescom.gal

Unha «rara avis» no eido editorial galego

presentacionTEO

Unha «rara avis» no eido editorial galego

Por Pablo Sanmartín

O novo libro editado polo SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte) é un ensaio pioneiro ó abordar como ámbito de estudo a bacía dun río e facelo dende diferentes perspectivas (xeográfica, histórica, etnográfica, lingüística, económica, turística, etc.). Un río que vertebra un territorio intensamente antrópico e cheo de contrastes como é “a Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte” como intitulaba outro dos libros que coordinou no seu día Xosé María Lema Suárez.

Unha obra colectiva de catro soneiráns, Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e o propio Xosé Mª. Lema, namorados do seu territorio vital, e que analizan polo miúdo este fío de vida que agroma en diferentes fontes da aba oriental da Serra do Bico de Meda, linde natural coas terras bergantiñás e xalleiras, para modelar, ó seu paso, o territorio que transcorre polos concellos de Zas, Vimianzo e Camariñas ata conformar na súa foz a ría de Camariñas. 

Cómpre salientar tamén as achegas ó libro do que podería ser o seu quinto autor, o lembrado Roberto Mouzo, a quen dedican este traballo. Mostras do seu legado aínda seguen enriquecendo esta obra, así como as achegadas polo que ben podería ser o seu sucesor, o prometedor deseñador e debuxante, Rubén Rial. Destacar tamén as magníficas fotografías que acompañan e complementan os textos, tanto dos propios autores como as cedidas por Ana García, Tania Carreira, Manuel Rial, Víctor Santos e as da Asociación Castro Meda, sen esquecer as imaxes históricas de dous referentes da fotografía na Costa da Morte, Ramón Caamaño e José Vidal. 

Unha obra que espertará nostálxicas lembranzas en todos aqueles que, como no meu caso, teñan vivido e experimentado vivencias ás orelas e na contorna do «río do Porto», o hidrotopónimo histórico e máis acaído segundo os autores. Mais é, esencialmente, unha xanela aberta para coñecer diferentes espazos naturais e culturais tan interesantes como pouco coñecidos.

Un convite para mergullarse de cheo nas frías pozas e fervenzas do Rabiñoso e de Budián na cabeceira do río, visitar enclaves patrimoniais como as Torres do Allo no seu curso medio, descubrir as escuras e lendarias orixes do porto e vila do Cereixo ou as claves da relevancia estratéxica desta zona durante a Segunda Guerra Mundial. Un río que foi sustento esencial na economía doméstica durante séculos, como testemuñan muíños, batáns, fábricas, pesqueiras, represas, serradoiros e pequenos saltos para o aproveitamento hidroeléctrico que iremos atopando ó longo do curso do río. Conxuntos etnográficos como os Batáns de Mosquetín, un ecomuseo único en Galiza no que volver escoitar o son dos folóns entre o balbordo das correntes do río. 

Alén disto, descubriredes pequenas alfaias naturais como a área de lecer de Pedra Vixía ou a Carballeira da Devesa nos arredores de Baio e animarédesvos a percorrer a ruta polos Penedos de Traba e Pasarela e xa, no seu curso baixo, a senda de Carantoña onde o río soneirán entra nunha encaixada valgada antes de chegar ó barrio das Barrosas e a ruta dos muíños na entrada da vila porteña, famosa pola súa ponte e porto fluvial que permitiu o desenvolvemento económico da comarca e a comercialización do popular encaixe camariñán.

Xan, Evaristo, Moncho e Xosé agardan na ribeira, só tedes que achegarvos para arribar nas silandeiras augas do río Grande.

Admin