A rigorosa investigación do filólogo Xosé María Rei Lema, agrandada polo afecto de quen comparte veciñanza, descobre o labor pouco coñecido e valorado dun deses homes, como Rodolfo Prada, que contribuíron co seu mecenado a moitas iniciativas literarias, socio-culturais e políticas do galeguismo como demostración do amor á Terra.
Un extracto das anotacións sobre Perfecto López proferidas por Otero Pedrayo, a escritora inglesa Nina Epton, Alonso Ríos, Suárez Picallo e Valentín Fernández abren esta obra e sintetizan moi ben o seu perfil biográfico, pois revelan a súa orixe aldeá (“hombre rudo” di Otero) e como chegaría a se converter nun dos “bos e xenerosos” pola súa entrega persoal e económica á causa galeguista.
Dous paratextos, o Prólogo asinado polo alcalde nacionalista de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, que saúda o interese da investigación e salienta que desde o respecto pola singularidade local tamén se pode ser universal, e a Introdución do propio Rei Lema na que xustifica a razón do estudo e agradece as achegas á súa investigación, anteceden aos sete capítulos de desigual extensión que se completan coa extensa Bibliografía e un ben interesante Apéndice gráfico.
«Os primeiros anos en Vimianzo (1904-1922» céntrase na documentación sobre a súa humilde orixe no lugar da Toxa, fillo natural da xornaleira Dolores López, traballo que tamén exerceu na súa mocidade Perfecto, así foi “recolledor de pinas” e nunha breve estadía na Coruña peón, carboeiro e ferreiro, ata que un veciño lle pagou a pasaxe para a Arxentina.
De maneira máis sucinta, Rei Lema relata «As viaxes a Buenos Aires e o seu asentamento (1922-1935)», desde os 18 anos e o seu primeiro traballo de ferreiro para a Municipalidade, logo de taxista coma moitos outros galegos e axiña nos negocios automobilísticos. En 1931 regresou brevemente a Galiza, porén fracasa a súa tentativa emprendedora e regresa á cidade riopratense onde vai chegar o éxito empresarial como concesionario das mellores marcas do sector do automóbil e anos despois tamén noutros ámbitos. De resultas dos resultados favorables Perfecto López principia a participar nas sociedades de emigrantes e en 1933 faise socio da Asociación Benéfica y Cultural (ABC) de Corcubión e do Centro Gallego.
Así vai chegar «O ascenso social e o achegamento ao galeguismo (1935-1943)» que coñecemos deseguida. Nese período a excepción virá dada polo golpe de estado franquista de 1936 xa que coñecidos seus como os irmáns Manuel e José Alborés Gándara (este alcalde republicano) sufriron as gadoupas da represión, Manuel “paseado” preto de Arzúa e José, fuxido 14 anos polos montes da Costa da Morte. A ABC de Corcubión, e Perfecto López en particular, foron leais á II República, e en 1937 crean a Agrupación del Partido de Corcubión de Ayuda al Frente Popular. Ferve a organización de actos de apoio e recadación de fondos, sempre con López coma o maior benefactor, pois a súa economía era xa ben folgada na altura.
Nesta época, alén de casar en 1938 coa vimiancesa Gloria Romero Sánchez e do nacemento do seu primeiro fillo Perfecto un ano despois, xa empeza a aparecer con diferentes cargos directivos societarios e xunto a outros galeguistas loitan, sen éxito, polo control do Centro Gallego, en mans conservadoras e filofascistas.
Porén, o momento máis importante prodúcese o 18 de xullo de 1940, cando Castelao e a súa muller Virxinia Pereira chegan a Buenos Aires a bordo do Arxentina. Constitúense dous grupos de galeguistas de Arxentina e Uruguai que se comprometen a soster a economía do matrimonio, coas achegas xenerosas de Manuel Puente, Rodolfo Prada e Perfecto López, entre moitos outros. Como ben é sabido, Castelao acrecentou o seu labor político e ideou a Irmandade Galega, continuadora do PG, e revitalizouse o voceiro A Nosa Terra. E o emigrante vimiancés sempre estivo aí e tivo moito a ver co feito de que a ABC de Corcubión fixese parte do proxecto.
«Anos de loita a carón de Castelao (1944-1950)» é, sen dúbida, o capítulo máis interesante e revelador, porque Perfecto López vai aparecer sempre nas actividades do rianxeiro: na homenaxe pola publicación do Sempre en Galiza; na creación do Consello de Galiza; nas homenaxes polo seu nomeamento como ministro do Goberno de Giral no exilio republicano, e tamén na correspondencia cando Castelao anda por París e non pode aceptar, como era adoito, o convite da ABC de Corcubión para participar na súa festa anual.
O capítulo remata coa importante e longa estadía de Perfecto López na Terra en 1949, porque se vai converter de aquí en diante na persoa que levou a “conexión” entre o Consello de Galiza e os galeguistas do interior, aínda que non resultase moi frutífera. E un breve epígrafe final desenvolve o misterio da terra galega que se levou para o soterramento de Castelao da que López foi portador, como tamén o foi da “Mensaxe da Terra” que se publicou en A Nosa Terra en xullo de 1950, de autoría colectiva mais con certeza redactada por Ramón Piñeiro, na altura xa o líder galeguista.
A súa presenza na organización do I Congreso da Emigración Galega; na fundación da Editorial Citania, que editaría en Buenos Aires un amplo catálogo de importante obra galega, como A esmorga de Blanco-Amor; as súas novas viaxes de retorno que serven para dar testemuño das continuas desavinzas in crescendo entre os galeguistas do exilio e os que se refuxiaban na resistencia cultural no interior, ou a súa implicación na viaxe de Otero Pedrayo á cidade porteña son outros episodios fulxentes do seu compromiso.
«Os últimos anos» transcorren con vellas angueiras, como a súa presenza nun Consello de Galiza a cada vez máis feble, e outras novas como apoiar a revista Alén Mar da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, dirixida polo seu fillo Perfecto nos tres últimos números. Creba a súa saúde e o seu pasamento ten enorme trascendencia na colectividade. En Vimianzo habería que agardar ata 2001 coa homenaxe que lle tributou a entidade Adiante Soneira. A maiores, Rei Lema engade un breve capítulo «A semente que agroma. Perfecto López Romero» sobre o labor do seu fillo.
Perfecto López, de escasa formación académica, non escribiu nada, agás un poema no que lembra a súa avoa analfabeta e algúns textos ou discursos que testemuñan o seu bulir no asociacionismo da emigración, mais o seu labor de mecenado faino digno de lembranza no noso sistema cultural e literario e Rei Lema artellou unha biografía de lectura áxil que nos permite recoñecer esa débeda.