• info@semescom.gal

Colaboramos na III Muiñada de Vimianzo

Muiñada de Vimianzo

Colaboramos na III Muiñada de Vimianzo

Vimianzo celebra o sábado 21 de outubro a terceira edición da Muiñada, unha recente festa etnográfica que vai mellorando ano a ano. O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte colabora en diversos aspectos da organización desta festa e convida a asistir a todas as persoas que queiran pasar unha boa tarde recuperando vellos saberes, sabores e tradicións.

Entre as novidades deste ano destacan a celebración dun mercado retro e de produtos ecolóxicos, ao xeito dunha feira das de antes. A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saí­ndo do Muíño da Agra, trasladándose ás rúas e diferentes establecementos da vila, con Cantos de Taberna, microteatro e Obradoiros de Muiñeira en lugares nada convencionais.

Xa ás 16h a festa vívese baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas a cargo dos Campantes da Baña, que darán paso á apertura do Mercado Retro, a feira ecolóxica e unha pequena exposición de imaxes antigas do Val de Vimianzo. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes.

Chega o teatro, coa compañía Trinke Trinke ás 16h45 e co alumnado do IES Terra de Soneira ás 17h30. Estes últimos realizarán unha pasarela de vellos oficios, que dará paso á visita teatralizada ao Muíño da Agra, que se irá facendo en varios pases. Seguidamente comezan os xogos populares, como o gran concurso de debullado de millo, obradoiros de muiñeira, de cantaría e de filloas.

Precisamente isto abrirá o apetito para a Cea tradicional, con broa, empanada de millo, costela, filloas, caldo de rabizas con chourizo, e as esperadas papas de millo, que poucas veces se poden degustar. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos“!

Coa comida e o magosto popular, a música da foliada de diferentes grupos da zona desembocará na noite de concertos cos grupos Ghaveta, Tanxugueiras e a Compañía do Ruído.

Finalmente, pídese que as persoas que acudan á festa vaian vestidas ao xeito da época. É un xeito moi sinxelo de poder colaborar na ambientación da festa.

Muinhada_web

Admin